Eu fun a un cole dos arrabaldes dunha capital de provincia no que durante anos nos deron as clases de galego en castelán. Unhas clases aburridísimas e estupidísimas que consistían en saír ó encerado conxugar verbos (regulares) e/ou traducir frases ridículas con palabras fundamentais para a supervivencia do idioma como “el delfín nada rápido” o “el tenedor es pequeño”. Sen embargo, non recordo moi ben cando, como nin por que, sendo mui pequenos representamos unha peza xenial de Manuel María: Berenguela, aventuras e desventuras dunha espiña de toxo na que eu fun, como non podía ser doutra maneira, a espiña de toxo.
Sempre fun un toxo. Meu pai di que de pequena non era así, pero que nunca lle perdoei que lle cedese o meu posto de privilexio no seu colo á miña irmá pequena. Cando ela naceu, eu tiña oito anos e meu pai xura e perxura que foi dende aquela que non quixen máis colos nin máis bicos nin máis palabras mecosas. Eu non recordo tal, para min que xa antes desas vendía bastante caros os bicos e os comentarios máis ou menos eloxiosos. Claro que como sempre fun mui maior, mui revella, e mui segura de min mesma, nunca me preocupou demasiado ser tan brava, lo que eh, eh y no pueh no seh. A miña sicoanalista particular, coa que compartin piso, conversas interminables, cheas espectaculares, obxectos de desexo e unha das maiores broncas da miña tranquila existencia, aseguroume unha vez que eu non facía máis que repetir os patróns familiares. Que son cagadiña a miña nai, vaia. Na miña casa, o bon sempre foi meu pai. O doce, o suave, o que nunca nos nega nada, o que che agarra a man vendo a tele e te abraza emocionado cando te vas de viaxe. Miña nai ri e fala berrando, dá o seu permiso cun seco "poderás", non podo contar na miña vida adulta máis de tres bicos seus e sei que se sinte orgullosa de min cando rebaixa o ton das súas críticas mentres esconde un sorriso traidor. Non sei se podo non ser así. Nin sequera sei se quero non ser así. Eu ó que aspiro é a que a xente que me importa entenda os meus "poderás", os meus bicos e as miñas críticas susurradas nun sorriso.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment