31 May 2007

Chove en Santiago por terceira vez dende que cheguei ao hemisferio sur, vai xa para oito meses. Desta vez, a napolitana e o madrileño non se queixan da chuvia, esperan que nos bote unha man nesta luita desigual contra o smog.


Afoto de Raúl Maldonado para El Mercurio

A chuvia chega, como tantas veces na miña vida, en época de cambios. Despois dunha nova semana de despedidas, caio en que a próxima será a nosa. Entrarei, con anITA, no derradeiro tercio desta experiencia austral cunha fin de semana longa na fronteira co Perú.
Lémonos á volta.

30 May 2007

Ser muller en Chile (I)


En Que mala es la gente, de Quino (eu roubeino aquí).

A Sociedad Conyugal, que en Chile regula por defecto o rexime dos bens no matrimonio, establece ao marido como "jefe de la sociedad conyugal" e administrador ordinario dos bens comúns, dos propios e dos da muller. A muller só pode administrar os seus propios bens (os comúns e os do marido nunca os poderá xestionar totalmente) de maneira extraordinaria, previa autorización do marido ou da xustiza.
Non, non o inventei (ollo ao artigo 1749).
Si, suponse que o están cambiando.
Ao fin e ao cabo, teñen unha presidenta do Goberno.

23 May 2007



Rapa Nui é o sitio máis misterioso, intenso, místico e contradictorio (tan liberador como angustiante, tan húmido e enlamado como fermoso, tan cheo de homes guapirmos como de alcólicos e de persons) que visitei na miña vida.
E choveu.
A baldes.
Veño coa pel renovada.
E coa cabeza algo descolocada.

Pd. Evidentemente, o das autofotos sigue sen ser o meu, pero estou traballando neso ;)

18 May 2007

Habemus microrrelato

Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría.
Parabéns, peke.

17 May 2007



Escapando do smog e dos seus efectos, Eva Luna, anITA, a becaria menos precaria (a de Promomadrid) e máis unha servidora partiremos este sábado cara á mítica Rapa Nui.

16 May 2007

Miss Chichos' Birthday



Aí nos tedes a erikitajuajua e máis a min. As malas linguas dirán que sempre tiven cara de mala hostia. E terán razón, nunca o neguei. Pero é que ademáis, a miña nai sempre lle deu por plantificarme unhas rebecas, uns lazos e uns cuellos-babero que... en fin.
Erikitajuajua pode ser considerada (co permiso das demáis) miña curmá favorita, algo así como unha curmá-irmá...
Sempre xuntas.
Menos cando nos atacou unha vaca na porta da casa vella e a tiven que deixala soa... para ir buscar axuda, evidentemente...
Ehem...
Erikitajuajua está de cumpre.
E eu, mui lexos.
...
Débesme unha bolsa de gominolas, miss chichos.

15 May 2007


O Santiago Austral leva dous días en Alerta Ambiental.
Esta alerta implica unha restricción na circulación de vehículos sen selo verde (non catalíticos), a prohibición estricta no uso de chemineas no fogar e a recomendación de non realizar actividades deportivas.
Tamén implica que unha néboa asquerosa e gris o cubra todo.

14 May 2007

Alucinante


En El Diaro de Lugo y su Provincia.

Nove mulleres prostituídas detidas.
"Identifican" 32 persoas e deteñen 9 víctimas. É o puto mundo o revés. Esto pásanos pola puta Ley de Extranxeiría que temos:

É fundamental modificar o art. 59 da Lei de Extranxería, polo que, para que os estranxeiros que se atopen en situación irregular por seren vítimas de trata non sexan expulsados, faise necesario que denuncien ou colaboren na investigación aportando información efectiva. Na práctica non funciona esta alternativa e faise necesario denunciar, o que é case imposible dadas as circunstancias das vítimas, que se ven ameazadas e non confían na policía.
1ª Ponencia das V Xornadas Locais sobre a Violencia de Xénero do Concello de Lugo.

Xa vai sendo hora.

I Concurso de Microrrelatos Lemosgalego

Typing

Pois iso, que podedes consultar as bases no twitter de Lemosgalego.

Actualización (luns 14 de maio): Eu xa deixei a miña (primeira) contribución.

11 May 2007


Don Quijote, de P.R.Picasso

Qué grande é que lle agradezan a unha o traballo que con tanta dedicación realiza. Vale que llo agradecen a outra persoa, porque unha non firma nunca os seus propios traballos, pero... eso son detalles sin importancia da vida da bolseira. O caso é que unha agradece eses ramalazos de furia, de emoción verdadeira, de comunión na loita, que ten ás veces o empresariado español:
Gracias por su ayuda y gran información de Chile, nos ayuda para poder buscar un importador y luchar contra el Déficit Comercial de España.
Olé!

8 May 2007


Adelante corazón, sin miedo a la derrota,
durar, no es estar vivo corazón, vivir es otra cosa

Bos Aires non é bonita. É a cidade máis europea de Latinoamérica. Todo o mundo o di. Pois vaia, para ver cidades europeas houbérame quedado en Europa. Bos Aires é como Madrid, pero clavada, eh, coa súa Gran Vía, co seu Callao, co seu Lavapiés, coa súa Fuencarral... Pero (aínda) máis suxa.
Bos Aires non é bonita e, sen embargo, en catro días namoreime dela.
Namoreime da labia dos taxistas, da beleza desenfadada dos porteños, da poética decadencia dos tanguistas, da profusión de postos de artesanía, dos teatros e das librerías cheos a tódalas horas de xente de tódalas idades clases e condicións, dos escolares que okupan os museos (e a Feira do Libro), das avoas que te piropean pola rúa ou che contan a súa vida nunha pizzería, das chacareras que te fan chorar cando chas canta Mercedes Sosa, das consignas coreadas a medianoite ante a Casa Rosada...
E, sobre todo, namoreime de min mesma... do que son eu en Bos Aires.

...durar, no es estar vivo corazón, vivir es otra cosa

Lemos Galego



Pois iso, que levo dúas semanas deambulando polo cono sur na busca dese libro (en galego) co que poder contribuir á vosa marabillosa idea.

Está complicado, pero non desespero.

Mentres, sígovos.

E, para os que aínda non saibades de que vai esto, para unirse ao grupo hai que:
1.-Escoller un libro en galego e comezar a lelo (se aínda non o fixeches).
2.-Rexistrarte en Twitter cun nome de
usuario ou usuaria que comece por lg_ (sabemos que está só en
inglés mais aínda non existe ningún clon en portugués nin en castelán)
3.-Incluír como primeiro contacto a lg_lemosgalego, ademais
de outros da túa elección (como non existe a figura do administrador, é o único
modo de nos asegurar que todos os participantes son visíbeis para o resto)
4.-Comezar a trasmitir opinións, recomendacións, comentarios, glosas… sobre
os libros que esteas a ler en galego. O límite por comentario está en 140
caracteres.
5.- Se che apetecer podes incluír no teu blog/web algún dos
“badges” que che ofrece Twitter para teres á vista os teus contactos ou os seus
comentarios.

Aproveito para perdirvos, a vós que podedes, que leades Licor de abelá con xeo por min... que lle teño unhas ganírmas...

27 Apr 2007

Japi berdei

Punta Arenas, cementerio de cine

Coas coñas, van tres primaveras.


Miren atentamente a imaxe e compartan o meu estado actual. Levo dous días cunha chea permanente e parece que a causa ten que estar entre as que seguen: idade, abuso do alcol, trastornos cerebrais, enfermidades cardiovasculares, efectos secundarios de medicamentos, abuso de inhalantes, trastornos do oído ou problemas de nutrición.

E nunhas horas, en fin, parto para Bos Aires...

24 Apr 2007



O outono austral do que vos falaba o outro día troixo con el un tsunami mortal, un pequeno tremorciño que nun décimo piso parece máis tremor e menos iño, un frío de neve, uns días escuros e uns seráns fermosísimos... tristes, decadentes e abúlicos, pero fermosísimos.

19 Apr 2007

Outono Austral



Mentres aí se vos altera o sangue, aquí sacamos (por fin) a roupa de inverno dos armarios, aproveitamos o día do espectador poliquímico para facer acopio de antigripais e prepáramonos, en fin, para descubrir o novo Santiago que durme baixo as follas.

18 Apr 2007

toni blerrrr witch project



Tardei tres meses en conseguir que os de Amnistía me contestaran aos mails. Cando por fin me invitaron a unha reunión (DESC) era un sábado, xusto despois de findano, no que tiñamos planeado subir a un volcán. Pero, como tardaran tanto en chamarme, deume medo dicir que non e quedar fóra definitivamente, así que sacrifiquei a aventura montuna e quedei soíña no Santiago Austral.
Nunca me arrepentín.
Naquela primeira reunión coñecín unha chilena poeta coa que compartín máis dun bon momento, unha tocaia arxentina que (entre outras cousas) me introduciu na nova esquerda latinoamericana e nos movementos femininos e feministas do cono sur e, sobre todo, o meu adorado Limón alemán... a gringa que non é dos Estados Unidos senón de San Diego, que sabe o nome dos países e das súas capitais, que fala outro idioma e que se interesa por outras vidas, a mellor compañeira de viaxe que tiven na vida, a antropóloga que (tamén) fai fotos de graffitis e inventa vidas alleas, a colega deportista da pringada do clube literario, a pequena xigante que só perde o control cando os homes a miran pola rúa, a gran bebedora de pisco sour, a bailarina tola de bareto pijo, a amante dos xelados, a fotógrafa da pequenas cousas, a que ve sinte e pensa o que eu vexo sinto e penso con menos de un minuto de desfase horario, a miña mellor amiga nesta aventura santiaguina...
Miss you so much...

17 Apr 2007

Y se reía mientras miraba su cigarro encender

y por la noche las mujeres le reían,
la escalera cuesta abajo y la calle cuesta arriba,
la policía hoy te busca sólo a tí*...

Quedaramos para tomar algo a un bar que nos gusta muito a Eva Luna e máis a min (excelente decoración, boa música, concurrencia variopinta e actuacións en directo), pero estaba pechado. Mentres esperabamos ao resto para decidir cara onde tirar, saiu un rapaz. Despois duns segundos de deliveración, Ana preguntoulle se non ían abrir. "No, poh, estamos haciendo un asado (si, dentro do bar), pero si quieren venir están invitadas, soy el dueño". "Obvio, poh". Tres Austral lager de litro e dúas botellas de viño despois, alí estabamos nós, unha chilena dúas italianas e tres galegas, quentándonos ao lume do asado no patio dun bar, falando de arte, de poesía e de vida con tres divorciados con fillos, un futuro pai, dous solteiros descocados e un "artista contemporáneo" curtido en NY e París. "Pero artista plástico?". "No, contemporáneo".
Seis persons dos que marcan época.
Unha noite desas que fan que pague a pena chegar resacosa á oficina.

*El Compadre, en Vamos que nos vamos, de Muchachito Bombo Infierno.

13 Apr 2007

Recibiré postales del extranjero*

tiernas y ajadas, besos, recuerdos.
¿Cómo están todos? Te echo de menos.
Cómo pasa el tiempo...

Ortigueira 98

A semana pasada fixo seis meses que cheguei ao Santiago Austral, o ecuador desta aventura, e dende a Academia escribíronme para recordarme que chegarei a Compostela a finais de setembro. Setembro de 2007, xusto dez anos despois daquela primeira tarde na Carreira do Conde, sentadiña na cama do meu primeiro piso de aluguer, rodeada de roupa, de libros e de expectativas. Dez anos despois daquela primeira película comentada a berros diante dun chocolate. Dez anos despois daquel primeiro día de clase, nunha aula vella luminosa e afumada na que por primeira vez nin coñecía nin era coñecida, na que por primeira vez en toda a miña vida podía reinventarme.
E reinventeime.
Reinventáronme.
Idéntica á de antes.

Seremos otros, seremos más viejos,
y cuando por fin me observe en tu espejo,
espero al menos que me reconozca,
me recuerde al que soy ahora.

Dani, eu, o licancabur e o Valle de la luna 7

E no momento exacto no que atravesaba o ecuador, este ecuador, recibín a visita do outro Santiago neste Santiago Austral. As semanas previas foran duras, coa marcha de Blair tinguindo de soidade os nosos recunchos favoritos, coa morriña atacando duramente e coa convivencia 24h non-stop enchendo de presión unha ola na que xa non cabía un suspiro máis... Unha desas tempadas nas que un sorriso me custa un mundo... Ata que unha tarde co mellor cronista que tivo ten e terá o Festival de Ortigueira me deixou ben clariño que el sigue sendo un gran contador de historias... E que eu sigo tendo un aire á que saiu do molde orixinal.

Sobre la mesa botellas vacías,
qué sano es arrancarte esa risa,
y ahora cambiemos el mundo, amigo,
que tú ya has cambiado el mío.

Ortigueira'97 reloaded, no Valle de la muerte

E si, alguhas cervexas belgas de 10º e outras tantas horas de conversa máis tarde, rexurdín (de novo) das miñas cinsas. Dábame medo voltar e non atopar o meu oco. Estades cambiando tod@s muito. Vodas, pisos, embarazos, oposicións, traballos. Onde encaixo eu? Vós seguistes o voso camiño e o meu acubillo quedou atrás. Cando chegue, un ano ou dez máis tarde, non haberá unha clase/cafetería á que ir cada mañá, non haberá un piso no que improvisar unha new and improved doblaxe Al salir de Clase (non era difícil), non haberá un Isla ao que voltar os sábados, non haberá unha Krocco's nin un Litmar...
Por non haber, non haberá nin ganas de que os haxa.
Sabedior cantas veces nos reinventamos nestes anos. E non sempre acabamos sendo idénticos. Supoño que medramos (para ben e para mal).
Catro días na zona máis árida do planeta, con Eva Luna (e dúas amigas), Thepablin e un Alikense ensináronme, alomenos, tres cousas:
  1. O deserto é inmenso, abrázate, engólete e, ao final, agóbiate
  2. Non se pode barrer o deserto (e en consecuencia está cheo de merda)
  3. Todos nós somos un deserto, inmenso agobiante e suxo, ata que nos rodeamos de xente en cuxo espello observarnos
Si, somos diferentes, pero á nova Emereci encántalle o novo Alikense...
Volvería elixirvos, sen dúbida.
Resulta liberador.

pablo, dani e eu no salar de atacama (2)
Y en el futuro espero, compañero, hermanos,
ser un buen tipo, no traicionaros.
Que el vértigo pase y que en vuestras ventanas
luzca el sol cada mañana.

Pero basta de lamentos,
brindemos, es el momento,
que estamos todos
y no falta casi nadie,
que hay que apurar
la noche que acaba de empezar.

Vértigo, que el mundo pare,
que corto se me hace el viaje.
¿Me escucharás, me buscarás,
cuando me pierda
y no señale el norte
la estrella polar?

*Espero que os que non compartiron comigo "as frías mañás na facultade" me saiban perdoar o acceso de melancolía ismaelserraniana.

29 Mar 2007

Knock Knock

Unha pantalla de plasma publica ás miñas costas os resultados dun campionato escolar de hípica, un señor fedella na súa PDA baixo unha serigrafía de Matisse e dúas mulleres e tres homes traxeados e maletineados discuten sobre o Transantiago. Podería ser unha embaixada, o hall dun hotel de postín ou un clube de campo, pero era a sala de espera do médico. E os traxeados eran visitadores, o que deixa a cola en dous. O señor da PDA e máis eu.
Esto é Chile.



Chile posúe un sistema mixto (público e privado) de saúde. Todo traballador por conta allea debe cotizar o 7% da súa renda á sanidade, pero pode escoller entre cotizalo ao sistema público (Fonasa) ou ao privado (Isapre). O sector estatal consolidouse a partires de 1952 coa creación do Servicio Nacional de Salud, que chegou a administrar 33.000 camas (90% do total do país) e que actualmente dá cobertura ao 82% da poboación. As Instituciones de Salud Previsional (Isapre) naceron en 1981, a través do D.F.L. Nº 3 do Ministerio de Salud, que (e cito) "permitió la administración privada de la cotización obligatoria de salud de los trabajadores, al mismo tiempo que se reconoció la libertad y capacidad de las personas para optar al sistema de salud de su preferencia". Vamos, que en teoría calquera traballador chileno pode elixir entre unha clínica chea de xente e a sala de espera decorada por Les velours de Matisse...
Xa.
Obviamente, as Isapres non dan o mesmo servizo a todos os seus beneficiarios, sen importar a canto ascende o 7% do seu soldo, senón que ofrecen "múltiples planes que son seleccionados por cada cotizante dependiendo de su nivel de ingreso y sus necesidades". Os prezos son, ademáis, proporcionais ao risco de cada individuo. É dicir, que a poboación de menor ingreso opta "libremente" por Fonasa e os de maior renda, por xogar coa súa PDA mentres buscan na pantalla de plasma o sorriso da súa filla no último campeonato de hípica do barrio.

By the way, o especialista charlou amistosamente comigo máis de 45 minutos sobre a miña vida e obra, as miñas paranoias, as da miña familia, as da súa, os seus 8 viaxes a Galicia (resultou ser un entusiasta do idioma, da gastronomía, da paisaxe e paisanaxe) e sobre todo aquelo, en fin, sobre o que un médico pode falar cunha paciente, para concluir cun "tu estás sanísima" precedido por unha bronca monumental e paternalista sobre a miña "temeraria" tendencia a comer mariscos, verduras crúas e comidas típicas nos sitios máis "pintorescos".
Evidentemente, tambén me deu algunhas drogas, pero a das farmacias chilenas e o seu día do espectador é outra historia.

23 Mar 2007

Toc toc



Sabiades que os esquimais teñen non-se-sabe-cantas palabras para a neve? Pois nas farmacias deste país hai decenas de medicamentos para a diarrea...

18 Mar 2007

Carreteras esteparias

cheas de altos e baixos,
de curvas, de baches


64


Son unha tía de paixóns (case) excesivamente controladas que vive unha vida cómoda, sinxela, que muitos quererían para si. Teño un piso bonito, nun barrio tranquilo, e un traballo cómodo que me proporciona cartos máis que suficientes para vivir, para sair case a diario, para cear fóra de cando en vez e ata para viaxar. Teño tamén un círculo social amplo e activo, co que podería manterme continuamente ocupada.
Non teño queixa, vaia, nin dereito a queixarme.
E, sen embargo, quéixome.
Non nas rectas, claro, cando unha paisaxe intensa e nova me inunda a mirada. Pero si nos cambios de rasante, cando a paisaxe desaparece un segundo e deixa un vacío enorme que se enche, inmediantamente, de nostalxias.
É daquela cando boto en falta.
Boto en fala a comida, os chorizos, o xamón, a tortilla da tía Lupe, a pescada da mamá, as patacas guisadas, a empanada, o pan da casa, o polbo á feira da abuela de Bardaos, o gazpacho, as berenxenas rebozadas da Milagros, os postres da Olga, a ensaladilla de festa...
Boto en falta a familia, as idas e voltas do pikiniño falangueiro, as conversas silenciosas coa mamá, os telexornais compartidos co papá, as risas (son risas) coa pirula, os silencios do irmao e as pullas da cuñada, o riso acelerado dos de Oleiros, a análise tranquila (envolta en fume de ducados) dos de Supena, a mirada pilla (preclara e intuitiva) dos de Bardaos, o cariño infinito dos do Oural e, en xeral, a respiración acompasada e estable desa familia enorme que exerce con altruismo total de rede de seguridade.
Boto en falta os amigos, por suposto, familia escollida e que te escolle, única xente no mundo coa que son exactamente como quero ser, digo o que quero dicir e fago o que quero facer.
Pero, claro, esas son nostalxias obvias. Cando te vas da casa sabes que máis tarde ou máis cedo chegarán e estás preparada para enfrontalas. O que te sorprende, o que te noquea, é sentir a falta das pequenas cousas, dos detalles ínfimos, superficiais, que adoviaron vidas pasadas. Así, a semana pasada, nunha curva do camiño, sentín dor no brazo que me falta, no meu cuarto, na cama de Supena, no olor da cociña de leña, no libro que me espera no sofá mentres a mamá cazolea pola casa adiante, nas carreteras coñecidas que conducín con música coñecida de fondo, na máquina de Trivial do Bartolo, nos tronquitos de cola que comín na praza maior, nos cruasantiños da rúa das docerías, nas reunións de Amnistía, na aula de teatro da USC, no asento de madeira do Rúa, nas noite que me sorprenden en boa compañía e me obrigan a cambiar os viños por copas e os bares por pubs, no minidisc que nos regala Y nos dieron las diez mentres bebemos un mojito e sorteamos unha convención de profesores de instituto, nos babybel da Telepecha, nas probas de impresora do xornal, na pasta con todo das doutoras Fleishman, nas clases de inglés da Z., no meu móbil (que sigue morto) e as mensaxes que ten escondidas, no céspede do Templo de Debod, no bar da Pompeu Fabra, nas mesas da cafetería da facultade de Xornalismo...

7 Mar 2007

04 ancud

Coas imaxes de Nova Galicia na retina, debuxo no aire as viaxes que están por vir. Pascua en maio, Machu Pichu, Atacama ou Carretera Austral en semana santa, algunha fin de semana en Bos Aires...
Cando se me olvida que carallo fago aquí, xogo un pouco acolá.

27 Feb 2007

Póntelo, pónselo


Un clásico de Keith Haring

As campañas antisida son noticia en Chile. E a discusión ten unha gran altura intelectual, eh, con argumentos tan novidosos e pouco rebatidos como este:
"La clave está en la estrategia ABC: continencia en los jóvenes (Abstain), fidelidad de los adultos (Be faithful) y preservativos (Use Condoms) -si lo anterior no funciona- pero advirtiendo que pueden fallar".
Ao tempo estalle custando atravesar os Andes.

20 Feb 2007

La canción que se canta al oido,
la canción que no supe escribir

Falo con Piter e comprobo que sigue triste, tristísimo. Non se me ocorre nada intelixente que dicir e dígolle que escriba máis. A min axúdame a exorcizar os agobios, a racionalizar, a relativizar. Respóndeme que non escribe porque lle dá medo sentir máis, sentir outra vez, cada palabra. E engade que, de feito, se non fala máis comigo é precisamente porque acaba esgotado.
A culpabilidade é aceda.
Ás veces o cabo que lles botas aos amigos é tamén unha soga.


y un piano con dos copas de más,
y unas manos que lo sepan tocar

As noites no Santiago austral acaban sempre cunha copa de máis. Paella e sangría nun ático pijo ou choripán e viño branco nun patio jipi, tanto dá, ao final sempre acaban cun grupo máis ou menos heteroxéneo de españois buscando un bar no que tomar a última, que evidentemente nunca será a derradeira. A min encántanme as noites tolas, inesperadas, que comezan cun ribeiro e unha tapa de tortilla e acaban, despois da correspondente sesión de baile desenfadado, cunha conversa surrealista cun canalla encantador. Pero, evidentemente, no Santiago Austral non hai ribeiros nin tapas de tortilla e, ata esta fin de semana, tampouco parecía que houbese canallas encantadores.
Hoxe sei que hai, alomenos, dous.
E que un deles son eu.
E que sigo sen ser muito de líos dunha noite.

17 Feb 2007

"Los muros eran los titulares de los diarios"

exiliados dos liceos

O outro día fun con B. ver o último documental de Patricio Guzmán e descubrín, ademáis doutras muitas cousas, que as paredes chilenas non me berran só a min.
"Los medios estaban en manos de la derecha", dice o Mono González, "para nosotros los muros eran los titulares de los diarios".
Gran tema para unha tese, verdade?

16 Feb 2007

Chove en Santiago

meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.


A foto non é miña, fíxoa Héctor Aravena,
para
El Mercurio.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.

Federico García Lorca

Que ganiñas lle tiña á choiva.

12 Feb 2007

Imagine



Imaxina que consegues, por fin, amigos chilenos.
Imaxina que veñen un xoves cear.
Imaxina que comedes ben e bebedes ben viño branco e dades conta dunha botella de limoncelo.
Imaxina que eles están de vacaciós e vos propoñen escaparvos a fin de semana ao deserto, para ver as estrelas.
Imaxina que ti non podes, porque o domingo tés visita, e lles suplicas que non vaian sen ti.
Imaxina que che propoñen sair inmediatamente, al tiro, e chegar a tempo para recibir a M.
Imaxina que, por un segundo, che escorregan polos ollos as ganas de aceptar.
Imaxina que as túas ganas son contaxiosas.
Imaxina que unha hora máis tarde estás na porta da túa casa, coa mochila lista e o bikini posto.
Imaxina que, xa na autopista, con Sabina de fondo (que terá Sabina que se está a converter na banda sonora desta aventura), te decatas de que hai lúa chea.
"Qué pena, así no se ven bien las estrellas", diría un dos rapaces.
"Pero, se non fora por ela, seguramente non fariamos esta viaxe", pensarías ti.
Imaxina que seis horas máis tarde te estás bañando na praia, despois de chamar ao traballo para excusarte por unha gastrointerite inoportuna.
Imaxina que esa mesma noite estás vendo estrelas que nunca viras, porque o ceo contaminado de Santiago chas tiña prohibidas.
Imaxina que, de regalo, aprendes o significado da chapa que compraches ao chegar.
Imaxina que ao día seguinte aprendes a facer pisco.
Imaxina que decidides aproveitar a viaxe ao máximo e chamas a M. e pides perdón mil veces porque a vas deixar colgada e aseguras sentilo e pode que de verdade o sintas e pode que non.
Imaxina que atopades un hostal naturista, á beira dun río que dá vida a un deserto, e que pasas a noite conversando cun tipo incríble, que te define sen coñecerte, ao que pretendes definir sen coñecelo, mentres a lúa sae de tras dun monte e atravesa o ceo sobre as vosas cabezas, de puntillas, para esconderse silandeira tras doutro monte.
Imaxina que te sintes lúa, correndo de puntillas entre os montes para non ser vista.
Imaxina que, de verdade, te atreveses a sair de tras do monte.


Este futbolín atopeino hai uns días no curuto máis alto de Santiago. Fíxome muitísima ilusión e azuzoume un pouco a morriña. Cantas tardes de instituto invertiría perfecionando a técnica? Sen rolos, sen parala, a 25 pesetas a partida.
Onte entereime (Vía Chuza et al) da morte do seu creador.

A próxima partida vai por vostede, mestre.

25 Jan 2007



Chégame un mail de Bardaos con fotos da primeira nevada do ano e fito para elas alucinada, confundida, completamente desorientada.
Nin sequera o Nadal na praia me aturdiu tanto.
Eu en tirantes e vós incomunicados pola neve, la envidia me corroe.

19 Jan 2007

Pacos 1 - Pringaos 0

Convictos

Primeiro encontro cos pacos.
"Identificación".
"¿Esa cerveza es suya?".
"¿No sabían que de acuerdo con el artículo 25 de la ley piiiiiiiiiiiiiiiiiiii está prohibido beber licor en la vía pública?".
"Pues deberían saberlo".

E así é como dous puretas que beben (como todo os que están ao seu redor) unha cervexa nun parque mentres escuitan un concerto de jazz acaban sendo citados para ver un xuiz dúas semanas máis tarde.
E podía ser peor.
Y hasta aquí puedo leer.

17 Jan 2007

Oficios



Dende a fiestra dunha Oficina Comercial podes ver de todo. Micros moribundas, taxis tuenaos, hordas de chilenos e chilenas correndo a traballar, sufridos traballadores que se colgan con cordas para limpar cristais, rapazas posando espidas na fiestra do oitavo piso dun edificio de oficinas...

Paixón e estravagancia



Aproveito a tradición para darlle cor á miña vida. Non me dou decidido entre o vermello do lume e do sange, do perigo, da guerra, da enerxía, da fortaleza, da determinación, da paixón, do desexo e do amor e o violeta da riqueza, da estravagancia, da sabiduría, da creatividade, da independencia e da dignidade.
Ao final penso...
E se os mesturo?
Cumpliranse os meus tres desexos?
Pegaráseme algunha das súas características?

15 Jan 2007



Teño ollos. E amigos. Sei cando unha rapaza é guapa, cando está boa, cando é atractiva... E nunca tiven problema ningún en falalo. Un cacho. Pero estou farta. Abúrreme. É un tema que non da máis de si. En serio, canto tempo seguido se pode falar deso. Sempre?
Necesito, desesperadamente, amigas heterosexuais.
Ou amigos homosexuais.

9 Jan 2007



Vexo no Chuza que o 90% dos mejores expedientes de Galicia proceden de escolas públicas (tamén leo que o 75% pertencen a alumnas, pero esa é outra historia e debe ser contada noutro momento), o mesmo día que en Chile analizan os resultados das probas de acceso á universidade, nas que "más del 60% de los puntajes nacionales provienen de colegios particulares pagados".
...

6 Jan 2007

Dádeo



Coñecemos a dous chilenos en Río. Son riquiños, son divertidos, son interesantes, son guapos. É findano, unha ocasión marabillosa para conxugar o carpe diem, así que barallo toda a noite a posibilidade de xogar as miñas cartas con algún deles. Se non o fago, é porque non me dou decidido por un (criticable, pero certo). De volta a Santiago, descubro entre frustrada e divertida que son parella e, media hora máis tarde, tropezo coa flor urbana que vedes sobre estas liñas...
Se vedes que tal, só dádeo.

4 Jan 2007

Resumindo

Hace siglos que quiero enviarte palomas de humo,
antes de que carcoma el invierno la culpa que asumo,
ten a bien recibir de mi parte un abrazo de amigo,
cuando estalle la guerra estaré en la trinchera contigo.


perito moreno

Que si, que si, que as viaxes que me estou pegando son incríbles, que botei todo o mes de decembro por aí de pendangueo, que estiven dez días sen cheirar un ordenador, que canto máis tempo pasa máis difícil é poñerse, que cada vez que o intentaba tropezaba co to start with, pero... sexamos sinceros... non é por iso que escribín tan pouco os últimos meses. Non sei por que é e, se o soubese, tampouco empregaría este primeiro post explicándoo.
Deixémolo ir e concentrémonos nas pombas de fume que vos mandei dende o parque forestal, en Bellas Artes, donde a mocidade santiaguina se reune para beber fumar falar comprar vender tocar escuitar actuar aplaudir; dende as festas de expatriados, no alto dos edificios máis altos de Santiago, bebendo sangría e comendo paella a carón dunha piscina e dun jakuzzi, vivindo unha vida cómoda luxosa e allea; dende os bares, cando me deixo levar con Adri pola morriña e polo pisco e acabo falando da névoa, da chuvia, do tute, do lume, da pedra, dos montes e do mar e, sobre todo, cando, en plena exaltación patriótica, descubrimos dous barbudos entre a multitude cos que compartimos unha mirada cómplice, "galegos?", "por suposto, como vós, va que si?", pois si; dende o concerto de Sabina, o mesmo ao que fomos na Coruña, as mesmas cancións, a mesma posta en escea, outro público, outros compañeiros, outro mundo; dende o cine, cando me aburro e me enfado e só ten sentido quedarse ata o final se estades despois para comentala; dende a oficina, cando alucino con algúns titulares, coa información sobre a farándula, coas consultas do empresariado español, coa rutinización ministerial; dende as Torres del Paine, cando me pregunto que carallo pinto eu aquí, oito horas subindo unha montaña con doce quilos ás cóstas, e tamén cando, xa arriba, desaparece a dor e o cansancio e só queda esa vista incríble; dende a illa Magdalena, chea de pingüinos que se bican, que se buscan, que se chaman e que parecen felices nesa súa vida allea ao resto do mundo; dende unha finca no (auténtico) cu do mundo, á que só se pode chegar en barco e cando non vai mal tempo, que exerce sobre os meus sentidos a mesma influencia que o mar e o lume; dende os glaciares (na foto, o Perito Moreno), que se desfán diante de nós, nun espectáculo impresionante por fermoso e por preocupante; dende os cemiterios de Punta Arenas e de Santiago, tan distintos dos nosos, cheos de creatividade e esaxeracións estéticas, de nomes extranxeiros e de primeiras frases de novelas de misterio; dende os postos de inmigración, cando me sellan o pasaporte Arxentina, Chile, Brasil, Chile e alucino ao darme conta de que realmente estou aquí; e, sobre todo, dende Río, cando os fogos se mesturan coa choiva sobre a miña cabeza, mentres deixo no Atlántico a miña ofrenda a Yumanjá e vos mando a derradeira pomba de fume do 2006, chea de promesas.

3 Jan 2007

11 Dec 2006

O día que morreu Pinochet...



...paseino metida nun avión, cheo de milicos chilenos, comendo as unllas, lendo xornais atrasados (do día) e morrendo por información fresca. De volta no pisito santiaguino, os helicópteros, as sereas e os 10 días de sono acumulado luitan coas ganas de vivir o momento histórico.
Xa vos contarei.

Máis:
- As fotos que eu non puiden facer.
- Excelente resumo de Atina.
- Algúns medios nacionais
On line: Chile.com, Terra Chile e Portal Chile
Clásicos: El Mercurio, La Tercera, La Nación, Las Últimas Noticias e La Cuarta.
Radio: Radio Cooperativa
Tele: Canal 13 en internet e Televisión Nacional.
- Blogs españois, como Guerra Eterna ou Escolar.

Engádega: As anti-crónicas dunha xornalista desorientada, no campamento provisonal.

28 Nov 2006

Ходоровски



Onte fun ver un fabulador fabular. Decepcionoume un pouco, crin que sería máis ousado e fantástico en persoa, pero pagou a pena ir só por presenciar a fenda insalvable que hai entre a entrega total dos crentes e a rabiosa reacción do que o escuita por vez primeira.

26 Nov 2006

dous móbiles, ningunha chamada

Non sabía que estaba tan enganchada ao móbil (vale, intuíao) ata que deixou de soar. Hai máis dun mes que está buscando rede, meu pobre... Pobre el e pobre eu, que teño un móbil e un selular e hai máis dun mes que non recibo chamadas, perdidas e/ou mensaxes. E con esto de que por internet me sae tan barato, ao final sempre chamo eu...
Non vos dou peniña? Nin unha pouca?
Pois debería.

Actualización (martes, 14 de novembro): Roubáronme o selular, por choricas.

Actualización (domingo, 26 de novembro): Case dous meses despois, o móbil español funciona outra vez!

24 Nov 2006



Uno se despide insensiblemente de pequeñas cosas,
lo mismo que un árbol en tiempos de otoño muere por sus hojas.
Al fin la tristeza es la muerte lenta de las simples cosas,
esas cosas simples que quedan doliendo en el corazón.

Uno vuelve siempre a los viejos sitios en que amó la vida,
y
entonces comprende como están de ausentes las cosas queridas.
Por eso muchacho no partas ahora soñando el regreso,
que el amor es simple, y a las cosas simples las devora el tiempo.

Demórate aquí, en la luz mayor de este mediodía,
donde encontrarás con el pan al sol la mesa servida.
Por eso muchacho no partas ahora soñando el regreso,
que el amor es simple, y a las cosas simples las devora el tiempo.


César Isella, Canción de las simples cosas. Leva días obsesionándome a versión de Martirio e Pedro Guerra, en Contaminados.


Hai días bos e días menos bos. Días nos que me sinto cómoda coa xente coa que me tocou vivir esta aventura e días nos que me gustaría meterme todiña dentro da miña pel e pecharme cunha cremalleira. É neses días, como hoxe, cando chega a morriña. Non da terra, senón da xente.
Cantos cumpres teríamos para celebrar, por certo.

Engádega. Non estou de mala hostia. Estou triste. Estou triste e incómoda. E póñenme aínda máis incómoda e aínda muito máis triste que confundan a miña tristeza con enfado. Disgústame muito máis estar triste que estar enfadada, porque o primeiro escapa claramente ao meu control.

16 Nov 2006

Santiago conection

Na primeira práctica de redacción xornalística tocoume ao lado unha rapaza que me chamou catrocentas por pedante e por petarda, antes incluso de darme os bos días. Friendship was in the air. A súa resposta ao último mail colectivo que mandei aos amigos arrancoume máis dunha (e de dúas) gargalladas morriñentas.



Aquí non, as paredes non berran. Son patrimonio da humanidade, son bastante serias, non cambian de roupa, pero súan, claro, coa humidade... non sei se o lembras, ese indescriptible vapor do ambiente que penetra coqueto nos teus osos, lixeiramente entumecidos, despois de que o teu namoradizo paraugas, perdese a cabeza por unha racha de vento... ai, que bonitas son as paisaxes aquí en inverno. Luces vermellas... dos freos dos coches, clara alegoría do tradicional caos circulatorio das Prazas de Galicia, Vigo ou Rotonda da Galuresa... Inesgotables momento de reflexión ante a chuvia, favorecidos por esas gratas esperas de 40 minutos ó autobús... Chimpos nas charcas... dos automóbiles... que refrescan a túa rutinaria carreira cara o último taxi... e música... claxons ó son dos últimos tiruriruriruiru... dos pasos de peatóns... Que ganas de sair de traballar.

Supoño que esta fin de semana, tamén irei á costa.
Acenderei o calentador, abrirei o auga e metereime na ducha, xusto despois de chamar a Teletortilla. Mais tarde penso googlear cara a miña habitación e, quizais, darme o capricho de montar unha estantería que merquei en Alcampo (un pouco pijo, pero barato).

En fin, non che vou contar máis, non querería que deveceses de envexa.
Teño que marchar a desconxelar os filetes de ternera... aquí a carne tamén e moi boa.


Canta causticidade (sei que che encantará o palabro) xunta.
Muito vos boto de menos.

15 Nov 2006

Shame on you



Incríble. O que me faltaba por ver.

Actualización (19:18) - Ah, xa. Era para iso. Malpensados sempre os houbo.
E, por certo, en El País non van publicar ningunha foto da visita? Curioso...

14 Nov 2006

Tú no, princesa, tú no

Tú eres distinta.
No eres como las demás
chicas del barrio.


princesa


Este cidade devece por expresarse. Fóra deste barrio pijo e insulso (idéntico a tódolos demais barrios pijos e insulsos deste mundo globalizado) no que vivo e traballo, as paredes das rúas santiaguinas están cheas de mensaxes... Resulta case esquizofrénico (fig.), como se a cada paso houbese xente berrándoche, como se toda a cidade fose unha enorme speaker's corner.