24 Apr 2006

Árbores que atrapan historias (I)

No Enblogs'06, entroutras cousas, descubrín que a relixión é unha das poucas materias sobre as que non son profundamente intransixente. Non creo na existencia de deus, pero respecto o valor que a súa figura ten para muita xente. De feito, nin sequera pensara nunca que ese puidera ser un tema de grandes diferenzas ideolóxicas. Outro tema é o uso que cada quen faga das súas crenzas. Ou, o que é peor, das crenzas dos demáis.
O xoves pola mañá, co regusto da última conversa da noite no padal, partín de novo para Valado City... mítico Freire, con parada en tódolos carballos do camiño, desta vez en excelente compaña. Despois do xantar e da ducha reconstituínte, a preparación do espectáculo de luz e de cor tívome ben entretida ata que, xa pola noite, coñecín a quen me viría confirmar que as crenzas non son as que marcan a diferenza.

Puigjane

Juan Antonio Puigjané é un activista a prol dos dereitos humanos arxentino, defensor dos pobres e da non-violencia activa... pero tamén é un fraile capuchino, firme crente da teoloxía da liberación. Foi un dos poucos curas que oficiaron misas polos desaparecidos durante a propia dictadura militar e foi o primeiro home que marchou xunto coas Madres de la Plaza de Mayo.
O 23 de xaneiro de 1989, uns 40 integrantes do Movimiento Todos por la Patria (MTP) decidiron atacar o rexemento de La Tablada, facéndose pasar por carapintadas -un grupo de militares que xa se tiña rebelado en ocasións anteriores-, para evitar que o propio rexemento se alzase contra o goberno de Alfonsín. Frei Antonio tivo noticias do ataque pola radio, tralo que se presentou voluntariamente ás autoriades policiais, dada a súa condición de dirixente do MTP. Foi detido, interrogado e torturado. No xuízo, por "crímenes en contra de la Ley de Defensa de la Democracia" empregáronse as súas crenzas relixiosas e sociopolíticas, para "probar su culpabilidad como coautor de 11 homicidios consumados, 12 homicidios en grado de tentativa y otros cargos". Foi condeado a 20 anos de cárcere, sen posibilidade de apelación.
O grupo de Amnistía en Valado City luitou 11 anos pola súa liberdade e a semana pasada, Antonio Puigjané pagounos unha visita. Escuitar a alguén así falar de política internacional é unha experiencia incríble.
Desperta, cunha frase encendida, as miñas dúbidas sobre a que a priori parece unha excelente noticia; sorrí beatífico, baixo a pucha do Che, cando lle mencionamos as nosas dúbidas sobre Fidel, como dicindo "perdónalos señor, no saben lo que hacen"; sonsácame as miñas filias e as miñas fobias; e pregúntame, finalmente, que fago en Madrid...
- Ay, hermanita - dime, baixiño, mentres me abraza - tenga cuidado, eso del comercio no es buena cosa...
- Ya - a resposta tipo sae como un resorte - pero siempre es bueno conocer al enemigo
- Sí - ri, tristeiro - supongo que sí...

No comments:

Post a Comment