23 Jun 2004

Cheguei

Tanto anuncia-la miña volta ó home sweet home e ás súas comodidades (comida quente, tele grande, sofá de verdade e internés) e vou e tardo case unha semana en reportar a miña chegada... ¡que desastre!

Tentarei repara-lo erro cun breve repaso:
-O mércores 16 erguinme cediño e fun con P. ata a Autónoma coa intención de roubar uns artigos das revistas electrónicas ás que están subscritos. Pouco máis e non me dou iniciado en tan cutre carreira delictiva... windows será a mesma rencarnación do demo, pero non hai cristo que se entenda co linux. Despedinme de P. no metro de Diagonal. Chorei, como sempre... pero non deixei que me vira (non me da a asertividade para tanto). Esa noite fun durmir á casa dos meus tíos en L'Hospi, non sen antes tomar un algo nunha terraza. Un ventiño agradable, tremendo ambientazo e o rapaz máis guapo que vin en Barcelona.
-O xoves erguémonos ás catro e media da mañá, almorzamos, durminme ata pasar Zaragoza, mareeime, tomamos outro algo, roubeille o sitio de copiloto a miña tía coa excusa do mareo, que pouco me gusta Castela, un cd de chistes de barragán case me rebenta a cabeza, chegamos á A-6... e en nada estabamos comendo o guiso de corzo de miña mai. Nunca queres tanto a teus pais coma cando botas meses en velos. Co café chegou a discordia: ZP, Aznar, Rajoy, a inmigración, nacionalismo vs. solidariedade, leis de vagos e maleantes, o demo da inmigración, "xa cambiarás/aprenderás/entederás", "había que matalos a todos"... nun momento morre a maxia, síntome soa e fóra de lugar, non soporto que miña tía me toque mentres di semellantes barbaridades, acabo berrando con todos, escapo coa excusa de enche-lo lava-pratos e xa soa na cociña unha bágoa traidora demóstrame que sigo sendo a de sempre.
-Chegan os paquetes que me auto-enviei dende Barcelona. Non sei onde metelos, o meu cuarto está cheo de cousas que non recoñezo como propias. Cienes y cienes de xornais vellos, mil caixas baldeiras e moreas de papeis amarelos que hai dez anos debín gardar por algún motivo que non son quen de recordar. Desorientada pola viaxe, as poucas horas de sono e a discusión baleiro armarios, caixóns, estantes... e tiro coa metade dos meus estraños tesouros. Iso debe ser madurar.
-O venres durmo ata tarde, falo cos de Lugo e cos de Barcelona, teño unha conversa (seria) sobre o futuro con meu pai e comprobo que Wanadoo decidiu (de novo) cortarno-lo servizo. Chamo, pero vése que á rapaza non lle pagan o suficiente para que me explique que pasa e sóltame unha milonga de máquinas avariadas e dificultades técnicas para acceder ós expedientes. "Yo la llamo en unos minutos". Aínda estou esperando. De ir á festa agro-pop nin oir falar, miña mai rise... "é broma, espero". Vexo (outra vez) Drácula.
-O sábado erguémonos cedo (ás dez) para ir á perruquería. Xeralmente odio ir, pero desta vez foi distinto: sentín unha especie de nostalxia das horas perdidas nese universo kitch, contillei, deixeime masaxear peitear e ata pintarraxear... Co conto cheguei á casa co tempo xusto para comer, aviarme e tirar para a casa da noiva. Como chofer da mai da mesma non tiven dúbida, pero como lectora de misa deixei moito que desexar (se me vira Menchu... ou Pousa Estévez). Deume a risa... e é raro, eh, porque aínda non fun nunca a unha misa que non acabara mal escondendo unha gargallada. A cea estaba boa e a compañía era agradable, tralos postres saqueis os tacóns, pedin o meu (quen di un...) tanquerai con sprite e gocei o espectáculo: a noiva, coa cua do vestido enrebozada nun brazo, unha copa e un cigarro nunha man e un micro na outra, regalounos unha inesquecible versión da Rianxeira só superable pola sublime interpretación de Paquito Chocolatero a cargo do seu flamante marido.
-O domingo foi día de reflexión, lectura penitente do Pais, comida familiar cos emigrantes retornados para a voda, café e charla coas luguesas, fútbol e vídeos ata as tantas.

Nestes días baixei cedo á biblioteca (a ver se acabo a tesina para setembro), fun ver Héctor (tíñalle ganas, trala recomendación de Todo nada... coa que, por certo, concordamos H., Su. e mais eu), contratei unha nova conexión, lin pero non contestei (erro, agora non o farei nunca) os mails acumulados, tiven unha longuísima conversa con Su. que (me temo) non nos levou a ningunha parte, paseime por Amnistía e escribín este (de todo menos breve) repaso...

Mañá iremos salta-la fogata á Coru, previo paso pola casa de Borjitas para fastidiarlle unha boa cea a cambio dunha queimada de afecionada...

...acéptanse incorporacións de última hora.

No comments:

Post a Comment