Showing posts with label Perfect Crime. Show all posts
Showing posts with label Perfect Crime. Show all posts

17 Jan 2011

O crime perfecto

Dígolle que faga unha lista de pros e contras. Que escriba nunha páxina os bos momentos, as palabras cariñosas, os xestos amables. E noutra, os insultos e as ameazas.

Non podo imaxinar nada peor ca ti.

Non pode. Non lle apetece. Non sabe vivir sen el. Quéreo. Cando ela se porta ben, el é moi cariñoso.

Oxalá morreras.

Compra unha corda e vaise colgar ao río, pero non é capaz.

Non vales nin para matarte.

Seu pai tuse impa sorbe os mocos abrázase a ela sen xeito. Sen consolo. Nunca ninguén lle aprendera a chorar.

Oxalá te colgaras onte.

O paxaro canta alegre coma nunca. O tele trona goles coma sempre. O ruído énchelle a cabeza e non deixa sitio para nada máis. Nin para a culpa nin para as lágrimas nin para as palabras.

Non podo imaxinar nada peor ca ti. Oxalá morreras. Non vales nin para matarte. Oxalá te colgaras onte. Ódiote.

Quere ir. Non quere estar aquí. Non pode vivir sen el. Non quere estar aquí. Quere ir... e ningunha lista, ningunha conversa, ningunha cousa que eu poida dicir ou facer vai evitar que vaia.

Actualización 22.01.11. E foi.