Showing posts with label Árbores que atrapan historias. Show all posts
Showing posts with label Árbores que atrapan historias. Show all posts

9 Sept 2008

Árbores que atrapan historias VI

Sen metafísica poética digo o meu mensaxe:
vivide



O outro día contoume este castiñeiro a historia dun Pereiro carpinteiro músico e bailarín, rosmón presumido e sabio, marido pai avó e bisavó, vividor vivido e vital ao que lle leva a vida escuitar valses e contar historias. "Vou vello", díxome o outro día este Pereiro cabo daquel Castiñeiro, "vou vello, non teño forzas para traballar e cánsome de non facer nada". Sorriu coa cara toda. "Se te fías dun vello, non pares quieta, xa terás tempo para aburrirte cando non che quede máis remedio".

26 Mar 2008

Árbores que atrapan historias V



Esta árbore en flor que atopamos o outro día Eva Luna, anITA e máis eu en Bonaval contounos a coñecida historia das tres emigrantes retornadas que sobreviviron a dous invernos seguidos.

Que si, que si, que é posible.

Eso si, disque estas confiadas fermosas intelixentes e sorrintes mozotas chegaron alasando á súa primeira primavera en dous anos e que, cansas como estaban, non daban reunido forzas para luitar co vento cando as sorprendía a chuvia. Luitar luitaban, pero, claro, tampouco non podían evitar xogar coa idea de renderse. Ata que chegaba onda elas un raio de amable sol tendéndolles a man... Vide, vide, que hai muito que non nos vemos... E, cando ían, o sol traidor desaparecía con gran pericia, deixándoas a flanco descuberto diante da saraiba. A idea de renderse ocupábao todo cando, ao límite das súas forzas, as cada vez menos confiadas fermosas intelixentes e dende logo menos sorrintes mozotas corrían cara ao refuxio máis cercano para lamber as súas feridas. E volvía entón o sol, desculpándose... Tiven que marchar, síntoo, eu tamén estou débil, esta ténche un carácter malísimo, calquera pode contra as súas arroutadas e patatín e patatán... E convencíaas, claro. E ir ían, pero confiar non confiaban nel nin un chisquiño, xa non eran nin fermosas nin intelixentes e ían cunha cara de can que alucinas.

Díxonos a árbore en flor que non atoparemos foto que probe esta historia, porque non houbo maneira de sacala, pero que ser é certa.

Abofé.

18 Mar 2008

Árbores que atrapan historias IV

Invádennos as avesedas flairas do teixo,
e os cavorcos do lobo,
e as cerdeiras e as maceiras
abafadas xa polos acivros.
O noso é un sexo derrubado*




Contoume este acivro que atopei o outro día nun curuto de Pedrafita (ao que subira, por certo, mui ben acompañada) a historia dunha poeta de mirada intranquila e verso complexo, que leva toda a vida luitando contra as correntes que tiran dela cara ao fondo da cultura confortable. Luita con máis ganas que medo, arrebolando con forza as súas verdades e as súas mentiras, fachendeando de ser a máis libertaria, a máis rupturista, a máis desconcertante, a máis singular, a máis hermética, a máis radical, a máis reflexiva... a mellor.

A mellor non sei se será, contaba o acivro, pero tenche a madeira máis dura e compacta, excelente para construir obxectos de primeira, e os fruitos máis rechamantes, orixinais e coloridos. O feito de frutificar fóra da súa época engádelle, ademáis, un valor especial, por servir de alimento ás novas especies nunha etapa especialmente dura pola escaseza de recursos. Porén, ten que andar con ollo, advirtiume o acivro con esa súa sabedoría natural, esos mesmos froitos poden ser considerados purgantes e vomitivos por algúns e, cando non, corre o risco de comezar a ser empregada como adorno...

Esto é terrible, concluiu, o peor que lle pode pasar a unha poeta... Acaba con elas ata o punto de deixalas en perigo de extinción, permitíndolles vivir só como especie protexida.
___
* m-Talá. Vigo: Xerais, 2000.

15 Mar 2008

Árbores que atrapan historias III

Ay de mí, Llorona Llorona,
Llorona, llévame al río
Tápame con tu rebozo, Llorona
Porque me muero de frio



Versión local dunha lenda común a toda Latinoamérica, a Pucullén chilota é a unha muller que chora eternamente porque lle levaron o fillo do colo sendo mui neno e cuxo pranto eterno é empregado polos mortos para atopar o camiño correcto cara ao alén.

A terceira árbore da nosa serie atopoume onte en Ribeiroland, terra de viño, de auga, de trenes, de reporteiros dicharacheiros, de mulleres lindas que tecen lindos osos, de iratxoak sabios en materia de pokémon e de árbores que lles choran contos tristes ás visitantes descoñecidas.

13 Mar 2008

Árbores que atrapan historias II



Este é o alcolito dos Pereiro de Bardaos. Mui autóctono non é, xa o sei. Din por aí que veu da Curuña... Pero saber sábevos unhas cantas historias. A min tenme contado unha mui divertida dunha nena estrábica, alérxica, asmática e, o que é peor, revella que cada vrao ía uns meses facer bafos á aldea... O seu non arreglaba nin con bafos de alcolito máxico, pero mal non volo pasou gaveando polas fincas arriba para arrebolarse despois a rolos cara o descoñecido, mal non volo pasou...

11 Mar 2008

Árbores que atrapan historias



Retomando un vello título que xa no seu momento lle roubara ao atrapacontos por excelencia, subo esta primeira afoto para a serie de árbores que teño, a medias coa anITA, de deberes para marzo. Recollina na estrada que vai do Oural ao Incio, antes do desvío de Bardaos.