26 May 2004

Posteando dende "el cogollo de la cuestión", o Forum. Despois dun finde de karaoke, pabellón criollo e PVR, o fin de semana rematou nesta controvertida paraxe, coa inaguración (e correspondente enchenta) do INPUT 2004.
O INPUT é coma un festival de cine (eles negan o parecido) pero en televisión pública: reúnense uns cantos traballadores das teles do mundo mundial, ven e comentan (sempre está presente o autor) os que a organización considerou os "mellores" programas do ano e despois reúnense polos corredores para mercadear entre eles. A entrada custa 50 euros, pero a nós páganola a universidade a cambio dun curso de doutoramento que non tivemos porque o profesor está de baixa. Iso que gañamos.
Exemplos rápidos das marabillas que estamos vendo:
-Entre os booms mediáticos: Balseros, The Corporation e Citizen Berlusconi.
-Entre os menos coñecidos, Between Joyce and Remembrance: un documental sud-africano que ten unha das secuencias máis impresionantes que vin na miña vida na que un torturador vai "pedir perdón" á familia dun torturado-desaparecido. El nega telo matado, di que non sabe que foi del, pero recoñece a súa parte de culpa, recoñece que o torturou, porque agora que é cristián entende que coa verdade e a sinceridade gaña o dereito a ser perdoado... a mera existencia desa conversa, a naturalidade do torturador, a resposta da familia do desaparecido... é brutal. Moi boa é tamén The Stockholm Syndrome, metade documental e metade ficción. Unha canle pública sueca contratou dous directores distintos para que tratasen un mesmo acontecemento trinta anos despois de que sucedese. Durante a producción, impídenlles comunicarse entre eles para que cada un chegue libremente ás súas propias conclusións. A idea é interesante, o resultado (alomenos un, o documental, que é o que eu vin) é xenial: un programa intelixente e divertido que tras unha hora de declaracións contradictorias dos protagonistas conclúe que "ou ben a memoria é fráxil o ben a verdade é individual". Innegable.

No comments:

Post a Comment