Imaxina que consegues, por fin, amigos chilenos.
Imaxina que veñen un xoves cear.
Imaxina que comedes ben e bebedes ben viño branco e dades conta dunha botella de limoncelo.
Imaxina que eles están de vacaciós e vos propoñen escaparvos a fin de semana ao deserto, para ver as estrelas.
Imaxina que ti non podes, porque o domingo tés visita, e lles suplicas que non vaian sen ti.
Imaxina que che propoñen sair inmediatamente, al tiro, e chegar a tempo para recibir a M.
Imaxina que, por un segundo, che escorregan polos ollos as ganas de aceptar.
Imaxina que as túas ganas son contaxiosas.
Imaxina que unha hora máis tarde estás na porta da túa casa, coa mochila lista e o bikini posto.
Imaxina que, xa na autopista, con Sabina de fondo (que terá Sabina que se está a converter na banda sonora desta aventura), te decatas de que hai lúa chea.
"Qué pena, así no se ven bien las estrellas", diría un dos rapaces.Imaxina que seis horas máis tarde te estás bañando na praia, despois de chamar ao traballo para excusarte por unha gastrointerite inoportuna.
"Pero, se non fora por ela, seguramente non fariamos esta viaxe", pensarías ti.
Imaxina que esa mesma noite estás vendo estrelas que nunca viras, porque o ceo contaminado de Santiago chas tiña prohibidas.
Imaxina que, de regalo, aprendes o significado da chapa que compraches ao chegar.
Imaxina que ao día seguinte aprendes a facer pisco.
Imaxina que decidides aproveitar a viaxe ao máximo e chamas a M. e pides perdón mil veces porque a vas deixar colgada e aseguras sentilo e pode que de verdade o sintas e pode que non.
Imaxina que atopades un hostal naturista, á beira dun río que dá vida a un deserto, e que pasas a noite conversando cun tipo incríble, que te define sen coñecerte, ao que pretendes definir sen coñecelo, mentres a lúa sae de tras dun monte e atravesa o ceo sobre as vosas cabezas, de puntillas, para esconderse silandeira tras doutro monte.
Imaxina que te sintes lúa, correndo de puntillas entre os montes para non ser vista.
Imaxina que, de verdade, te atreveses a sair de tras do monte.
No comments:
Post a Comment