24 Jun 2004

Grandes festas en Sarria. Xa é tarde para asistir á rectura do pregón a cargo do presentador da TVG anunciada pol-o periódico para as sete da tarde de onte. Tampouco poderemos ir xa botarlles unha pieza ás orquestras Arela e Pasarela. Pero aínda nos quedan uns días para ir tomar un vermú á "capital da marcha".
Hoxe, día grande para os locais, a oferta é esplendorosa: pasodobres con Ledicia e tex-mex televisivo. ¿Quen pode resistirse a iso? Eu non, por suposto, nin a iso nin ás mellores copas de toda a provincia, as do mítico Bartolo. Xa me tardan. A modo de programa chusqueiro de xornal estival, anunciovos xa de paso as actuacións de Armonía Show e Mayonesa (ollo á bandeira española) para o venres noite. O sábado, a verbena corre a cargo de Marimba e do "Gran concierto San Xoán" do Xacobeo e TVE (onde se di que podería actuar Siniestro). E o domingo, trala proxección de curtos de realizadores locais, actuarán a Gran Parada e a Super Estrellas de Venezuela. Da corrida non falo porque non me da a gana, porque me pon de mala hostia e porque me recorda, unha vez máis, que son moito máis intransixente do que me gusta crer. Hala, xa falei. E iso que non quería.

Nota.- Como sarriana putativa e noitámbula impenitente, recomendo vivamente obvia-lo programa oficial e concentrarse no estudio profundo dos bares da vila (hai ben deles).

No comments:

Post a Comment