31 Dec 2008

Néboa no camiño

O 2008 non quixo amoldarse ao que tiña previsto para el. Quixen un ano tranquilo, de volta á casa, e tiven 12 meses de voráxine, de cambios, de achados, de idas e voltas, de luitas, de derrubes e de reconstrucións... Doce meses de néboa no camiño.



En xaneiro busquei as nosas pegadas por Compostela. E non as atopei. Sufrín, como un xunco, o agobio da desconfianza. Da dos demais en min e, sobre todo, da miña nos demais. A familia exerceu como rede de seguridade e dobrei pero non rompín. En febreiro vivín un millón de experiencias habaneiras. Algunhas boas, outras mui boas, outras (as menos e as máis serodias) máis ben malas. En marzo redefininme, "a la sombra de mi sombra", en Valado City. En abril namoreime de Boloña, ceei coas miñas chicas chilenas en Madrid e atopeime no reflexo dunha illa misteriosa. Re-descubrín o atractivo do malotismo ilustrado, re-vivín a confianza perpetua con La-Lorena, renovei vellas ilusións (e vellas desilusións) nunha conversa de mil horas con EL e recoñecinme, unha vez máis, n@s espiche.

En maio visitei o taller por vez primeira, alimentei enganos prosaicos (todo na vida é bon) e disfrutei con Gonzo unha das mellores conversas da miña vida. Intentei aceptar que no siempre los huesos / aguantan el peso, sentín a melodía dos días usados (por outra persoa) e esperei e esperei e esperei no paso a nivel mentres a puta nube negra o tinguía todo dunha intensidade insoportable.

En xuño sorprendeume a beleza da primavera en wineland. Entrei por fin no taller e conteivos que semanas atrás atopara no diamante que levita sobre o meu Sim tesouros aforismos eufemismos tabús o meu feminino singular preocupacións o corpo a laparoscopia a espera a anestesia as analíticas e unha cana. Na vida todo é bon, tamén o malo. No taller atopei a luz do outro lado do túnel e descubrín que non hai mellor compañía cá que eu teño, que cambiou un cuarto horrible por campos de fresas aos que apenas chegaban os ecos das historias tristes de compañías obrigadas e esperanzas mentirosas.

En xullo volvín a unha Compostela na que nunca estivera. Fíxenme pihippy, camiñei entre sombras e fume, fun a million different people from one day to the next e abrín unha fiestra atlántica no meu planeta de silenzo. En agosto sentinme covarde, antes de aplicarme un trekking terapéutico no medio dos Apapacho's e de escribir unhas notas para unha turista galega no Santiago Austral. Un ano despois do As de Espadas, descubrín intactas as miñas frustracións. As dos traballos e as vidas imaxinadas e a do riquiñismo pasivo agresivo que, polo visto, tan ben me acae. Un ano despois, sigo sen asumir que nin son tan boa como me temo nin tan mala como me gustaría. En setembro agobioume o contraste entre a tranquila quietude que me rodeaba e o meu movemento desenfocado e non souben decidirme entre parar eu ou intentar que se movera o resto, así que non fixen nada.

En outubro vin en Barcelona as luces do derradeiro vagón do metro contrario desaparecer na negrura do túnel e sentín a vertixe da dúbida perpetua. E se me equivoquei de dirección e ese era, en realidade, o meu tren? Uns días máis tarde, quen compuxo a melodía dos días usados (por min) faloume dos fíos que compoñen o seu tecido misterioso e eu sentínme fío, sentínme formiga e sentínme estrela, antes de que unha das persoas marabillosas que me regalou a experiencia habaneira me aprendese que non importa que as cousas fermosas que nos pasan sexa efímeras, mentres o instante no que as vivimos as pensemos eternas... Longa vida ás mandarinas!

En novembro arrastroume a luita vacuna, pedín paciencia e ofrecéronme gasolina e aprendín que si una puerta se cierra, se abre otra, no sé, más grande, más bonita y más fácil que ayer, más fácil que ayer... Atopei a miña fiestra no baño de I e resultou que daba a unha primavera invernal chea de vidas mentirosas, a un pudor insospeitado e a María do Cebreiro, quen me aprendeu que só se pode medir o que non nos importa e que o camiño non son todos os pasos xuntos. É o primeiro paso. Son os pés.

En decembro vivín os medos propios e as in-seguridades alleas, recibín un bico do sur e aínda máis mandarinas e letras, cheguei aos vintetodos envolta pola maré e descubrín que cabo dunha volvoreta máxica o aire é máis puro. Camiñei over the rainbow ilusionada coa teoría de Arjun Appadurai, un antropólogo da India que di que o único necesario para que o mundo evolucione nunha dirección determinada é que sexamos capaces de imaxinalo. Quero que a miña vida evolucione nunha dirección determinada, pero parece que non son capaz de imaxinar en cal. Chívanme que pararse é moito mellor que perseguir a sombra da melancolía e eu inténtoo, pero parece que, xustamente agora, non vale parala.

Foi un ano duro e deixoume derreada, pero entre obstáculo e obstáculo atopei unha ducia de persoas marabillosas que me fixeron o camiño máis fácil e divertido. Esa é a miña vitoria sobre este 2008 que morre dando guerra. E, por certo, despois da última batalla botei unha olladela cara atrás e (ben se ve na foto) a néboa que me impedía ver as cousas conclaridade pérdese, lonxana, no horizonte.

29 Dec 2008

Gaza



Como mui ben di Íñigo Sáenz de Ugarte en Guerra Eterna, queren facernos crer que os árabes son xente primitiva que só entende a lenguaxe da forza, mentres que os israelíes só aplican a forza imprescindible para conseguir un intelocutor moderado co que poder alcanzar acordos... E eu sei que unha matanza non deber ser nunca reducida a un xogo de números, pero neste caso os números son evidentes. No que vai de ano, morreron 650 palestinos a mans das forzas israelíes. Polo menos unha terceira parte eran civís desarmados, incluidos 70 pequenos. No mesmo periodo, os grupos armados palestinos mataron 25 israelís, 16 deles civís, incluidos 4 nenos.

O bombardeo israelí de Gaza suma o maior número de vítimas palestinas en catro decenios de ocupación de Cisxordania e da Franxa de Gaza. Que paren. E que deixen entrar axuda, medicinas, alimentos, electricidade, auga e outros produtos e servizos indispensables.

Actualización 30.12.2008.- Chégame unha convocatoria ao mail STOP Á MASACRE EN GAZA. CONCETRACIÓN HOXE, MARTES 30, ÁS 20H NA PRAZA DO TOURAL, EN SANTIAGO.

28 Dec 2008

Non vale parala



Soan as mesmas cancións nos mesmos bares. Bares que nestes dez anos cambiaron vinte veces de nome e de dono. Os adolescentes e os vellos tamén son distintos. Aprendo que nós pertencemos aos segundos e aprendo tamén que agora, no fubolín, non vale parala.

Parala era, precisamente, a miña especialidade.

23 Dec 2008

Sol de inverno



Á volta duns días xeniais en Compostela, atopo intacta a súa desesperación. Non hai poemas, non hai dilemas, non hai cervexas conversadas, non hai mil e unha noites, non hai flores nas ventanas. O que hai é frustración, medo e un relato entrecortado que interrompen aínda máis as chamadas das outras vidas que me esperan, que me esixen. Sinto dor e sinto culpa. Chego ao recanto agobiadísima.
Fáltame o aire.
Poño música, abro todas as ventanas e limpo durante horas. Limpo a casa. Limpo a roupa. Límpome a min mésma. Despois, baixo ao contenedor os restos da batalla e compro tres kilos de mandarinas.
Se o 2008 quere guerra, ha ter guerra.
A ver quen di a última palabra.

18 Dec 2008

No meu moleskine XIV: Solícitos



Pedid y os será dado. Mateo 23
... Está nos Evanxeos.
___
* A foto é Salvation, de Duane Michals, que ten un libro marabilloso chamado The Adventures of Constantin Cavafy.
* A cita orixinal é real, aínda que quen a copiou daquela no seu moleskine non foi Mateo, se non Lucas: "Pedid y se os dará; buscad y hallaréis; llamad y se os abrirá. Porque todo el que pide, recibe; el que busca, halla; y al que llama, se le abrirá". Pero a miña versión favorita é a de estoutra web relixiosa: "Pedid y os será dado, rozad y recibiréis"...

Crying won't help you now

Now I just keep on starring
Into the black eyes of the truth

We'll have to learn to live up on our own somehow



A imaxe atopeina aquí, pero aínda non probei coa autohipnose

Dábame medo escribir este post, porque son consicente de que esto parece o diario desquiciado dunha ciclotímica, pero é que este 2008 está sendo un ano mui complicado, de altos e baixos, e está visto que antes de morrer quere deixar dita a última palabra. Hai tempo lera por aí que pararse é moito mellor que perseguir a sombra da melancolía, que insistir na espiral que deixa as cousas no centro dun espazo no que a respiración se dificulta... E eu creo que necesito parar. Necesito viaxar, necesito voar, aínda que sexa coa imaxinación. Necesito sair deste centro no que o aire se me (se nos) empeza a facer irrespirable.
__
*E si, outra vez Camilo Franco... Estoume poñendo algo repetitiva. De feito, tiña outra imaxe marabillosa (O son da auga non lle impedía ver, / se non pensar.) pero tres veces nun mes era excesivo ata para María do Cebreiro.

15 Dec 2008

Over the rainbow



B. fálame de Arjun Appadurai, un antropólogo da India que di que o único necesario para que o mundo evolucione nunha dirección determinada é que sexamos capaces de imaxinalo. Paréceme unha idea marabillosa e jódeme terlle cortado tantas veces as ás á miña imaxinación para encaixala nos lindes da realidade. Unha realidade que por momentos se me descubre máis sorprendente interesante e fermosa do que imaxinaba.

14 Dec 2008

Vinte cantados, cabalo na mesa


No será peor de lo que era
No será peor, seguro que es mejor
Y aunque juré que nunca más
Voy a darme una fiesta por mi cumpleaños

Chego aos vintetodos envolta pola maré. Parabenízanme en todos os formatos posibles (e nalgún imposible) e eu déixome querer déixome levar polo balancé déixome gozar. Despois dunhas horas conclúo que, efectivamente, cabo da volvoreta máxica o aire é máis puro.

11 Dec 2008

Mandarinas e letras



Vai facer un ano que nos coñecemos. Non disfrutei aquela cea porque viña de ver morrer outra vida que soñara vivir e a súa perda provocábame unha dor inmensa. Hoxe sei que daquelas cinzas naceron estas brasas, estas mandarinas e estas letras, e non podo estar máis que agradecida.
Manuel e ti tedes razón, os sucesos estaban sempre ligados, a vida era unha rede de causas e consecuencias, todo tiña que ver con todo...

9 Dec 2008



Eu sonche máis ben de tanqueraiconsprait, pero non hai alcol que valga para esquivar as hostias de Amor Amén... Agradézoche a xenerosidade o regalo a dedicatoria o saúdo o consello e, sobre todo, o valor que fai falta para escribir como escribes. Declárome toda eu inexacta insoportable por impulsiva impertinente por insistente imperfecta por incisiva incoherente. Declárome fracasada ferida idiota torpe suicida. Declárome adicta.
Gracias

8 Dec 2008

No meu moleskine XIII: Ambiciosos



Teño de todo. Menos medo vergonza e cartos, teño de todo.

___
*Este Teenager Asleep pertence ao Teenage Lust de Larry Clark.

7 Dec 2008

In-seguridades



Outra cousa, máis literaria pero non menos real, son os medos propios. Os que nacen como se foran espontáneos pero non son. Os que investigamos para conseguir grandes novelas e vidas lamentables. Eses que significan que a vida que levamos é máis interesante como argumento que como experiencia.

Vivo rodeada de espellos amables xenerosos cariñosos respectuosos. Négome a sentirme reflectida no desprezo absurdo dunha persoa absurda. Négome a deixarme levar por vellas in-seguridades.

29 Nov 2008

O pudor

O camiño non eran todos os pasos xuntos.

16

Escribir un blog como este ten muito que ver co pudor. Máis coa súa forma que co seu tamaño, supoño. Ten que ver coas partes de min que quedan ao aire. Ás veces olvido que hai outras partes. Olvido que hai historias que non podo contar, aínda que queira, aínda que sinta que teño que facelo.
Onte empecei un post que non dei acabado.
Hoxe, escribín outro.
Era o primeiro paso.
Eran os pés*
Onte deches o primeiro paso do resto da túa vida e dáme medo non ser capaz de dicirche canto me alegro.
___
* Outra vez María do Cebreiro.

27 Nov 2008



Agora que se achega o meu cumpre e, con el, findano e, con eles, esta obsesión tasadora que me caracteriza, intento contarlle os sucos á cerna da miña vida. Non é tan sinxelo, a superficie é irregular e as sombras, mentireiras. Sinto que me afoga o tamaño dos proxectos das ideas das sensacións que me rodean. Non lle dou tomado as medidas a esta realidade e o meu cerebro acciona todos as alarmas. Para. Pensa. Conta. Tasa. Pesa. Mide... Paro. Penso. Sírvome un té medioambientalista, collo un dos libros que se acumulan cabo da cama e leo: "só se pode medir o que non nos importa".

Se o chego a saber, paro penso e leo antes.

26 Nov 2008



Eu coñezo a esa rapaza. De feito, débolle un post como un mundo. De grande e de complexo.

23 Nov 2008



Vou tramitar a pasaxe dunha rutina a outra á aldea. É día de sala e, segundo indica a tradición, a min tócame pelar allos e cuidar dos pequenos. Engulipo Vidas Post-it deitada cabo do sono inquedo do afillao. A casa da aldea móvese, vital, ruidosísima, fóra desa habitación coas paredes tinguidas pola humidade e eu, dentro, énchome de vidas mentirosas, vidas non vividas, vidas naufragadas e, sobre todo, énchome dun medo enorme a que esas sexan as únicas vidas verdadeiras, as únicas vidas que podemos vivir... Fóra fai un día estupendo, fermosísimo, e eu sinto un desexo irrefrenable de pechar o libro, espertar o afillao e marchar con el para fóra, deixar que o outono nos invada e me convenza de que unha vida que che permite gozar momentos coma este non pode ser tempo perdido.

22 Nov 2008

café

Cando a morriña atacaba con dureza, chamaba á casa pola mañá cedo para sentir do outro lado do teléfono o recendo do primeiro café da cafeteira.

15 Nov 2008



Esperto resacosa despois dunha semana de crise. O mar foi e volveu e eu quedei na beira, conxelada por dentro e por fóra. Deixo na ducha de I. os restos da batalla, abro a fiestra do baño e invádeme un mar de tellados. Respiro o inverno e recordo que a vida é equilibrio. Non é un pensamento mui orixinal, pero tranquilízame.

13 Nov 2008

Y dicen que,
si una puerta se cierra,
se abre otra, no sé,
más grande, más bonita y más fácil que ayer,
más fácil que ayer...
y esta vez
veo que en cambio de una puerta viene un ventanal
muy sólido, muy fuerte y con vistas al mar,
con vistas al mar...



Escuito a canción que che regala I. e vénseme á cabeza a fiestra atlántica que me troixeches do paraíso sureño de S... A cambio, regáloche esta porta nova que dá a un mar descoñecido, a un horizonte cheo de promesas...

9 Nov 2008

We're the sugar cubes

one lump or two,
in the black coffee


...we're gonna be sinkin' soon

___
*O CD é tan priciocirmo como a capa, casandra, un millón!

8 Nov 2008

A mellor avoa do mundo (coñecido)



A mellor avoa do mundo (coñecido, tampouco quero esaxerar) ten 83 anos, tres fillas, cinco fillos, nove netas, catro netos e tres bisnetos. Tivo unha nai, un pai, tres madastras, un medio irmán, unha media irmá e unha irmá irmá, que é a única que lle queda e que sae con ela na foto. Aprendeu a ler na casa e traballou toda a vida na aldea, donde viviu épocas malas e épocas peores. Desde que morreu súa nai, sendo mui pequena, a mellor avoa do mundo (coñecido) érguese cada día co primeiro raio de sol para encender a cociña facer o café e quentar o leite antes de que a casa bote a andar. Gústalle ler o xornal, aínda que sexa atrasado, e ver o parte e, cando soubo que a neta número 2 ía estudar xornalismo, exclamou emocionada: ao mellor acabas en Monforte dando as notas!

Cando eramos pequenos, os primos de Madrid e máis eu pasabamos parte do vrao na aldea. Daquela, como agora, eu sempre despertaba antes cós demais. Sepultada debaixo de sete mantas e aburrida, xogaba a adiviñar o ritmo escondido tralos ruídos das vacas no establo ata que a sentía arrastrar as zapatillas pola madeira. Saía disparada tras dela, sentaba no tiro coa cabeza deitada sobre o mármore e miraba o ritual de limpeza da cociña (vinagre lixa xabón estropallo auga trapo). Ela botábame o primeiro café da cafetera, que é o máis rico, e contábame historias da fame, da chicoria, do caldo de castañas, do chocolate como regalo de cumpreanos, do pai, da nai descoñecida, das festas, dos mozos, da vida.

Ultimamente, a mellor avoa do mundo anda fastidiada dos ósos. A escaseza os traballos e as crianzas pasan factura. Ás veces, a dor é tan forte que esa muller dura que pasou por todo na vida di que non pode máis, que o único que quere é morrer. A neta número 2 mira para outro lado conta ata tres e aclara a voz antes de responderlle, forzando un chisco o enfado, "eso non o diga nin de broma". Despois, deixa bulir o silenzo compartido e enche a tarde toda de trapalladas de historias rocambolescas de viaxes imposibles, ata que consegue que a gargallada enorme e rotunda da mellor avoa do mundo (coñecido) ocupe todo o espazo ao seu redor. Tamén o da dor.

4 Nov 2008

No meu moleskine XI: Inflamables



I tu dicíndome "ten fe"... O que me tías que haber dito é "compra gasolina"!!!


___
*A foto é unha das máis coñecidas de Diane Arbus (Identical twins, Roselle, New Jersey. 1967) e eu creo que a da esquerda é a que compra a gasolina.

3 Nov 2008

Luita vacuna



Fun secuestrada por un comando de vacas leiteiras que luitan pola súa dignificación sexual e gastronómica. Non teño nin idea de como acabará isto, pero de momento estouno pasando de vicio. Desculpade a ausencia.

2 Nov 2008



Se eu fora un home intelixente sensible bondadoso libre políglota viaxeiro de aspecto agradable san e ilusionado, non destacaría tanto o de "divorciado". Ao fin é unha característica tan inútil como a educación a intelixencia a sensibilidade e a ilusión nunha muller ideal para unha sincera amizade.

31 Oct 2008

Misteriosamente irónico

A opinión de Juan Cruz sobre este asunto concorda totalmente coa miña opinión sobre estoutro asunto. O sexto punto da súa análise sobre as polémicas declaracións da raíña española é tan clarificador como misteriosamente irónico.

30 Oct 2008

Cousas que facer en Lugo cando non estás morta



Mañá, venres 31 de outubro, ás 18.30h Amnistía Internacional ofrece na biblioteca pública de Lugo unha proxección do documental A Historia das Mulleres, dirixido pola xornalista irakí Eman Khamas. Despois, ás 19.30h, a propia Eman ofrecerá unha conferencia sobre Os dereitos humanos no Iraq ocupado. Totalmente recomendable para aquel@s de nós que hai tempo que tememos sentir o número de mortes que nos chegan cada día desde Irak precisamente como eso, como un número.

27 Oct 2008

Tés cartos?



Van ás castañas, dálle o lumbago e eu acurrúcome ao seu lado na cama para ver xuntos a tele. É domingo, el aínda entende menos de fútbol ca min e ten tolerancia cero coa publicidade, así que no que dura a nosa conversa zapea sen parar polos oito canles que ten a tele. Cóntolle a fin de semana marabillosa e agradezo os seus esforzos por asumir o meu entusiasmo. Pregúntame como van esos proxectos laborais tan tolos nos que me meto. Dame algún consello grave de zorro vello. Fálame con paixón das fincas, dos soutos, dos netos. Pídeme opinión sobre economía, sobre política, sobre un asunto de leis no que anda metido. Pregúntame se estou contenta e eu recordo o as de espadas e dígolle (e dígome) que si, que estou tranquila e feliz. Apampo uns segundos para o seu zapeo compulsivo e levántome. É tarde e teño que marchar para o meu recanto... Tés cartos? Doume conta de que a pregunta lle queimaba na lingua e penso que hai sete anos que non recoñezo necesitalos e que ademais el pode saber sen muito problema cantos cartos teño exactamente no banco. Dígolle que estou ben, de verdade, papá, e saio pola porta pensando que a nosa relación depende muito máis desa pregunta que de canto eu me recoñeza no espello de Electra.
___
O cadro é Electra at the Tomb of Agamemnon, de Frederic Leighton, autor dun dos meus cadros favoritos.

24 Oct 2008

A comedora de mandarinas

Picture yourself in a boat on a river
With tangerine trees and marmalade skies.



Gustanme muito as mandarinas. Creo que son un dos regalos que nos fai a vida para intentar convencernos de que en realidade é boa e xenerosa, de que todas as putadas polas que leva a culpa non son idea súa. E a min gústanme tanto tanto tanto as mandarinas que todos os outonos me deixo convencer.
Unha vez, cando era pequena, erguinme da cama coa pel amarela. Meus pais, ventando o peor, correron comigo para urxencias. Despois de facerme miles de millóns de probas, o médico preguntoulle intrigado a miña nai se comera algo diferente nos últimos días. Ela, xa sorrindo, respondeulle: "onte comprei as primeiras mandarinas do ano".

23 Oct 2008

Os fíos dese tecido misterioso



Lembro os fíos, a musiquiña, o recendo das teas... Lembro os fíos e esa é a razón pola que creo que un conto é unha especie de tecido que se constrúe con delicadas fibras ata encaixar, por fin, dunha forma misteriosa. E creo tamén que naquel distante pero aínda presente son da máquina de coser intuín por vez primeira a existencia dunha melodía universal. Sentín as notas dunha canción que todos, todas, formigas e estrelas, podemos recoñecer.

Non quero poñerme pesada co tema. Sobre todo porque, como todo o mundo sabe, eu non son unha tipa que guste dos fanatismos. Non o son, en serio. Pero é que me fascina a capacidade que ten esta muller para debuxar no aire as imaxes da vida que habita. Debúxaas con tanta precisión que acabo por sentirme parte delas. Instálome nas súas fotos de cores gastadas como se estivera na miña propia casa. Séntome nun sofá de skai marrón dese lugar improbable que é o Ateneu barcelonés e escoito o son da máquina de coser, ulo o recendo das teas, vexo o serrín mollado pola auga que escorrega do vello paraugas... sinto a súa melodía, a melodía universal, e ao sentila dubido se serei formiga ou serei estrela. Se cadra son as dúas cousas, penso, e aínda non o sei. Non o sei e, protexida polo tecido delicado do seu relato, tampouco importa tanto.

22 Oct 2008

Galicia en 100 palabras I



Esta no será otra canción de amor, aunque he de reconocer que no me importa decir lo que todos ya saben... Un dous tres. O ritmo que marca o seu pé báteme nas tripas. Un dous. Sinto nos osos os seus toques decididos. Un dous tres. Erízame o corpo todo o son da madeira rasgando a pel. Un dous. Peta suavemente cunha baqueta contra a outra e o sangue detense nas veas do pescozo. Un dous tres. Decarga con forza e a súa violencia péchame os ollos a boca o nariz os oídos a pel. Un tres catro. Esta no será otra canción de amor, aunque he de reconocer que cuesta más olvidar que odiarte o amarte...
___
* A afoto é de anITA, claro.

21 Oct 2008

Obxectivos para o outono



1. Facer unha serie de fotos de paraugas
2. Escribir 100 palabras para as fotos de Galicia que elixa anITA e seleccionar as miñas fotos para os seus relatos.
3. Inaugurar o meu niño cunha noite de chicas e crema de orujo
4. Vivir unha noite sórdida (ou non) cun descoñecido
5. Seguir diversificando
6. Celabrar os 33 de anITA ata olvidar que os cumpre
7. Escapar unha fin de semana a un sitio bon, bonito e barato
8. Cumprir todos os puntos anteriormente citados

18 Oct 2008

La cuestión se reduce a estar vivo en un instante,
aunque sea un instante
no más,
a estar vivo

justo en ese minuto

cuando nos escapamos al mejor de los mundos imposibles



Cantas cousas pasan cando pasan cousas... Estos días véxoas estalar unha atrás doutra e sinto que dentro de min só hai espazo para o seu ruído o seu cheiro a súa luz. Pénsoas eternas, pero no o son. Pouco despois de nacer, as muxicas alasan uns segundos diante dos meus ollos e eu entendo que pronto volverán desaparecer na noite... Non quedará nada delas. Nin o ruído nin o cheiro nin a luz. Non quedará nada delas, máis ca ese instante no que eu vivín como se foran certas.

12 Oct 2008

Pasan os anos como pasan os metros do outro andén, antes do previsto e a gran velocidade, e cando as luces do derradeiro vagón desaparecen completamente na negrura do túnel, sinto a vertixe da dúbida perpetua. Ao mellor equivoqueime de dirección e ese era, en realidade, o meu tren.



Tal noite coma esta, hai once anos, estaba sentada na cama do meu primeiro piso de alquiler, en Compostela, rodeada polo millón de obxectos que me eran imprescindibles para sobrevivir. Hai nove, estaba segura de estar namorada. Hai oito, sufría unha das peores resacas da miña vida no avión no bus no tren no taxi que me levaban cara unha nova vida na que había mui poucas cousas imprescindibles, mui poucas persoas imprescindibles. Hai sete, sorteaba o precipicio do comezo da vida adulta nunha liteira do Estrella Galicia que me traía a Barcelona. Hai catro, celebraba o retorno do exilio cunha noite de polbo ribeiro e tumbadioses. Hai dous, vivía o meu primeiro temblor chileno á beira da piscina do embaixador español, onde celebrabamos, supoño, a masacre. O ano pasado por estas datas deixaba pasar varios trens porque neles non cabiamos eu e mais a miña maleta, que volvía estar chea de cousas e de persoas imprescindibles. Esta noite, despois de camiñar toda a semana sobre as pegadas das outras vidas que vivín en Barcelona, teño a sensación de levar anos apampando para o túnel polo que desapareceron as luces do derradeiro vagón.

2 Oct 2008

Rear Window I: Líquidos



Quedan dous días á semana, á mesma hora, nese recuncho escondido que eu chamo vida real. Primeiro, discuten. Y qué hago? Dime, eh, qué hago?, preguntalle ela a berros. Tú sabrás, si tú no lo sabes, no te lo voy a decir yo, respóndelle el, tamén a berros. Sempre a berros. Despois da batalla, sentan mirando cada un para o seu lado e fuman un cigarro áspero e silencioso. Síntoos líquidos e a súa vulnerabilidade provócame un pudor infinito. Pecho a ventana indiscreta e invento calquera asunto que me leve lonxe da mesa de traballo. Vou, por exemplo, tirarme enriba da cama para escribirvos un post extraño e cotilla. Cando volvo, estanse despedindo.
Entre bicos e miradas cómplices parecen aínda máis vulnerables.

1 Oct 2008

Rewarding greed and stupidity


The Last Laugh - George Parr - Subprime

- Now, you see, people are saying the crisis is likely to turn into a financial melt down. I mean... Could that be avoided?
- It can be avoided provided the Governments and Central Banks give us, the financial speculators, back the money that we've lost.
- But, isn't that rewarding greed and stupidity?
- No, no. It's rewarding what the Prime Minister Gordon Brown called "the ingenuity of the market".

Vía Guerra Eterna

29 Sept 2008

As croquetas


Podedes oir o anuncio aquí, ilustrado coas croquetas de Bachmont

Descubro (vía Chuza) a polémica que xurdiu ao redor das croquetas e do sexismo na publicidade despois de que a ministra de Igualdade, Bibiana Aído, pedira ao ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, a retirada dunha cuña radiofónica de Letras del Tesoro no que se produce o seguinte diálogo:
Psicóloga: Cómo psicóloga te digo que deberías dejar ese trabajo y olvidarte de tu mujer, que te absorbe toda la energía positiva.
Paciente: ¿Dejar a mi Puri? pero ¡tú estás loca!, ¡si mi Puri es lo más grande!. Cómo se nota que no has probado las croquetas de mi Puri.
Off: Si tu vida es como tú eliges que sea ¿tu inversión no debería ser igual?. Compra letras del Tesoro. Tesoro Público. Gobierno de España.
A polémica que xurdiu a seguir da retirada do anuncio, despois de que unha senadora do Partido Popular protestara na Comisión de Igualdade, non vai dos cartos que puido costar un anuncio tan malo (porque fóra de calquera outra consideración, o anuncio é malo con ganas), nin da falta duns criterios comúns mínimos na publicidade institucional, nin muito menos do papel da muller nos medios. Non. A polémica vai das croquetas. Os diarios electrónicos énchense de comentarios airadísimos sobre a liberdade soberana da Puri a facer croquetas. E eu alucino. Non avanzamos. Pasan os anos e o conto é o mismo.

Paul Newman's flows



Dicía Paul Newman que I never ask my wife about my flaws. Instead I try to get her to ignore them and concentrate on my sense of humor. E parece que non era unha mala técnica. Mantívoos xuntos 50 anos (1, 2 e 3), ata que o cancro puido con el, coa súa beleza, co seu sentido do humor e cos seus defectos.

25 Sept 2008



Apunta Ghanito nos comentarios ao post anterior, con toda a razón do mundo, que a discriminación non é allea a nós. Non hai racismo só nos Estados Unidos, nin pobreza só nos países "aínda non desenvolvidos" (que linguaxe tan cínica, esta do desenvolvemento). Alí e aquí os medios son os mesmos, idénticos, e as mensaxes, claro, tamén. Os mecanismos sutís dos que fala Casandra están diante dos nosos ollos día e noite. Entremedias, de cando en vez, deixan pasar algunha mensaxe como esta, que di, simplemente, enfrónte ao mostro no que te convertiches. Evidentemente, o sistema xa se encargou de darnos as ferramentas necesarias para neutralizar a mensaxe, para convertila nun "se me dás algo do que che sobra xa me encargo eu de que non teñas que enfrontarte ao monstro no que te convertiches" ou nun "eu non son así", ou, o que é peor, nun "que afortunad@ son, que non me tocou vivir o que a outr@s, pobres, pénsao cando se che ocurra queixarte outra vez por tonterías". Cinco minutos máis tarde, claro, o meu (o teu) mundo deixa de ter sentido porque non vai internet, porque a peli que baixei salta no minuto 84 ou porque cambiaron a única serie que vexo na tele por culpa do puto fútbol.

Eu sei que aspecto ten o monstro no que me convertín, enfróntome a el de cando en vez. O que non teño tan claro é se algunha vez gañarei a batalla.

22 Sept 2008

De illa en illa

09
Guía e guiadas*

Este sábado fun con Ireniña á illa de San Simón. A fundación organiza visitas gratuitas (pódese facer a reserva on-line) que axudan a completar a paisaxe da illa (impresionante o paseo dos buxos) cunha historia que, segundo puidemos comprobar, segue habendo xente que non quere re-coñecer.
Dá rabia, pero supoño que mentres haxa xente que non queira oila, haberá un motivo para contala.

003

Despois de deixar ao guía co seguinte grupo de guiados, subimos ata aqueloutra illa que tanto me gusta para tomar un café cunha das súas habitantes ilustres. Antes de irnos, aproveitamos para pasear pola "urbanización illa de arousa" coa que o Concello "incrementa os parques públicos, aposta polo teu futuro"...
Andamos sobrados de ironía política.

___
* Con estes dous embárcome eu en calquera aventura

21 Sept 2008

Nin Vicky nin Cristina nin Barcelona



"¡Claro!, si es que no has visto la película, y si no has visto la película, ¿cómo vamos a hablar de ella?". A min a película gustoume, confirmoume que o peor Woody Allen me entretén máis có melloriño dos demáis, pero o que me encantou foi a entrevista de Elvira Lindo a Penélope Cruz. Non sei se me divirte máis a ignorante soberbia da enrevistada ou o sutil revanchismo da entrevistadora.

18 Sept 2008



Os camiños do interior, como os da illa, están cheos de cruces sen cruceiro. Con cada novo carreiro, volven dúbidas vellas. Segura de que non é por aquí? Por meses tiro para adiante, certa de saber cara a onde me dirixo, e, cando chego ao desvío indicado, as silveiras os toxos os fentos as xestas fanme recuar. Unha mao amiga tráeme un fouciño e unhas instruccións, pero estou tan cansa de todo, tan cansa de min mesma...
Por que elixo sempre o destino máis complicado?

9 Sept 2008

Árbores que atrapan historias VI

Sen metafísica poética digo o meu mensaxe:
vivide



O outro día contoume este castiñeiro a historia dun Pereiro carpinteiro músico e bailarín, rosmón presumido e sabio, marido pai avó e bisavó, vividor vivido e vital ao que lle leva a vida escuitar valses e contar historias. "Vou vello", díxome o outro día este Pereiro cabo daquel Castiñeiro, "vou vello, non teño forzas para traballar e cánsome de non facer nada". Sorriu coa cara toda. "Se te fías dun vello, non pares quieta, xa terás tempo para aburrirte cando non che quede máis remedio".

8 Sept 2008

Os comedores de chopos


Unha leira heroica sobrevive entre as obras e os chopos

O sábado fun dar un paseo pola aldea. Antes ía muito co can de meus tíos, o León, pero hai tempo que morreu e xa antes decidira ignorarme, así que había anos que non pasaba polos carreiros que levaban ao río. E non son a única que deixou de usalos. Están cheos de pólas secas e de silveiras e as moras apodrecen esperando que alguén faga con elas unha papilla de cores imposibles. Eu como unhas poucas, máis por melancolía que por outra cousa, pero dáme mal rollo que estean tan cerca das casetas dos explosivos do túnel do AVE. As obras do como se chame fenden unha paisaxe que non se parece en nada á da miña infancia. Os camiños están a monte porque as fincas ás que levan están tamén a monte. Onde antes había patacas, millo e pan, agora hai silveiras e chopos. Vénme á cabeza Otero. Síntome reaccionaria por detestar esta nova paisaxe e sei que eu non podo decidir o futuro do rural porque eu non quero, nunca quixen, vivilo. Pero non soporto esta sociedade que cambia o pan pola madeira...
Que pasa, vamos comer chopo?


A foto fíxoa Juan Carlos Tomasi en Etiopía

A resposta chégame ao día seguinte, no meu cubillo urbano, con forma de reportaxe de Ramón Lobo*. E resulta que non, que nós non vamos comer chopo. Nós vamos seguir comendo de puta madre**. O problema, evidentemente, téñeno os que só podían comer pan.

___
*Nota: si, ás veces paga a pena ler o xornal.
**Uso lingüístico sexista que eliminarei do meu vocabulario en canto se me pase a frustración e a mala hostia.

7 Sept 2008



Hoxe aprendín que os domingos no cantiño ulen a café, a piriódico do domingo, a historias espectaculares da vida presente de habitantes de vidas pasadas, a sesión vermú con z., a pan galego con aceite e gazpacho, a acentos estranxeiros que che falan dende o adarve da muralla e á ultima raiola de sol do vrao que nunca existiu xogando coas cores caribeñas da colcha máxica de La-Lore.

5 Sept 2008

Moving, que é xerundio


A foto é de isus, que tamén anda á procura da velocidade vital axeitada

Tardo dúas horas en meter en bolsas caixas maletas mochilas todo o que necesito para independizarme. Agóbiame o contraste entre a tranquila quietude que me rodea e o meu movemento desenfocado e non estou segura de se prefiro parar eu ou que se mova o resto.

3 Sept 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (V): Poniente



Lindeiros con Bellavista e con Santiago Centro están os barrios Recoleta, Independencia, Brasil e Yungai, onde buscaría casa se tivera que vivir no Santiago Austral. Aquí, en plan turisteo, levaríate de paseo polo "barrio comercial" de Patronato e, por suposto, ao cemiterio, que é, en si mesmo, a mellor mostra das desigualdades sociais do país e onde están, ademais, o nicho de Víctor Jara e o patio 29 coas tumbas sen nome dos desaparecidos do golpe militar. Teño as distancias mui desordenadas, pero creo que nalgures entre estos barrios está Quinta Normal, coa Biblioteca de Santiago e o Centro Cultural Matucana, e a praza Brasil, co Galpón Víctor Jara, no que normalmente hai concertos interesantes. Por aí anda tamén a Blondie, coas súas noites do rock dos 70 ou do pop británico, que foron do melloriño da miña vida nocturna. En Yungai levaríate tamén a un dos nosos restaurantes favoritos, a Peluquería Francesa, en Compañía con Libertad, e a un centro cívico que hai por alí cerca que programa obras teatrais e concertos de grupos locais. Paga a pena entrar, aínda que sexa para tomar un café (soluble, sempre soluble), porque está decorado con cartaces e recortes de xornal rojeras... En realidade, toda esta zona é zona tradicional de mobilización comunista.

Non é oficio para cínicos



Gabilondo recibe o premio Nuevo Periodismo CEMEX-Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano da man de García Márquez e eu teño sentimentos encontrados. Gústame Gabilondo, cáeme ben. Respétoo. E gústame aínda máis Gabo, xa o sabedes. Porén, paréceme obsceno ler en El País as reflexións dun e máis do outro sobre como "la información ha sido derrotada por las empresas de comunicación". Leo esa frase precedida pola expresión "el presentador del informativo estrella de Cuatro" e sinto náuseas. Despois, ven Juan Cruz e para explicar que é para el o xornalismo cita a Kapucinsky. "Kapucinsky decía que este no es un oficio para cínicos", di Juan Cruz. E eu pregúntome como se fai para sobrevivir á nausea sen botar man do cinismo.

2 Sept 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (IV): Bellas Artes



Entre Santiago Centro e Bellavista está o barrio de Bellas Artes, no que atopariamos o museo de Arte Moderno e o de Bellas Artes, algúns dos bares e tendas máis moderniquis de Santiago e a mellor librería da cidade (Metales Pesados, na calle José Miguel Barra). Tamén é o máis parecido a un barrio gay que ten a cidade. A min recordábame un pouco a Barcelona. Non está mal para dar un paseo, tomar uns jugos naturais ou uns tés e, se tiveramos bo tempo, ir ao parque na fin de semana e flipar coas cousas que pode vender a xente... Eu unha vez vin a píldora anticonceptiva exposta nun mantel de cadros chantado no medio dun camiño.
Xa de estado en Bellas Artes, achegariámonose a Lastarria. Alí, se hai sorte, atopariamos un home vendendo pendientes de alpaca. Eu nunca en toda a miña vida usara pendientes ata que coñecín a este tipo, que é o mellor orfebre que hai no mundo enteiro e que ten, ademáis, unha conversa mui interesante.
Se vas sen min e o ves, encantaríame que lle mandaras saúdos da súa fan galega.

1 Sept 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (III): Bellavista

Bellavista é o barrio tradicionalmente bohemio de Santiago. Nel está a casa de Neruda na que entraron a saco tralo golpe militar, a Chascona, e a maior parte dos teatros e locais de moda da cidade. Ten un punto bohemio pijolas que a min me botaba un algo para atrás, pero ten tamén algunha das mellores flores urbanas que vin na miña vida. En calquera caso, paga a pena velo.

bellavista 3

Se o visitaramos xuntas, chegariamos en metro a Baquedano. Esa é a praza Italia, núcleo das manifestacións e das broncas e límite último para os habitantes do Santiago rico que non saben mui ben que é o que hai máis alá. Dende alí teriamos que cruzar o río Mapocho, tapando o nariz e a mente, para non pensar que nese país no que as farmacias se negan a vender a píldora do día despois "porque é inmoral" hai pequenos abandonados que viven baixo as pontes deste río envelenado. Cruzariamos o Mapocho, digo, sen pensar, e nada máis pasar o río á esquerda atopariamos o mercadillo no que descubrín o cubo de Rubik e, á dereita, a maioría dos obradoiros de lapislázuli da cidade. Subiriamos por Pío Nono ata a galería pijolas na que sempre hai música en directo e que sempre está chea de guiris e comeriamos un xeado de iogur, antes de sentarnos nunha terraza a beber unha litrona de Austral. Despois, comeriamos unha empanada de queixo e choclo, tomariamos unha copa a medias na Casa al Aire con algún cantautor imitando a Sabina de fondo e, se o corpo aguantase tanto alcol, iriamos botar un baile a Bombero Núñez. Seguramente, ao Clandestino.

Enésimo capricho pihippy



É unha inversión, claro. Capital fixo, creo que se chama. E ademáis, de paso, faime mui pero que mui feliz.

31 Aug 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (II): Santiago Centro

Piojera

Se visitaramos xuntas o Santiago Austral levaríate pasear pola Alameda, ver a Biblioteca Nacional, dar unha volta darredor da Bolsa, subir ao cerro de Santa Lucía, botarlle un ollo ao mercadillo que hai do outro lado da avenida, sentar un cachiño diante da Moneda para poñerlle a nosa imaxe á Historia, visitar o centro cultural que hai debaixo que ás veces ten mostras interesantes, mirar os libros pirata que venden nos paseos Ahumada e Huérfanos, alucinar con que sigan existindo os cafés con piernas, visitar o Museo Chileno de Arte Precolombino (que para min é o mellor do país), gozar polo menos media hora a lección maxistral de antropoloxía que regala cada día a Praza de Armas e achegariámonos despois ata o Mercado Central, donde tomariamos un bocata de lacón (que eles chaman pernil) e un terremoto na Piojera. Se houbera sorte, xa achispadas polas réplicas, botariamos unha peza coa xente que traballa no mercado e que celebra neste bar os días de boa pega.