18 Mar 2007

Carreteras esteparias

cheas de altos e baixos,
de curvas, de baches


64


Son unha tía de paixóns (case) excesivamente controladas que vive unha vida cómoda, sinxela, que muitos quererían para si. Teño un piso bonito, nun barrio tranquilo, e un traballo cómodo que me proporciona cartos máis que suficientes para vivir, para sair case a diario, para cear fóra de cando en vez e ata para viaxar. Teño tamén un círculo social amplo e activo, co que podería manterme continuamente ocupada.
Non teño queixa, vaia, nin dereito a queixarme.
E, sen embargo, quéixome.
Non nas rectas, claro, cando unha paisaxe intensa e nova me inunda a mirada. Pero si nos cambios de rasante, cando a paisaxe desaparece un segundo e deixa un vacío enorme que se enche, inmediantamente, de nostalxias.
É daquela cando boto en falta.
Boto en fala a comida, os chorizos, o xamón, a tortilla da tía Lupe, a pescada da mamá, as patacas guisadas, a empanada, o pan da casa, o polbo á feira da abuela de Bardaos, o gazpacho, as berenxenas rebozadas da Milagros, os postres da Olga, a ensaladilla de festa...
Boto en falta a familia, as idas e voltas do pikiniño falangueiro, as conversas silenciosas coa mamá, os telexornais compartidos co papá, as risas (son risas) coa pirula, os silencios do irmao e as pullas da cuñada, o riso acelerado dos de Oleiros, a análise tranquila (envolta en fume de ducados) dos de Supena, a mirada pilla (preclara e intuitiva) dos de Bardaos, o cariño infinito dos do Oural e, en xeral, a respiración acompasada e estable desa familia enorme que exerce con altruismo total de rede de seguridade.
Boto en falta os amigos, por suposto, familia escollida e que te escolle, única xente no mundo coa que son exactamente como quero ser, digo o que quero dicir e fago o que quero facer.
Pero, claro, esas son nostalxias obvias. Cando te vas da casa sabes que máis tarde ou máis cedo chegarán e estás preparada para enfrontalas. O que te sorprende, o que te noquea, é sentir a falta das pequenas cousas, dos detalles ínfimos, superficiais, que adoviaron vidas pasadas. Así, a semana pasada, nunha curva do camiño, sentín dor no brazo que me falta, no meu cuarto, na cama de Supena, no olor da cociña de leña, no libro que me espera no sofá mentres a mamá cazolea pola casa adiante, nas carreteras coñecidas que conducín con música coñecida de fondo, na máquina de Trivial do Bartolo, nos tronquitos de cola que comín na praza maior, nos cruasantiños da rúa das docerías, nas reunións de Amnistía, na aula de teatro da USC, no asento de madeira do Rúa, nas noite que me sorprenden en boa compañía e me obrigan a cambiar os viños por copas e os bares por pubs, no minidisc que nos regala Y nos dieron las diez mentres bebemos un mojito e sorteamos unha convención de profesores de instituto, nos babybel da Telepecha, nas probas de impresora do xornal, na pasta con todo das doutoras Fleishman, nas clases de inglés da Z., no meu móbil (que sigue morto) e as mensaxes que ten escondidas, no céspede do Templo de Debod, no bar da Pompeu Fabra, nas mesas da cafetería da facultade de Xornalismo...

7 Mar 2007

04 ancud

Coas imaxes de Nova Galicia na retina, debuxo no aire as viaxes que están por vir. Pascua en maio, Machu Pichu, Atacama ou Carretera Austral en semana santa, algunha fin de semana en Bos Aires...
Cando se me olvida que carallo fago aquí, xogo un pouco acolá.

27 Feb 2007

Póntelo, pónselo


Un clásico de Keith Haring

As campañas antisida son noticia en Chile. E a discusión ten unha gran altura intelectual, eh, con argumentos tan novidosos e pouco rebatidos como este:
"La clave está en la estrategia ABC: continencia en los jóvenes (Abstain), fidelidad de los adultos (Be faithful) y preservativos (Use Condoms) -si lo anterior no funciona- pero advirtiendo que pueden fallar".
Ao tempo estalle custando atravesar os Andes.

20 Feb 2007

La canción que se canta al oido,
la canción que no supe escribir

Falo con Piter e comprobo que sigue triste, tristísimo. Non se me ocorre nada intelixente que dicir e dígolle que escriba máis. A min axúdame a exorcizar os agobios, a racionalizar, a relativizar. Respóndeme que non escribe porque lle dá medo sentir máis, sentir outra vez, cada palabra. E engade que, de feito, se non fala máis comigo é precisamente porque acaba esgotado.
A culpabilidade é aceda.
Ás veces o cabo que lles botas aos amigos é tamén unha soga.


y un piano con dos copas de más,
y unas manos que lo sepan tocar

As noites no Santiago austral acaban sempre cunha copa de máis. Paella e sangría nun ático pijo ou choripán e viño branco nun patio jipi, tanto dá, ao final sempre acaban cun grupo máis ou menos heteroxéneo de españois buscando un bar no que tomar a última, que evidentemente nunca será a derradeira. A min encántanme as noites tolas, inesperadas, que comezan cun ribeiro e unha tapa de tortilla e acaban, despois da correspondente sesión de baile desenfadado, cunha conversa surrealista cun canalla encantador. Pero, evidentemente, no Santiago Austral non hai ribeiros nin tapas de tortilla e, ata esta fin de semana, tampouco parecía que houbese canallas encantadores.
Hoxe sei que hai, alomenos, dous.
E que un deles son eu.
E que sigo sen ser muito de líos dunha noite.

17 Feb 2007

"Los muros eran los titulares de los diarios"

exiliados dos liceos

O outro día fun con B. ver o último documental de Patricio Guzmán e descubrín, ademáis doutras muitas cousas, que as paredes chilenas non me berran só a min.
"Los medios estaban en manos de la derecha", dice o Mono González, "para nosotros los muros eran los titulares de los diarios".
Gran tema para unha tese, verdade?

16 Feb 2007

Chove en Santiago

meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.


A foto non é miña, fíxoa Héctor Aravena,
para
El Mercurio.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.

Federico García Lorca

Que ganiñas lle tiña á choiva.

12 Feb 2007

Imagine



Imaxina que consegues, por fin, amigos chilenos.
Imaxina que veñen un xoves cear.
Imaxina que comedes ben e bebedes ben viño branco e dades conta dunha botella de limoncelo.
Imaxina que eles están de vacaciós e vos propoñen escaparvos a fin de semana ao deserto, para ver as estrelas.
Imaxina que ti non podes, porque o domingo tés visita, e lles suplicas que non vaian sen ti.
Imaxina que che propoñen sair inmediatamente, al tiro, e chegar a tempo para recibir a M.
Imaxina que, por un segundo, che escorregan polos ollos as ganas de aceptar.
Imaxina que as túas ganas son contaxiosas.
Imaxina que unha hora máis tarde estás na porta da túa casa, coa mochila lista e o bikini posto.
Imaxina que, xa na autopista, con Sabina de fondo (que terá Sabina que se está a converter na banda sonora desta aventura), te decatas de que hai lúa chea.
"Qué pena, así no se ven bien las estrellas", diría un dos rapaces.
"Pero, se non fora por ela, seguramente non fariamos esta viaxe", pensarías ti.
Imaxina que seis horas máis tarde te estás bañando na praia, despois de chamar ao traballo para excusarte por unha gastrointerite inoportuna.
Imaxina que esa mesma noite estás vendo estrelas que nunca viras, porque o ceo contaminado de Santiago chas tiña prohibidas.
Imaxina que, de regalo, aprendes o significado da chapa que compraches ao chegar.
Imaxina que ao día seguinte aprendes a facer pisco.
Imaxina que decidides aproveitar a viaxe ao máximo e chamas a M. e pides perdón mil veces porque a vas deixar colgada e aseguras sentilo e pode que de verdade o sintas e pode que non.
Imaxina que atopades un hostal naturista, á beira dun río que dá vida a un deserto, e que pasas a noite conversando cun tipo incríble, que te define sen coñecerte, ao que pretendes definir sen coñecelo, mentres a lúa sae de tras dun monte e atravesa o ceo sobre as vosas cabezas, de puntillas, para esconderse silandeira tras doutro monte.
Imaxina que te sintes lúa, correndo de puntillas entre os montes para non ser vista.
Imaxina que, de verdade, te atreveses a sair de tras do monte.


Este futbolín atopeino hai uns días no curuto máis alto de Santiago. Fíxome muitísima ilusión e azuzoume un pouco a morriña. Cantas tardes de instituto invertiría perfecionando a técnica? Sen rolos, sen parala, a 25 pesetas a partida.
Onte entereime (Vía Chuza et al) da morte do seu creador.

A próxima partida vai por vostede, mestre.

25 Jan 2007



Chégame un mail de Bardaos con fotos da primeira nevada do ano e fito para elas alucinada, confundida, completamente desorientada.
Nin sequera o Nadal na praia me aturdiu tanto.
Eu en tirantes e vós incomunicados pola neve, la envidia me corroe.

19 Jan 2007

Pacos 1 - Pringaos 0

Convictos

Primeiro encontro cos pacos.
"Identificación".
"¿Esa cerveza es suya?".
"¿No sabían que de acuerdo con el artículo 25 de la ley piiiiiiiiiiiiiiiiiiii está prohibido beber licor en la vía pública?".
"Pues deberían saberlo".

E así é como dous puretas que beben (como todo os que están ao seu redor) unha cervexa nun parque mentres escuitan un concerto de jazz acaban sendo citados para ver un xuiz dúas semanas máis tarde.
E podía ser peor.
Y hasta aquí puedo leer.

17 Jan 2007

Oficios



Dende a fiestra dunha Oficina Comercial podes ver de todo. Micros moribundas, taxis tuenaos, hordas de chilenos e chilenas correndo a traballar, sufridos traballadores que se colgan con cordas para limpar cristais, rapazas posando espidas na fiestra do oitavo piso dun edificio de oficinas...

Paixón e estravagancia



Aproveito a tradición para darlle cor á miña vida. Non me dou decidido entre o vermello do lume e do sange, do perigo, da guerra, da enerxía, da fortaleza, da determinación, da paixón, do desexo e do amor e o violeta da riqueza, da estravagancia, da sabiduría, da creatividade, da independencia e da dignidade.
Ao final penso...
E se os mesturo?
Cumpliranse os meus tres desexos?
Pegaráseme algunha das súas características?

15 Jan 2007



Teño ollos. E amigos. Sei cando unha rapaza é guapa, cando está boa, cando é atractiva... E nunca tiven problema ningún en falalo. Un cacho. Pero estou farta. Abúrreme. É un tema que non da máis de si. En serio, canto tempo seguido se pode falar deso. Sempre?
Necesito, desesperadamente, amigas heterosexuais.
Ou amigos homosexuais.

9 Jan 2007



Vexo no Chuza que o 90% dos mejores expedientes de Galicia proceden de escolas públicas (tamén leo que o 75% pertencen a alumnas, pero esa é outra historia e debe ser contada noutro momento), o mesmo día que en Chile analizan os resultados das probas de acceso á universidade, nas que "más del 60% de los puntajes nacionales provienen de colegios particulares pagados".
...

6 Jan 2007

Dádeo



Coñecemos a dous chilenos en Río. Son riquiños, son divertidos, son interesantes, son guapos. É findano, unha ocasión marabillosa para conxugar o carpe diem, así que barallo toda a noite a posibilidade de xogar as miñas cartas con algún deles. Se non o fago, é porque non me dou decidido por un (criticable, pero certo). De volta a Santiago, descubro entre frustrada e divertida que son parella e, media hora máis tarde, tropezo coa flor urbana que vedes sobre estas liñas...
Se vedes que tal, só dádeo.

4 Jan 2007

Resumindo

Hace siglos que quiero enviarte palomas de humo,
antes de que carcoma el invierno la culpa que asumo,
ten a bien recibir de mi parte un abrazo de amigo,
cuando estalle la guerra estaré en la trinchera contigo.


perito moreno

Que si, que si, que as viaxes que me estou pegando son incríbles, que botei todo o mes de decembro por aí de pendangueo, que estiven dez días sen cheirar un ordenador, que canto máis tempo pasa máis difícil é poñerse, que cada vez que o intentaba tropezaba co to start with, pero... sexamos sinceros... non é por iso que escribín tan pouco os últimos meses. Non sei por que é e, se o soubese, tampouco empregaría este primeiro post explicándoo.
Deixémolo ir e concentrémonos nas pombas de fume que vos mandei dende o parque forestal, en Bellas Artes, donde a mocidade santiaguina se reune para beber fumar falar comprar vender tocar escuitar actuar aplaudir; dende as festas de expatriados, no alto dos edificios máis altos de Santiago, bebendo sangría e comendo paella a carón dunha piscina e dun jakuzzi, vivindo unha vida cómoda luxosa e allea; dende os bares, cando me deixo levar con Adri pola morriña e polo pisco e acabo falando da névoa, da chuvia, do tute, do lume, da pedra, dos montes e do mar e, sobre todo, cando, en plena exaltación patriótica, descubrimos dous barbudos entre a multitude cos que compartimos unha mirada cómplice, "galegos?", "por suposto, como vós, va que si?", pois si; dende o concerto de Sabina, o mesmo ao que fomos na Coruña, as mesmas cancións, a mesma posta en escea, outro público, outros compañeiros, outro mundo; dende o cine, cando me aburro e me enfado e só ten sentido quedarse ata o final se estades despois para comentala; dende a oficina, cando alucino con algúns titulares, coa información sobre a farándula, coas consultas do empresariado español, coa rutinización ministerial; dende as Torres del Paine, cando me pregunto que carallo pinto eu aquí, oito horas subindo unha montaña con doce quilos ás cóstas, e tamén cando, xa arriba, desaparece a dor e o cansancio e só queda esa vista incríble; dende a illa Magdalena, chea de pingüinos que se bican, que se buscan, que se chaman e que parecen felices nesa súa vida allea ao resto do mundo; dende unha finca no (auténtico) cu do mundo, á que só se pode chegar en barco e cando non vai mal tempo, que exerce sobre os meus sentidos a mesma influencia que o mar e o lume; dende os glaciares (na foto, o Perito Moreno), que se desfán diante de nós, nun espectáculo impresionante por fermoso e por preocupante; dende os cemiterios de Punta Arenas e de Santiago, tan distintos dos nosos, cheos de creatividade e esaxeracións estéticas, de nomes extranxeiros e de primeiras frases de novelas de misterio; dende os postos de inmigración, cando me sellan o pasaporte Arxentina, Chile, Brasil, Chile e alucino ao darme conta de que realmente estou aquí; e, sobre todo, dende Río, cando os fogos se mesturan coa choiva sobre a miña cabeza, mentres deixo no Atlántico a miña ofrenda a Yumanjá e vos mando a derradeira pomba de fume do 2006, chea de promesas.

3 Jan 2007

11 Dec 2006

O día que morreu Pinochet...



...paseino metida nun avión, cheo de milicos chilenos, comendo as unllas, lendo xornais atrasados (do día) e morrendo por información fresca. De volta no pisito santiaguino, os helicópteros, as sereas e os 10 días de sono acumulado luitan coas ganas de vivir o momento histórico.
Xa vos contarei.

Máis:
- As fotos que eu non puiden facer.
- Excelente resumo de Atina.
- Algúns medios nacionais
On line: Chile.com, Terra Chile e Portal Chile
Clásicos: El Mercurio, La Tercera, La Nación, Las Últimas Noticias e La Cuarta.
Radio: Radio Cooperativa
Tele: Canal 13 en internet e Televisión Nacional.
- Blogs españois, como Guerra Eterna ou Escolar.

Engádega: As anti-crónicas dunha xornalista desorientada, no campamento provisonal.

28 Nov 2006

Ходоровски



Onte fun ver un fabulador fabular. Decepcionoume un pouco, crin que sería máis ousado e fantástico en persoa, pero pagou a pena ir só por presenciar a fenda insalvable que hai entre a entrega total dos crentes e a rabiosa reacción do que o escuita por vez primeira.

26 Nov 2006

dous móbiles, ningunha chamada

Non sabía que estaba tan enganchada ao móbil (vale, intuíao) ata que deixou de soar. Hai máis dun mes que está buscando rede, meu pobre... Pobre el e pobre eu, que teño un móbil e un selular e hai máis dun mes que non recibo chamadas, perdidas e/ou mensaxes. E con esto de que por internet me sae tan barato, ao final sempre chamo eu...
Non vos dou peniña? Nin unha pouca?
Pois debería.

Actualización (martes, 14 de novembro): Roubáronme o selular, por choricas.

Actualización (domingo, 26 de novembro): Case dous meses despois, o móbil español funciona outra vez!

24 Nov 2006



Uno se despide insensiblemente de pequeñas cosas,
lo mismo que un árbol en tiempos de otoño muere por sus hojas.
Al fin la tristeza es la muerte lenta de las simples cosas,
esas cosas simples que quedan doliendo en el corazón.

Uno vuelve siempre a los viejos sitios en que amó la vida,
y
entonces comprende como están de ausentes las cosas queridas.
Por eso muchacho no partas ahora soñando el regreso,
que el amor es simple, y a las cosas simples las devora el tiempo.

Demórate aquí, en la luz mayor de este mediodía,
donde encontrarás con el pan al sol la mesa servida.
Por eso muchacho no partas ahora soñando el regreso,
que el amor es simple, y a las cosas simples las devora el tiempo.


César Isella, Canción de las simples cosas. Leva días obsesionándome a versión de Martirio e Pedro Guerra, en Contaminados.


Hai días bos e días menos bos. Días nos que me sinto cómoda coa xente coa que me tocou vivir esta aventura e días nos que me gustaría meterme todiña dentro da miña pel e pecharme cunha cremalleira. É neses días, como hoxe, cando chega a morriña. Non da terra, senón da xente.
Cantos cumpres teríamos para celebrar, por certo.

Engádega. Non estou de mala hostia. Estou triste. Estou triste e incómoda. E póñenme aínda máis incómoda e aínda muito máis triste que confundan a miña tristeza con enfado. Disgústame muito máis estar triste que estar enfadada, porque o primeiro escapa claramente ao meu control.

16 Nov 2006

Santiago conection

Na primeira práctica de redacción xornalística tocoume ao lado unha rapaza que me chamou catrocentas por pedante e por petarda, antes incluso de darme os bos días. Friendship was in the air. A súa resposta ao último mail colectivo que mandei aos amigos arrancoume máis dunha (e de dúas) gargalladas morriñentas.



Aquí non, as paredes non berran. Son patrimonio da humanidade, son bastante serias, non cambian de roupa, pero súan, claro, coa humidade... non sei se o lembras, ese indescriptible vapor do ambiente que penetra coqueto nos teus osos, lixeiramente entumecidos, despois de que o teu namoradizo paraugas, perdese a cabeza por unha racha de vento... ai, que bonitas son as paisaxes aquí en inverno. Luces vermellas... dos freos dos coches, clara alegoría do tradicional caos circulatorio das Prazas de Galicia, Vigo ou Rotonda da Galuresa... Inesgotables momento de reflexión ante a chuvia, favorecidos por esas gratas esperas de 40 minutos ó autobús... Chimpos nas charcas... dos automóbiles... que refrescan a túa rutinaria carreira cara o último taxi... e música... claxons ó son dos últimos tiruriruriruiru... dos pasos de peatóns... Que ganas de sair de traballar.

Supoño que esta fin de semana, tamén irei á costa.
Acenderei o calentador, abrirei o auga e metereime na ducha, xusto despois de chamar a Teletortilla. Mais tarde penso googlear cara a miña habitación e, quizais, darme o capricho de montar unha estantería que merquei en Alcampo (un pouco pijo, pero barato).

En fin, non che vou contar máis, non querería que deveceses de envexa.
Teño que marchar a desconxelar os filetes de ternera... aquí a carne tamén e moi boa.


Canta causticidade (sei que che encantará o palabro) xunta.
Muito vos boto de menos.

15 Nov 2006

Shame on you



Incríble. O que me faltaba por ver.

Actualización (19:18) - Ah, xa. Era para iso. Malpensados sempre os houbo.
E, por certo, en El País non van publicar ningunha foto da visita? Curioso...

14 Nov 2006

Tú no, princesa, tú no

Tú eres distinta.
No eres como las demás
chicas del barrio.


princesa


Este cidade devece por expresarse. Fóra deste barrio pijo e insulso (idéntico a tódolos demais barrios pijos e insulsos deste mundo globalizado) no que vivo e traballo, as paredes das rúas santiaguinas están cheas de mensaxes... Resulta case esquizofrénico (fig.), como se a cada paso houbese xente berrándoche, como se toda a cidade fose unha enorme speaker's corner.

7 Nov 2006

Que tires pa'lante

siempre alegre y elegante
escucha esta canción,

pretty special place

A finde comezou cunha noite de chea divertida pero sen grandes emocións, na que descubrín que en Santiago (de Chile) os bares pechan ás 5 si ou si e que só podes seguir a farra se coñeces algún antro clandestino deses tan cosmopolitas que teñen clave de acceso. Deixeime levar por un sevillano (e mira que me ten advertido meu pai) ata un bar que fiho fiho fiho que ehta abierto e acabei, un cuarto de hora despois, comendo unha empanada de queixo e choclo diante da Chascona. Todo, amig@s, conflúe en Don Pablo.

flores urbanas, santiago 5
Llegó la primavera con el canto de los grillos.

Superada a resaca, a decepción da noite que remata antes tempo e o cansancio da semana, o domingo sain con R. (compañeira de piso e de traballo) de expedición. Cinco horas andando e dúas micros dan para collerlle cariño a Santiago. Providencia, onde vivimos, non ten absolutamente nada que ver co ambiente do centro, co mercado de artesanía de Santa Lucía, cos chiringos do paseos Estado, con Ahumada, coa tolemia da praza de Armas (á que pertencen todas as imaxes da montaxe do principio), coa historia que se respira na Moneda, co río máis cocho e máis rápido que vin pasar por unha cidade (o Mapocho), coa xuntanza de familiares de desaparecidos, coas terrazas de Bellavista... e, outra vez, con don Pablo.

flores urbanas, santiago 9
Y trae regalos pa'tenernos consolados y distraídos,

E como vexo que teño unha tendencia a parecer triste e melancólica non sentirei culpa cando vos diga que Santiago tamén é un excelente campamento base. O día un de decembro voume dez días á Patagonia e xa teño o billete reservado para pasar findano en Río...

flores isla cachagua 2
Por los callejones están creciendo muchas flores sin ningún control.

E sinto non escribir máis. Podería. Debería. Heino facer. Mentres, tédeme paciencia, buscádelle as mensaxes ocultas as miles de fotos que vos colguei no flickr e tentade ser felices. Eu estou neso.

Que no exista el trabajo pa'los hombres y las mujeres.
Que todo el mundo tengan regalos los más grandes y los más caros.
Que la gente de mi tierra siempre sea muy feliz.

Los Delinqüentes, La Primavera trompetera, de El Verde Rebelde Vuelve.

1 Nov 2006

Sin duda todo está muy bien

Y todo está muy mal, sin duda.
Van y vienen los pasajeros,
crecen los niños y las calles,
por fin compramos la guitarra
que lloraba sola en la tienda.
Todo está bien, todo está mal.

isla negra

A vida en Chile empeza a normalizarse. Acábanse as interminables sesións de compras, as mañás ociosa na oficina, a novidade perpetua, e comeza unha nova etapa na que teño, por fin, tempo libre de meu. A cuestión, agora, é que facer con el.

Las copas se llenan y vuelven

naturalmente a estar vacías
y a veces en la madrugada,
se mueren misteriosamente.
Las copas y los que bebieron.

santiago by night

A comunidade de expatriados españois fíxose cargo de nós dende o primeiro día. Ofrecéronnos casa, comida, mobles, viaxes, consellos e farra. Son riquiños e, de quitado a clásica discusión "o nacionalismo visto por un madrileño" dos primeiros días, non vexo diferencias ideolóxicas insalvables. O problema, se é que hai un problema, é que eu xa vivín esto. É un erasmus, coas mesmas conversas, as mesmas discusións, a mesma festa constante, os mesmos planes conxuntos, os mesmos roces iniciais... co mesmo gran irmao, 24 horas non stop, lonxe do que eres, do que viñas sendo ata antonte mesmo. E eu empezo a dicir que non. Xa sei que cando un chega novo a un sitio debe apuntarse a todo, vivir tódalas experiencias, coñecer a máxima cantidade posible de xente, pero eu para pasalo ben, para gozar as noites de chea necesito sentirme cómoda, necesito procesar as cousas que me rodean, necesito non ter a sensación de que preferiría estar soa e ler e ver a tele e internetear e pensar e escribir(vos). Levo semanas sen escribir(vos), semanas sen mirar atrás, sen botar contas, sen elucubrar cara a onde parece que me leva este camiño e/ou cara a onde quero ir.

Conocí a un hombre amarillo
que se creía anaranjado
y a un negro vestido de rubio.
Se ven y se ven tantas cosas.

primeiro encontro co pacífico 3

Esta fin de semana fomos de excursión. Vin, oín, olín, toquei e probei o Pacífico por vez primeira... é fermoso, Oko, e sobrecolledor. Manso ás veces e bravo outras, como o noso. A min o mar non sei que ten que sempre me autista, como o lume, éncheo todo e só podo velo, oílo, olelo... Desta vez, aproveitei o autismo para escapar da mirada do gran irmao, para pensar, para comezar a escribir(vos) eses post, eses mails, que quizais nunca cheguen aos seus destinatarios, pero que axudan a ordear as ideas.

Hay unos poetas tan grandes
que no caben en una puerta
y unos negociantes veloces
que no recuerdan la pobreza.
Hay mujeres que no entrarán
por el ojo de una cebolla
y hay tantas cosas, tantas cosas,
y así son, y así no seran.

a mirada do poeta

E esta fin de semana, sobre todo, rencontreime con don Pablo. Isla Negra é un sitio espectacular, pagaría a pena vir ata aquí só para sentarse diante da tumba do poeta, a sentir o mar embravecido. Cando chegas doe un pouco ver o organizado que está todo, sentir que es unha turista máis, pero ese sitio está cheo de detalles dos que apropiarte, de historias que xa che pertencían e doutras que o farán dende agora.

Pablo Neruda: No tan alto, Estravagario.

17 Oct 2006

Oui, c'est moi

from my desk
Se non escribo non é por falta de tempo nin de cousas que contar, é que non son quen de organizar os pensamentos. Debe ser que me atoro... acotoádevos, que di meu avó. Aquí me tedes, perdendo o tempo no número 1901 da avenida 11 de septiembre (ollo ao nome). Se esta vida funcionarial non cambia en todo o ano vou acabar intoxicada.

tarde de series
Posteo dende a casa, un pisazo con dúas habitacións-dous baños (con jakuzzi)-parking-piscina-ximnasio-lavandería-conserxe 24h... Eu que sei, o departamento máis pijo que vos podades imaxinar. Non tiña mobles (ningún tiña) e de momento sobrevivimos cun par de colchóns que nos prestaron os outros expatriados españois, unha nevera, unha tele e o cable... Bendito cable! Evidentemente, caéronme a fouce e o martelo nun pé en canto atravesei a porta da entrada.

from the moll
Así, a groso modo, Stg parece a versión hispana dunha cidade usamericana media. Non hai tendiñas nin rúas estreitas nin, por suposto, casa de pedra (xa teño morriña da pedra). O que hai é un millón de centros comerciais infernais (abertos a tódalas horas, tódolos días da semana), rúas enormes cheas de edificios como o meu e de coches ao máis puro estilo walker texas ranger, rúas que se dividen en cuadras e se nomean co cruce máis próximo (eu, por exemplo, vivo en Ricardo Lyon -léase laion e non lión- con Darío Urzúa -léase Usúa-)... A diferencia, sen embargo, é que dende calquera recunchiño de Stg ves os Andes. Os Andes...

8 Oct 2006

Cheguín



Despois da viaxe do inferno cunha compañía que está a ser investigada por incumplir os horarios sistematicamente, cheguei a Chile o día 6 ás 11 da noite (hora local) e/ou o día 7 ás 5 da mañá (hora española)... había, exactamente, 24 horas que saira de Lugo. Supoño que o atraso me foi bon para o jet lag, porque durmín toda a noite (chilena) dunha tirada e ás nove da mañá estaba en marcha. Despois de ver o pacífico por vez primeira e dun almorzo espectacular, saín dar unha volta con La-Fran por Viña. Teño muitas imaxes na retina, pero a verdade é que aínda non me animei a digievolucionar a xaponesa. Dádeme tempo. Cando escribo esto son as nove e cuarto da noite (cl) e suponse que vamos ir cear a un xaponés cuns amigos dos meus anfitrións, pero o meu corpo leva un cacho comentándome que para el son as tres e cuarto da mañá e que as últimas semanas foron muito máis do que está afeito a soportar... Xa veremos.

5 Oct 2006

De hoxe nun ano

tumbadiós

É a última vez que uso a tarxeta marabillosa antes de empaquetar o ordenador. Teño o móbil en silencio. Non quero, non podo, soportar outra despedida. Gracias por chamarme igual e polas últimas mensaxes. Gracias por noites como a de onte, como a do sábado, como as de sempre. Gracias por seguir aí, ao pé da fonte... é máis fácil saltar cando sabes que te están esperando fóra cunha toalla seca. Gracias, en fin, por todo.
Pasaino (perdoarédesme o localismo) ben na miña ausencia e mandaime as crónicas, estareinas esperando.
O próximo tumbadiós... de hoxe nun ano!

1 Oct 2006

Se lo advierto

desde a ponte

...al final de las vías no encontrarán nada. Yo he ido hasta allí, acabo de volver y, créanme, sé de lo que hablo. No encontrarán nada que no sean ustedes mismos, como en cualquier otro lugar. Por lo tanto, es mejor ahorrarse el viaje y quedarse aquí. Y si me permiten que les de un consejo: intenten dirigirse la palabra. No cambian mucho las cosas, pero quizá les consuele.

Non sei se sería o mellor momento para ler semellante alegato a favor do inmobilismo. Unha non ten dúbidas sobre as decisións tomadas, que conste, pero non pode evitar remoer estas e outras palabras da Curiol mentres tenta encaixar as súas propiedades nunha maleta.
Menos mal que me levo bastante ben comigo misma.

6 Sept 2006

Os bos momentos

El tiempo se mide en fracciones de segundos
sumados hacen horas, días, años y milenios,
cuántas veces pensamos que vivimos hace tiempo
en lugares olvidados por los sueños.


Pikiniño 06

1.- As mañás falando, escuitando, xogando, rindo, bailando, cantando, construíndo, cargando, descargando, tirando, cocollendo, camiñando, cansando, descansando, discutindo, pegándome, beliscándome, enfadándome e amigándome co pikiniño.

2.- As tapas de tortilla no American.

3.- O derradeiro mojito do meu (marabillosamente decadente) bar favorito.

4.- O café, a mala tele e a boa conversa eslongada no sofá petrucial.

5.- As noites de farra (inesperada).

6.- O LK coincidental na area fresca á espera da Maruxaina.

7.- A viaxe de volta dende Compostela, cunha das miñas asturianas favoritas, aproveitando a noiturnidade para falar de verdade, dende o corazón, de cousas das que nunca falo.

8.-As despedidas, que son fermosas porque son tristes, porque che recordan que hai xente que pensará en ti anque non esteas, xente incríble, á que botarás de menos, basicamente, porque tiveches a sorte de coñecela.

9.-Os reencontros cos que unha vez foron parte esencial da miña rutina, que agora teñen vidas tan distintas da miña (parellas, fillos, hipotecas) e cos que, sen embargo, me sinto inmediata e completamente cómoda.

10.-A fotografía ou como o consumismo che pode traer a felicidade.

5 Sept 2006

Este verán tiven que...

Les 12 Travaux d'Asterix

1.- Sobrepoñerme a unha derrota vital

2.- Perder a voz (e, con ela, as ganas de falar)

3.- Cancelar o camiño hedonista

4.- Quedar na casa varios fins de semana... do verán!

5.- Enfrontar a (conseguinte) abulia

6.- Aceptar que o deus das viaxes me deu (temporalmente, espero) as costas

7.- Superar unha serie de podremias físicas consecutivas, dende a afonía perpetua ata unha dor espectacular no pescozo

8.- Conseguir os tres papeis, cos seus tres selos, que necesitaba para o visado (a máis difícil de todas as probas imaxinables, como saberedes os que vistes a pilícula e os que bregastes algunha vez co funcionariado español)

9.- E que mos aceptasen no consulado de Chile, anque non pedira cita previa

10.- Asimilar que a maioría (visible) dos rapaces da miña idade levan camisa e/ou dockers e falan (só) de fútbol e/ou coches

11.- Perder a miña independencia capitalina e, con ela, os plans para setembro

12.- Vivir a dor das primeiras despedidas

9 Aug 2006

Averno de Satán e Belcebú,
lume dos cadavres ardentes

con el fuego en las entrañas
A foto é de Contando Estrelas, no Arde Galiza

Leo, escuito e vexo tantas cousas...
Eu que sei.

Que pare.

31 Jul 2006

Uno
Nas semanas que me quedan desta beira hei levar sempre comigo o meu agasallo do amigo inblogsíbel (gracias), para que vaia gardando as imaxes que quero que me devolva xunto coa miña cando esteamos os dous por-eses-mundos-del-señor.
De momento ten almancenada unha tarde marabillosa en Bonaval, coa ambientación musical do amigo de Pawley (terrible non quedar co nome*) incluida.

Due
Cada día teño menos claro quen son. No medio do blogomillo, primeiro síntome pequena e torpe, máis tímida e calada do que son/fun/teño a idea de ter sido con ningún outro grupo de xente, e despois, cando chega a hora de despedirse, xa estou tan cómoda e tranquila que me rebenta que falte tanto para a próxima. Serei eu, serán os blogueiros ou será o LK?
Falta tantísimo para a próxima... Sabe dios cando poderei ir eu a outra!

Tre
Pero vós o que queredes é lercheo e eu son unha das pouquísimas asistentes que non ten afotos do evento, así que por aí mal. E a crónica? A (miña) crónica salientaría o riquiños que son goretoxiño e a súa nai; o ben cuberto que está o futuro do xornalismo galego gracias a O’Xirarei, Xornalistiña, Oko e Modesto a pesares da Factoría e da rutinización e de todos eses atrancos cos que se enfrontan os que non escapan como escapamos outros; o cómoda que se sinte unha (e o muitirmo que aprende) ao lado de Opaco, Acedre, Besbellinha, Postscriptum e Ictioscopio; e o alta que é a cota de frikis (concepto amplo e positifo, sempre positifo) neste mundo blogueiro noso, e non só polos que o levan no cargo, como Ifrit ou Snob Neurótico, nin pol@s que exercen decote, como Ascárida (mui riquiña, tamén, agradécense os cariños), senón polos que o son casi sen sabelo, como Fer (ese físico de raíces hebreas e coñecemenos case ilimitados sempre rodeado de xornalistas) ou Mourullo (ese bot con apariencia humana e un traballo misterioso).
Unha crónica como é debido tamén revelaría os atractivos máis comentados dalgúns blogueiros ilustres e, por suposto, elucubraría coas relacións, expresas ou presentidas, que puido haber, pode que haxa ou poden estar por chegar no blogomillo.
Pero eso, amig@s, non o paga nin a master card.

Cuattro
Hoxe comezo oficialmente as vacacións post-intento de tesina. De momento, teño a maior historia xamáis contada e uns 40 Gb de películas na recámara. Acéptanse propostas.

*O nome é Fredy Fevereiro e podédelo escoitar aquí.

26 Jul 2006

Inspiración, tango para piano

Inspiracion

Despois destas catro semanas de horrible loita contra a carencia total de inspiración, recibo (por fin) un correo do meu titor advertíndome que había un problema, "más de fondo que de forma":
Me mandas ahora unas notas, una posible introducción, pero esto no me basta. Si yo tengo que defender tu proyecto y dentro de poco tu tesina, tienes que mandarme urgente un proyecto de trabajo como es preciso. Además, había que poroponer una fecha de lectura hasta mediados de setiembre, con una propuesta de tribunal. Qué podemos hacer a estas alturas? Tenías que haberlo planteado mucho antes. Me dices algo al respecto? (aunque yo empiezo vacaciones la semana que viene).
E díxenlle algo ao respecto. Si señor. Díxenlle todo o que levaba calando dende que se negou a firmar miña solicitude para a bolsa FPU porque "como comprenderás nosotros tenemos nuestros propios candidatos". Candidatos que, por certo, non a obtiveron. Díxenlle que cheguei ao seu carón cunha paixón sincera pola investigación e polo tema, que nos anos de relación coa UPF se me foi difuminando esa paixón para fundirse coa apatía dos docentes, que levo catro anos enviándolle proxectos de tesina (e, de feito, xa mo esixiran para entrar no programa de doutoramento) que nin lle gustan nin lle deixan de gustar, que ninguén nesa universidade me explicou nunca os pasos a seguir para realizar unha investigación, nin formal nin administrativamente, nin como se fai "un proyecto de trabajo como es preciso", nin en que consiste a famosa lectura ou que me toca decidir a min ó respecto. Díxenlle que non sabía que é o que el, como director do programa de doutoramento e, sobre todo, titor meu, espera de min. E díxenlle que me sentía (outra vez) completamente desorientada e soa.
Desconozco si tal cosa forma parte de sus funciones como tutor, pero me permito suplicarle que, por una vez, además de señalarme los obstáculos a los que me enfrento, me ofrezca una mano amiga que me ayude a superarlos.
Seguramente sexa o meu suicidio académico, pero se non llo digo rebento. Agora, co sangue algo menos quente, busco solucións para non perdelo todo. Acéptanse (mesmo se pagarían) suxerencias. De momento, descubrín que o artigo 6 do Rel Decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o Terceiro Ciclo de Estudios Universitarios, di que:
1. Previamente a la defensa de la tesis doctoral, el doctorando deberá obtener un mínimo de 32 créditos en el programa al que esté adscrito, distribuidos en dos períodos de la forma siguiente:
A) en el período de docencia deberá completar un mínimo de 20 créditos.
B) en el período de investigación deberá completar un mínimo de 12 créditos, que se invertirán necesariamente en el desarrollo de uno o varios trabajos de investigación tutelados a realizar dentro del departamento o de uno de los departamentos que desarrollen el programa al que esté adscrito el doctorando. Para cursar este período de investigación será necesario haber completado el mínimo de 20 créditos de docencia a que se refiere la letra a) de este apartado.
E que:
La superación de los créditos señalados en el primer párrafo de este apartado a) dará derecho a la obtención por parte del doctorando de un certificado, global y cuantitativamente valorado, que acreditará que el interesado ha superado el curso de docencia del tercer ciclo de estudios universitarios. Este certificado será homologable en todas las universidades españolas.
E agora só quero que alguén me asegure que teño dereito a ese certificado de ter cursado os dous anos de doutoramento, anque non chegue a entregar a tesina. Se alguén me di que existe a posibilidade de cursar os 12 créditos de investigación noutra universidade xa podería tocar a felicidade coas mans (e, crédeme, non me viría nada mal)...

18 Jul 2006

Chile

Bueno bueno bueno bueno... parece ser que vou pasar o San Froilán do 2006 en Santiago... de Chile! o San Froilán e os 12 meses seguintes... Ai!

17 Jul 2006

Revista de prensa

Oriente próximo está que arde

AP n'El Mundo

"Os ataques a destrución e morte en Gaza e o Líbano e as ameazas permanentes a outros pobos, levaron ao Estado de Israel a transformarse nun Estado terrorista, utilizando as torturas, os ataques á poboación civil onde as vítimas son mulleres e nenos. ¿Ata cando continuará esa política do terror?"
Pérez Esquivel en Rebelión.org, traducido por InfoRosal. Eu atopeino no Chuza.



E en Guatemala non hai amnistía por xenocidio, pero...

DDHH en Guatemala

Tras siete años de espera sin resultado alguno luego de que el MP -Ministerio Público- investigara la desaparición forzada de 183 guatemaltecos, los familiares de las víctimas tramitan en la Comisión Interamericana de Derechos Humanos (CIDH) una demanda contra el Estado, por habérseles vetado su “derecho a la justicia”.

e a CIDH responde:

“La situación es compleja y difícil, pero este gobierno ha tenido la voluntad política de avanzar en la defensa de los derechos humanos”.