16 Jun 2008

Achados XI: Analíticas

06/06/08

Esta semana fixo un mes do achado. Un mes. Analizo a tormenta emocional dos primeiros días, a autoconsciencia, o agobio de sentir o monstro palpitar tremer medrar no meu interior, a tranquilidade coa que cedín o control, a sorpresa que levei cando descubrín que ao cedelo non fixera máis que anclalo a min. Analizo a efeméride, pero analízoa pouco, porque a miña vida volveu coller o seu ritmo habitual e os plans non me deixan tempo para nada. Teatro. A mudanza. Amnistía. A planificación empresarial. Timbas de tute de chinchón de wii. O traballo. Lecturas e escrituras. O ioga. Sobriñeo madriñeo mequeo. O diván de hotmail. Viaxes imaxinarias e imaxinadas. A miña axenda está tan chea que o único espazo que lle queda ao achado na miña vida é o da incerteza. Entón chaman do Hospital, "mañá ás dez da mañá tés que facer unha analítica, podes vir almorzada". A incerteza tórnase certeza e o diamante que levita enriba do meu Sim perde, de novo, parte do seu verdor.

No comments:

Post a Comment