31 Aug 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (II): Santiago Centro

Piojera

Se visitaramos xuntas o Santiago Austral levaríate pasear pola Alameda, ver a Biblioteca Nacional, dar unha volta darredor da Bolsa, subir ao cerro de Santa Lucía, botarlle un ollo ao mercadillo que hai do outro lado da avenida, sentar un cachiño diante da Moneda para poñerlle a nosa imaxe á Historia, visitar o centro cultural que hai debaixo que ás veces ten mostras interesantes, mirar os libros pirata que venden nos paseos Ahumada e Huérfanos, alucinar con que sigan existindo os cafés con piernas, visitar o Museo Chileno de Arte Precolombino (que para min é o mellor do país), gozar polo menos media hora a lección maxistral de antropoloxía que regala cada día a Praza de Armas e achegariámonos despois ata o Mercado Central, donde tomariamos un bocata de lacón (que eles chaman pernil) e un terremoto na Piojera. Se houbera sorte, xa achispadas polas réplicas, botariamos unha peza coa xente que traballa no mercado e que celebra neste bar os días de boa pega.

Mostly Harmless
(riquiñismo pasivo agresivo)



Vou tomar unhas copas coas do traballo e falamos dos prexuízos, da roupa, do calzado, das xoias, de linguaxe verbal e non verbal e da imaxe que damos aos demais. É interesante que quen hai dous meses che fixo unha entrevista de traballo che conte o que leu na túa forma de vestir, nos teus xestos, na túa maneira de falar. Dinme que nunha primeira visual teño pinta de ser correcta, educada, amable, natural (whatever that means), algo rojeras e máis ou menos inofensiva. En resumen, riquiña. Tamén me din que, nunha segunda visual, esa mirada transparente que tantas veces me teñen acusado de ter delata as miñas filias, as miñas fobias e unha determinación absoluta a luitar todas as batallas. Eu calo, asinto e penso para min: "se me chegan a ver hai dez anos, cando si que luitaba todas as batallas..." E elas rin con condescendencia ante a miña mirada transpartente e enganden: "claro, muller, iso cúrase co tempo".

30 Aug 2008

Notas para unha turista galega
no Santiago Austral (I)



O Santiago Austral non é unha cidade turística. Non é unha cidade bonita, non ten bos museos nin unha arquitectura peculiar nin bo clima nin monumentos espectaculares. Pero é unha cidade perfecta para entender Latinoamérica. É unha cidade imensa, contaminadísima, na que barrios tan pobres e conflitivos que nin os carabineros se atraven a entrar neles conviven coa burbulla da clase alta, escondida na cordilleira, onde non chegan nin o transporte público nin a contaminación.
Eu vivía a medio camiño entre os dous Santiagos. Pola mañá almorzaba un riquísimo café de Panamá cun croissant no coffe club de Providencia e pola tarde escapaba cara ao outro lado da praza Italia, na busca do Chile, da Latinoamérica, que lera nos libros, que vira nas películas, que levaba na cabeza e que non puidera vivir.

26 Aug 2008

Vai facer un ano

7º atardecer austral impresionante

Vai facer un ano que comezamos a albiscar a despedida, que volveron asexarme as dúbidas vitais, que recibín a visita do As de Espadas. Vai facer un ano que aprendín que parezo menos cínica do que son e que son menos cínica do que creo, que aprendín que sei o que quero aínda que xogue a non sabelo e que non hai carta nin disciplina esotérica que me diga como teño que vivir a miña vida. Vai facer un ano que aprendín que hai partes de min mesma que non quero negar, como hai partes de min mesma que me nego a aceptar. Vai facer un ano dos derradeiros ceos en chamas e o azar, outra vez o azar, faime trazar unha visita ideal ao Santiago Austral para unha das mulleres marabillosas que me regalou a experiencia habaneira.

22 Aug 2008

De traballos e vidas


A primeira leica de Cartier-Bresson, na wikipedia

O azar (que para Borges é el nombre que nuestra inevitable ignorancia da al tejido infinito e incalculable de efectos y de causas) fai que o centenario do nacemento do pai do fotoxornalismo coincida no tempo cunha das maiores responsabilidades e un dos maiores fracasos dos nosos medios, a narración da (propia) traxedia.

O xornalismo podería ser unha gran profesión.
Desde esta atalaia albisco algunhas das miserias máis miserables dos gabinetes e dos medios. Non podo contárvolas, claro, pero quéimame na lingua. Alucino.

18 Aug 2008

Unplugged



Paso a ponte desenchufada da vida capitalina. Ceando con lugueses aos que había mil anos que non vía, conducindo por Galicia adiante co recordo da nosa flor londinense na retina, comendo, durmindo, sobriñeando, lendo, comendo, durmindo, sobriñeando, comendo, discutindo, recuperando algo de fuelle etílico, rindo, bailando, exercendo de antropóloga da noite, luitando contra a resaca, perdendo ao mus, indo ao cine, comendo, durmindo. Volvo á rutina compostelana a rolos, despois de tanto comer e de tanto durmir, e luito contra a saudade das vidas que quedaron no camiño chateando con algúns dos seus protagonistas, pensando viaxes compartidas e botando contas de cantos ovos rompería se me lanzase nun baile desenfrenado entre as serpes e os peixes de Sandy Skoglund.

13 Aug 2008

Apapacho's time

Desordénome,
amor,
e dou co punto único
do centro dos abrazos



Ando perdida nun mar de abrazos. Bos e malos, tranquilizadores e estresantes, luminosos e escuros, sinceros e falsos, fortes e febles, divertidos e graves, fondos e superficiais, coñecidos e descoñecidos, sobrios e etílicos, atractivos e grimosos, reais e imaxinados, pasados, presentes e futuros, paternalistas, sexuais, teatrais, musicais, literarios, artísticos e, sobre todo, intensos.


É ben sabido que non só non fumo, senón que cada día me parezo máis á típica luitadora contra o tabaco. Porén, esta mañá, de camiño ao traballo, envexeille a este home a trasnada de botar un pito a escondidas pola fiestra.

12 Aug 2008

Trekking terapéutico



Despois de seis semanas traballando 16 horas ao día collín unha tarde libre para ir gavear monte arriba con algúns (e algunhas) habaneir@s. No choio miráronme como se fora a tía máis estrambótica do planeta. En vez de ir durmir a mona 20 horas seguidas... Pero a verdade é que a conversa cómplice, o cansanzo físico e a limpeza visual foron a mellor terapia contra os agobios profesionais e as preocupacións persoais. Amáis, agora que xa comprobei que as miñas enfermidades crónicas (e as miñas habilidades etílicas) desapareceron co achado, desconfío do poder desestabilisador da miña cabeciña e estudio outras posibilidades.
Be new age, my friend.

8 Aug 2008

Covardía

Volve pasar o sol pola miña porta e, unha vez máis, o son dos ovos escachando baixo os meus pés impídeme variar uns milímetros o obxectivo do penúltimo bico.

1 Aug 2008

Outing




Eu fago cousas como tender a roupa agrupada por cores e usar dúas pinzas iguais para cada prenda.