Showing posts with label Foto-relatos para un marzo invernal. Show all posts
Showing posts with label Foto-relatos para un marzo invernal. Show all posts

11 Mar 2009

A crise



Buf. Esta crise tenme preocupada. Non che se recorda unha igual na vida. Vernos nunha coma esta fainos valorar, máis ca nunca, a importancia de contar cun sistema financero solvente, rentable, sano e sostenible. Éche así. Eu ben vexo que neste momento temos sobre a mesa tres problemas globais: a liquidez, os activos tóxicos e a capitalización de las entidades financieras. Que tres problemas, dios mío. É certo que inciden con distinta intensidade segundo o país. Hai sitios nos que xa requiriron medidas urxentes... E no resto hanas requirir, dígocho eu. Non sei a que esperamos para actuar. Na miña opinión, está claro que a achega das autoridades é clave en cuestións como a liquidez, a transparencia e a supervisión. Nós pouco máis podemos facer que recuperar o foco no cliente, potenciar o negocio recurrente, xestionar con prudencia o risco e reforzar a xestión corporativa... Esta crise éche jodida. Non se recorda unha igual na vida. Pero non vai acabar con nós. Xa o verás.

___
* É marzo outra vez, así que parece que chegou a hora de recuperar o proxecto aquel que tiñamos a medias anITA e máis eu. A foto é súa, fíxoa en Portomarín, e o texto é parte do discurso que deu Emilio Botín na Conferencia de Banca Internacional a mediados de novembro do 2008.

23 Apr 2008

A novia do océano

soy como las lámparas amargas
cuando iluminan las botellas rotas



Espertaba, cada noite, co pelo e os recordos desordeados. Levantaba o brazo esquerdo e deixábao caer cun xesto robótico sobre a metade baleira da cama. Estará no estudio, pensaba en seguida. E intentaba non escuitar o silencio que a desmetía. Ese silencio agobiábaa, entristecíaa, humillábaa. A ese silencio prometíalle, cada noite, que desta vez a última sería a derradeira.

Despois, durmía de novo arrolada polas contas da leiteira. Erguereime cedo. Tomarei tranquilamente o café. Farei a equipaxe lentamente, sen facer ruído, mentres el durme. E, cando se levante, cando estea segura de que me mira dende o outro lado das lagañas, collerei as miñas cousas e ireime. Sen máis. Sen mirar atrás.

Espertaba, cada día, co pelo e os recordos desordeados. Pablo anclábaa á cama coa perna esquerda. A casa latía acompasadamente. O sol entraba polas fiestras e Valparaíso ofrecíase, expléndido, aos seus pés. Cada día, gozaba ese momento golosa tranquila feliz. Estirábase lentamente, sen facer ruído. Baixaba á cociña. E, cada día, tomaba tranquilamente o café.

___
*Este é o sétimo capítulo daquel proxecto a medias con anITA. A afoto, claro, é súa. Fíxoa na casa de Neruda en Valparaíso, a Sebastiana. Os versos, claro, son de Neruda. Rematan unha oda á cidade, que el chamaba "novia del océano", incluída no Canto General.

9 Apr 2008

Cando saias cara a Ítaca*

Pide que o camiño sexa longo.
Que sexan muitas as mañás de verán

nas que con canta felicidade, con canta alegría

entres a portos nunca vistos




Mírolle a boca, sen escuitalo. Creo que está mui afanado debullando os motivos polos que debo acompañalo. Creo. Mentres, a miña mente bota as contas da leiteira. Escultor, bailarín exótico, habitante da illa máis recóndita e misteriosa do planeta. Non é enxeñoso. Non é culto. Non ten unha conversa especialmente interesante. Sempre digo que o que quero na vida é rir. Que o que busco nos homes é que me fagan rir. E é certo. Só que ás veces quero que me faga rir coa pel, bisbándome palabras misteriosas ao oído, nun obradoiro cheo de moais a medio esculpir.

E se pobre a atopas, Ítaca non te enganou.
Sabio como chegaches a ser, con tanta experiencia,

xa comprenderías as Ítacas qué é o que significan
.


___
* Ítaca, de Konstantinos Kavafis, é un dos meus poemas favoritos. Podedes atopar unha traducción ao castelán aquí. Estes versos son unha versión libérrima mestura de varias traducións ao castelán.
** Quinto capítulo daquel proxecto que tiñamos a dúo, a afoto é de anITA, claro, pero está fotoxopeada a saco por min. Non teño claro se estaba permitido polas normas, espero que si.

17 Mar 2008

Los desiertos de Atacama son azules*

Los desiertos de atacama no son azules ya ya dime
lo que quieras


Tebinquinche, por Ana López

Naceu en Calama. Era o primeiro de nove irmáns e tivo que traballar a vida toda para alimentar os que viñeron detrás. Nunca lle importou. Quería muitísimo á súa nai, faría calquera cousa por ela e ademáis gustáballe estar ocupado, sentirse útil. Porén, ás veces, fastidiáballe darse conta de que nunca podería chegar a ser alguén.

Alguén importante, enténdase ben.

Aprendeu a ler nos xornais que empregaban para envolver a froita que levaban as mulleres dos enxeñeiros da mina. El nunca quixo entrar ao cobre. Dar daba muitos cartos, sabíao ben, pero esos cartos non os levaban os mineiros sen estudos, senón os homes estudiados que viñan de Santiago. Mentres, os que baixaban ao furado, os que naceran ao seu carón, caían como moscas antes tempo, antes de ver ler os fillos, aínda que fose nos xornais que empregaban para envolver a froita nunha tenda de mala morte.

Cando o irmán máis pequeno comezou a traballar, el decidiu buscar fortuna fóra de Calama. Unha noite, despois de cargar a froita para San Pedro, subiu dun chimpo á camioneta. "Que fas?", preguntoulle o tratante. "Vou con vostede", respondeu.

Traballou dez anos para aquel home, ata que a coñeceu a ela.

Cáterin era o amor da súa vida. Era estranxeira. Atopáraa unha noite estrelada, de muito frío, a carón do lume, no Ayllú, e non lle quitou ollo dende que entrou pola porta. Sabía que non era de San Pedro, porque non a vira nunca. Nos seus 25 anos de vida non sentira medo semellante ao que sentira cando a viu por primeira vez. Se a tivese visto antes, saberíao. Tardou tanto en decidirse a falar con ela que cando se quixo dar conta estaba pagando para irse. Correu tras dela e, cando a alcanzou, á altura da igrexa, contoullo todo, así, nunha soa frase: "Levo toda a vida traballando e non xuntei máis que para unha habitación e un cabalo, pero quérote, quérote tanto que estou seguro de que te vou querer así toda a vida". Ela mirouno de esguello e respondeulle, cun español izado de dúbidas e uns ollos cheos de seguridade, "quero ter tres fillas".

"Por suposto, meu amor, por suposto".

O día que o coñecemos licenciábase a filla máis vella. "Dereito", fachendeaba el, "estudiome dereito". A do medio ía polo camiño, levaba dous anos cursando enxeñería mariña na universidade de Arica, e a máis pequena... "A máis pequena é a princesa da casa, aínda está no instituto pero vai facer algo grande, dígovolo eu, é lista como unha chispa". Foi o noso guía os dous primeiros días de excursións fóra de San Pedro e cando nos preguntou se podía traer a Cáterin á visita das lagoas dixemos enseguida que claro, que faltaría máis, e obligamos ao Pablín a cambiarse voluntariamente para a outra furgoneta da expedición e cederlle o seu posto. "É que é o noso aniversario, saben?", aclarounos a xeito de agradecemento, "mañá hai 25 anos que nos coñecemos".

A Cáterin era unha muller fermosísima, dunha beleza tan encandeante que casi mancaba ao mirala, pero decepcionounos un pouco o seu silenzo. "Para ser o amor da vida dun home que non cala un segundo, a esta gústalle mui pouco falar", bromeu anITA. "Ao mellor é precisamente por iso", contestoulle Eva Luna, "non lle dará tempo". O certo é que era un silenzo estraño, un silenzo tan profundo que nin sequera falaba cos ollos, pero el estaba tan contento por tela alí que conseguiu que deixaramos de lado os nosos comentarios maliciosos para escoitar as súas explicacións cheas de chiscadelas picantes para ela. Á tardiña, díxonos que nos quedaba a mellor experiencia da nosa estadía en Atacama, o anoitecer en Tebinquinche. Preparamos as nosas cámaras e, en canto abriu a porta da furgoneta, saímos disparadas na busca da mellor perspectiva. Foi daquela cando o oimos berrar ás nosas costas.

Ela calara para sempre, deixándoo deserto.

Los desiertos de atacama no son azules porque por
allá no voló el espíritu de J. Cristo que era un perdido
___
* Este é o cuarto capítulo dese proxecto que teño a medias con anITA para marzo. O segundo capítulo xa está no seu blog. O poema que lle dá título é de Raúl Zurita, "El desierto de Atacama (III)", e atoparédelo nos "Desiertos" do Purgatorio (1979)

10 Mar 2008

Tiñamos un futuro por diante*

Si la vida es muerte entre paréntesis
nacer es la única victoria**


O cemiterio de Poconchile, de Ana López

Na vila todo o mundo sabía que o noso nacemento estaba marcado, que estabamos chamados a sacar ao noso pobo da enfermidade, da pobreza e da submisión. Chegamos á Acapacha co Challaco e as nosas nais non sobreviviron ao parto. Preñadas de sete meses, pasaron a noite preparando a ofrenda, pero nunca puideron levarlle a súa comida, a súa chicha, a súa coca e os seus cigarros á Pachamama. A morte foi o seu pago polo noso nacemento, así o entendeu o Mallku e así o entenderon os seus compañeiros. "A Pachamama é xenerosa, pero non dá nada de balde", oímoslles dicir aos nosos pais con cada novo cabodano.

Non hai outra explicación. Non pode habela.

Fomos criados xuntos. Neno e nena, río e monte, Mallku e T'alla, home e muller. Sempre os dous. Explicáronnos que debiamos estudiar a nosa lingua e a nosa cultura primeiro na nosa vila e despois nas dos arredores. Debiamos coñecernos ben nós mesmos para conseguir despois que os nosos fillos fosen coñecidos polos demáis habitantes da Apacha. Así debía ser e así o fixemos. Erguémonos cada día co primeiro raio do sol e deitámonos cada noite co derradeiro. Falamos con todos os habitantes do val. Escuitamos as súas dúbidas, as súas peticións, os seus consellos. Cultivamos millo, ají, quinoa, pataca e coca. Criamos polos e llamas. Taballamos o seu guano. E a súa lá. Tecémola, tinguímola e unímola nas sete cores da Wiphala. Diriximos, dende que tivemos control das nosas verbas, as cerimonias de culto ao Amaru, ao Mallku e á Pachamama. Finalmente, no décimo aniversario do noso primeiro Challaco, unimos a nosa sangue e a nosa alma, unímonos nós mesmos.

Porén, Malku negounos o froito do noso sangue, o aymara que estaba chamado a xunguir o noso tempo e o noso espazo co tempo e co espazo dos nosos antergos, a levar a nosa mensaxe aos outros habitantes do Acapacha e a traer así a saúde, a riqueza e a liberdade ao noso pobo.

"A Pachamama é xenerosa, pero non dá nada de balde", recordamos nós neste derradeiro aniversario daquela primeira unión, daquel primeiro intento.

Non hai outra explicación. Non pode habela.

Na vila todo o mundo sabía que o noso nacemento estaba marcado, incluso nós mesmos. E hoxe sabemos que tamén o estaba a nosa morte. Tiñamos un futuro por diante e hai cincuenta anos que as nosas nais deixaron dito cal era. Por iso erguemos na nosa casa o Arco, símbolo da semente que morre para producir nova vida e, co noso sacrificio, pedímoslle á Pachamama que poña en marcha o tempo da terra, o tempo que distribúe as estacións, o tempo que fecunda os campos, o tempo que debe curar as dores do noso pobo e fecundar os seus fillos, para que leven a todos os habitantes da Acapacha a nosa mensaxe de paz e liberdade.
___
* Este é o segundo capítulo dun dos proxectos que teño a medias con anITA para este mes de marzo. Neste caso, ameazamos con escribir unha serie de dez relatos por cabeza sobre outras tantas fotos das nosas viaxes austrais (que non astrais). O primeiro capítulo xa o publicou ela no seu blog.
** Verónica Zondek, “De cuerpos abatidos”, en Entre Lagartas (Lom, 1999)