26 Nov 2007

Unha boba xigantesca, peluda e babexante



Cantas veces me terei metido cos fans estéricos que acosan aos seus ídolos para decirlles marabillas do enxeño como "eu sei quen es ti"? Cantas? Cantas veces terei fachendeado de non ser mitómana? Cantas? Cantas veces me terán dito que non hai que cuspir para arriba?
Cantas?
...
Onte deixei de coñecer a comunidade galega de Guadalajara por ir ao acto na honra de Álvaro Mutis no que tamén ía estar García Márquez. Ía estar e estivo. E dixo unha frase. Unha.
Menos mal que os fans estéricos coma min nos conformamos con pouco. Co que nos dean, vaia. Menos mal que o noso fanatismo nos leva instintivamente a rexistrar todos os movementos, todos os xestos, todas as reaccións do ídolo... Información fantástica coa que xogamos a completar esa frase e todas as outras frases da súa autoría que levamos debuxadas na caluga. Menos mal que Betancur decidiu que a mellor maneira de conseguir aplausos era ler unhas palabras que Gabo lle dedicara hai anos a Mutis polo seu aniversario:
"[…] a través de la campiña belga, enrarecida por la bruma de octubre y el olor de caca humana de los barbechos recién abandonados, Álvaro había manejado durante más de tres horas, aunque nadie lo crea, en absoluto silencio. De pronto dijo: "País de grandes ciclistas y cazadores". Nunca nos explicó qué quiso decir, pero nos confesó que él lleva dentro un bobo gigantesco, peludo y babeante, que en sus momentos de descuido suelta frases como aquella, aún en las visitas más propias y hasta en los palacios presidenciales, y tiene que mantenerlo a raya mientras escribe, porque se vuelve loco y se sacude y patalea por las ansias de corregirle los libros".
Menos mal que, como era domingo e todos os restaurantes tradicionais mexicanos do estado de Jalisco estaban pechados, fomos cear a un sitio mui estiloso. Tanto, que tamén van premios Nobel de literatura. Menos mal que el-reportero-más-dicharachero de Monforte (e autor da afoto que precede estas liñas) pasou das miñas paranoias. E menos mal que hai unha boba tan xigantesca, tan peluda e tan babexante no meu interior que pode cargar con esta vergonza, porque non sei cómo nin cómo non acabei molestando a un dos tipos que máis admiro no mundo para nada, para non dicir nada, para non facer nada, para deixarme retratar con xesto alucinado antes de sair do bar levitando, como se David Bisbal me tivese cantado ao oído nun programa cutre da tele.

No comments:

Post a Comment