25 Jan 2007



Chégame un mail de Bardaos con fotos da primeira nevada do ano e fito para elas alucinada, confundida, completamente desorientada.
Nin sequera o Nadal na praia me aturdiu tanto.
Eu en tirantes e vós incomunicados pola neve, la envidia me corroe.

19 Jan 2007

Pacos 1 - Pringaos 0

Convictos

Primeiro encontro cos pacos.
"Identificación".
"¿Esa cerveza es suya?".
"¿No sabían que de acuerdo con el artículo 25 de la ley piiiiiiiiiiiiiiiiiiii está prohibido beber licor en la vía pública?".
"Pues deberían saberlo".

E así é como dous puretas que beben (como todo os que están ao seu redor) unha cervexa nun parque mentres escuitan un concerto de jazz acaban sendo citados para ver un xuiz dúas semanas máis tarde.
E podía ser peor.
Y hasta aquí puedo leer.

17 Jan 2007

Oficios



Dende a fiestra dunha Oficina Comercial podes ver de todo. Micros moribundas, taxis tuenaos, hordas de chilenos e chilenas correndo a traballar, sufridos traballadores que se colgan con cordas para limpar cristais, rapazas posando espidas na fiestra do oitavo piso dun edificio de oficinas...

Paixón e estravagancia



Aproveito a tradición para darlle cor á miña vida. Non me dou decidido entre o vermello do lume e do sange, do perigo, da guerra, da enerxía, da fortaleza, da determinación, da paixón, do desexo e do amor e o violeta da riqueza, da estravagancia, da sabiduría, da creatividade, da independencia e da dignidade.
Ao final penso...
E se os mesturo?
Cumpliranse os meus tres desexos?
Pegaráseme algunha das súas características?

15 Jan 2007



Teño ollos. E amigos. Sei cando unha rapaza é guapa, cando está boa, cando é atractiva... E nunca tiven problema ningún en falalo. Un cacho. Pero estou farta. Abúrreme. É un tema que non da máis de si. En serio, canto tempo seguido se pode falar deso. Sempre?
Necesito, desesperadamente, amigas heterosexuais.
Ou amigos homosexuais.

9 Jan 2007



Vexo no Chuza que o 90% dos mejores expedientes de Galicia proceden de escolas públicas (tamén leo que o 75% pertencen a alumnas, pero esa é outra historia e debe ser contada noutro momento), o mesmo día que en Chile analizan os resultados das probas de acceso á universidade, nas que "más del 60% de los puntajes nacionales provienen de colegios particulares pagados".
...

6 Jan 2007

Dádeo



Coñecemos a dous chilenos en Río. Son riquiños, son divertidos, son interesantes, son guapos. É findano, unha ocasión marabillosa para conxugar o carpe diem, así que barallo toda a noite a posibilidade de xogar as miñas cartas con algún deles. Se non o fago, é porque non me dou decidido por un (criticable, pero certo). De volta a Santiago, descubro entre frustrada e divertida que son parella e, media hora máis tarde, tropezo coa flor urbana que vedes sobre estas liñas...
Se vedes que tal, só dádeo.

4 Jan 2007

Resumindo

Hace siglos que quiero enviarte palomas de humo,
antes de que carcoma el invierno la culpa que asumo,
ten a bien recibir de mi parte un abrazo de amigo,
cuando estalle la guerra estaré en la trinchera contigo.


perito moreno

Que si, que si, que as viaxes que me estou pegando son incríbles, que botei todo o mes de decembro por aí de pendangueo, que estiven dez días sen cheirar un ordenador, que canto máis tempo pasa máis difícil é poñerse, que cada vez que o intentaba tropezaba co to start with, pero... sexamos sinceros... non é por iso que escribín tan pouco os últimos meses. Non sei por que é e, se o soubese, tampouco empregaría este primeiro post explicándoo.
Deixémolo ir e concentrémonos nas pombas de fume que vos mandei dende o parque forestal, en Bellas Artes, donde a mocidade santiaguina se reune para beber fumar falar comprar vender tocar escuitar actuar aplaudir; dende as festas de expatriados, no alto dos edificios máis altos de Santiago, bebendo sangría e comendo paella a carón dunha piscina e dun jakuzzi, vivindo unha vida cómoda luxosa e allea; dende os bares, cando me deixo levar con Adri pola morriña e polo pisco e acabo falando da névoa, da chuvia, do tute, do lume, da pedra, dos montes e do mar e, sobre todo, cando, en plena exaltación patriótica, descubrimos dous barbudos entre a multitude cos que compartimos unha mirada cómplice, "galegos?", "por suposto, como vós, va que si?", pois si; dende o concerto de Sabina, o mesmo ao que fomos na Coruña, as mesmas cancións, a mesma posta en escea, outro público, outros compañeiros, outro mundo; dende o cine, cando me aburro e me enfado e só ten sentido quedarse ata o final se estades despois para comentala; dende a oficina, cando alucino con algúns titulares, coa información sobre a farándula, coas consultas do empresariado español, coa rutinización ministerial; dende as Torres del Paine, cando me pregunto que carallo pinto eu aquí, oito horas subindo unha montaña con doce quilos ás cóstas, e tamén cando, xa arriba, desaparece a dor e o cansancio e só queda esa vista incríble; dende a illa Magdalena, chea de pingüinos que se bican, que se buscan, que se chaman e que parecen felices nesa súa vida allea ao resto do mundo; dende unha finca no (auténtico) cu do mundo, á que só se pode chegar en barco e cando non vai mal tempo, que exerce sobre os meus sentidos a mesma influencia que o mar e o lume; dende os glaciares (na foto, o Perito Moreno), que se desfán diante de nós, nun espectáculo impresionante por fermoso e por preocupante; dende os cemiterios de Punta Arenas e de Santiago, tan distintos dos nosos, cheos de creatividade e esaxeracións estéticas, de nomes extranxeiros e de primeiras frases de novelas de misterio; dende os postos de inmigración, cando me sellan o pasaporte Arxentina, Chile, Brasil, Chile e alucino ao darme conta de que realmente estou aquí; e, sobre todo, dende Río, cando os fogos se mesturan coa choiva sobre a miña cabeza, mentres deixo no Atlántico a miña ofrenda a Yumanjá e vos mando a derradeira pomba de fume do 2006, chea de promesas.

3 Jan 2007