26 Mar 2008
Árbores que atrapan historias V
Esta árbore en flor que atopamos o outro día Eva Luna, anITA e máis eu en Bonaval contounos a coñecida historia das tres emigrantes retornadas que sobreviviron a dous invernos seguidos.
Que si, que si, que é posible.
Eso si, disque estas confiadas fermosas intelixentes e sorrintes mozotas chegaron alasando á súa primeira primavera en dous anos e que, cansas como estaban, non daban reunido forzas para luitar co vento cando as sorprendía a chuvia. Luitar luitaban, pero, claro, tampouco non podían evitar xogar coa idea de renderse. Ata que chegaba onda elas un raio de amable sol tendéndolles a man... Vide, vide, que hai muito que non nos vemos... E, cando ían, o sol traidor desaparecía con gran pericia, deixándoas a flanco descuberto diante da saraiba. A idea de renderse ocupábao todo cando, ao límite das súas forzas, as cada vez menos confiadas fermosas intelixentes e dende logo menos sorrintes mozotas corrían cara ao refuxio máis cercano para lamber as súas feridas. E volvía entón o sol, desculpándose... Tiven que marchar, síntoo, eu tamén estou débil, esta ténche un carácter malísimo, calquera pode contra as súas arroutadas e patatín e patatán... E convencíaas, claro. E ir ían, pero confiar non confiaban nel nin un chisquiño, xa non eran nin fermosas nin intelixentes e ían cunha cara de can que alucinas.
Díxonos a árbore en flor que non atoparemos foto que probe esta historia, porque non houbo maneira de sacala, pero que ser é certa.
Abofé.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment