29 Dec 2011

We teach life, sir



___
*Rafeef Ziadah é unha refuxiada palestina de terceira xeración. Activista política e poetisa do spoken word, publicou un CD, Hadeel, dedicado á mocidade palestina, "who still fly kites in the face of F16 bombers, who still remember the names of their villages in Palestine and still hear the sound of Hadeel over Gaza". Tamén paga moito a pena estoutro poema, o seu leit motiv: I am an arab woman of color and we come in all shades of anger.

27 Dec 2011

Whatever!



He can have his space
He can take his time
He can kiss you where the sun don't shine
Oh baby
Don't let him waste your time

19/07/09

26 Dec 2011

Bicos descontados (IV)



Durmo tan ben, tan profundamente, que me pregunto se non terían razón os que dicían que non era que non me gustara durmir con outra persoa. Que o que non me gustaba era durmir con eles. Pénsoo, pero non llo digo. Contida. Covarde. El contéstasme igual, sen sabelo: Uma coisa é habitar a pele. Dime. Outra é ter a noite por fragata.
___
*Di a xente de Quase Nada que dixo Eugénio de Andrade.

25 Dec 2011

#3

A. colecciona guías de viaxe, billetes de avión e fotos de si mesma nos lugares máis fermosos do planeta. Faino de xeito compulsivo, porque lle gustaría que os recordos rebordasen as seis semanas de vacacións e ocupansen todos os días da súa vida. Polo seu 45 aniversario prepara unha viaxe a Rapa Nui e a Tahiti. Chega á illa o día do seu cumpreanos e a celebración acaba na cama dun artesán local. Esa noite unha tormenta terrible sacode a illa. Cando se levantan, comproban que non hai nin luz eléctrica nin conexión por cable ou satélite. Non hai maneira de comunicarse co continente. O mar tragou os barcos que estaban amarrados e non chegan os avións do día. Están atrapados, os recursos son limitados e a ninguén parece importarlle... Nin dentro nin fóra da illa.

Drama social

28/07/11

24 Dec 2011

Bicos descontados (III)



Unha tardiña de domingo saímos de Santiago. O lugar do crime é importante. Cambiamos as cañas por unha cea con viño café e copa. Acabóusenos o vrao outonal. O frío tamén é importante, si. Trememos, pero non nos tocamos. Contidos. Covardes. Sempre educados. Arriba las manos! - di - Esto es un atraco. E, por unha vez, eu tampouco quero deixar quedar a cousa así.

___
*Más allá de la sombra / te delatan tus ojos, / y te adivino tersa, / como un mapa extendido / de asombro y de deseo. // Date por muerta / amor, / es un atraco. / Tus labios o la vida. "El Lugar Del Crimen", de Luis García Montero.

23 Dec 2011

#2

T. é brasileira. Chegou a Galicia hai seis anos, cun contrato para traballar nunha casa de ricos. A cousa non foi exactamente así e acabou dando coa súa pel nun club de carretera. Pero a vida vai buscando o seu ritmo e, pese a todo, T. consegue manterse a flote. Un día, EL aparece pola porta. Presume de ser un tipo poderoso e, para demostralo, convirte a súa vida nun inferno. Tarda meses en reunir a forza necesaria para escapar. Cando chega ao piso de acollida, EL está esperando na porta, vestido co seu uniforme de Garda Civil. No camiño de volta ao club, dalle unha malleira que a deixa inconsciente. É a última.

Novela negra

28/07/11

22 Dec 2011

Bicos descontados (II)

14

Intercambiamos os números de teléfono. Tomamos esa caña unha tardiña de vrao outonal. Falamos moito. Acompáñame á casa. Que educado. Escribímonos algunhas mensaxes moderadas e pizpiretas. Tomamos máis cañas outonais con tendencia crecente ao frío invernal. Falamos de case todo. Non sei se entendo aos homes felices. Cóntolle as follas á margarita. Nunca antes coñecera ningún.

21 Dec 2011

#1

M. ten 33 anos e leva 10 vivindo en Barcelona. Despois de moitos esforzos, por fin sinte que conseguiu construir a vida que quería: un bo traballo, un piso bonito nun barrio tranquilo, unha pandilla de xente divertida coa que facer plans de fin de semana e unha parella coa que compartir todo o lote. Unha noite de festa, M. recibe unha chamada. Os seus pais acaban de morrer nun accidente de tráfico. Adianta as vacacións e marcha para a aldea. Pasado o caos do enterro, dáse conta de que non vai ser sinxelo atopar un bo sitio no que deixar os avós. El ten alzheimer avanzado e a ela estanlle empezando os primeiros síntomas. O mozo propolle deixar atrás a súa vida e que instalarse con eles.

Comedia

28/07/11

19 Dec 2011

Bicos descontados (I)



Coñézoo nunha festa de aniversario. Mírame. Sorrí. Fala muito, con todo o mundo menos comigo. Parece un tipo feliz. Búscoo no facebook e pídolle amizade. Como quen non quere a cousa. Acting casual. Acéptame. Escríbeme unha mensaxe. Hai que quedar para tomar unhas cañas. Contéstolle. Cando queiras. Queda a cousa así.

___
*Din en Besos que fueron y no fueron, de Roger Olmos e David Aceituno (Lumen, 2011), sobre os bicos tímidos que: "Hay estudios que demuestran que las margaritas que escojen los tímidos tienen siempre un número de pétalos par, es decir: NO SE LO DAN."

6 Oct 2011

Outing XVIII

Non aturo caerlle mal á xente.

A L. e a D. fíxolles muita gracia oirmo dicir, unha noite de confesións de bar. Polo visto non é lóxico exercer de prepotente e angustiarse despois cando alguén se revolve e che enseña os dentes. E non será lóxico, pero é. Acepto o desprezo. Agradezo a falta de interese. Adoro que a xente entre no xogo da bordería mol. Pero non soporto provocar antipatía.

5 Oct 2011

Amor Feliz

Que a xente non coñecedora dun amor feliz
asegure que en ningures existe un amor feliz.

Con esta crenza seralles máis sinxelo vivir, tamén morrer.
___
*Edicións Positivas prepara unha antoloxía de Wislawa Szymborska na que aparecerá este poema que leu onte Olga Novo na primeira noite de Picaversos.

30 Aug 2011

Mala educación

De mi vida lo que puedo contar es bueno, por eso la escribo poco. Hace un año comencé a publicar mis diarios pletórico de tristeza, como un señor enjoyado envuelto en depresiones al que la desgracia le estaba tumbando el pelo. Pero cuando las cosas amenazan con ir bien resulta de mala educación contarlo.
___
*CXIV, Manuel Jabois.

Downton Abbey



___
*Downton Abbey é unha serie dramática británica creada por Julian Fellowes para a ITV. Disque cada episodio da primeira temporada custou un millón de libras e que os viron (de media) máis de 10 millóns de telespectadores no Reino Unido e máis de 6 millóns nos USA. En total, máis de 100 países compraron os dereitos de emisión. En España, emitiuna Antena 3 os martes e andivo entre os 3,2 e os 2,5 millóns de espectadores. Apta para fans de Jane Austen, de James Ivory, das witty remarks británicas e, por suposto, de Upstairs, Downstairs. Nos primeiros capítulos emborrachoume un pouco a enormidade da produción, a verdade, pero acabei colléndolles tanto cariño aos personaxes que conto as horas que faltan para saber que será deles na segunda temporada (da que fala aquí, The Guardian).

28 Aug 2011

O final do túnel



Vai rematando o vrao máis tranquilo e enerxizante da miña vida. Semanas de lecturas e series, de cañas e conversas, de xornada de verán autónoma, de sonos de oito horas, de hortas limpezas papanzas e paseos en familia. Foi un vrao raruno, sen viaxes nin excusas para non facelos. Un vrao silencioso, apático e algo autista, supoño. Pero tamén xenial, xusto e necesario. Un tempo precioso no que estiven onde quería estar, con quen quería estar. Antonte, no noso último paseo estival, invadiume o espírito da metáfora evidente e díxenlle ao papá: Visto dende aquí, calquera diría que por fin chegamos ao final do túnel. El miroume con ese sorriso pillo que se lle puxo ultimamente e respondeu: ... eso ou atopamos por fin o tren que nos remate.

26 Aug 2011

Cuitelo

Pídesme que faga aquel biscoito de chocolate. Coloco a tableta no borde da mesa e cargo todo o meu peso sobre as últimas dúas porcións. Nada. Doulle un golpe seco. Non hai maneira. Collo un cuitelo, colócoo na liña e finco con forza, a man dereita no mango e a esquerda no gume. Cando me dou conta do erro xa é tarde. O sangue anégame os pés.

25 Aug 2011

Acusación

A NENA miraba
todos os días
enriba do armario
se a pelota seguía alí:
desinchándose

__
*Acusación é o segundo libro de Xiana Arias. Non lle lin Ortigas, pero este pareceume un artefacto perfecto, a dose xusta de versos concisos, directos, algo crus: RECOÑÉZOME na dúbida: / Canto tempo resistirá a man / na pota de auga fervendo nos que rastrexar imaxes compartidas, como esa pelota que se desincha no alto dun armario ou esa sensación de desubicación permanente: VOUME / quero volver. / Estou sempre / no lugar seguinte. / Cando me deito / quero volverme erguer. / Cando me ergo / quero volverme deitar.

6 Aug 2011

The Big C



Cancer is the only illness that all patients think they're being punished.
___
*Lin por aí que The Big C é unha serie sobre como vivir o cáncer dende unha perspectiva positiva, pero eu non lle vexo o optimismo nin a visión positiva por ningún lado. The Big C é divertida, pero non porque ningunha das personaxes considere que un melanoma de estadio IV é unha oportunidade. Máis ben todo o contrario. En The Big C hai negación, hai escapismo, hai un punto bastante razonable de loucura e hai o sarcasmo despiadado de quen se ve xa fóra desa foto algo previsible que é a vida dunha muller branca do extrarradio estadounidense. Se algunha tacha teño que facerlle é que non o deixaran estar na primeira temporada.
**A non perder, tal e como me advertira
Ghanito, Idris Elba. Aiomá e todo iso.

2 Aug 2011

Inside Job


Why should a financial engineer be paid four to a hundred times more than a real engineer? A real engineer builds bridges. A financial engineer build dreams... and, you know, when those dreams turn out to be nightmares other people pay for it.
___
*Inside Job é un documental sobre a crise financieira de 2008 escrito, dirixido e producido por Charles Ferguson. O autor defíneo como "unha película sobre a corrupción sistemática dos USA por parte da industria financeira e as súas consecuencias", con el gañou o Óscar ao mellor documental e lin por aí que á Sony lle custou 2 millóns de dólares facelo e que leva recadado 4,3 só nos Estados Unidos. É un traballo documentadísimo e, sen embargo, claro e entretido. Dá bastantes ganas de desmontar este chiringo absurdo no que vivimos e supoño que, xa só por iso, paga a pena velo.

26 Jul 2011

Extimidad



Si la soledad y el silencio eran "funcionales" al sistema, porque eran necesarios para practicar la introspección y la autoreflexión que eran la base de la construcción del "yo" moderno, ahora se tornaron intolerables. No es aleatorio que todos debamos estar siempre conectados, disponibles y reportándonos, generando y consumiendo información. (Di Paula Sibilia en Soy visible, luego existo)

12 Jul 2011

Shameless



___
*Shameless é unha serie mítica do Channel 4 británico. Van oito temporadas dende este primeiro episodio e as poucas personaxes que permanecen na serie evolucionaron tanto que xa non hai quen as recoñeza. A maioría, desapareceron. Algunhas están no cárcere e outras morreron, pero en xeral a xente desaparece de Chatworth fuxindo. Escapan sen mirar atrás dese arrabalde ficticio no que ninguén ten un traballo normal, no todo o mundo vive das axudas da seguridade social, da prostitución, da droga ou do crime desorganizado. No que é imposible durmir sen un par de pintas, un vodka dobre e un éxtase no corpo. Detrás de Shameless está Paul Abbott, que fora guionista de Coronation Street, unha das telenovelas máis míticas de todos os tempos, e o máis interesante desta novelaza de miles de millóns de páxinas é, precisamnte, como equilibra a estrutura típica das soap operas coa brutalidade dos diálogos, a sordidez das relacións sexuais (porque sentimentais hai máis ben poucas) e cunha total falta de respecto polos arquetipos. Nunca vira unha serie menos maniquea ca esta. Chega un punto no que todas as personaxes son tan atractivas como despreciables... dependendo do momento e da cantidade de alcol e/ou drogas que leven no corpo.
**Hai unha versión USA que empezou a emitirse en febreiro deste ano. Non a vin, pero teño entendido que é muito máis ñoña.

20 Jun 2011

Luther



___
*Luther é unha serie dramática da BBC protagonizada por Idris Elba (o Stringer Bell de The Wire). Xa vos adianto que ten algún que outro problemiña de verosimilitude, pero as personaxes son estupendas e o traballo actoral, impresionante. Eu cheguei a ela da man de Ghanito (que raro!) e chimpeime os sete capítulos que hai nun suspiro. Facédeme caso, vede o primeiro. E, se non vos enganchades, deixádeme recado.

15 Jun 2011

ἀφορισμός XV: Egoísmo

A depresión transforma a persoa máis xenerosa do mundo nun monstro egoísta e cruel.
___
*A sociedade está deprimida, engado.
**Pero é un estado transitorio, matizas.

10 Jun 2011

El Desencanto



___
*El desencanto (Jaime Chávarri, 1976) é un artefacto literario, histórico e social impresionante. É o que podería ser a tele, se non estivese invadida polo aburrimento e polo baleiro. É unha peli imprescindible, que pode cambiar a túa visión da poesía, do cine e da vida. E agora, gracias a interné, podemos vela cando nos dea a gana. E parala cando se pon intensa. E retroceder cando se nos escapa unha frase xenial.
**E matizala con
Despues de tantos años (Ricardo Franco, 1994): 1, 2 e 3.
***E lerlle as boutades ao poeta maldito e brindar co escritor sen obra da familia.

E compartilo.

30 May 2011

A corda

Esperto atenazada por unha familiar sensación de caída ao abismo. Afírmome ao colchón cos pés e cos brazos, pero desta volta non funciona. Unha corda tira por min cara abaixo. Atraveso a cama. Atraveso o piso. Atraveso o cuarto dos veciños e o portal. Atraveso os sumidoiros de Compostela e aterro no alto dunha nogueira. É a nogueira de Oleiros, pero debaixo non está a aira. Debaixo hai un barranco infinito. Abrázome á póla sobre a que caín. A corda colga uns catro metros cara abaixo. No outro cabo está a E. Intento subila, pero non podo con ela. Pídolle que me axude, que intente agatuñar pola corda arriba. Contéstame que non sabe que non pode que ela só quere caer. A póla empeza a ceder. Dígolle que non me joda, que non sexa egoísta, que pense en nós, que pense en min. Trónzase a madeira. Bérrolle aos da casa, que esperten, que me axuden, que non podo máis. Voume escurrindo. Ela chora, dime que o sinte, pídeme que a perdoe. Chego ao final da póla. Vou caer. Tiro do nudo con todas as miñas forzas. Sóltome.

Déixoa caer.

26 May 2011

Os atallos e a poesía

Non estou moi certo de que, visto o horizonte, a condición poética sexa capaz de liberarnos de nada, nin de liberarse a si mesma. Igual é que ese non é o seu oficio. As dificultades da poesía, ás veces, están en como a miramos. Como se fose algo excepcional cando, ben mirado, é algo cotián que desprazamos como esquivamos as cousas que requiren esforzo: polo mesmo que utilizamos a economía de recursos, polo mesmo que preferimos descansar. Quizais polo mesmo polo que decidimos coller atallos para chegar antes. E, sen embargo, a poesía tamén é un atallo para chegar antes a outro lado. Pero non vale responsabilizala dese lugar ao que chegamos. Porque lendo a poesía dos últimos trinta anos xa deberiamos ter sabido que chegaríamos xustamente aquí.
___
*"Esas cousas que a poesía anuncia ás veces" publicouse esta mañá na edición de Santiago de La Voz de Galicia, no Vai por aí de Camilo Franco.

25 May 2011

Suite francesa

Todos sabemos que el ser humano es complejo, múltiple, contradictorio, que está lleno de sorpresas, pero hace falta una época de guerra o de grandes transformaciones para verlo. Es el espectáculo más apasionante y el más terrible del mundo. El más terrible porque es el más auténtico.

___
*Irène Némirovsky escribiu Suite française durante a ocupación alemana de Francia. É un dos libros máis emocionantes e intensos que lin na vida, un libro preciso divertido implacable. Un libro que, no seu respecto pola complexidade do ser humano, describe tamén, dalgún xeito, a beleza e a crueldade dos tempos que vivimos. Mágoa que estea inacabado. Némirovsky planeara unha historia composta por cinco novelas, pero só puido escribir as dúas primeiras. En xullo de 1942 foi detida e enviada a Auschwitz, onde morreu. A súa filla maior conservou o manuscrito, sen sabelo, pensando que era un diario persoal ao que non se sentía capaz de enfrontarse, e por iso non se publicou ata o 2004. En España, editouno Salamandra, xunto con notas e correspondencia da autora. Aquí hai un arquivo dixital de dubidosa legalidade, por se queredes botarlle un ollo antes de compralo.
**Unha visión do libro muito menos entusiasta cá miña é a deste rapaz, Tadzio Koelb.

15 May 2011

Ás cereixas



Cústame escribir. Sinto o caos dentro da miña cabeza e véxome incapaz de poñer orde. Non sabería por onde empezar. Ou será que me da todo un pouco igual. O caso é que non dou xuntado o interese necesario para intentar descifrar o que pasa. O que me pasa. A cambio, fago muitas fotos. Retrato os detalles máis insignificantes. Os momentos máis banais... Se algún día saio desta anestesia, agradecerei ter un feixe de imaxes que me recorden o feliz que era mentres durmía.

8 May 2011

Tizarlle ao lume

Chego a Supena co coche. Non hai luz en toda a aldea. Pito varias veces, pero ninguén abre o portalón. Desisto. Abro a porta do camiño coa miña chave. A chimenea está encendida e sobre a mesa de pedra hai dúas furnas de cristal. Nunha está o papá. E na outra, o I. Pero que facedes aí? O papá dime que non pasa nada, que mentres o lume estea prendido non van ter problemas para sobrevivir aí dentro. Como que o lume? Si, o lume move o mecanismo que nos da osíxeno. Veña, vai buscar leña á nave. Póñome a carrexar leña, pero a chimenea chúpaa como se nada. Agóbiome Saíde daí. Empezo a baixar as sillas, as estanterías, a roupa, os libros. Papá, por favor, saíde daí. Non contestan, xa están medio atontados. Arrebolo tamén as miñas cousas. A chaqueta, o ordenador, o bolso. O lume come todo e cando chega á carteira, acaríñaa, lámbea, detense nela tanto tempo como con todo o anterior. Doume conta de que son os cartos. O que necesito para manter o lume prendido son cartos.

27 Apr 2011

Curtocircuito (III)...

...cando a xente se mete coa miña maneira comer. Machuco. Limpo. Separo. Organizo. Gardo o que máis me gusta para o final e alongo os últimos bocados ata o límite do posible. É nese momento cando, polo visto, resulto máis graciosa. Illada. Completamente concentrada na felicidade infinita que me produce ese último átomo de coulant.

Recordo que, de pequena, os demais remataban as súas bolsas de gominolas antes de que a primeira se acabase de desfacer na miña boca. Recordo como me miraban, despois, ansiosos. E como, por suposto, sempre me tocaban compartir.

L. confesoume unha vez que cando ve unha persoa comer imaxina como será na cama. Impaciente. Controlada. Compulsiva. Desleixada. Díxomo medio escojonado despois de verme converter uns ovos fritidos con cachelos nun hexágono perfecto. E eu, antes de meter o primeiro bocado na boca, mireino aos ollos e contesteille: chssst, non quero saber.

11 Apr 2011

Sono

De pequena, eu era a única persoa da casa que podía ver a tele a calquera hora. Foi unha medida desesperada de meus pais. Non durmía sesta, era sempre última en deitarme e a primeira en levantarme, non lles chegaban as bibliotecas (nin os cartos) para entreterme e din que chegou un punto terrible no que era capaz de aparecer no seu cuarto ás cinco da mañá rosmando: que fago? abúrrome.

Tamén din que as poucas horas que durmía as durmía tan intensamente que era capaz de caer da cama e non darme conta. De feito, pasábame con frecuencia. A súa anécdota favorita é a daquela noite que os espertei berrándolles que encendesen a luz, que non sabía que lle pasaba á miña cama. Cando chegaron ao meu cuarto, víronme sentada no chan, tapada coa alfombra e intentando acomodar a cabeza no edredón enguruñado.

Un día durminme de pé.
E non, non caín.

Creo que fun unha short sleeper desas, que o superpoder viña con obsolescencia programada e que a min me tocou na época vital máis inútil. Despois, pouco a pouco, foi desaparecendo. No instituto empecei a necesitar espertador. Na universidade, collínlle o gusto a iso de botar a sesta os días despois de saír de noite. Agora cústame tanto durmir profundamente que vou pola vida arrastrando unha sensación de sono perpeuto. E a verdade é que, se o penso, jódeme bastante que me veñan cobrar agora as horas que malgastei apampando para a carta de axuste.

5 Apr 2011

Curtocircuito (II)...



... cando me preguntas, así todo seguido e mirándome aos ollos: que tal todo? Non, benigualben non me vale. Dime que tal todo, pero de verdade. Eres feliz? Estás vivindo a vida que queres vivir?

___
*A foto é do colectivo boliviano Mujeres Creando. Aproveito para compartir tamén esta web, onde atoparedes (entre outras cousas chulas) Before I Die, unha instalación interactiva que se realizou a comezos de ano nas paredes dun edificio abandonado de Nova Orleans.

4 Apr 2011

1 Apr 2011

Silencios

Se ninguén nunca che aprendeu a ler ou a escribir e o que máis che presta no mundo é tocar a gaita bailar un valse contar historias, non hai peor tortura có silencio.

Primeiro a sordeira e agora isto.

Que razón tiñas, abuelo.

31 Mar 2011

ἀφορισμός XIII: Respecto

Ninguén respecta menos a nosa opinión que aqueles que din defender os nosos dereitos.

30 Mar 2011

Curtocircuito (I)...

...cando persoas que non vin diante nunca na vida nin saben o meu segundo apelido ou como se chama meu pai me escriben correos de traballo chamándome guapi cariño corazón e mandándome miles de besos besos besos besos besos...

Intrígame que me pase tanto.

Pregúntome por qué a min.

___
*Contabilizando traumas, just for fun.

17 Mar 2011

Outing XVI

Ás veces minto.

Ao principio, a distancia que me separa da verdade é pequeniña. Menos dun milímetro. Só para coller unha flor ao pé do camiño. E vou seguindo por aí, porque, total, que máis da. Vou pegadiña pegadiña e o dano xa está feito. Pero aparecen outras flores. E un paxaro. Un regato. E unha cerdeira que rebenta de froita. Cando me quero dar conta, xa non me acordo nin de onde viña nin cara onde ía. Daquela dame muita vergoña que me vexan, que pensen que me escondo. Non tal, só me despistei. E, para demostralo, pego un chimpo, boto un berro, plántolle lume á cerdeira. Escribo un post sobre a mentira.

14 Mar 2011

Inxenuidade

Existen dos clases de ingenuos. Los primeros creen poder resolver el problema antes de comprenderlo. Los segundos (...) deciden ser ingenuos como opción de vida, conscientes de sus restricciones pero comprendiendo al tiempo que la vida solo merece la pena si se vive intensamente, luchando por aquello en que creen. (...) Rara vez logran sus objetivos, pero su esfuerzo colectivo acaba por cambiar el mundo.

___
*Di Juan Freire no seu blog.
**E tan interesnate como o propio post, este comentario de Morpho_O:
Javier García Solera (...) decía algo así como que "no es casualidad que INGENUO e INGENIO tengan la misma raíz".

10 Mar 2011

28 Feb 2011

Flores nocturnas

Cada vez que entro no cuarto da miña irmá alucino coa súa colección de flores nocturnas. Pétalos de cores imposibles. Centos de flores envoltas en centos de plastiquiños escasos, cheos de corazóns vermellos ou margaritas brancas. Un xardín misterioso que conta historias que eu non sei descrifrar... Boto contas e calculo que en toda a miña vida me terán regalado unha ducia de flores nocturnas. Pode que ducia e media. E ningunha desas flores, nin a primeira, chegou comigo á casa. Apampo para elas. Estou segura de que escondido nese xardín está un dos trazos máxicos que diferencian as nosas personalidades.

17 Feb 2011

Flash forward

I call it the garden of forking paths. All those lines they're futures that branch off each critical decision I made. (...) We engineered hundreds, even thousands of flash forwards. Sometimes we jump 20 minutes. Sometimes we jump 20 years. But every time we jumped, we saw a different possible future.
___
*Flash Forward é unha serie estadounidense baseada nunha novela homónima de Robert J. Sawyer. A serie ten as súas cousas, pero desde logo da ganas de ler o libro.

14 Feb 2011

Obediencia

A arte, tal como se concibía hai dous séculos, non ten sentido. Os artistas poñían metáforas, trazos, sons ao descoñecido... Con metáforas pouco se esclarece o misterio, a non ser que nos conformemos cun placebo, cómodo e barato na súa posoloxía, pero ineficaz a longo prazo.

___
*Obediencia é a novela coa que Antón Lopo gañou o premio García Barros 2010. Unha distopía chea de guiños ao presente que se bebe dun trago, entre sorrisos cómplices, e deixa un sabor amargo, como mandan os cánones. "Diríase que nese dilema reside a traxedia do ser humano: a maldición de elixir entre dúas únicas posibilidades e a certeza de que sempre, elixas o que elixas, se che escapará algo", di unha das personaxes ao comezo da novela. Así é.

2 Feb 2011

Suicidios



A OMS asegura que cada ano se suicidan en todo o mundo un millón persoas e que, por cada unha destas persoas, máis de 20 o intentan sen conseguilo. Ademais, alimentada polo forte tabú social existente ao redor deste tema, sábese que hai unha cantidade non determinada de suicidios encubertos como mortes accidentais.



En España, dende 1906 ata 2006, o estudo estatístico do suicidio contou cun boletín propio, pero a partir de 2007 esta información integrouse nas cifras de defuncións segundo a Causa da Morte, seguindo os estándares internacionais. O resultado deste cruce de datos é un descadre bastante frustrante, como explica este "sociólogo liberal" no seu blog e como podedes ver no gráfico anterior, da súa autoría.

En calquera caso, as últimas estatísticas estatais dispoñibles, as de 2008, sitúan o suicidio como a primeira causa externa de defunción en España, por riba dos accidentes de tráfico, cun total de 3.457 persoas falecidas, das que 2.676 eran homes (un 78%). Parece ser que a ratio home/muller de mortalidade por suicidio é de 4/1 nos USA, de 3/1 en Europa e de 1/e en Asia, pero non atopei fontes fiables coas que documentar estas cifras. En España, iso si, a diferencia é abrumadora.



En cifras absolutas e sen discriminar entre os sexos, en 2008 a peor franxa de idade foi a que vai dos 40 aos 44 anos, cun total de 341 suicidios. Sen embargo, atendendo á taxa por 100.000 habitantes, a peor franxa de idade foi dos 85 aos 89, cun 18,7**. Se vos fixades no gráfico anterior, veredes que a partir dos 80 as taxas masculinas suben muitísimo, ata chegar aos 37, 38, 47 e 50 suicidios por 100.000 habitantes.



Finalmente, as estatísticas do INE tamén ofrecen un desglose territorial que, por certo, era bastante máis completo e útil coas bases de datos de 2006. En todo caso, como podedes ver no gráfico, Lugo é a provincia de España cunha taxa de suicidios máis elevada. Entre 1998 e 2002, nesta provincia tiveron lugar unha media de 57 suicidios ao ano, o que supón unha taxa de 16 por 100.000 habitantes. Só se lle achegan Soria, cun 13, e Ávila, cun 10. De entre as galegas, a máis próxima é A Coruña, cun 9, seguida de preto por Ourense, cun 8,9. Na outra beira está Pontevedra, cun 4,1.

Leo nalgures que Émile Durkheim dixo a finais do século XIX que os suicidios son "fenómenos individuais que responden a causas sociais"... En pouco máis de 15 días, tres persoas cercanas a min intentaron suicidarse. Sei que ten que haber unha explicación. Intúo que hai non unha, senón un cento de causas sociais para esta vaga de tristeza e de desesperanza infinitas que nos rodean, pero estame custando racionalizar este asunto. Estame custando un mundo seguir as normas: manter a calma conter a ansiedade respectar as súas visións calar escuitar amosar interese sen adiantar xuízos comprender os feitos sen analizalos non retrucar outras historias muito máis tristes e desesperanzadoras non discutir non reñer non chamarlles tont@s estúpid@s egoístas cabróns non amosar lástima nin condescendencia. Non deixalos sós. E, sobre todo, estame custando un mundo entender por qué hostia a sociedade ignora este tema de xeito tan esaxerado. Por que non se pode falar deste asunto? Por que nos inventamos enfermidades ficticias que estigmatizan máis cás auténticas? Por que (e como) borramos "o incidente" de todas as conversas en menos de 24 horas? Por que sei a data da batalla de Lepanto e non teño nin idea de como actuar nesta situación?

___
*O mapa da taxa de suicidios no mundo en 2007 podédelo atopar aquí. E o de España, tamén de 2007, aquí. Ambas as dúas taxas son por 100.000 habitantes e as fontes son a OMS no primeiro caso e o INE, no segundo. A táboa por sexo e idades perpetreina eu cos datos do INE de 2008.
**Entre os 40 e os 44, esta taxa é de 9, 35.
***Tamén lin: o portal sobre o suicidio da web da OMS, estoutro
artigo da ONG uruguaia Andar, Mitos y alertas sobre el suicidio e unha reportaxe de Pere Ríos en El País chamada Los hombres se suicidan, las mujeres lo intentan. Este último remata cunha reflexión de Javier Jiménez, psicólogo clínico e presidente da Asociación de Investigación, Prevención e Intervención do Suicidio: "Lo decisivo es el carácter, la actitud ante la vida y, sobre todo, el entorno. Si te quedas en paro, pero tienes un colchón profesional, amigos y familia, no te matas".

It's not perfect, but it's mine



It's tucked away behind my eyes
Where all my fucked up thoughts can hide
Cos God forbid I hurt somebody
And the weirdest thing about my mind
Is that every answer that you find
Is the basis of a brand new cliché

This is my brain. And it's fine
It's where I spend the vast majority of my time
It's not perfect, but it's mine
___
*Tim Minchin defínese a si mesmo como "a musician with a swollen sense of my ability to articulate my insignificance". Eu descubrino neste tweet de José A. Pérez. Aquí hai muito máis.

30 Jan 2011

Ilusiones excesivas

El que escribe sobre sí mismo corre el riesgo, prácticamente inevitable, de equivocarse, aunque también sea cierto que el que escribe sobre otro se equivoca sin remedio. No entiendo, sin embargo, que esto valga como pretexto para dejar de escribir. Pero conviene tenerlo en cuenta y no hacerse excesivas ilusiones.
___
*A cita pertence a Nota autobiográfica (1986), de Gonzalo Torrente Ballester.
**
H mandoume onte este vídeo de GTB, recomendándome esperar ata o minuto 25.
***Leo aquí que se inaugurou esta semana en Madrid a exposición Los mundos de Torrente Ballester, presidida, parece, por esta frase marabillosa: La biografía de todo artista verdadero puede resumirse en su relación con el límite, porque se acomoda a él, porque lucha con él. A cita orixinal está en Curriculum, en cierto modo (1981). Por certo, no artigo de Público di Paula Corroto que Álvaro Torrente Sánchez asegura que seu pai foi "el primer académico en tener una dirección de email en la Academia. Y fue en 1993".

27 Jan 2011

De igualdade e rúas con nome de muller

Seis anos despois da aprobación do I Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres, no que o Concello de Lugo recoñecía expresamente a necesidade de "incrementar o número de rúas, centros municipais, colexios, institutos, zonas verdes... que leven nomes de mulleres que teñan achegado algo á sociedade, a ciencia ou a cultura", á comisión municipal que se encarga deste asunto aínda non se lle veu ningún nome de muller á cabeza. Xa no 2008 se aprobaran 24 novos nomes de rúas e ningún deles pertencía a unha muller. Agora, leo isto e, o que é peor, isto (!) e supoño que as persoas que conforman a comisión non coñecen ningún nome de muller que teña achegado algo á sociedade, a ciencia ou a cultura e por iso, porque non hai outros, é polo que se lles veñen á cabeza nomes de alcaldes franquistas.

Se cadra, poden buscar aquí ou aquí algo de inspiración.

Actualización 11.03.2011. A asociación Enriqueta Otero aproveitou que a celebración do Día da muller cadraba este ano o martes de Entroido para facer unha comparsa reivindicativa que achegase a súa mensaxe ao público que ateigaba as rúas e ás autoridades que recibían as comparsas na porta do concello de Lugo.



___
*Un artigo mui interesante sobre este tema, de Pablo López en La Opinión.
**Xa hai un II Plan de Igualdade do Concello de Lugo, que tamén recolle a necesidade de "promover unha repartición equitativa no nomeamento das rúas, prazas, edificios e monumentos".

20 Jan 2011

Tomo y obligo



Siga un consejo, no se enamore
y si una vuelta le toca hocicar,
fuerza,
canejo, sufra y no llore
que un hombre macho no debe llorar.


___
*O tango é Tomo y obligo, de Manuel Romero, e cántao Gardel.
**A miña tangueira favorita acordouse onte do Volver, de Alfredo Le Pera. Levo toda a mañá obsesionada con outra grande de Le Pera, Por una cabeza.

17 Jan 2011

O crime perfecto

Dígolle que faga unha lista de pros e contras. Que escriba nunha páxina os bos momentos, as palabras cariñosas, os xestos amables. E noutra, os insultos e as ameazas.

Non podo imaxinar nada peor ca ti.

Non pode. Non lle apetece. Non sabe vivir sen el. Quéreo. Cando ela se porta ben, el é moi cariñoso.

Oxalá morreras.

Compra unha corda e vaise colgar ao río, pero non é capaz.

Non vales nin para matarte.

Seu pai tuse impa sorbe os mocos abrázase a ela sen xeito. Sen consolo. Nunca ninguén lle aprendera a chorar.

Oxalá te colgaras onte.

O paxaro canta alegre coma nunca. O tele trona goles coma sempre. O ruído énchelle a cabeza e non deixa sitio para nada máis. Nin para a culpa nin para as lágrimas nin para as palabras.

Non podo imaxinar nada peor ca ti. Oxalá morreras. Non vales nin para matarte. Oxalá te colgaras onte. Ódiote.

Quere ir. Non quere estar aquí. Non pode vivir sen el. Non quere estar aquí. Quere ir... e ningunha lista, ningunha conversa, ningunha cousa que eu poida dicir ou facer vai evitar que vaia.

Actualización 22.01.11. E foi.

14 Jan 2011

Force yourself to act happy



___
*"Hawaiian Getaway", de Adrian Tomine, é unha das catro historias recollidas no volume Rubia de Verano. Todas elas tristes e honestas.

13 Jan 2011

Exactly

We have both dealt with enough criminals to know that they look exactly like the victims.
___
*Dille Matt Czuchry a Julianna Margulies en The good wife.

1 Jan 2011

En Lugo

En Lugo

O derradeiro alento de 2010 recordoume aqueloutros ceos en chamas que tanto me emocionaron noutros momentos, noutros lugares.