11 Apr 2011

Sono

De pequena, eu era a única persoa da casa que podía ver a tele a calquera hora. Foi unha medida desesperada de meus pais. Non durmía sesta, era sempre última en deitarme e a primeira en levantarme, non lles chegaban as bibliotecas (nin os cartos) para entreterme e din que chegou un punto terrible no que era capaz de aparecer no seu cuarto ás cinco da mañá rosmando: que fago? abúrrome.

Tamén din que as poucas horas que durmía as durmía tan intensamente que era capaz de caer da cama e non darme conta. De feito, pasábame con frecuencia. A súa anécdota favorita é a daquela noite que os espertei berrándolles que encendesen a luz, que non sabía que lle pasaba á miña cama. Cando chegaron ao meu cuarto, víronme sentada no chan, tapada coa alfombra e intentando acomodar a cabeza no edredón enguruñado.

Un día durminme de pé.
E non, non caín.

Creo que fun unha short sleeper desas, que o superpoder viña con obsolescencia programada e que a min me tocou na época vital máis inútil. Despois, pouco a pouco, foi desaparecendo. No instituto empecei a necesitar espertador. Na universidade, collínlle o gusto a iso de botar a sesta os días despois de saír de noite. Agora cústame tanto durmir profundamente que vou pola vida arrastrando unha sensación de sono perpeuto. E a verdade é que, se o penso, jódeme bastante que me veñan cobrar agora as horas que malgastei apampando para a carta de axuste.

5 comments:

  1. espero que não mo leves a mal... cá na Inglaterra dos meus pecados, mantenho uma "running battle" com os meus anglos que, aberta ou sorrateiramente, associam a sesta com "lazy Spaniards"... já podes imaginar como salto eu, e asseguro-lhes que no meu "environment" isso não se estila: eu desde logo na minha vida dormi isso;

    então quisera que me disesses, com o coração na mão, se tu e/ou a/os teus/tuas amiga/os dormem, sim ou não, a sesta? frequências? igual na Galiza que no resto do Estado?

    agradeço;

    Carlos

    ReplyDelete
  2. Mmm... Carlos, eu non durmo sesta, fóra dalgún día especial no que non durmira pola noite ou algo así. E creo que nigún dos meus amigos/as durme sesta habitualmente. Sen embargo, na miña casa si que se durme sesta. Nos vraos na aldea, de feito, a sesta era outro momento de aburrimento terrible para unha nena que odiaba durmir...

    ReplyDelete
  3. obrigado, sinceramente: é algo que me tem (parvamente) preocupado, pois a minha impressão é exatamente essa: na aldeia, num palheiro, os velhos, etc.; mas compreendes por onde vou? é um dos muit(íssim)os prejuízos que a Anglo-saxonia tem contra nós (como alguns de nós pensarmos que tomam o chá às 5...); saudinha!

    ReplyDelete
  4. Eu tampouco dormía sesta, odiaba cando a miña curmá ficaba durmida e tamén me invadía o aburrimento... Agora escasos días a durmo e descubrina en COU, cando a dedicación ao estudo tivo que facerse máis intensa.

    ReplyDelete
  5. anITA4:16 pm

    Pois eu, cando me iba de viaxe ou de excursión con Sandra Domingo e Company odiaba que dormiran hasta as mil.. a miña frase favorita, pola que me odiaban, era "aquí non viñemos a dormir". E eso sigo pensando... "aquí non viñemos a dormir", pero unha sesta de vez en cando tampouco está mal :)

    ReplyDelete