31 May 2008

No meu moleskine IX: Valentes



Prefiro arrepentirme de intentalo a pensar toda a vida que o meu futuro morreu despois daquela copa, aquela noite que nos fomos quedando sós case sen decatarnos.

___
*A foto é Walking on eggshells, de Sandy Skoglund

30 May 2008

To have and have not

I'm hard to get, Steve
all you have to do is ask me



- You know, Steve... you're not very hard to figure. Only at times. Sometimes I know exactly what you're going to say. Most of the time. The other times... The other times you're just a stinker.

[...]

- What did you do that for?
- I've been wondering whether I'd like it.
- What's the decision?
- I don't know yet.

[...]

- It's even better when you help.

[...]

- You know you don't have to act with me. You don't have to say anything and you don't have to do anything. Not a thing... Maybe just whistle. You know how to whistle, don't you, Steve? You just put your lips together and blow.

___
* Volvo tamén ás pelis clásicas que encheron mil noites no sofá azul de Ikea con La-Fran. Quixera ter a cara e a voz de Lauren Bacall, quixera que Hawks, Hemingway e Faulkner me chivasen as frases ao oído, quixera que Bogie decidira, por unha vez, silbar máis alto.

29 May 2008


A imaxe roubeina aquí, espero ser perdoada

Non son eu nada de facer recomendacións. Non o son en xeral na vida e, muito menos, nesto das lecturas blogueiras, tan persoais. Pero estes días chegaron a min, dun ou doutro xeito, catro blogs chulirmos e quería deixalos rexistrados dalgunha maneira. Visto que reneguei das listas de enlaces hai tempo, aí vos van, facei con eles como vexades:

A casa da Ulla é unha fiestriña á vida de Pirucha e Frenchchou. Unha vida que cómpre desherbar, que cambia coa lúa e que medra coa mestura correcta de auga e de sol. Só teñen tres post, pero promete. Suscrita quedo.

Reveladora é o novo proxecto dunha vella amiga de Emerecindo. Ando algo preocupada, porque desde que descubrín o seu recuncho Mica e Malosa non actualizaron nunca, pero conservo a esperanza de ter chegado a tempo para gozalo online antes de que parta cara a outros horizontes. En calquera a caso, paga a pena mergullarse no líquido de revelado.

Os outros dous son blogs noviños e estraños. Haberá que ver como evolucionan, pero teñen o seu aquel. Textos breves, vontade de contar e unha certa intención literaria. Déixovos un exemplo de cada un deles, a ver se vos convencen:
Acórdome das bolsiñas de leite e dos vasiños de fluor que nos mandaban tomar na escola.

Sempre quixen escribir un libro titulado 20 poemas de amor e unha canción triste de Hill Street, pero no corpo a corpo contra o folio en branco só fun capaz de parir notas necrolóxicas.

28 May 2008

No meu moleskine VIII: De boa boca



É ben sabido que o pan de millo é mellor có pan de molde


___
* A afoto é, tamén, de Diane Arbus

Cuestión de xenio

Podes estar planificando unha viaxe, como joder ao teu xefe, que facer hoxe pola noite ou como montar unha bomba atómica cunha táboa de palé de pino, cinta aislante e un despertador, pero que cando estás tan calada algo manillas é evidente (e preocupante). Tés ese perfil desequilibrado de persoa que, nunha arroutada, monta unha secta suicida, escribe a novela chamada a sacar a Galiza do seu secular atraso, ten un fillo ou algo peor... É cuestión de xenio.

27 May 2008

Stay hungry, stay foolish



Evidentemente, Steve Jobs non se refería a este exemplo de creatividade, de bon gusto, de sutil poesía e de deseño rupturista que nos ofreceron os do club de caza de Francelos. Probablemente, referíase a todo o contrario. Pero é que hai que ser ben tonto e estar ben famento para perpetrar semellante enxendro. E conste que o que dá medo non é que haxa un tipo por aí cun cuarto de neurona dedicado full time ás armas, ao sexo e a matinar maneiras de misturar ambos os dous conceptos. O que dá medo é que lles tivera que dar o toque Igualdade. O que dá medo, en realidade, é que en todo Castroverde non houbera unha persoa humana que pensase aquí hai algo que falla, mmm, que será? ao mellor non está ben que o canón apunte directamente ao sexo da rapaza... Como metáfora é pateticamente cutre e como incitación á violencia contra as mulleres é un delicto.

26 May 2008

Feminina nos detalles

Levo unhas semanas remoendo un post sobre as barras libres de Miguel Olarte, desde aquel mítico Chico de la 208. Intelixente e ben escrito, como o perfil de Cacharro que publicou pouco despois, o intento de boutade á luguesa impulsoume a buscar cada domingo a contra do diario de Lugo y su provincia desde 1908. Sen embargo, esta ilusión polo malotismo autóctono foime morrendo, aos poucos, coas últimas entregas. Primeiro foi a imaxe simplista e chabacana da travesti Bárbara, despois, o cúmulo de tópicos masculinos sobre o embarazo e, para rematala, vai onte e titula a súa visión da muller empresaria "nun mundo de homes": Carmen tiene un par de huevos. Eso si, tranquilidá, Carmen "es femenina en los detalles —tiene decenas de bolsos y algo así como 3.000 collares y pendientes". Home, se nos poñemos canallitas, e a min encántame o espírito canalla, o seu é esforzarse un pouquiño e intentar dicir algo inxenioso, non?
Ou, como mínimo, algo que non cheire a naftalina.

25 May 2008

No meu moleskine VII: Artistas



Soñei que era de barro e que, a medida que o faciamos, el me ía dando forma.


___
*Rita Hayworth e Orson Welles en The Lady from Shanghai. O xogo de espellos ficticio reflexaba tamén a complexa relación entre a actriz e o director, unha das miñas historias de paixón creación dependencia amor e odio (propio e alleo) favoritas.

Before everything else



I guess when you're young you just believe there'll be many people with whom you'll connect with.
Later in life you realize it only happens a few times.


___
*Pasan os anos e volvo a elas. Búscome nas frases que me marcaron noutros momentos, noutros lugares, esperando comprobar que tralas mudas de pel queda un algo recoñecible.

23 May 2008

Diversificar



Cóntolle as miñas desventuras vitais profesionais sentimentais a esa curmá bohemia coa que me levan comparando toda a vida e que tuven que ir coñecer a Madriz hai dous anos. Ri, serás ingenua. Tira da vantaxe que lle dá a experiencia para resumir os tres consellos nun: diversifica. Ri de novo, como sorprendida, pero hay que ver lo ingenua que eres! Cóntame as súas propias (divertidas e diversas) aventuras e ofréceme o primeiro chanzo da diversificación: un traballo e un fadista. De edad te va perfecto, ya sabe quien eres y tiene tu móvil, toma tú el suyo y vete a verlo. Eu anoto o número nun recuncho da primeira páxina do xornal e sigo falando con ela. Encántame falar con ela. Ao colgar, miro para o número e escarárllome... Vai resultar que son unha inxenua!

22 May 2008

No meu moleskine VI: Relixiosos



É un problema de relixión, porque se es ateo e cres que esto é todo o que hai, queres disfrutalo.


___
*The Crucifixion pertence á serie "INRI", de Bettina Rheims.

Hi5 e o spam

Di Luis no blog de David de Ugarte que Hi5 o converteu nun spammer. Tamén a min. Non sei que pensarán o meu titor do doutoramento, co que non falo dende hai dous anos, e o director do traballo de fin de carreira de Gales, que non sabe de min dende hai sete, da miña proposta de amizade electrónica.

21 May 2008

Oito claves para un xuño primaveral

Nubes
Un ceo primaveral para renovar os votos invernais

1. Saír do taller.

2. Vivir o presente, con todas as consecuencias.

3. Probar toda a coctelería do Baobab.

4. Diversificar.

5. Organizar unha Cena de Chicas en Galicia.

6. Planificar unha viaxe.

7. Facer unha serie de fotos de ventanas.

8. Mudarme ao meu curruncho e axudarlle a anITA a vestir as paredes do seu.

20 May 2008

Paso a nivel



A vida pásame por diante, na forma daquel tren que comunicou durante anos dúas das miñas realidades. Mentres, eu espero no paso a nivel.

19 May 2008

No meu moleskine V: Deportistas



Sempre a puxera a mil, pero xa cando veu do cárcere... sen barriga...

___
*A afoto é de Diane Arbus

18 May 2008

Melodía dos días usados (por outra persoa)

A melancolía para min é só unha liña branca que separa a alegría e a dor, unha atalaia privilexiada dende a que observar a vida e contala*.



Recibo e leo, dunha sentada, os dous libros que me quedaran fóra do ventre da balea. Engulo os días usados por Anxos Sumai nunha mañá. Emociónanme. Inúndanme. Paralízanme. Sinto esa enerxía que me atravesa con algúns libros, que me leva a queimar a lectura rapidisimamente, aínda contra a miña propia vontade. En realidade, eu non quero acabalos, nin rápido nin despacio, non quero acabalos nunca, porque non quero quedar orfa desa voz en off que por veces parece narrar os meus propios pensamentos. Síntome como se alguén escuitara muitas das cousas que me digo a min mésma, lles dése forma e as publicase nunha especie de manual básico para a comprensión profunda dunha persoa normal que ata este momento se tiña por especial. A empatía chega a un punto surrealista, concéntrico, que me asusta un pouco, cando a voz en off describe -falando das fotografías de Nan Goldin (!!)- as sensacións que está producindo en min, aquí e agora, a súa lectura:
Sábado, 5 de outubro de 2002.- Botamos horas mirando a exposición de fotos de Nan Golding. Fotografías da vida privada, a vida máis íntima: a propia, a dos amigos, a dos amantes. A vida vivida e contada sen medo, sen pudor, como nun diario case segredo, case prohibido. Saio de alí con ganas de abraza-la xente e dicirlle: "o teu medo é o meu medo". Saio alegre pola vida vista en imaxes, abatida pola dor que recoñezo nos demais pero estrañamente feliz por saber da alegría e da tristeza comúns, universais. En fin, en paz. Cando se fala con valor do trivial, da felicidade, do íntimo ou do doloroso, desaparece o medo, porque nos vémo-la fenda que, como un machadazo, todos temos en algures.
Alucino. Pecho o libro, métoo no bolso, collo o coche e vou á aldea. Teño que vivir un pedazo da miña vida, porque me angustia un pouco sentir que nada do que eu sinto, do que eu penso, do que eu vivo, é novo. Está todo dito. Camiño da aldea, sen embargo, escuito a miña propia voz en off máis insistente, máis alta e máis segura ca nunca. Tranquilízome un pouco e penso que o que teño que facer é gozar desta empatía, da paz que me dá ver que os demáis tamén teñen fendas, e, se cadra, aproveitar esta enerxía e tentar darlle forma á miña propia voz en off, tentar escribir máis ou, máis ben, tentar escribir mellor.

Unhas horas máis tarde, cando me volvo poñer coa lectura, atopo esto:
Martes, 28 de xaneiro de 2003.- Cando leo boa literatura sinto ganas de escribir máis e mellor, sentarme diante do ordenata e non parar de contar cousas. Pero outras veces non, outras veces pregúntome para que escribo se xa hai outra xente que di moito mellor ca min as cousas que eu quero dicir.
Ao final vai resultar que teñen razón os posmodernos, está todo dito e ao carallo.
___
* Melodía de días usados, Anxos Sumai.
**A fiestra aberta pertence ao novo proxecto fotográfico iniciado a seis mans con anITA e con Bárbara, roubeilla a unha casa moribunda que só deixa ver as súas feridas aos que camiñan polo adarve da muralla, en Lugo.

17 May 2008

A túa lingua...



...é a túa honra, di este papeliño que leva pendurado dunha parede da miña habitación desde que mo regalaran as primas da aldea, hai ben anos. A Iria acaba de cumprir 19 anos e a Montse, que daquela firmou cun redondo, fai os 17 en outubro. Elas foron as primeiras da nosa xeración que viviron a súa vida en galego. Ao contrario que meus irmáns e máis eu, elas aprenderon a ler e a escribir en galego, aprenderon os días da semana en galego, aprenderon a anomear os parentescos en galego, aprenderon a anomear as partes do corpo en galego, aprenderon a ciencia en galego, aprenderon os nomes dos países do mundo e das súas capitais en galego, aprenderon a facer amig@s en galego, aprenderon a enfadarse (e a reconciliarse) c@s amigo@s en galego, aprenderon a bicar a beber a bailar a viaxar en galego, aprenderon a romper corazóns e a recompor corazóns rotos en galego, aprenderon a esixir os seus dereitos en galego, aprenderon a aceptar as súas derrotas en galego... aprenderon, en galego, que a súa lingua é a súa honra e que non hai mellor maneira de honrala que falala, lela, escribila, vivila.
E, con elas, aos poucos, aprendemos os demais.

Deséxovos, deséxonos, unha feliz vida de letras.

16 May 2008

No meu moleskine IV: Divertidos



Na lingua esquimal, hai unha mesma palabra para facer o amor e para rir.

___
*Este Bathtub (2005) é de Ryan McGinley, un rapaz noviño que segue os pasos de Larry Clark ou da propia Nan Goldin.

Getting into yoga


A miña yankee boa converteuse nunha iogi. Víase vir

Recupero un correo de Blair recomendándome o mellor libro de ioga de todos os tempos e fago, sen pensalo muito, a miña primeira compra na librería de Alexandría. Voume meter no ioga, a ver se aproveitando o equilibrio e a flexibilidade que herdei da infancia rímica atopo o camiño para sair deste vitimismo. Como mui ben lle di Concha Buika ao mellor cronista que tivo e ten o festival de Ortigueira nesta xoia de conversa, o vitimismo é odioso e, amais, "o ser humano é crise constante e depende diso para evolucionar".
Evolucionemos, logo.
Jodida, pero contenta.

15 May 2008

Es el mejor momento




Chéganme máis recomendacións musicais dun pirata nostálxico e aprovéitoas na fotosíntese da miña propia melancolía. Es el mejor momento /reconocer sentir a veces tanto miedo, / y entender que justamente/ése es el gesto más valiente.
Na vida todo e bon, e tal.
Sigue chovendo e eu tuven que cambiar o tanqueraiconesprait por un té martinique e unha partida de tute. Paseino ben. Facemos unha boa timba, a doutora Fleishman, Wu e señora e máis eu. Dúas ás que lles gusta gañar, unha á que non lle importa perder e un kamikaze. Es el mejor momento / comprender, no poder ganar todas las veces / y entender que ésa es la llave / hacia un camino más amable.
Distinguir as dores inevitables das evitables, e tal.
Gústame esta nova vida escollida. O pikiniño e o afillao mantéñenme intacto o espírito lúdico, aparece o fogar perfecto no que compartir timbas ceas cafeses e pinículas cos que tanto me levan esperado na beira desta fonte, véñenme ver outras vidas e seguen chegando interesantes posibilidades coas que encher a xornada laboral... Son consciente de que o único que me impide entretecer rutinas felices é a incerteza do que non depende de min. Y aceptar que no todo es tan fácil, / y que no siempre los huesos / aguantan el peso, / reconstrucción.
E tal.

14 May 2008

Al otro lado de la nube negra

allá donde no quedan mercaderes
que venden soledades de ginebra



Desespero porque a puta nube pase, descargue o que teña que descargar e deixe sitio ao sol da primavera. Chove e eu mataría por un tanqueraiconesprait.

13 May 2008

No meu moleskine III: Físicos



Físicos, moi físicos... a
ti gústanche físicos... pero dos da teoría relatividade.

___
*Physique Pictorial é unha publicación mítica da prehistoria da pornografía homosexual que recuperou Taschen hai pouco.


Despois de escuitar os Piratas ata o aburrimento, no gran irmán galés, quedara algo chea da melancolía de Iván Ferreiro. E as broncas co nadador, que ameazaba con tirar os discos pola ventanilla do coche se o torturaba coas súas cancións, acabaron por erradicalo da torre dos cd's (máis) escuitados. Ultimamente, volveu á miña vida, primeiro da man dunha das miñas (dúas) asturianas favoritas, despois a través de Eva Luna e da súa paixón por Deluxe e, finalmente, con todas as mentiras e verdades do tío listo que de boíño transmutou en pirata.

Ao mellor é que estou melancólica, ansiosa ou intensa (ou as tres cousas a un tempo), pero quedei trabada na letra desa canción. Si cada noche que dormí / cada minuto que pasamos / sin hablar desaparecen. Nunca me gustou durmir, sinto que perdo o tempo, e custoume anos aprender a estar en silenzo con outra persoa. Estes días case non durmo e falo (e posteo) aínda máis do habitual, falo e falo sen parar, compulsivamente, como se contalas en voz alta alixeirase o peso das miñas derrotas. Repetiré como yo quiera / ese minuto que viví / y no me importa si hay rigor. Aínda hoxe ando rumiando as horas de conversa e de silenzos con Gonzito no meu coche. Construímonos e deconstruímonos, a nós mesmos e ao outro, como aquela outra vez. Contámonos cousas que nunca antes contaramos, nin sequera a nós mesmos. E disfrazamos as verdades de mentiras, porque ás veces é a única maneira que a xente coma nós encontra para dicilas. Sólo hay mentiras y con ello / lo que quieres es decir /toda la verdad.

Só estivo dous días e bótoo tanto de menos...

Na vida é todo bon



Dime meu pai, cando protesto porque me fai escuitar a Ruleta de la Suerte mentres traballo e lle propoño que, xa que me distrae, o faga con algo bon, que pague a pena oir.
- Na vida é todo bon.
- Non, todo non.
- Si, todo, porque o malo apréndeche a apreciar o bon.
E eu primeiro río e logo calo.

Afoto de Pepe Ferrín para AGN

Cóntanos esa xornalista que tanto me gusta, con nome de boa e preguntas de lista, que falou estes días con Galeano (afortunada ela e algún outro). Anxa recolleu do mestre un consello que me encantou. Gustáme tanto que o convirto no meu mantra (agora que vou comezar co ioga): distinguir as dores inevitables das evitables e luitar contra as últimas.

Hoxe toca taller de novo.

12 May 2008

Desengánate

Encántame esa expresión, desengánate. A miña abuela úsaa seguido. Desengáate, esa non che volve. Desengánate, ese non che cambia. Desengánate, nesa terra nunca na vida se che dan os tomates... Implica que vives enganada, claro, pero tamén que te enganaches ti soa e que ti soa tés que sair do teu erro. Onte desenganeime, desenganáronme. O bon foi que o engano, mentres durou, foi divertido e emocionante como se fose real. O malo, que en canto me caeu das mans se desintegrou sen deixar rastro.

10 May 2008

No meu moleskine II: Románticos



Pues si te gustan los romanticismos, a mi me encantan. Estás más buena.
..

___
*A foto é de Robert Doisneau. Si, o do bico máis romántico e máis falso da historia da fotografía.

9 May 2008

A light exists in spring



Comparto ciberconversas sobre a natureza do amor cun listo, que vai de boiño e resultou ser un pirata, e recordo aquel post que fixera por encarga para un bon amigo e inteleztual de enxundia nun día dos namorados. Reléndoo, doume conta de que realmente son tan pretenciosa e fría como me teñen acusado de ser. E alucino. Pídenme a miña opinión sobre o amor como concepto ou sobre algunha aplicación concreta do termo abstracto e eu ofrézoa con seguridade, como se soubera do que estou falando, pero se hai un tema no mundo sobre o que non teño nin a máis remota idea é este... Por que si?, preguntámonos o pirata e máis eu, por que non?... E eu que sei! Eu non sei nada. Agora mesmo, por non saber, non sei nin como controlar enfocar asimilar encauzar as miñas propias dependencias.

Esto non ten pinta de ser normal.

Será a primavera?

Non creo, a min a primavera dáme alerxia.

___
*A (chuviosa) primavera luguesa regalounos hoxe un fermoso ceo austral, que nos recordou aqueloutro que compartiramos en Bellavista.

8 May 2008

Gonzito



Mañá chega a este Santiago un pedazo grande do meu Santiago Austral. Coñecino no findano fabuloso de Copacabana, pouco antes de deixar no Atlántico a miña ofrenda a Yumanjá e de mandarvos a derradeira pomba de fume do 2006. Coincidimos con el e cun amigo tan riquiño divertido interesante coma el no hostal. O destino, xa se sabe. Era findano, carpe diem, e barallei toda a noite a posibilidade de xogar as miñas cartas con algún deles. Como semrpe, barallei e barallei ata que se marearon os cabalos e o carpe diem foi ao carallo. De volta a Santiago, cando me debatía entre a autocrítica e a posibilidade de darlles uso aos teléfonos intercambiados, Evaluna descubriume divertida que os meus adonis eran parella. Xurdín reforzada das cinsas das miñas ilusións e iniciamos unha amizade estraña, discontinua pero fondísima, case familiar, que culminou nunha das mellores experiencias que vivín nun ano cheo de grandes experiencias. Entre outras muitas cousas, con Gonzo vivín unha noite única, sentada durante horas nunha hamaca á beira dun río. Unha noite na que me sentín lúa, luminosa e misteriosa como nunca antes. Como nunca despois.

A ruta comezará en Lugo, mañá pola noite; seguirá na Curuña, o sábado, se anITA nos acolle; e culminará neste Santiago, entre o domingo e o luns. Temos muitas cousas que contarnos, claro, pero aceptamos encantados novas incorporacións. Sobre todo nocturnas, porque eu non estou para muitos trotes e Gonzito é un noctámbulo impenitente.

7 May 2008

No meu moleskine I: Prosaicos



Cando chegas ao empate técnico en esgrima intelectual pretenciosa, o mellor é pasar a algo más prosaico.

___
*As frases que median o moleskine que me regalara miña tía hai anos (muito antes de que eu soubera que existía semellante cousa) nunca son miñas. Ás veces conservo o autor e a data. Outras veces, non. Sempre recordo perfectamente donde as anotei. Vou ver se as paso ao formato electrónico.
**Non é a primeira vez que uso esta esta serie de autorretratos de Nan Goldin. Non quixera repetirme, pero non coñezo unha imaxe que lle acaia mellor a esa frase condenatoria.
*** Neste blog portugués hai absolutamente de todo. É infinito.

6 May 2008

Sofía Casanova (et al)


A foto mangueina aquí

A presenza feminina no rueiro de Lugo é practicamente nula. O Plan de Igualdade aprobado polo Concello en 2005 comprometíase a reverter a situación, pero hai uns días aprobáronse 24 novos nomes de rúas e ningún deles pertence a unha muller, ningún! Se non me fallan as matemáticas eso non só non axuda a solucionar o problema, se non que o empeora.

Chégame un texto de protesta que asegura que "tan só seis [mulleres] teñen a honra de figurar (de sacado virxes, santas e nobreza), o que aínda non representa o 1%". Eu non quitaría as virxes, as santas e as nobres, que ao fin tamén eran mulleres. E, por certo, habería que ver que tan virxes, tan santas ou tan nobres foron. Pero, aínda así, segundo un estudio que publicou o diario gratuito ADN non hai muito, a porcentaxe de rúas con nome de muller anda en Lugo polo 4%*, igual que na Coruña e en Pontevedra, sobre o 3% de Ourense e baixo o 5% da media do estado. O estudo, por certo, tamén asegura que son as advocacións da Virxe e os nomes das santas os que reciben máis atención, por diante das grandes heroínas e das mulleres da aristocracia.

É obvio que hai tantas mulleres dignas de dar nome á nosa cotidianeidade coma homes. Ou non? Eu, que vivo nunha rúa con nome de militar franquista, estou segura. De feito, chamádeme rarita, pero eu preferiría mil veces vivir na rúa Sofía Casanova. Muller, xornalista, políglota, literata, académica de honra da RAG de 1906, cronista de guerra no século XIX, pacifista, nai e galega. Como pode ser que non teña un oco no rueiro lugués?
___
*A porcentaxe de habitantes mulleres anda polo 53,4%


Ahí tienes feísima pedacitos de mi Habana

4 May 2008

Posta a punto



Nos próximos días vou ter que pasar polo taller*. Estou ben, pero foi todo tan inesperado e rápido, para min e para os que me queren, que me deu medo non dar asimilado tanto afecto e pasei das grandes festas programadas para hoxe. Quedei na casa petrucial cos xornais do domingo, coa música a toda pastilla, rodeada de libros e pinículas, revisando fotos e escribindo frases inconexas... contenta.
___
* Por certo, O'Xirarei, levo as súas anécdotas ben aprendidas. Gracias por compartilas.

2 May 2008

Francamente



Sempre me acusaron de ser a persoa menos diplomática do mundo. Sincera ata o enfermizo, segundo aquela a quen lle tocaba arreglar as miñas desfeitas, co tempo aprendín a non dar opinións non solicitadas e mesmo a suavizar as que intúo poden mancar aos demais. Tamén aprendín a non solicitar opinións que intúo me poden mancar, porque non me vai o masoquismo e porque sei que me mancaría aínda máis unha mentira piadosa que un comentario ferinte. Onte, sen embargo, aproveiter a nosa última cea para preguntarlles a La Lore e a un Alikense a súa opinión sobre a miña vida, sobre quen fun, quen son e o que podería ser, sobre onde estou e cara a onde vou. Fíxeno sabendo que a resposta non sería fácil de dar nin fácil de recibir, porque confiaba (confío) na súa franqueza e no seu criterio. Non foi tan terrible, nin tan difícil, nin (seguramente) tan franca como esperaba e quedei con ganas de máis.
Será que ao final si que me vai a marcha.
Será que non son tan segura e prepotente como parece.
Ou será que son aínda máis ególatra do normal nunha blogueira.