13 Apr 2008

A esta illa que son, se alguén chega,

Que atope algo é o que desexo
-mananciais de versos encendidos
e fervenzas de paz é o que teño-

03

Acumúlanseme os cruces de camiños. Hai unhas semanas que sinto que se me abren entradas da autovía a cada lado da corredoira pola que tento avanzar. En principio unha corredoira é máis fermosa e interesante ca unha autovía, claro, pero tamén muito máis incómoda. Ademáis, quen sabe se a corredoira non estará nalgún punto intransitable? Digo que non dubido, pero dubido, sen dubidar, e acumulo stress con cada cruce que vou deixando atrás. Quen sabe se non irán dar todas ao mesmo lugar? Éntrame un medo imenso, medo de avanzar polo camiño equivocado, medo a que non haxa máis saídas polas que abandonar se non dou máis, medo a chegar a un punto non que non poida nin recuar.

Pasado o último cruce, cando xa non me quedan dedos nos que acumular feridas, a corredoria chega a un clariño no que me esperan uns cantos habaneiros. Falo falo e falo, escuito escuito e escuito, no transcurso dunha noite tan rara que se fai especial nun amencer canalla no que noto que a tensión comeza a afloxar.

Esperto soa no clariño e doume conta de que dende este punto aínda se ve o último cruce que deixei atrás. Fito para el, dou unhas voltiñas a redor do claro e sigo lentamente o meu camiño, cara adiante, cara ao descoñecido. Non tardo muito en atopar de novo aos habaneiros, na praiña que vedes na foto. Unha praíña que me devolve o reflexo dunha illa fermosa e tranquila, sen máis pretensións cá de intentar ser feliz.

___
* "Isla Ignorada", de Gloria Fuertes.

No comments:

Post a Comment