22 Jan 2010
India - भारत (XII): os corpos non arden ben
"Os corpos humanos non arden ben", dime Ravi Kumar coa frialdade aséptica do cremador profesional, "sobre todo a cabeza e a espiña dorsal. Os osos tardan uns tres días en acabar de arder e, claro, os familiares abúrrense de esperar muito antes."
20 Jan 2010
Cheguín
Ando organizando as ideas as fotos e as notas. Xogando a caer e levantarse co afillado. Estudiando a tabla de multiplicar co pikiniño. Lendo correos post e feeds. Tomando cafés e cañas e viños e copas. Contestando mensaxes vellas con ideas novas e mensaxes novas con ideas vellas. Contando historias. Escuitando contos. Poñéndome ao día co esto, esto e esto. Lavando a roupa. Probando os chourizos. Cagándome nos de haloscan. Preparándome para a volta ao choio...
Recordando o segundo exacto no que me din conta do muito que me gusta a miña vida.
Recordando o segundo exacto no que me din conta do muito que me gusta a miña vida.
19 Jan 2010
India - भारत (XI): Libros

La fiesta ha terminado

White Tiger

Plataforma

The Golden Notebook

El dios de las pequeñas cosas

Five point someone
___
*Non é un ranking, nin nada parecido. Van na orde de lectura, marcada polo azar... supoño. Entre eles está un dos libros que máis me marcou en anos. Seguramente é muito pedir, pero se alguén se anima faríame gracia saber cal credes que pode ser. Por esta cousa da imaxe proxectada e tal.
19 Dec 2009
India - भारत (X): Babelfish
Imos rua arriba sorteando ciclorickshaws motos vacas xoias sarees limpadores planchadores costureiros postos de chai bostas frescas nen@s descalz@s e agresivos vendedores. Vimos da misa de seis. Todas as misas de todas as relixions do mundo son iguais, sentencio. Aburridas. Entramos nun ciber para consultar o correo. Tenho un monton de correos acumulados, pero non me dou feito co teclado estranxeiro para contestalos. Sintome algo espesa. Creo que se me esta subindo a galleta aquela sagrada, digolle a L. E logo? Porque flipo. Estou entendendo a conversa dos do mostrador. Non me jodas, contesta escarallado, e de que falan? Falan dunha ruta do interior que e mais segura e rapida. Hostia hostia hostia, di L. de repente, excitadisimo, eu tamen os entendo, acaballe de preguntar se a encarga chegou ben, logo... en galego! Rimos cunha risa estupida. O curioso, confesolle con algo de culpa e muita cerimonia, e que eu non os oio en galego. Eu oioos en mexicano.
16 Dec 2009
India - भारत (IX): Come to my religion
O guía que me encasquetan (disque o goberno) na visita a Agra é un estudiante de Turismo de 21 anos que nada máis entrar no coche intenta marcar os ritmos da visita: First Fort. Then Taj Majal. Then lunch. Then city tour. No time to Fatehpūr Sikrī. Eu só durmin 3 horas e non quería un puto guía, así que teño o buenrollismo algo baixo e entro a matar: No, first Taj Majal. Then Fatehpūr Sikrī. Then, we'll see. And I don't want shops. I won't buy anything, I won't see any demonstrations. I won't go to any shop. Cede na primeira batalla, pero non dá por perdida a guerra. Paso todo o día forcexeando con el e acaba agobiándome. Dígollo: Look, stop pushing me. Not push. Yes push. Stop it, you are stressing me. Entón vai e pregúntame:
-What is your religion?
-I dont have any.
-No?
-No.
-You can come to mine.
-Which is...
-I am a muslim. You like being a muslim.
-You think... why?
-Muslims take care of our women.
-And do women like that?
-Of course.
-Why?
-Because they whant to be care. They are weak.
-Do you think all women in the world are weak?
-Yes. Mui rotundo, mirándome aos ollos. Paso ao ataque directo: You think I am weaker than you?
-Oh, come on, you know women are weak. You know. Everybody knows. Men are strong and women are weak. You want to be strong but you are weak. You want to be care. Aí estamos. Reláxome, déixome caer outra vez sobre o asento do coche, sorrío e digo con toda a superioridade que son capaz de xuntar: Maybe you are right, but believe me: it won't be today.
___
*A foto non ten nada que ver coa historia, claro. Máis alá de que foi feita o mesmo día.
14 Dec 2009
India - भारत (VIII): Full epilation
O barrio de Luis está cheo de centros de beleza. Entro nun con pinta de pijo e pregunto canto costa depilar as pernas. Full, 320 rupees. Estou aínda botando as contas (case 5 euros) e xa teño unha rapaza con rasgos orientais ao meu lado. Chaló? Vamos, logo. Resulta ser unha muller despidada e eficaz, que non tarda nin dez minutos e depilarme as pernas enteiras. Chega á ingle e afirma: Full. No, full no, thanks, digo facendo amago de fuxida. Sorrí: me no painful. Eu tamén sorrío: yes, you painful. Entón rí. Me full self! You what?! Me full self, xesticula. You are a strong woman, dígolle con admiración. All woman strong, contesta. Non che estou eu tan segura, penso mentres empezo a vestirme.
India - भारत (VII): The freckles
Vou a unha parafarmacia comprar algo que me axude a superar os primeiros problemas estomacais da viaxe sen recurrir ás drogas duras e unha rapaza cunha pel fermosa, escura e brillante, aproveita para ofrecerme unha crema decolorante. Miro o bote con curiosidade e ela explícame que é milagreira, infalible, de verdade, trust me. I trust you, respóndolle, but do you really think I need it? porque honestamente me parece unha situación imposible. Nooooooooooo, escarállase, not you, the freckles.
India - भारत (VI): Udaipur
Na miña primeira visita ao balbordo abafante de Old Delhi dame unha arroutada, métome na estación de tren e compro un billete para esa mesma noite. Párome uns minutos no medio do avispeiro e busco no taboleiro dos destinos unha cidade do Rajastán que non sexa Jaipur, porque calculo que para verme reflexada no espello deformante do turismo internacional xa me vai chegar coa visita obrigada ao Taj Majal. Vanme ben os horarios de Jodhpur e de Udaipur. Pregúntolle ao home que me atende cal das dúas me recomenda e respóndeme, sen dubidalo: Udaipur is the most romantic city of India. Every young lady should go there once in her life. Udaipur, logo.
Antes de sair, preparo libros libretas música xogos para encher as horas de silencio. Pero o silencio nunca chega. Condutores de rickshaws post-hippies integrados guías turísticos propietarios de hoteis tuneiros moteiros cociñeiros masaxistas filósofos camareiros limpadores sacerdotes e o representante da quinta xeración de cremadores dun panteón hindu enchen as miñas horas de imaxes e historias, afáganme, protéxenme, paséanme, entretéñenme e, finalmente, agóbianme. A súa presenza perpetua monopoliza a miña mirada e chega un punto no que me dou conta de que non fago máis que buscarme en todos os espellos. Bótome de menos. E, sen embargo, estou aí. Coma sempre.
Se cadra, esa é a cuestión.
9 Dec 2009
India - भारत (V): Delhi
Convirto a casa de L. en Delhi nunha sala de aclimatación ás vacacións. Wi-fi, televisión por cable, unha cama marabillosa, auga quente, café italiano, xamón serrano, unha boa biblioteca de libros en castelán con varias guías de viaxes, de historia e de cultura da India e un ritmo de adaptación tranquilo que depende só de min. Durmo a pracer, almorzo lentamente e saio pasear. Primeiro polo barrio e, xa o segundo día, por esta cidade inmensa que parece un mundo.
Apetéceme estar soa. Pasear. Pensar. Mirarme a min mesma noutro escenario. Coller perspepctiva. Pero é imposible. A cidade está chea de condutores de richshaw, vendemotos profesionais, embaucadores, ligóns, cazadores de comisións, estudiantes aburridos e salvadores de pobres damiselas en apuros que se empeñan en loubarme a mirada pelo sorriso, en acompañarme, en facer comigo a cola do banco, en evitar que me meta por sitios pouco recomendables, en deseñar o percorrido perfecto para o primeiro paseo por Delhi, en explicarme como é realmente esta sociedade, en aprenderme o vocabulario básico en hindi e en preguntarme todo o que nin sei nin quero saber sobre fútbol europeo.
Un deles, Wasim, convídame a comer algo en Central Park. Explícame que teoricamente non se pode meter comida nin facer fotos do parque, desde que hai uns anos houbera un atentado, pero que realmente é mui fácil colarse. Colámonos por unha zona chea de pombas que, cando nos sinten, fuxen facendo un escándalo enorme. Fíxome a ver se teñen alunha mensaxe nas patas ou nas ás, pero parece que non. Wasim mira para min escojonado. Do you like pigeons? I don't know, contéstolle, I haven't met any of them yet. O chiste é pésimo, pero el ri como se fose a cousa máis graciosa do mundo. Deitámonos na herba, rodeados de pegas e de parellas locais. Fago unha foto e pregúntolle se lle importa deixarme soa, aínda que só sexa un momento. Dame medo que o tome a mal, porque realmente parece un tipo riquiño, pero sorrí cun sorriso enorme. Of course. If you promise to take care. Eu tamén sorrío, I promise. Érguese, téndeme a man cunha certa cerimonia e marcha. I give you a call and we can have a drink sometime, bérrame desde o fondo do parque. Eu levanto a cabeza, sorrío e déixome caer de novo sobre a herba.
Que fácil é aclimatarse ás vacacións.
8 Dec 2009
India - भारत (IV): One night in Paris
Paso a última noite antes da India a dez pasos contados do Musée d'Orsay, rodeada polo luxo decadente dos salóns de recepción enmoquetados ata o teito, dos retretes adornados con gárgolas douradas, dos secadores de pelo para os cans. Paso a última noite antes da India rodeada polas historias de soidade d@s emigrantes galeg@s en París.
5 Dec 2009
India - भारत (III): Desconexión
Xa teño a mochila feita. En tres horiñas apagarei o ordenador por primeira vez en meses e deixareille o móbil a miña irmá en garda e custodia. Un mes e medio sen conexión, non recordo a última vez que fixen algo así. Angústiame. Penso que cando fomos de Interrail un mes por 7 países de Europa non tiñamos nin móbil nin correo electrónico nin cartos nin a maioría de idade cumprida. E foi unha viaxe estupenda. Supoño (espero) que o mono non durará muito. Se non, malo sera que non atope algún ciber perdido por aí adiante para tirar unha pedriña de cando en vez. Xa vos contarei.
1 Dec 2009
O ceo de decembro

Faltan 5 días para India, 13 días para os 30 e 31 días para o 2010... Que ganas lle tiña ao ceo de decembro.
___
*A foto é La galaxia de Andrómeda Messier 31.
26 Nov 2009
India - भारत (II): Xeografía media

Para los hindúes, el río Ganges es más que un poderoso caudal de agua que atraviesa el norte de India. Es una diosa, "la madre Ganga", como se le conoce familiarmente, y a su paso por Varanasi, la más sagrada de las siete ciudades de peregrinación en el subcontinente, se produce una combinación única de agua y tierra.
___
*Gracias, liante.
24 Nov 2009
Pó en suspensión
Teño sono. Fóra fai frío. Non quero sair da cama nunca máis. Necesito café. E unha ducha quente e olorosa. Arrastro os pés polo pasillo ata o salón e alí inúndanme unha luz alaranxada sobre a que flotan miles de millóns de puntiños. Pó en suspensión. Sinto un golpe de felicidade na boca do estómago. Unha felicidade inesperada e brutal. Todo ten sentido, todo, mentras poida vivir momentos como este.
18 Nov 2009
of course I do
Déixome liar polo liante oficial e arrastro o sono ao último pase de Cineuropa. Vemos Let's get lost, un documental de Bruce Weber sobre a vida de Chet Baker que, aparte de ser priciosirmo, me recordou que a vida é para vivila. Con todas as consecuencias.
16 Nov 2009
12 Nov 2009
Movemento pendular
9 Nov 2009
Subidón, a εὐφορία
Oes un ruidiño case imperceptible. Crack. O mundo xira unha milésima de segundo máis rápido do habitual e todas esas pezas que non acababan de encaixar atopan o seu lugar. Páganche. Tes un novo recuncho. Unha viaxe na recámara. Unha pedra debuxa novos círculos sobre a auga. Novos proxectos. Novos compañeiros. De repente, o mundo é un lugar marabilloso. Orballa e a néboa difumina a silueta das torres da catedral. Sabes que non é máis ca unha ilusión, pero é tan bonita que calculas que tampouco importa tanto.
The Beatles: Re-volver
Xullo 1966. The Beatles descansan en Portugal das tensións das xiras e do remate de gravación dun novo disco. Nas proximidades de Lisboa encontran a un rapaz que lles propón actuar en segredo en Vigo para probar as novas cancións ante un público que non os coñece. O cuarteto acepta ante a posibilidade de tocar diante de xente que non berre. Diante dun incerto auditorio van tocando unha boa parte das pezas que formarán Revolver.
___
*"The Beatles at the Castrelos park" en Palabras Contadas, de Camilo Franco (Xerais, 2006).
**O mércores 11, ás 23h, na sala Capitol de Santiago de Compostela, Magín Blanco & Burgas Beat, The Homens, Niño y Pistola, Narf + Javier Abraldes, U-lo Trío, Magritte e Faltriqueira fan Re-Volver a actuación beatleiana en Castrelos park con renovados aires galegos. Camilo Franco exercerá de mestre de cerimonias.
8 Nov 2009
India - भारत (I): Xeografía básica

India é o sétimo país máis grande do mundo e o segundo máis poboado. Ten 7.517 km de costa, está próxima a Sri Lanka, as Maldivas e Indonesia e comparte fronteiras con Paquistán, China, Nepal, Bhutan, Bangladesh e Myanmar. A República da India é unha democracia parlamentaria estruturada en 28 estados e sete territorios da unión. Un destes territorios é a capital, Delhi (o F no mapa). Outros lugares da India que ata o de agora me teñen recomendado visitar son:
Goa (6) é o estado máis pequeno da India e o cuarto menos poboado. Está situado uns 400 km ao sur de Bombay e ten unha liña costeira de 101 km no mar Arábigo. A súa historia está marcada pola presenza portuguesa, a imposición do catolicismo e os estragos da Inquisición. As igrexas e conventos de Old Goa son Patrimonio da Humanidade desde 1986. E si, tamén é famosa polas colonias hippies.
En Jammu and Kashmir (10), a 3.650 m sobre o nivel do mar, está Leh, a que fora capital do reino de Ladakh nos Himalaias e que durante séculos foi lugar de paso nas rutas comerciais do val Indus entre o Tibet, Cachemira, India e China.
En Karnataka (12) está Hampi, coñecida como Cidade da Vitoria. Foi capital do imperio Vijayanagara e ocupa uns 26 km2 no val do río Tungabhadra. Foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1986.
En Orissa (20) está Puri, o lugar onde Shangaindia construiu hai nove anos un colexio e onde actualmente están equipando unha segunda escola.
En Tamil Nadu (24) está Tiruchirappalli, onde Implicadas no Desenvolvemento levou a cabo o programa UDI Tiruchy, entre 1998 e 2000, e onde agora desenvolven o UDP Tiruchy. No programa SIDHUR, IND tamén traballou na India coa organización local REDS no mandal de Mudigubba, distrito de Anantapur, estado de Andhra Pradesh (1). Atoparedes máis info sobre estes e outros proxectos de IND na súa web.
No estado de Uttar Pradesh (26) están Varanasi, unha das sete cidades sagradas do hinduismo, situada á beira do Ganges, e Agra, que foi capital do imperio mongol e que acolle o Taj Mahal, Patrimonio da Humanidade desde 1983 e nomeada unha das Sete Marabillas do Mundo Moderno. Whatever that means.
En West Bengal (28) está Calcuta, unha cidade con máis de 15 millóns de habitantes que a convirten na 8ªurbe máis poboada do mundo.
___
*Todos os lugares da India que a Unesco considera Patrimonio da Humanidade están aquí. O país é enorme e ten unha cantidade aparentemente infinita de lugares interesantes, agradécense os consellos e as recomendacións.
7 Nov 2009
O lume e a liberación

Catro meses neste armario e todas as miñas cousas están comestas pola polilla. Catro putos meses. Sorpréndeme que non me comera tamén a min. Abro todas as portas e séntome sobre as asperezas punteadas do parqué a pensar unha solución. Estou cansa das mudanzas. Cansa das caixas das maletas das bolsas de plástico dos obxectos a medio envolver. Estou cansa e agobiada. O parqué estala debaixo de min. Comezo a quitar cousas do armario. Mantas sabas toallas pantalóns camisetas xerseis bragas calcetíns zapatillas chaquetas papeis libros todos eses trebellos eléctricos o ordenador os cargadores os móbiles as cousas da cociña as do baño e os poucos adornos que nunca cheguei a colocar. Quito unha a unha todas as miñas cousas, comestas pola polilla en catro putos meses, joder, e vounas amoreando no patio. Engado os xornais cos que as ía envolver. Engado as caixas da mudanza. Engado as maletas. Engado as bolsas de plástico e os caixóns do armario. Engado as preocupacións absurdas, os desexos imposibles e os danos colaterais. Cando acabo, a meda é máis alta ca min. Fago un facho cun papel de periódico e préndolle lume. Vexo arder as miñas cousas, comestas pola polilla en catro putos meses, e non sinto dor, non sinto cansancio nin agobio.
Só sinto liberación.
___
*H., este armario non é o de Vicent, creo. Aínda que se lle parece.
O cotián

Levo semanas remoendo un post sobre o cotián. Sobre o muito que me gustan as rutinas. Sobre a facilidade que tiven sempre para establecelas e sobre o perdida que me sinto sen elas. Levo semanas intentando explicarvos (explicarme) que os últimos meses foron completamente distintos do resto da miña vida. Foron meses de inmobilidade, nos que non saín dun círculo imaxinario de 100 km de diámetro. E, sen embargo, foron meses de caos e inestabilidade. Meses nos que perdín o control sobre o cotián. Sobre as rutinas.
Unha noite, con dous viños, faleilles desta sensación de perda de control a uns amig@s e dixéronme que tiña que alonxarme para coller perspectiva. Propuxéronme unha viaxe demasiado cara e demasiado longa. Quero, pero non podo. Como sempre. Non podo? Quero? Onte pola tarde, na sétima reunión de traballo do día, mentres analizaba necesidades prazos e orzamentos dun novo proxecto, miraba prezos e datas da miña viaxe imposible.
Santiago. París. Helsinki. Delhi. Delhi. Helsinki. París. Santiago.
ok
ok
ok
ok
ok
ok
e cando me quixen dar conta xa estaba feito.
Saio de Compostela o día 5 de decembro e volvo o 19 de xaneiro. Pasarei fóra o meu 30 cumpreanos, as matanzas, o nadal e fin de ano. E o curioso, o máis curioso deste asunto é que non fun capaz de escribir este post (nin ningún outro) ata hoxe.
___
*Encántanme os camiños. Gústame mirar para eles, retratalos, construir vidas propias e alleas do outro lado do punto de fuga. Sen embargo, non fun capaz de atopar un co que ilustrar este post. Hai meses que non vexo ningún camiño novo, que non fago fotos, que non imaxino outras vidas e a única imaxe do cotián que se me ven á cabeza é esta. Van ter razón e resulta que hai meses que me falla a perspectiva.
Paradoxos

Hai ano e medio, Gervasio Sánchez acusou publicamente ao goberno español de permitir "el silencioso mercadeo de armas que convierte a nuestro país, nos guste o no, en un exportador de la muerte". Obviamente, o goberno ignorou as súas palabras. Normal. Sen embargo, ese mesmo goberno, o goberno que firma acordos de cooperación militar cun país que bombardea colexios da ONU, decidiu concederlle o Premio Nacional de Fotografía a ese mesmo fotoperiodista por "su compromiso continuado con la fotografía como herramienta de denuncia de la violencia en los conflictos armados, por su continuada labor a favor de la justicia y especialmente por su trabajo sobre las minas antipersona".
E si. Gervasio Sánchez gaña o Premio Nacional de Fotografía e eu alégrome. Alégrome de que un tipo que di as cousas tan clariñas teña hoxe 30.000 euros máis ca onte.
A noticia na prensa:
El País
Público
El Periódico
La Vanguardia
ABC
1 Nov 2009
No meu moleskine XXVIII: Resignados

The best way to get over a woman is to turn her into literature...
___
*...din aquí que dixo Henry Miller. E dicir diría, pero eu espero que non se referira a Anaïs Nin.
**Non fun capaz de atopar a autoría da foto.
***Desconvencida e os 500 days of Summer.
20 Oct 2009
17 Oct 2009
Parece ser que fracasé
Da igual, yo, como buen occidental, sé nadar igual que un pez,
un pez en un mar de mediocridad...
tengo un ambicioso plan, consiste en sobrevivir
(click)
un pez en un mar de mediocridad...
tengo un ambicioso plan, consiste en sobrevivir
(click)
16 Oct 2009
7 Oct 2009
No meu moleskine XXVII: Desprezables

-Canto cobrarías?
-Eu, agora, non teño prezo.
___
*A imaxe é posiblemente a foto máis famosa da fotógrafa máis famosa do mundo. A finais de 1980 a revista Rolling Stone pediulle a Annie Leibovitz que retratase a John Lennon para unha portada. Dixéronlle, expresamente, que o músico non podía sair acompañado pola súa muller, Yoko Ono, a quen os fans culpaban dos problemas entre Lennon e o resto dos Beatles. Sen embargo, Leibovitz comprometeuse coa parella a que esta foto sería a portada da revista.
A sesión fotográfica foi 8 de decembro de 1980, poucas horas antes de Lennon fose asasinado, e o 22 de xaneiro de 1981 a foto foi, efectivamente, portada de Rolling Stone. Sen titulares.
1 Oct 2009
El tiempo también es un territorio

Ese pequeño territorio de cada día será imposible de gobernar si el tiempo no es tuyo y no eres tú quien marca las horas para regalarlas y compartirlas con esa clase de personas que te hacen crecer por dentro.
___
*A foto non é miña, roubeilla a Ana Lamas.
**O texto pertence ao artigo Territorio, de Manuel Vicent e veume de bola extra no libro que me regalou H. esta fin de semana.
Gracias, H. Polo libro, pola dedicatoria e polos territorios compartidos.
***Aí vai a miña propia bola extra: Cualquiera puede ser rey de ese territorio invisible, di Vicent, sólo que para llegar a dominarlo hay que dar un golpe de estado. Si pierdes esa batalla ya no serás nadie.
30 Sept 2009
No meu moleskine XXVI: Analistos
25 Sept 2009
Volver empezar

Todo o mundo tira de ti con todas as súas forzas. En direccións contrarias. E tu vaste estirando vaste estirando vaste estirando. Sintes que vas perdendo a túa forma orixinal e pregúntaste canta tensión máis podes aguantar. Entón, un día calquera, un lixeiro toque extra desfaite en mil pedazos. Estoupas como un globo. Desapareces. Non queda nada de ti.
Só queda o monte.
E volver empezar.
16 Sept 2009
No meu moleskine XXV: Ludópatas
8 Sept 2009
Conversas co Pikiniño II: Obstáculos
Eu tecleo mentres el edifica un garaxe enorme no medio e medio da miña habitación. Teñen que coller todos os coches, explícame. Remata, mírao orgulloso, facémoslle unha foto, dime preocupado: cando acabes de traballar e te vaias, hai que cerrar a ventana, para que non veña ningún lobo e o desfaga. Eu protesto: cando acabes temos que recollelo todo, porque eu teño que pasar por aí para sair da habitación. El pénsao un segundo e responde: e se imaxinamos que o garaxe está debaixo dunha rotonda e tu pasas darredor?
4 Sept 2009
No meu moleskine XXIV: Modestos

Non aprendiches nada durmindo comigo.
___
*A fotografía foi a portada do libro London/Wales de Robert Frank.
ἀφορισμός IX: Contrastes
Coller velocidade costa abaixo é perigoso.
Coller velocidade costa arriba éesgotador imposible.
Coller velocidade costa arriba é
2 Sept 2009
Número oculto
Cada noite marca un número ao azar. Saca o primeiro número de cada recadro do sudoku do día e chama. Esta noite sáelle o meu. Á unha menos cuarto, un número oculto escarállame a primeira noite de sono das vacacións.
- Diga?
Alguén respira forte. Espero. Nada. Colgo. Soa de novo.
- Diga?
- Me estoy masturbando pensando en ti.
- Ah si? E quen eres?
- No te lo puedo decir.
Colgo e busco no móbil unha opción para restrinxir as chamadas de números ocultos. Soa. Colgo. Non a hai. Quítolle o son e busco unha solución no google. Atópoa nun foro de opositor@s a Policía Nacional:
- La compañia telefónica tiene TODOS los recursos necesarios para identificar la llamada entrante y de qué número procede, incluso si la llamada no ha sido contestada. Es necesario que un juez ORDENE al operador que haga esa gestión y el número se presentará, del mismo modo que si haceis un desvio al número de la policia (al fijo o al 091, 092) o bomberos 080. Yo dispongo del mismo método. Enviadme un mail a tigre_1619@hotmail.com y os echo una mano.
Miro o móbil. Tres chamadas perdidas en pouco máis de dous minutos. Sen pensalo muito, escríbolle a tigre_1619. Contéstame en seguida. Pídeme o meu número de móbil e as horas exactas da primeira e da última chamada. Contéstolle e, en menos dun minuto, recibo outro correo seu:
- A mi hija se la cargó un degenerado, como el que mató a Laura Alonso. Como el que te acosa a ti. Han pasado más de diez años y nadie ha hecho nada, así que he decidido echarle una manita a la justicia. Gracias por tu ayuda y no te preocupes que ese hijo de puta no te vuelve a molestar. Ya lo tengo localizado.
E agora non sei que pensar.
- Diga?
Alguén respira forte. Espero. Nada. Colgo. Soa de novo.
- Diga?
- Me estoy masturbando pensando en ti.
- Ah si? E quen eres?
- No te lo puedo decir.
Colgo e busco no móbil unha opción para restrinxir as chamadas de números ocultos. Soa. Colgo. Non a hai. Quítolle o son e busco unha solución no google. Atópoa nun foro de opositor@s a Policía Nacional:
- La compañia telefónica tiene TODOS los recursos necesarios para identificar la llamada entrante y de qué número procede, incluso si la llamada no ha sido contestada. Es necesario que un juez ORDENE al operador que haga esa gestión y el número se presentará, del mismo modo que si haceis un desvio al número de la policia (al fijo o al 091, 092) o bomberos 080. Yo dispongo del mismo método. Enviadme un mail a tigre_1619@hotmail.com y os echo una mano.
Miro o móbil. Tres chamadas perdidas en pouco máis de dous minutos. Sen pensalo muito, escríbolle a tigre_1619. Contéstame en seguida. Pídeme o meu número de móbil e as horas exactas da primeira e da última chamada. Contéstolle e, en menos dun minuto, recibo outro correo seu:
- A mi hija se la cargó un degenerado, como el que mató a Laura Alonso. Como el que te acosa a ti. Han pasado más de diez años y nadie ha hecho nada, así que he decidido echarle una manita a la justicia. Gracias por tu ayuda y no te preocupes que ese hijo de puta no te vuelve a molestar. Ya lo tengo localizado.
E agora non sei que pensar.
1 Sept 2009

A felicidade é espertar porque estás cansa de durmir. Deixar secar a pel espida ao sol. Que o afillado se durma mirando para ti. Sorrindo. Falar co sobriño de Juanes da horta do cole dos amigos da bici do quad. O paseo do colesterol. Os temas enormes. Es@s amig@s que levan aí toda a vida. Que estarán aí toda a vida. Discutir. Ler. Ver a tele. Durmir ata que te cansas... Espertar.
31 Aug 2009
No meu moleskine XXIII: Inesgotables

Se eu puidera descansar de min...
___
*Aproveito as próximas entregas do moleskine para compartir unha serie de fotografías de Robert Frank, que ademais de ser unha figura imprescindible na historia da fotografía documental é un dos meus artistas favoritos... E iso si que é un fito importante, aínda que algo mal remunerado.
**Frank naceu en Zürich, nunha familia xudía acomodada e é famoso pola súa ollada escéptica sobre as sociedades británica e usamericana e por ser o fotógrafo da xeración beat. O seu traballo máis recoñecido é The Americans (esta referencia tamén é interesante), que o ano pasado celebrou o seu 50 aniversario. Tamén dirixiu varias películas. Entre elas, un documental sobre os Rolling Stones cunha historia xudicial algo rocambolesca. Nos últimos anos derivou cara a fotografía e o cinema experimental e, despois da morte dos seus dous fillos, limitou drasticamente as súas aparicións públicas.
***A imaxe que ilustra este post titúlase, simplemente, London street_1951. Recomendo vela ampliada, contén un montón de detalles e historias.
28 Aug 2009

Chega a fin dun ciclo. Mañá acábanse os abrazos cunha romaría algo sui generis na que espero poder compensarlle ao corpo a base de polbo e LK as horas de sono que lle roubei estes últimos meses. Hoxe sinto un baleiro enorme e supoño que será porque -ademais do sono- perdín muito neste tempo, muitísimo... aínda que só foran ilusións. As ilusións, como todo o mundo sabe, ocupan muito e duran pouco.
Coas desilusións pasa todo o contrario.
___
*A foto, por certo, e de Xesus Ponte. Cedeuna El Progreso.
24 Aug 2009
20 Aug 2009
19 Aug 2009
18 Aug 2009
Sigo asombrada...

...e ben menos golfa do que me gustaría.
___
* O outro día vin unha parella aporreando unha máquina de condóns e recordei o divertido que foi luitar contra os nosos fracasos.
**Coa morte e posterior resurrección do meu móbil, comecei a construir unha nova axenda que só contén os teléfonos que me sei de memoria e máis os das persoas que me van chamando... É liberador deixar de sentir a presión dos números nunca marcados.
9 Aug 2009
7 Aug 2009
No meu moleskine XXII: Vividores

Na vida hai dúas clases de persoas: as vividoras e as traballadoras. As vividoras nunca traballan e as traballadoras nunca viven.
___
*A foto é Coal Miner at his Evening Meal (Northumberland, 1937), de Bill Brandt.
**Dicía Gisele Freung en La fotografia como Documento Social que "La reproduccion de la obra de arte no solo esta condicionada por la manera de ver del fotografo, sino tambien por la del que mira la fotografia."
Subscribe to:
Posts (Atom)