2 Feb 2011

Suicidios



A OMS asegura que cada ano se suicidan en todo o mundo un millón persoas e que, por cada unha destas persoas, máis de 20 o intentan sen conseguilo. Ademais, alimentada polo forte tabú social existente ao redor deste tema, sábese que hai unha cantidade non determinada de suicidios encubertos como mortes accidentais.



En España, dende 1906 ata 2006, o estudo estatístico do suicidio contou cun boletín propio, pero a partir de 2007 esta información integrouse nas cifras de defuncións segundo a Causa da Morte, seguindo os estándares internacionais. O resultado deste cruce de datos é un descadre bastante frustrante, como explica este "sociólogo liberal" no seu blog e como podedes ver no gráfico anterior, da súa autoría.

En calquera caso, as últimas estatísticas estatais dispoñibles, as de 2008, sitúan o suicidio como a primeira causa externa de defunción en España, por riba dos accidentes de tráfico, cun total de 3.457 persoas falecidas, das que 2.676 eran homes (un 78%). Parece ser que a ratio home/muller de mortalidade por suicidio é de 4/1 nos USA, de 3/1 en Europa e de 1/e en Asia, pero non atopei fontes fiables coas que documentar estas cifras. En España, iso si, a diferencia é abrumadora.



En cifras absolutas e sen discriminar entre os sexos, en 2008 a peor franxa de idade foi a que vai dos 40 aos 44 anos, cun total de 341 suicidios. Sen embargo, atendendo á taxa por 100.000 habitantes, a peor franxa de idade foi dos 85 aos 89, cun 18,7**. Se vos fixades no gráfico anterior, veredes que a partir dos 80 as taxas masculinas suben muitísimo, ata chegar aos 37, 38, 47 e 50 suicidios por 100.000 habitantes.



Finalmente, as estatísticas do INE tamén ofrecen un desglose territorial que, por certo, era bastante máis completo e útil coas bases de datos de 2006. En todo caso, como podedes ver no gráfico, Lugo é a provincia de España cunha taxa de suicidios máis elevada. Entre 1998 e 2002, nesta provincia tiveron lugar unha media de 57 suicidios ao ano, o que supón unha taxa de 16 por 100.000 habitantes. Só se lle achegan Soria, cun 13, e Ávila, cun 10. De entre as galegas, a máis próxima é A Coruña, cun 9, seguida de preto por Ourense, cun 8,9. Na outra beira está Pontevedra, cun 4,1.

Leo nalgures que Émile Durkheim dixo a finais do século XIX que os suicidios son "fenómenos individuais que responden a causas sociais"... En pouco máis de 15 días, tres persoas cercanas a min intentaron suicidarse. Sei que ten que haber unha explicación. Intúo que hai non unha, senón un cento de causas sociais para esta vaga de tristeza e de desesperanza infinitas que nos rodean, pero estame custando racionalizar este asunto. Estame custando un mundo seguir as normas: manter a calma conter a ansiedade respectar as súas visións calar escuitar amosar interese sen adiantar xuízos comprender os feitos sen analizalos non retrucar outras historias muito máis tristes e desesperanzadoras non discutir non reñer non chamarlles tont@s estúpid@s egoístas cabróns non amosar lástima nin condescendencia. Non deixalos sós. E, sobre todo, estame custando un mundo entender por qué hostia a sociedade ignora este tema de xeito tan esaxerado. Por que non se pode falar deste asunto? Por que nos inventamos enfermidades ficticias que estigmatizan máis cás auténticas? Por que (e como) borramos "o incidente" de todas as conversas en menos de 24 horas? Por que sei a data da batalla de Lepanto e non teño nin idea de como actuar nesta situación?

___
*O mapa da taxa de suicidios no mundo en 2007 podédelo atopar aquí. E o de España, tamén de 2007, aquí. Ambas as dúas taxas son por 100.000 habitantes e as fontes son a OMS no primeiro caso e o INE, no segundo. A táboa por sexo e idades perpetreina eu cos datos do INE de 2008.
**Entre os 40 e os 44, esta taxa é de 9, 35.
***Tamén lin: o portal sobre o suicidio da web da OMS, estoutro
artigo da ONG uruguaia Andar, Mitos y alertas sobre el suicidio e unha reportaxe de Pere Ríos en El País chamada Los hombres se suicidan, las mujeres lo intentan. Este último remata cunha reflexión de Javier Jiménez, psicólogo clínico e presidente da Asociación de Investigación, Prevención e Intervención do Suicidio: "Lo decisivo es el carácter, la actitud ante la vida y, sobre todo, el entorno. Si te quedas en paro, pero tienes un colchón profesional, amigos y familia, no te matas".

4 comments:

  1. É algo triste e incomprensible e difícil de entender. Haberá que acompañar a esta xente e darlles agarimo e valor.

    ReplyDelete
  2. O peor é a impotencia e a tristeza que che queda cando se suicidan e xa non podes facer nada. A min suicidóuseme un primo de 36 anos, un menos que eu, en outubro do ano pasado. Dinlle mil voltas á cabeza e aínda llas sigo dando. Biquiños

    ReplyDelete
  3. uveic7:31 pm

    Uf! Vaia tema, pon os pelos de punta. Hai uns meses pasei por algo parecido. Esa persoa conseguiuno e suicidouse. Dinlle mil voltas, sen chegar a nada máis que o típico "algo podería ter feito para que eso non sucedese". Para min a morte nunca foi un tabú, non sei ben polo que, pero sempre foi así. E a pesar diso falei con moi pouca xente do tema. Estaba aí, sen máis, pero evitouse. Hai un par de semanas, entre cañas surxiu de novo o tema e a case ninguén tiña claro o que dicir ao respecto. Eso si, chamoume moito a atención que varias persoas chamaban cobardes aos suicidas. Do que eu estaba totalmente en contra. Todo esto para dicir que me pareceron moi acertadas dúas opinións que lin no artigo do País. Primeiro desmentindo esa teórica cobardía dos suicidas: "Suicidarse no es fácil. Para quitarse la vida hay que tener una gran capacidad de razonamiento", asegura Miquel Orós.

    E outra dando motivos polos que é un tema tabú na sociedade, opinión coa que concordo: "El suicidio es una pérdida inútil. Es el reconocimiento del fracaso de toda la sociedad, del sistema médico, laboral, del entorno familiar. Da mucha vergüenza hablar de él porque siempre queda la sensación de que se podía haber hecho algo más para evitarlo", explica Miquel Orós, un médico forense con 25 años de experiencia.

    Aperta e moito ánimo! :*

    ReplyDelete
  4. Non sei que dicirvos. Supoño que iso é parte do problema, contádesme as vosas experiencias e eu non sei ben que contestar. Que gracias por compartilas e que egoistamente espero que as cousas non cheguen a ese punto, supoño. Tal e como están, xa me sinto bastante perdida. Bicos.

    ReplyDelete