19 Dec 2009

India - भारत (X): Babelfish

Imos rua arriba sorteando ciclorickshaws motos vacas xoias sarees limpadores planchadores costureiros postos de chai bostas frescas nen@s descalz@s e agresivos vendedores. Vimos da misa de seis. Todas as misas de todas as relixions do mundo son iguais, sentencio. Aburridas. Entramos nun ciber para consultar o correo. Tenho un monton de correos acumulados, pero non me dou feito co teclado estranxeiro para contestalos. Sintome algo espesa. Creo que se me esta subindo a galleta aquela sagrada, digolle a L. E logo? Porque flipo. Estou entendendo a conversa dos do mostrador. Non me jodas, contesta escarallado, e de que falan? Falan dunha ruta do interior que e mais segura e rapida. Hostia hostia hostia, di L. de repente, excitadisimo, eu tamen os entendo, acaballe de preguntar se a encarga chegou ben, logo... en galego! Rimos cunha risa estupida. O curioso, confesolle con algo de culpa e muita cerimonia, e que eu non os oio en galego. Eu oioos en mexicano.

16 Dec 2009

India - भारत (IX): Come to my religion

Taj Majal

O guía que me encasquetan (disque o goberno) na visita a Agra é un estudiante de Turismo de 21 anos que nada máis entrar no coche intenta marcar os ritmos da visita: First Fort. Then Taj Majal. Then lunch. Then city tour. No time to Fatehpūr Sikrī. Eu só durmin 3 horas e non quería un puto guía, así que teño o buenrollismo algo baixo e entro a matar: No, first Taj Majal. Then Fatehpūr Sikrī. Then, we'll see. And I don't want shops. I won't buy anything, I won't see any demonstrations. I won't go to any shop. Cede na primeira batalla, pero non dá por perdida a guerra. Paso todo o día forcexeando con el e acaba agobiándome. Dígollo: Look, stop pushing me. Not push. Yes push. Stop it, you are stressing me. Entón vai e pregúntame:
-What is your religion?
-I dont have any.
-No?
-No.
-You can come to mine.
-Which is...
-I am a muslim. You like being a muslim.
-You think... why?
-Muslims take care of our women.
-And do women like that?
-Of course.
-Why?
-Because they whant to be care. They are weak.
-Do you think all women in the world are weak?
-Yes. Mui rotundo, mirándome aos ollos. Paso ao ataque directo: You think I am weaker than you?
-Oh, come on, you know women are weak. You know. Everybody knows. Men are strong and women are weak. You want to be strong but you are weak. You want to be care. Aí estamos. Reláxome, déixome caer outra vez sobre o asento do coche, sorrío e digo con toda a superioridade que son capaz de xuntar: Maybe you are right, but believe me: it won't be today.
___
*A foto non ten nada que ver coa historia, claro. Máis alá de que foi feita o mesmo día.

14 Dec 2009

India - भारत (VIII): Full epilation

O barrio de Luis está cheo de centros de beleza. Entro nun con pinta de pijo e pregunto canto costa depilar as pernas. Full, 320 rupees. Estou aínda botando as contas (case 5 euros) e xa teño unha rapaza con rasgos orientais ao meu lado. Chaló? Vamos, logo. Resulta ser unha muller despidada e eficaz, que non tarda nin dez minutos e depilarme as pernas enteiras. Chega á ingle e afirma: Full. No, full no, thanks, digo facendo amago de fuxida. Sorrí: me no painful. Eu tamén sorrío: yes, you painful. Entón rí. Me full self! You what?! Me full self, xesticula. You are a strong woman, dígolle con admiración. All woman strong, contesta. Non che estou eu tan segura, penso mentres empezo a vestirme.

India - भारत (VII): The freckles

Vou a unha parafarmacia comprar algo que me axude a superar os primeiros problemas estomacais da viaxe sen recurrir ás drogas duras e unha rapaza cunha pel fermosa, escura e brillante, aproveita para ofrecerme unha crema decolorante. Miro o bote con curiosidade e ela explícame que é milagreira, infalible, de verdade, trust me. I trust you, respóndolle, but do you really think I need it? porque honestamente me parece unha situación imposible. Nooooooooooo, escarállase, not you, the freckles.

India - भारत (VI): Udaipur

Udaipur 01

Na miña primeira visita ao balbordo abafante de Old Delhi dame unha arroutada, métome na estación de tren e compro un billete para esa mesma noite. Párome uns minutos no medio do avispeiro e busco no taboleiro dos destinos unha cidade do Rajastán que non sexa Jaipur, porque calculo que para verme reflexada no espello deformante do turismo internacional xa me vai chegar coa visita obrigada ao Taj Majal. Vanme ben os horarios de Jodhpur e de Udaipur. Pregúntolle ao home que me atende cal das dúas me recomenda e respóndeme, sen dubidalo: Udaipur is the most romantic city of India. Every young lady should go there once in her life. Udaipur, logo.

Antes de sair, preparo libros libretas música xogos para encher as horas de silencio. Pero o silencio nunca chega. Condutores de rickshaws post-hippies integrados guías turísticos propietarios de hoteis tuneiros moteiros cociñeiros masaxistas filósofos camareiros limpadores sacerdotes e o representante da quinta xeración de cremadores dun panteón hindu enchen as miñas horas de imaxes e historias, afáganme, protéxenme, paséanme, entretéñenme e, finalmente, agóbianme. A súa presenza perpetua monopoliza a miña mirada e chega un punto no que me dou conta de que non fago máis que buscarme en todos os espellos. Bótome de menos. E, sen embargo, estou aí. Coma sempre.

Se cadra, esa é a cuestión.

9 Dec 2009

India - भारत (V): Delhi

02

Convirto a casa de L. en Delhi nunha sala de aclimatación ás vacacións. Wi-fi, televisión por cable, unha cama marabillosa, auga quente, café italiano, xamón serrano, unha boa biblioteca de libros en castelán con varias guías de viaxes, de historia e de cultura da India e un ritmo de adaptación tranquilo que depende só de min. Durmo a pracer, almorzo lentamente e saio pasear. Primeiro polo barrio e, xa o segundo día, por esta cidade inmensa que parece un mundo.

Apetéceme estar soa. Pasear. Pensar. Mirarme a min mesma noutro escenario. Coller perspepctiva. Pero é imposible. A cidade está chea de condutores de richshaw, vendemotos profesionais, embaucadores, ligóns, cazadores de comisións, estudiantes aburridos e salvadores de pobres damiselas en apuros que se empeñan en loubarme a mirada pelo sorriso, en acompañarme, en facer comigo a cola do banco, en evitar que me meta por sitios pouco recomendables, en deseñar o percorrido perfecto para o primeiro paseo por Delhi, en explicarme como é realmente esta sociedade, en aprenderme o vocabulario básico en hindi e en preguntarme todo o que nin sei nin quero saber sobre fútbol europeo.

Un deles, Wasim, convídame a comer algo en Central Park. Explícame que teoricamente non se pode meter comida nin facer fotos do parque, desde que hai uns anos houbera un atentado, pero que realmente é mui fácil colarse. Colámonos por unha zona chea de pombas que, cando nos sinten, fuxen facendo un escándalo enorme. Fíxome a ver se teñen alunha mensaxe nas patas ou nas ás, pero parece que non. Wasim mira para min escojonado. Do you like pigeons? I don't know, contéstolle, I haven't met any of them yet. O chiste é pésimo, pero el ri como se fose a cousa máis graciosa do mundo. Deitámonos na herba, rodeados de pegas e de parellas locais. Fago unha foto e pregúntolle se lle importa deixarme soa, aínda que só sexa un momento. Dame medo que o tome a mal, porque realmente parece un tipo riquiño, pero sorrí cun sorriso enorme. Of course. If you promise to take care. Eu tamén sorrío, I promise. Érguese, téndeme a man cunha certa cerimonia e marcha. I give you a call and we can have a drink sometime, bérrame desde o fondo do parque. Eu levanto a cabeza, sorrío e déixome caer de novo sobre a herba.

Que fácil é aclimatarse ás vacacións.

8 Dec 2009

India - भारत (IV): One night in Paris

One night in paris

Paso a última noite antes da India a dez pasos contados do Musée d'Orsay, rodeada polo luxo decadente dos salóns de recepción enmoquetados ata o teito, dos retretes adornados con gárgolas douradas, dos secadores de pelo para os cans. Paso a última noite antes da India rodeada polas historias de soidade d@s emigrantes galeg@s en París.

5 Dec 2009

India - भारत (III): Desconexión

Xa teño a mochila feita. En tres horiñas apagarei o ordenador por primeira vez en meses e deixareille o móbil a miña irmá en garda e custodia. Un mes e medio sen conexión, non recordo a última vez que fixen algo así. Angústiame. Penso que cando fomos de Interrail un mes por 7 países de Europa non tiñamos nin móbil nin correo electrónico nin cartos nin a maioría de idade cumprida. E foi unha viaxe estupenda. Supoño (espero) que o mono non durará muito. Se non, malo sera que non atope algún ciber perdido por aí adiante para tirar unha pedriña de cando en vez. Xa vos contarei.

1 Dec 2009

O ceo de decembro



Faltan 5 días para India, 13 días para os 30 e 31 días para o 2010... Que ganas lle tiña ao ceo de decembro.

___
*A foto é La galaxia de Andrómeda Messier 31.