17 Oct 2006

Oui, c'est moi

from my desk
Se non escribo non é por falta de tempo nin de cousas que contar, é que non son quen de organizar os pensamentos. Debe ser que me atoro... acotoádevos, que di meu avó. Aquí me tedes, perdendo o tempo no número 1901 da avenida 11 de septiembre (ollo ao nome). Se esta vida funcionarial non cambia en todo o ano vou acabar intoxicada.

tarde de series
Posteo dende a casa, un pisazo con dúas habitacións-dous baños (con jakuzzi)-parking-piscina-ximnasio-lavandería-conserxe 24h... Eu que sei, o departamento máis pijo que vos podades imaxinar. Non tiña mobles (ningún tiña) e de momento sobrevivimos cun par de colchóns que nos prestaron os outros expatriados españois, unha nevera, unha tele e o cable... Bendito cable! Evidentemente, caéronme a fouce e o martelo nun pé en canto atravesei a porta da entrada.

from the moll
Así, a groso modo, Stg parece a versión hispana dunha cidade usamericana media. Non hai tendiñas nin rúas estreitas nin, por suposto, casa de pedra (xa teño morriña da pedra). O que hai é un millón de centros comerciais infernais (abertos a tódalas horas, tódolos días da semana), rúas enormes cheas de edificios como o meu e de coches ao máis puro estilo walker texas ranger, rúas que se dividen en cuadras e se nomean co cruce máis próximo (eu, por exemplo, vivo en Ricardo Lyon -léase laion e non lión- con Darío Urzúa -léase Usúa-)... A diferencia, sen embargo, é que dende calquera recunchiño de Stg ves os Andes. Os Andes...

8 Oct 2006

Cheguín



Despois da viaxe do inferno cunha compañía que está a ser investigada por incumplir os horarios sistematicamente, cheguei a Chile o día 6 ás 11 da noite (hora local) e/ou o día 7 ás 5 da mañá (hora española)... había, exactamente, 24 horas que saira de Lugo. Supoño que o atraso me foi bon para o jet lag, porque durmín toda a noite (chilena) dunha tirada e ás nove da mañá estaba en marcha. Despois de ver o pacífico por vez primeira e dun almorzo espectacular, saín dar unha volta con La-Fran por Viña. Teño muitas imaxes na retina, pero a verdade é que aínda non me animei a digievolucionar a xaponesa. Dádeme tempo. Cando escribo esto son as nove e cuarto da noite (cl) e suponse que vamos ir cear a un xaponés cuns amigos dos meus anfitrións, pero o meu corpo leva un cacho comentándome que para el son as tres e cuarto da mañá e que as últimas semanas foron muito máis do que está afeito a soportar... Xa veremos.

5 Oct 2006

De hoxe nun ano

tumbadiós

É a última vez que uso a tarxeta marabillosa antes de empaquetar o ordenador. Teño o móbil en silencio. Non quero, non podo, soportar outra despedida. Gracias por chamarme igual e polas últimas mensaxes. Gracias por noites como a de onte, como a do sábado, como as de sempre. Gracias por seguir aí, ao pé da fonte... é máis fácil saltar cando sabes que te están esperando fóra cunha toalla seca. Gracias, en fin, por todo.
Pasaino (perdoarédesme o localismo) ben na miña ausencia e mandaime as crónicas, estareinas esperando.
O próximo tumbadiós... de hoxe nun ano!

1 Oct 2006

Se lo advierto

desde a ponte

...al final de las vías no encontrarán nada. Yo he ido hasta allí, acabo de volver y, créanme, sé de lo que hablo. No encontrarán nada que no sean ustedes mismos, como en cualquier otro lugar. Por lo tanto, es mejor ahorrarse el viaje y quedarse aquí. Y si me permiten que les de un consejo: intenten dirigirse la palabra. No cambian mucho las cosas, pero quizá les consuele.

Non sei se sería o mellor momento para ler semellante alegato a favor do inmobilismo. Unha non ten dúbidas sobre as decisións tomadas, que conste, pero non pode evitar remoer estas e outras palabras da Curiol mentres tenta encaixar as súas propiedades nunha maleta.
Menos mal que me levo bastante ben comigo misma.