8 Nov 2008
A mellor avoa do mundo (coñecido)
A mellor avoa do mundo (coñecido, tampouco quero esaxerar) ten 83 anos, tres fillas, cinco fillos, nove netas, catro netos e tres bisnetos. Tivo unha nai, un pai, tres madastras, un medio irmán, unha media irmá e unha irmá irmá, que é a única que lle queda e que sae con ela na foto. Aprendeu a ler na casa e traballou toda a vida na aldea, donde viviu épocas malas e épocas peores. Desde que morreu súa nai, sendo mui pequena, a mellor avoa do mundo (coñecido) érguese cada día co primeiro raio de sol para encender a cociña facer o café e quentar o leite antes de que a casa bote a andar. Gústalle ler o xornal, aínda que sexa atrasado, e ver o parte e, cando soubo que a neta número 2 ía estudar xornalismo, exclamou emocionada: ao mellor acabas en Monforte dando as notas!
Cando eramos pequenos, os primos de Madrid e máis eu pasabamos parte do vrao na aldea. Daquela, como agora, eu sempre despertaba antes cós demais. Sepultada debaixo de sete mantas e aburrida, xogaba a adiviñar o ritmo escondido tralos ruídos das vacas no establo ata que a sentía arrastrar as zapatillas pola madeira. Saía disparada tras dela, sentaba no tiro coa cabeza deitada sobre o mármore e miraba o ritual de limpeza da cociña (vinagre lixa xabón estropallo auga trapo). Ela botábame o primeiro café da cafetera, que é o máis rico, e contábame historias da fame, da chicoria, do caldo de castañas, do chocolate como regalo de cumpreanos, do pai, da nai descoñecida, das festas, dos mozos, da vida.
Ultimamente, a mellor avoa do mundo anda fastidiada dos ósos. A escaseza os traballos e as crianzas pasan factura. Ás veces, a dor é tan forte que esa muller dura que pasou por todo na vida di que non pode máis, que o único que quere é morrer. A neta número 2 mira para outro lado conta ata tres e aclara a voz antes de responderlle, forzando un chisco o enfado, "eso non o diga nin de broma". Despois, deixa bulir o silenzo compartido e enche a tarde toda de trapalladas de historias rocambolescas de viaxes imposibles, ata que consegue que a gargallada enorme e rotunda da mellor avoa do mundo (coñecido) ocupe todo o espazo ao seu redor. Tamén o da dor.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment