4 Jul 2006

O Futuro para Mafalda

Hemos llegado al crepúsculo neutro
donde el día y la noche se funden y se igualan
Xa fun e xa volvín. Acabei coa Academia pouco antes de que ela acabase comigo. As últimas semanas, as derradeiras, traspasaron os meus límites físicos a forza de roubarme horas de sono. Sempre quixen andar a todo e a todo non se pode andar. Ao final é o corpo o que di ata aquí chegamos e de aquí en diante va-a-ser-que-no. Deume para os exames, para a comunión do fillo da madriña, para rematar o proxecto colectivo e para darlle algo de vida ao propio, para aceptar unha invitación xenial dunha curmá xenial da que me queda muito que coñecer, para tomar unhas cañas (e unhas tapas) con La-Lore, para facer un máster en tintos-de-verano coas miñas asturianas favoritas, para queimar a noite de sanxoán no xardín dun adosado madrileño (e para saludar a mañá da noite máis curta do ano cun vivoreo nos beizos), para descubrir o asasino en potencia que esconde o maior choricas da historia dos choricas, para aburrirme (outra vez) coa clase (e pechar así o ciclo), para vivir o orgullo de Chueca e a actuación estelar de La Divina no restaurante de kebabs máis sub-realista da noite capitalina, para despedirme dalgúns pero non de todos e non necesariamente dos máis importantes e para deixar ir aos outros discretamente, ao caladiño.
Deume para todo eso, pero para nada máis.

Nadie podrá olvidar este descanso.
E tardei tres días en recuperarme. Aquelo de reenganchar a derradeira noite coa viaxe de volta parecía unha boa idea, pero non o era. Unha vai vella e as cheas saen cada día máis caras (en tódolos sentidos), muito máis se se encadean con seis meses de carreira contra-reloxo.
A viaxe e os tres primeiros días na casa pérdense na néboa dunha sesta perpetua que a familia observou entre divertida e preocupada.

Pasa sobre mis párpados el cielo fácil
a dejarme los ojos vacíos de ciudad.
Deitome ao revés na miña cama da miña habitación na casa dos meus pais coa fiestra aberta e vexo pasar as nubes. Hai nubes. E móvense. Ás mañás choviña e á noite vai fresco. A miña pel, o meu pelo, as miñas foxas nasais recuperan pouco a pouco as súas formas tranquilas, transparentes, intrascendentes.
É incríble como rexeita o meu corpo (ou a miña mente) a vida urbana.

No pienses ahora en el tiempo de agujas,
en el tiempo de pobres desesperaciones.
Nunhes días saberei cara a onde queda o meu futuro. O día 10 saen as derradeiras notas e o 15, os destinos... É tempo de cábalas e de noites intranquilas. Onde acabarei? Miami, Los Ángeles, Río, Santiago, Guatemala... Onde acabaremos? É tempo de acabar de asimilar que o que non foi non puido ser e ademais era imposible. Ou non? Poderá ser no futuro? Seguirei querendo que sexa? Sería, realmente, o home da miña vida? Haberá un home das nosas vidas? É tempo de repensar as decisións tomadas e as que quedan por tomar. Sei que é ese tempo, que debería ser ese tempo, pero o 1 de setembro teño que entregar a tesina. Sen falta. E non me queda máis remedio que esconder o reloxo debaixo da cama antes de xuntar os meus libros e papeis e facer un burato nun cuarto para pecharme con eles as primeiras semaniñas do resto da miña vida.

Engádega (06.07.06).- Xa saíron as notas. Mui na miña liña, sen destacar, nin por arriba nin por abaixo. La-suerte-está-echada.

No comments:

Post a Comment