14 Dec 2009
India - भारत (VI): Udaipur
Na miña primeira visita ao balbordo abafante de Old Delhi dame unha arroutada, métome na estación de tren e compro un billete para esa mesma noite. Párome uns minutos no medio do avispeiro e busco no taboleiro dos destinos unha cidade do Rajastán que non sexa Jaipur, porque calculo que para verme reflexada no espello deformante do turismo internacional xa me vai chegar coa visita obrigada ao Taj Majal. Vanme ben os horarios de Jodhpur e de Udaipur. Pregúntolle ao home que me atende cal das dúas me recomenda e respóndeme, sen dubidalo: Udaipur is the most romantic city of India. Every young lady should go there once in her life. Udaipur, logo.
Antes de sair, preparo libros libretas música xogos para encher as horas de silencio. Pero o silencio nunca chega. Condutores de rickshaws post-hippies integrados guías turísticos propietarios de hoteis tuneiros moteiros cociñeiros masaxistas filósofos camareiros limpadores sacerdotes e o representante da quinta xeración de cremadores dun panteón hindu enchen as miñas horas de imaxes e historias, afáganme, protéxenme, paséanme, entretéñenme e, finalmente, agóbianme. A súa presenza perpetua monopoliza a miña mirada e chega un punto no que me dou conta de que non fago máis que buscarme en todos os espellos. Bótome de menos. E, sen embargo, estou aí. Coma sempre.
Se cadra, esa é a cuestión.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment