18 Apr 2008

Tijaax


A imaxe saqueina daquí

Parece ser que o colgante que me trouxo La-Lore de Guatemala representa a punta dun coitelo de obsidiana vista de frente e unha pirámide vista dende arriba. É o meu nahual, o espíritu, compañeiro e gardián, que debe guiarme e protexerme e que determina a miña personalidade.

O Tzolkin é o calendario sagrado dos mayas. Ten 260 días, 13 repeticións (winaq) de 20 días (nahuales). Este calendario combinado co solar determina os ciclos da chamada "conta larga do tempo" da era do sol. Os nahuales reaparecen cada 20 días e liberan os seus poderes particularmente favorables para as persoas a quen corresponden. O meu é o Tijaax (maya Rabinaleb) ou Eztnab (maya Yucateco) e suponse que é un día propicio para pedir protección contra os inimigos, as tentacións e os accidentes. Podes averiguar o teu aquí.

Lin por aí que o feito de que o meu nahual sexa o Tijaax, determina a miña relación coas cores vermella, branca e negra, cos elementos (o meu é a auga) e coa orientación xeográfica, que segundo parece tende a ir cara ao sur...

Parece, ademais, que as persoas nacidas baixo o Tijaax somos guerreiras invencibles, valentes, fortes, áxiles, luitadoras incansables, solidarias a toda proba. Que nos expresamos en público con habilidade, que recurrimos á intución, que non rexeitamos o poder e a fama (aínda que tampouco nos preocupamos por conseguilos), que somos humanitarias e tratamos de aplicar á vida a nosa visión da xustiza e a necesidade de compartir. Non o inventei eu, eh, dino eles. Claro que tamén din que os deste nahual teñen tendencia a ofenderse facilmente, tralo que ou ben se apartan ou adoptan unha actitude provocadora, xeradora de conflitos, e que coñecen o perdón, pero non olvidan nunca os erros cometidos... Boh, serán os outros. O que si debe ser certo é o da forte orixinalidade e talento, habilidade coas mans e tenaciade e racionalidade á hora de abordar traballos en principio imposibles, hehe. Finalmente, parece que en periodos de inactividade os nacidos baixo o Tijaax se volven soñadores, melancólicos e sentimentais...

Supónse que a profesión máis axeitada para os protexidos e guiados polo Tijaax é a de médicos ou curandeiros. Se non, serán administradores, políticos, xuíces, avogados ou artistas...

Entre esto, o outro e o de máis alá... Non hai quen poda coñecerse!

No comments:

Post a Comment