17 May 2008

A túa lingua...



...é a túa honra, di este papeliño que leva pendurado dunha parede da miña habitación desde que mo regalaran as primas da aldea, hai ben anos. A Iria acaba de cumprir 19 anos e a Montse, que daquela firmou cun redondo, fai os 17 en outubro. Elas foron as primeiras da nosa xeración que viviron a súa vida en galego. Ao contrario que meus irmáns e máis eu, elas aprenderon a ler e a escribir en galego, aprenderon os días da semana en galego, aprenderon a anomear os parentescos en galego, aprenderon a anomear as partes do corpo en galego, aprenderon a ciencia en galego, aprenderon os nomes dos países do mundo e das súas capitais en galego, aprenderon a facer amig@s en galego, aprenderon a enfadarse (e a reconciliarse) c@s amigo@s en galego, aprenderon a bicar a beber a bailar a viaxar en galego, aprenderon a romper corazóns e a recompor corazóns rotos en galego, aprenderon a esixir os seus dereitos en galego, aprenderon a aceptar as súas derrotas en galego... aprenderon, en galego, que a súa lingua é a súa honra e que non hai mellor maneira de honrala que falala, lela, escribila, vivila.
E, con elas, aos poucos, aprendemos os demais.

Deséxovos, deséxonos, unha feliz vida de letras.

No comments:

Post a Comment