7 Jun 2004

La-Fran

Non recordo exactamente a primeira vez que a vin. Por máis que rebusco, non atopo a primeira impresión nesta memoria enferruxada que teño. Supoño (é un supoñer) que de primeiras oiría a súa verba enrevesada de sudamericana, chea de ustedes, de ses e de setas, de anglicismos hiper-adaptados ó castelán... aposto un algo a que cando me vierei mirala pensei que era moi guapa, pero algo chulita; "lo sabe", coma se iso fose algo malo... mañas de mala perdedora. La-Fran fala sempre con corrección exquisita, non di tacos, non berra, non se ri en alto, non se enfada, non trata temas delicados con descoñecidos, sempre está no lugar que lle corresponde... non se pon colorada, non ten vello corporal e non suda, como moito, transpira, coma as señoritas. Igualiño ca min.
É incrible como a cotidianeidade fai que as diferencias se reduzan ata a insignificancia, como co tempo atopamos os puntos de unión, esixindo e cedendo en cada momento para adaptarnos ás asperezas mutuas... abráiame sobre todo como levamo-lo tema político, ¿como o fixemos? ¿como o fixeches? Co tempo atopamos un código mixto de comunicación, cheo de galeguismos e de chilenismos; construimos un auténtico sistema semiótico a base de "perdidas"; deseñamos un menú de arroz e verduras, de pan amb tomaquet, de carne unha vez á semana, de menos sal e menos especias que lle sentan mal á europea, de enzoufe de nocilla unha vez ó mes, de xelado de limón porque é o meu favorito, de café con-con, té con-sen e agua-de-poto; establecemos un horario ideal, algo duro pero intocable... que por suposto incumprimos sistemáticamente; fixemos maratóns de Hawks e de Lubitsch eslongadas nun inolvidable sofá azul de Ikea; e falamos, sobre todo falamos, durante horas e días e semanas e meses. Falamos da felicidade, do amor, da tristeza, do rancor, de cartos, de traballo, de tecnoloxía e de comunicación e libros e cine e música e tele; falamos dos amigos de toda a vida, dos coñecidos comúns, das vidas alleas, das nosas familias; e falamos de nós mésmas, do que queremos e do que faremos, das viaxes trasatlánticas... dos encontros "en Santiago".
... Mmm... xa hai unha hora que La-Fran despegou cara Chile e eu non son quen de lembra-la primeira vez que nos atopamos.

No comments:

Post a Comment