6 May 2008

Sofía Casanova (et al)


A foto mangueina aquí

A presenza feminina no rueiro de Lugo é practicamente nula. O Plan de Igualdade aprobado polo Concello en 2005 comprometíase a reverter a situación, pero hai uns días aprobáronse 24 novos nomes de rúas e ningún deles pertence a unha muller, ningún! Se non me fallan as matemáticas eso non só non axuda a solucionar o problema, se non que o empeora.

Chégame un texto de protesta que asegura que "tan só seis [mulleres] teñen a honra de figurar (de sacado virxes, santas e nobreza), o que aínda non representa o 1%". Eu non quitaría as virxes, as santas e as nobres, que ao fin tamén eran mulleres. E, por certo, habería que ver que tan virxes, tan santas ou tan nobres foron. Pero, aínda así, segundo un estudio que publicou o diario gratuito ADN non hai muito, a porcentaxe de rúas con nome de muller anda en Lugo polo 4%*, igual que na Coruña e en Pontevedra, sobre o 3% de Ourense e baixo o 5% da media do estado. O estudo, por certo, tamén asegura que son as advocacións da Virxe e os nomes das santas os que reciben máis atención, por diante das grandes heroínas e das mulleres da aristocracia.

É obvio que hai tantas mulleres dignas de dar nome á nosa cotidianeidade coma homes. Ou non? Eu, que vivo nunha rúa con nome de militar franquista, estou segura. De feito, chamádeme rarita, pero eu preferiría mil veces vivir na rúa Sofía Casanova. Muller, xornalista, políglota, literata, académica de honra da RAG de 1906, cronista de guerra no século XIX, pacifista, nai e galega. Como pode ser que non teña un oco no rueiro lugués?
___
*A porcentaxe de habitantes mulleres anda polo 53,4%

No comments:

Post a Comment