28 Jul 2005

A inteleztualidá

propiedad_intelectual

O diccionario da Real Academia da Lingua di que intelectual é a persoa que realiza actividades que esixen un grande uso da intelixencia, ou que ten gusto por esas actividades. Tirando do fío, atopamos no mesmo diccionario a definición de intelixencia como a facultade de coñecer, de comprender e de formar ideas... con sinónimos como entendemento, intelecto ou razón.

É difícil encadrar nesta definición aos que hoxendía se autoperciben como intelectuais. Inteleztuais son aqueles que coñecen, critican, clasifican e arquivan a cultura. E non a cultura como a entende a real academia (conxunto de coñecementos xerais —fóra os de especialidades, a menos que se indique o contrario— que posúe unha persoa, adquiridos mediante a instrucción ou a experiencia e/ou conxunto de coñecementos, crenzas e costumes que caracterizan as sociedades humanas organizadas, particularmente as máis avanzadas), senón os coñecementos sectoriais do que en tempos se chamaban humanidades.

Un inteleztual debe coñecer en maior ou menor medida a historia, a literatura, a música e/ou as artes plásticas do pedazo de terra no que lle tocou vivir. Eso non será, nembargantes, suficiente; nos tempos da democratización da cultura, o inteleztual terá que distinguirse de todos aqueles que posúen os mesmos coñecementos ca el. O xeito máis lóxico sería, sen dúbida, creando. Achegar algo novo ao corpus cultural colectivo, sen embargo, non é tan fácil. Tanto menos canto máis consciente é o inteleztual da dureza das críticas que terá que soportar a súa obra. Como poderá entón distinguirse dos demáis? Que lle dará o poder necesario para criticar, clasificar e arquivar as obras alleas? Aquí é onde entra en xogo o gusto. O bo gusto.

Un inteleztual debe renegar de todo aquelo que acepte o común da xente. Calquera obra literaria, musical ou plástica que sexa coñecida e apreciada por un número o suficientemente amplo de xente carece de poder distintivo. A non ser que a repudiemos. Canto máis feroz sexa a nosa crítica, máis chanzos subiremos na escaleira do bo gusto. Para completar a xogada, deberiamos ofrecer algo novo no lugar da peza cultural destrozada. Canto máis descoñecida e difícil sexa a nosa proposta, máis puntos adqueriremos. Porque nós si que a coñeciamos, nós si que sabemos apreciala. Algo teremos logo que nos fai distintos.

Eu-penso-de-que a inteleztualidá tal e como se manifesta hoxendía non só non achega nada á sociedade, senón que frea a súa evolución ao mangonear a cultura e facela pivotar en torno a uns valores rancios que só benefician aos que teñen as ferramentas precisas para construir unha noción propia do bo gusto.

Dixen.

No comments:

Post a Comment