Esperto atenazada por unha familiar sensación de caída ao abismo. Afírmome ao colchón cos pés e cos brazos, pero desta volta non funciona. Unha corda tira por min cara abaixo. Atraveso a cama. Atraveso o piso. Atraveso o cuarto dos veciños e o portal. Atraveso os sumidoiros de Compostela e aterro no alto dunha nogueira. É a nogueira de Oleiros, pero debaixo non está a aira. Debaixo hai un barranco infinito. Abrázome á póla sobre a que caín. A corda colga uns catro metros cara abaixo. No outro cabo está a E. Intento subila, pero non podo con ela. Pídolle que me axude, que intente agatuñar pola corda arriba. Contéstame que non sabe que non pode que ela só quere caer. A póla empeza a ceder. Dígolle que non me joda, que non sexa egoísta, que pense en nós, que pense en min. Trónzase a madeira. Bérrolle aos da casa, que esperten, que me axuden, que non podo máis. Voume escurrindo. Ela chora, dime que o sinte, pídeme que a perdoe. Chego ao final da póla. Vou caer. Tiro do nudo con todas as miñas forzas. Sóltome.
Déixoa caer.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment