6 Sept 2004

Mulleres do mundo, ergueivos!!!

Esta mañá descubrín por casualidade -repito, por casualidade...- un invento que chega de Canadá. Un deses que fan que a xente ou se forre cunha patente ou só consiga saír nos zappings. Unha de dúas. Neste caso declínome pola segunda opción. E é que non acabo de verlle saída.
O artefacto en cuestión chámase
magic-cone. O nome non di gran cousa, pero a historia está na súa utilidade. Noraboa ás mulleres que reclaman a igualdade absoulta co home, de oportunidades, de cualidades, de capacidades... e outras -ades diversas. Porque o magic-cone, unha sorte de cartucho-de-castañas-modernillo-dun-só-uso, ofrécelles ás féminas do mundo a posibilidade de mexar de pé con elegancia á par que discreción.
Vós diredes. A min tanta igualdade xa me da algo de noxo, que hai cousas e cousas. Se cadra, podería ser de agradecer nalgún tipo de
evento masivo con carencia de baños públicos... Pero iso si, ollo, se decidides probar o sistema non contedes con ligar despois de aliviar a vexiga contra o valado dunha obra... E se ligades atédevos ás consecuencias. A que avisa non é traidora...

Por certo, que pensaba chuzarvos unha foto do invento, pero négome a escarallar co magic-cone este momento-universitario. Nada de dispersar atención, ao Amenábar. Quen quera, que se
instrúa na web...

Niños, niñas... este é o verdadeiro motivo para ir á universidade...

2 Sept 2004

Aí vai o primeiro.- La ETB1, TV3 y la TVG frente al espejo de la programación global acaba de comeza-la súa andaina polo ciber-espacio adiante. Xa só quedan dous.

1 Sept 2004


Now Autumn's fire burns slowly along the woods...

Oda al Carburo

Hay una fábrica en Cee que llama un poco la atención. No me refiero a la comunidad económica oropea sino a ese pueblo cerca de finisterre con un poderoso veterinario, rápido, eficaz, barato y majo. Cee tiene pues un buen veterinario y una fábrica de esas de verdad. Negra asquerosa maloliente y grande. Muy grande, si se compara con una conservera o un taller de costura subcontratado por Inditex. Pues eso. Está ahí en Cee funcionando. Día y noche arrojando mierda y mas caca al cielo y dando unos cuantos y necesarios puestos de trabajo y chollo a ciertas secciones de hospitales coruñeses. Dicen que hace unas cosas que sirven para hacer otras cosas y que consume electricidad y cosas que traen en barco. Luego escupe otras cosas que también se llevan en barco y por las que les deben de pagar. Ahora parece ser que alguien dijo que que oyó decir que alguien decía que alguien iba a construir chalés bunitus alli y que se iba a tirar todo. BIEN. Maravilloso. Esperemos que sea así. Pero si antes de que se construya esa maravilla de casas con jardines de verdad, de los que hay que cuidar....pasais por Cee o mejor Brens que es donde exactamente está situada la fábrica negra y humeante, fijad vuestros ojos en un edificio blanco en una curva, saliendo en dirección Carnota, orientado hacia el mónstruo escupe mierda y al que el creador tuvo los cojones de ponerle el nombre EDIFICIO BELLA VISTA.

PD/O post é de Ojpuensuk, e con el dou por iniciada (todo o teño que facer eu, ata eso) a súa (espero que) fecunda participación neste humilde bló.

31 Aug 2004


Matinando o ataque...
...vémonos no campo de batalla, don Manuel.

29 Aug 2004

O folio en branco convírtese no documento de word en branco... teño o chan cheo de artigos, de libros, de esquemas, de táboas de excel e non son quen de supera-las primeiras quince palabras... o título.
Comezo a dubidar dos meus superpoderes.

27 Aug 2004



W ho the fuck
Do you think you are
Get your comb
Out of there
Coming out
My hair
I'm not like other girls
You can't straighten my curls
I'm not like other girls
You can't straighten my curls


Al otro lado de las montañas
Alguien dijo que había ciudades para soñar
al otro lado de las montañas.
No dijo si estaban suspendidas en el aire,
sumergidas en las lagunas,
o perdidas en el corazón del bosque.
Los que allá fueron nada encontraron,
ni altas torres ni jardines
ni mujeres hilando en el atrio,
ni un muchacho aprendiendo a tocar la gaita.
Solo yo traje algo para seguir soñando
algo visto y no visto en la niebla de la mañana,
algo que era una flor o un mirlo de oro
o un pie descalzo de mujer,
un sueño de otro que se ponía a dormir en mi,
echado en mis ojos,
pidiéndome que lo soñase mas allá de las montañas,
donde no hay ciudades para soñar.
Y ahora mi oficio es soñar, y no se
si soy yo quien sueño, o es que por mi sueñan
campos, miradas azules, palomas que juegan con un niño,
o una mano pequeña y fría que me acaricia el corazón.
(Alvaro Cunqueiro)

23 Aug 2004


Tralo (sorprendentemente cutre) roubo dun dos cadros más famosos deste tolo mundo no que vivimos...

Tras-es.- Trala morte súbita desta máquina infernal á que estarei estos días máis unida ca nunca. Trala súa inmediata recuperación por parte desde doutor amor da informática que é o meu amiguísimo Borjitas (fago unha chamada ó levantamento popular contra os publicistas españois por esa manía persecutoria que teñen co seu nome). Tras unha noite de farra madura, sobria, redentora. Tras unha semana perdida nos máis marabillosos paisaxes que avistaron estes ollos... novos, sí, pero viaxeiros. Trala tradicional fin de semana de seudo-enclaustramento, de telefilms, de tempo perdido. Tras dúas semanas sen postear "para non perde-lo tempo"... esta mañá (por fin) comecei a traballar. Erguinme cediño e fun a Santiago. Tan cediño era que tiven que poñe-la calefacción do coche. Xa na capi (humidtown que lle din os meus ciber-gurús) preguntei (outra vez) polo meu título de licenciadavidriera e aseguráronme (outra vez) que estar, está... nalgures; averiguei o que teño que facer para matricularme (segundas nupcias) en filoloxía (basicamente, pagar); paseime pola xeral para fotocopiar sen compaixón os principios xerais de programación da TVG (e sí, existen); conseguín (merquei) o número 74 de Tempos Novos, o do especial TVG, que casualmente é o único que non teñen na Intercentros; e, xa de paso, axencieime tamén algo de historia e o que espero sexa combustible ideolóxico de última xeración.

11 Aug 2004


Apocalipse inspiradora.- Como boa periodista renegada, só traballo ó cento por cento baixo presión... digo eu que será por iso que tras dous meses rañándoa con fervoroso afán me atopo a estas alturas (dúas semanas e media "to go") cos traballiños sen comezar e coa visita sorpresa de dous vellos amigos, tan queridos como caros de ver. Agora, xusto agora que tiña o tempo contado, cando xa empezaba (dende o sofá do salón, mentres os Matamoros se reparten como irmáns o pastel televisivo) a lima-las miñas pretensións académicas, a eliminar lecturas ata facelas case factibles, a fusionar asignaturas incompatibles en traballos "poliédricos"... Xuro por ningún deus que estaba a puntiño de colle-los artigos recopilados con paixón os derradeiros días en Barcelona cando recibín a chamada do destino traidor: "ei, son fran... que acabo de falar con maider e, se aínda nos queres, pagámosche esta semana a visita debida". O plan fora unha e mil veces trazado: el ven no seu super-buga dende Valencia, recolle a María en Vigo ou Ourense e sube a Santiago a buscarnos a Maider e a min... que os esperamos co coche cheo de víveres, todo o que necesitamos para perdernos uns días na costa da morte. Obviamente, non serei eu quen deixe pasar semellante oportunidade, malia ser consciente (ou non) de que é imposible facer tres traballos dignos nunha semana e media.
Benvida sexa, entón, a presión inspiradora.

10 Aug 2004


Crónica dun empacho televisivo.- Unha non pode sequera intui-los abismos da mente e os límites da degradación da especie humana ata que comproba que:

-Tres das sete canles ás que ten acceso adican toda a mañá a debater cuestións de importancia tan vital como:
(1) se a ex-muller dun toureiro, dun cantante e dun bailaor morreu drogada, duchada, espida e/ou soa
(2) se un actor machista e violento, ex-marido dunha cantante alcohólica, estivo, hai trinta anos, liado cunha muller maior ca el (no que habería consenso é no indubidable móbil económico desta aberrante relación)
3) se unha licenciada en bioloxía, actriz, stripper, guionista e/ou productora televisiva amosa debilidade de carácter ou intelixencia empresarial deixándose fotografar (unha vez máis) cun biquini tan difícil de ver como de olvidar nas poses máis ridículas que un fotógrafo profesional pode imaxinar.

-Das catro canles restantes:
(1) a pública estatal nacida para a defensa da pluralidade cultural ofrece catro horas seguidas de series norteamericanas (que ademáis non é a primeira vez que emite)
(2) a pública autonómica financiada en nome da supervivencia dunha cultura minoritaria "arrampla con todo" (inenarrable) tralos debuxos de cumprimento (non importa a calidade... chega e sobra con que sexan en galego)
(3) a "local" contrataca, facendo honra do seu nome, con dúas telenovelas sudamericanas (unha das cales xa foi emitida tres veces por outras canles nos últimos anos)
(4) e a de pago por visión convirte unhas raias e un zunido na promesa do paraíso terreal.

A cousa non mellora ó longo do día. Tralos informativos, máis telenovelas de saldo (¡a TVG enlaza catro!); máis repeticións de ficcións propias e/ou alleas (o de TVE con Ana Obregón é algo serio); e, sobre todo, máis seudo-magazines retro-alimentados ata o límite coas súas propias mentiras e obsesións.

Do serán só recomendaría El Abogado, especialmente a aqueles/as cunha certa querencia polos homes de ollos azuis e ós fanáticos do cine de xuizos que non soportaban Ally McBeal.

No prime-time, con un pouco de sorte, cae algunha estrea como o "Zapping" dos domingos con Silvia Jato e Arturo Valls, o Super-Show dos xoves con Sobera e Patricia Pérez, ou a cacareadísima The O.C. De entre estas tres eu quédome, sen dubidalo, con The O.C. porque:
(1) odio visceralmente os programas estilo gala de público en grada e presentador con micro Madonna estilo Antena 3
(2) incriblemente é nova en serio, é a primeira vez que a poñen (que a este paso ata os Simpson cansan)
(3) cando menos ofrece cachondos para tódolos gustos: mulleres máis ou menos novas, máis ou menos esqueléticas, pero sempre fermosas, homes máis ou menos musculosos, máis ou menos intelixentes e atormentados, pero sempre atractivos
Son consciente de que a historia non di nada, nin novo nin vello, sobre case nada. ¡Mira tí! A estas alturas xa me parece moito pedir. De feito, na miña humilde opinión, o peor defecto que ten The O.C. é a auto-contra-programación que sofre dende os segundo día de emisión, golpe de agudeza profesional só asumible polos programadores da TVE.

En fin.

9 Aug 2004




A voda.- Ó final puiden eu máis có fotoxop e rematei a montaxe nostálxica a tempo. Trala impresión (15 ourazos por un A2, de maior quero ser papeleireira) e o enmarcado (moderno, sinxelo, minimalista... o máis barato que había no continente), quedei razonablemente satisfeita co resultado. Saímos cara Madrid na mañá da operación saída (50 mortos o mesmo fin de semana do 2003, a velocidade pode matar, etc, etc) e parece ser que iamos no sentido equivocado, porque as retencións eran sempre do outro lado da mediana. Menos mal, porque aínda así chegamos xusto a tempo para comer algo na casa dos pais na noiva, entrega-lo sobre e o cadro (o primeiro era o sustancial, claro, e o segundo, o toque chic), aviarnos e colle-lo bus cara á igrexa.

A calor en Madrid é infinitamente máis soportable ca de Barcelona; levabámolo moi ben ata que vimos un termómetro que marcaba 42º... e de súpeto chegou o ataque dos zapatos asasinos (pero sexies, iso sí) e dos ventiladores magnéticos (aínda que te resistas no nome da túa saúde futura acabas sempre sentada a carón deles). Sobrevivimos á (longa) misa do cura rojo (en fin, alomenos máis ca nuestro obispo don josé) dos arrabaldes madrileños, á comida e ata á barra libre... pero ó día seguinte, xa de volta para a casa, o meu sensibilísimo aparello respiratorio decidiu que merecía uns días de descanso.

E así foi como pasei cinco días entre a cama e o sofá, sudando como unha vaca (se é que as vacas sudan) e chupando moita máis tele da que o meu cerebro (e o meu corpo) poden asimilar.

jiar gui ar den

Ai, que abandonadiño teño o meu bló. Para unha criaturiña que teño, vou e deixoa morrer de fame. Haberá que facer algo. ¿Que tal un deses longuísimos resumos? Como aquelas cartas "en tempos" que ía escribindo (cando aínda sabía coller un boli), de arroutada en arroutada, durante semanas... ata que, ó final, o receptor recibía dez folios sen estructura nin coherencia algunha nos que, tralo previsible pero ineludible parágrafo-desculpa, era informado con todo detalle da miña porca miseria vital...
En fin, como mostra viva de que sí hai cousas que non pode nin Internet, hai vai (cara arriba e en tempos; a deconstrucción total do discurso) o reconto desta última semana.

29 Jul 2004


Os tempos son chegados.- Faltan menos de tres días para que case a que foi curmá máis vella, mestra e mentora. Ultimo os meus agasallos a golpe de fotoxop nostálxico e tento esquiva-la mirada bridget-joniana que me devolve o espello. Hai seis anos desta foto. Quen o diría.

22 Jul 2004

A vida da estudiante de doutoramento é moi dura, as clases particulares non están tan ben pagadas aquí como acolá, para ser camareira de pub hai que ser (alomenos) unha cousa que eu (sobria) non son (amable) e unha ten que consegui-las fabas e os donuts light como pode. Para iso está a tecnoloxía que pariu os marabillosos avisadores de bolsas de estudio. Tu deixa-los teus datos e o teu currículum e eles envíanche as convocatorias ás que podes acceder a cambio dunha exposición publicitaria máis ou menos tolerable. Hoxe chegoume este e-mail dun deles:

Se han incorporado nuevas becas que cumplen los requisitos establecidos por usted:
Becas del Real Colegio de España en Bolonia.
Requisitos: Ser hombre; español; católico; de conducta moral y social irreprensible; no sufrir ninguna enfermedad crónica o contagiosa; ser menor de 30 años; tener buenas calificaciones; no ser funcionario público; poseer conocimientos básicos sobre italiano, y ser licenciado en España.

Teño a honra de cumprir a metade dos requisitos. Creo. Estou por intentalo, tampouco haberá moita competencia.

20 Jul 2004


Etapas...
 
Agora que está de moda o "tur" é o momento de falar de etapas. A vida componse delas, disque... Etapas máis longas ou máis curtas que ás veces non sabemos moi ben cando comezan e rematan. E máis veces aínda, non podemos rematar cando nos peta. Eu pensei que pechara unha, hai xa un tempiño, pero non estaba no certo. Confieime e pilláronme coas defensas baixas, malia o Redoxón das mañás...Este día vino, paseando. Collido da man de outra que non era eu. E doeu. Non no momento, fíxenme a dura e confieime. Pero pasaron as horas e foi como se saíse o negrón dun golpe, que se nota en frío. E agora vai pasando, por minutos. Se non toco a mazadura non sinto nada, pero se paso a man por riba dela aínda manca máis do que quixera. ¿Será o comezo do final dunha etapa? Ou mellor aínda, ¿será o comezo dunha nova?
Monotonía.- Esta tarde, mentres ordeaba cronoloxicamente tódalas fotos que había na casa de meus pais (¡todas!), dinme conta de que se me acabaran as excusas... xa non teño "as miñas cousas" en Barcelona, xa non teño libros metidos en caixas, xa non teño a roupa do instituto no armario. Estou completa, terrorificamente, instalada. Era o que quería, foi a miña opción, pero (ou quizais por iso) non dou sacado da cabeza aquel poema de kavafis que xa me perseguía os últimos días (as últimas noites) en Gales:

Monotony
One monotonous day follows another
identically monotonous. The same things
will happen to us again and again,
the same moments come and go.
A month passes by, brings another month.
Easy to guess what lies ahead:
all of yesterday's boredom.
And tomorrow ends up no longer like tomorrow.

(o orixinal é en grego, aqui tedes unha traducción ó castelán, eu non me atrevo coa galega e non atopei ningunha por aí)

Baixei tódalas defensas e estoume deixando levar semi-in-conscientemente cara á temida monotonía... un traballo que esixe "compromiso", un coche, un piso, un "bo" rapaz, a familia (sempre a familia) e tomorrow will end up no longer like tomorrow.

16 Jul 2004


"Computer games don't effect kids. I mean, if Pac-Man had effected us as kids we would all be running around darkened rooms, munching magic pills, and listening to repetitive electronic music."
Kristian Wilson, Nintendo Inc. 1989.

Certamente, truth is out there... así que haberá que sair buscala

Para que quede constancia gráfica (da viaxe e das poucas ganas que teño de poñerme coa tesina).

15 Jul 2004

Eu flipo con Fungairiño.- Non sei como linkárvola, pero tedes que escoita-la resposta a Labordeta (podédela buscar na fonoteca da SER). Flipping, non? Por certo, á fin puiden coas famosas seiscentas páxinas en inglés. Trampulleiro, este Dan Brown, pero vaia control da narrativa de enganche. Aí vai, na súa honra, unha adiviña rápida: "Como poderemos colocar 9 bolas en 4 caixas de maneira que cada recipiente teña un número de bolas impar e distinto do do resto?"

13 Jul 2004

Xa voltamos.- Thelma (ou Louise, ¿cal era geena davis? en calquera caso, eu pídome ser susan sarandon) é unha compañeira de viaxe excepcional. E mellor copilota. Rocinante cabalgou con donosura cara ó levante, abrevando en tan interesantes e diversos paraxes coma León (que esixe vista nocturna) e Silos (cantos pijos hai nos arredores dos monasterios). Entrar en Barcelona foi demnasié para a miña (carencia de) pericia ó volante: urbanitas acelerados nas carreteras de acceso, guiris cheos polas ramblas arriba, taxistas rabiosos e motoristas kamikazes pelexando polo teu carril... ás dúas da mañá e despois de trece horas de viaxe. Aínda non sei como sobrevivimos. O sábado fixemo-la mudanza (incrible o que pode chegar a xuntar unha en tres anos... gracias outra vez, m.), quedamos cos amigos (basicamente para comer) e tentamos durmirnos cedo coa intención de espertar a Rocinante ó amencer. Como ía cargado ata as orellas, custoulle un chisco máis mante-lo tipo, sobre todo por esas pistas do señor polo que o metemos para "aproveitar" e ver bares de freaks, 7 ferrari testarrosa seguidos por un carreiro de cabras, policías armados ata as orellas, a politización da perfecta conxunción terra-mar-aire e un quembrich con regusto a "academia de cantos de cisne". Xa nas portas da casa, relaxámonos e seguimo-las frechiñas, mentres flipabamos coa colísima que se ía formando no carril contrario (e logo din que a costa luguesa non ten turismo). Tomamo-la última (nós en Meira, Rocinante na Campiña) e para a cama. Pensei que non daría, pero durminme enseguida e a fin de semana enteira quedou así definitivamente envolta nunha névoa de irrealidade que a fai aínda máis inolvidable.

8 Jul 2004


Ir vamos, quen sabe cando volveremos... e don't worry, escaparemos dos acantilados coma do demo.

Caio fulminada pola choiva que ven matar ou morrer á miña fiestra.

7 Jul 2004

Neguei máis dunha vez que os amigos estean para darche a razón cando a necesitas (e non a tés, enténdese). Sempre defendín a sinceridade absoluta na amizade. Ata hoxe. Necesitaba esta tarde tanto coma respirar e non me importa se M. e Z. me mentiron ou non, só sei que me tranquilizaron, que apagaron as ganas de chorar moito máis eficazmente que a lectura compulsiva e que me axudaron a pensar coa cabeza as cousas que (queiramos ou non) se pensan coa cabeza. Aínda que fora mentira (sobre todo se o era), gracias. E gracias tamén, beltaine, por ese sms tan riquiño e tan atento e tan just in time (xa se nota a influencia de dan no meu estilaso blogueiro). Espero que ti podas ir ó final a Ortigueira e despois aceptes a miña invitación e nos postees a crónica, porque moito me temo que eu terei que cambiar mega-festa por mega-mudanza.
Para non variar, ando melancólica. Discutín con P. e non estou segura de se terá solución... nin sequera sei se quero que a teña. A consecuencia máis directa deste ataque de triste enfado que me invade foi o abandono da tesina. Estou (outra vez) ata as mesmísimas de identide e nacións e medios e ficción, a constancia nunca foi unha das miñas virtudes e agora teño unha nova xustificación para a falta de concentración. Busco refuxio no que Antía López chamba despectivamente literatura: acabado Baixo Mínimos, trago dunha sentada Paf Xarope (xa lle tiña ganas) e comezo por fin o Number One New York Times Bestseller que comprei hai meses nun intento desesperado de frea-la perda total do coñecemento que unha vez se supón que tiven da lingua franca of the world.

5 Jul 2004

Esperando

Pódense esperar moitas cosas, pero que esperar dun día de verán pechado na casa, agardando non sei moi ben o que ou por quen.

Preséntovos a Armental, a desenfocada que non bebe (na foto); nova fichaxe deste blog.

2 Jul 2004

Soños froiz-ianos. Hoxe erguinme coa impresión de que soñara con todo o mundo. Levo todo o día tentando grava-las imaxes na memoria, pero cada minuto que pasa perden forza e realismo ata o punto de que agora mesmo non estou segura de onde están os límites entre o durmido e o imaxinado unha vez esperta. No meu soño froiz-iano non existían o tempo nin o espacio, só había un sofá e moitas conversas paralelas (ou perpendiculares) entre xentes diversas que coñecín en distintas etapas da miña vida. Era un momento intensamente feliz... por unha vez non tiña que botar en falta a ninguén, estaban todos os que son / son todos os que estaban. A única que faltaba era eu.

1 Jul 2004

Pikiniño atacando


Preséntovos ó sobriño máis guapo, máis listo e máis riseiro do universo universal... o meu. Unha razón coma calquera outra para colga-la mochila e quedar preto da casa... ¿ou non?

24 Jun 2004

Grandes festas en Sarria. Xa é tarde para asistir á rectura do pregón a cargo do presentador da TVG anunciada pol-o periódico para as sete da tarde de onte. Tampouco poderemos ir xa botarlles unha pieza ás orquestras Arela e Pasarela. Pero aínda nos quedan uns días para ir tomar un vermú á "capital da marcha".
Hoxe, día grande para os locais, a oferta é esplendorosa: pasodobres con Ledicia e tex-mex televisivo. ¿Quen pode resistirse a iso? Eu non, por suposto, nin a iso nin ás mellores copas de toda a provincia, as do mítico Bartolo. Xa me tardan. A modo de programa chusqueiro de xornal estival, anunciovos xa de paso as actuacións de Armonía Show e Mayonesa (ollo á bandeira española) para o venres noite. O sábado, a verbena corre a cargo de Marimba e do "Gran concierto San Xoán" do Xacobeo e TVE (onde se di que podería actuar Siniestro). E o domingo, trala proxección de curtos de realizadores locais, actuarán a Gran Parada e a Super Estrellas de Venezuela. Da corrida non falo porque non me da a gana, porque me pon de mala hostia e porque me recorda, unha vez máis, que son moito máis intransixente do que me gusta crer. Hala, xa falei. E iso que non quería.

Nota.- Como sarriana putativa e noitámbula impenitente, recomendo vivamente obvia-lo programa oficial e concentrarse no estudio profundo dos bares da vila (hai ben deles).

23 Jun 2004

Cheguei

Tanto anuncia-la miña volta ó home sweet home e ás súas comodidades (comida quente, tele grande, sofá de verdade e internés) e vou e tardo case unha semana en reportar a miña chegada... ¡que desastre!

Tentarei repara-lo erro cun breve repaso:
-O mércores 16 erguinme cediño e fun con P. ata a Autónoma coa intención de roubar uns artigos das revistas electrónicas ás que están subscritos. Pouco máis e non me dou iniciado en tan cutre carreira delictiva... windows será a mesma rencarnación do demo, pero non hai cristo que se entenda co linux. Despedinme de P. no metro de Diagonal. Chorei, como sempre... pero non deixei que me vira (non me da a asertividade para tanto). Esa noite fun durmir á casa dos meus tíos en L'Hospi, non sen antes tomar un algo nunha terraza. Un ventiño agradable, tremendo ambientazo e o rapaz máis guapo que vin en Barcelona.
-O xoves erguémonos ás catro e media da mañá, almorzamos, durminme ata pasar Zaragoza, mareeime, tomamos outro algo, roubeille o sitio de copiloto a miña tía coa excusa do mareo, que pouco me gusta Castela, un cd de chistes de barragán case me rebenta a cabeza, chegamos á A-6... e en nada estabamos comendo o guiso de corzo de miña mai. Nunca queres tanto a teus pais coma cando botas meses en velos. Co café chegou a discordia: ZP, Aznar, Rajoy, a inmigración, nacionalismo vs. solidariedade, leis de vagos e maleantes, o demo da inmigración, "xa cambiarás/aprenderás/entederás", "había que matalos a todos"... nun momento morre a maxia, síntome soa e fóra de lugar, non soporto que miña tía me toque mentres di semellantes barbaridades, acabo berrando con todos, escapo coa excusa de enche-lo lava-pratos e xa soa na cociña unha bágoa traidora demóstrame que sigo sendo a de sempre.
-Chegan os paquetes que me auto-enviei dende Barcelona. Non sei onde metelos, o meu cuarto está cheo de cousas que non recoñezo como propias. Cienes y cienes de xornais vellos, mil caixas baldeiras e moreas de papeis amarelos que hai dez anos debín gardar por algún motivo que non son quen de recordar. Desorientada pola viaxe, as poucas horas de sono e a discusión baleiro armarios, caixóns, estantes... e tiro coa metade dos meus estraños tesouros. Iso debe ser madurar.
-O venres durmo ata tarde, falo cos de Lugo e cos de Barcelona, teño unha conversa (seria) sobre o futuro con meu pai e comprobo que Wanadoo decidiu (de novo) cortarno-lo servizo. Chamo, pero vése que á rapaza non lle pagan o suficiente para que me explique que pasa e sóltame unha milonga de máquinas avariadas e dificultades técnicas para acceder ós expedientes. "Yo la llamo en unos minutos". Aínda estou esperando. De ir á festa agro-pop nin oir falar, miña mai rise... "é broma, espero". Vexo (outra vez) Drácula.
-O sábado erguémonos cedo (ás dez) para ir á perruquería. Xeralmente odio ir, pero desta vez foi distinto: sentín unha especie de nostalxia das horas perdidas nese universo kitch, contillei, deixeime masaxear peitear e ata pintarraxear... Co conto cheguei á casa co tempo xusto para comer, aviarme e tirar para a casa da noiva. Como chofer da mai da mesma non tiven dúbida, pero como lectora de misa deixei moito que desexar (se me vira Menchu... ou Pousa Estévez). Deume a risa... e é raro, eh, porque aínda non fun nunca a unha misa que non acabara mal escondendo unha gargallada. A cea estaba boa e a compañía era agradable, tralos postres saqueis os tacóns, pedin o meu (quen di un...) tanquerai con sprite e gocei o espectáculo: a noiva, coa cua do vestido enrebozada nun brazo, unha copa e un cigarro nunha man e un micro na outra, regalounos unha inesquecible versión da Rianxeira só superable pola sublime interpretación de Paquito Chocolatero a cargo do seu flamante marido.
-O domingo foi día de reflexión, lectura penitente do Pais, comida familiar cos emigrantes retornados para a voda, café e charla coas luguesas, fútbol e vídeos ata as tantas.

Nestes días baixei cedo á biblioteca (a ver se acabo a tesina para setembro), fun ver Héctor (tíñalle ganas, trala recomendación de Todo nada... coa que, por certo, concordamos H., Su. e mais eu), contratei unha nova conexión, lin pero non contestei (erro, agora non o farei nunca) os mails acumulados, tiven unha longuísima conversa con Su. que (me temo) non nos levou a ningunha parte, paseime por Amnistía e escribín este (de todo menos breve) repaso...

Mañá iremos salta-la fogata á Coru, previo paso pola casa de Borjitas para fastidiarlle unha boa cea a cambio dunha queimada de afecionada...

...acéptanse incorporacións de última hora.

15 Jun 2004

24 hours party

Só queda un día... Por incrible que pareza... Dinme conta esta mañá cando viñeron busca-los papeis que levo dous anos acumulando. 60 quilos de sabiduría que alá foron co rapaz de AZkAR-Lugo (para que logo digan que do patrocinio deportivo)... Que, por certo, dende que me separei deles ando nun sin vivir. Non teño ningunha proba de que os levou, nin un papel mal firmado nin nada... e ando paranoica, ¿e se mos rouba? ¿e se lle da por abri-las caixas e queda marabillado coa miña colección de artigos sobre identidade, sobre inmigración, sobre televisión? Ai, que tensión. Contra a histeria, recomendan buscar bos amigos que te entreteñan: xelados de limón na praza revolució, hommos, baklabas, mojitazos que rematan con almorzos de película ás dúas da tarde, discusións políticas morais éticas e estéticas... esos amigos que, nun acto supremo de bondade, che cumpren ata os últimos antollos.

9 Jun 2004

Despois dun día infernal, xa estou segura: odio ir de compras (estricto senso, fóra metáfora). Custoume sangue suor e lágrimas (literal nun 70%) atopa-lo modelito para a(s) voda(s) do verán, a xusta mestura de tradición e modernidade: conxunto pantalóns deconstruídos e top escote traseiro-ras amenizado por uns zapatos vermellos de tacón-punta-tacón... mmm... creo que se non fose polo prezo ata me sentiría orgullosa do resultado da batida.

8 Jun 2004

Non sei cando nin como pero saín do mercado sentimental. É máis, hai tempo que nin miro os escapartes nin estou ó tanto das últimas tendencias... nin me apetece probarme nada. ¿Será a apatía definitiva? ¿Será que non me gusta comprar nas grandes superficies? ¿Tereime que obrigar a entrar de novo, a ver se así atopo algo que me acaia?

7 Jun 2004

La-Fran

Non recordo exactamente a primeira vez que a vin. Por máis que rebusco, non atopo a primeira impresión nesta memoria enferruxada que teño. Supoño (é un supoñer) que de primeiras oiría a súa verba enrevesada de sudamericana, chea de ustedes, de ses e de setas, de anglicismos hiper-adaptados ó castelán... aposto un algo a que cando me vierei mirala pensei que era moi guapa, pero algo chulita; "lo sabe", coma se iso fose algo malo... mañas de mala perdedora. La-Fran fala sempre con corrección exquisita, non di tacos, non berra, non se ri en alto, non se enfada, non trata temas delicados con descoñecidos, sempre está no lugar que lle corresponde... non se pon colorada, non ten vello corporal e non suda, como moito, transpira, coma as señoritas. Igualiño ca min.
É incrible como a cotidianeidade fai que as diferencias se reduzan ata a insignificancia, como co tempo atopamos os puntos de unión, esixindo e cedendo en cada momento para adaptarnos ás asperezas mutuas... abráiame sobre todo como levamo-lo tema político, ¿como o fixemos? ¿como o fixeches? Co tempo atopamos un código mixto de comunicación, cheo de galeguismos e de chilenismos; construimos un auténtico sistema semiótico a base de "perdidas"; deseñamos un menú de arroz e verduras, de pan amb tomaquet, de carne unha vez á semana, de menos sal e menos especias que lle sentan mal á europea, de enzoufe de nocilla unha vez ó mes, de xelado de limón porque é o meu favorito, de café con-con, té con-sen e agua-de-poto; establecemos un horario ideal, algo duro pero intocable... que por suposto incumprimos sistemáticamente; fixemos maratóns de Hawks e de Lubitsch eslongadas nun inolvidable sofá azul de Ikea; e falamos, sobre todo falamos, durante horas e días e semanas e meses. Falamos da felicidade, do amor, da tristeza, do rancor, de cartos, de traballo, de tecnoloxía e de comunicación e libros e cine e música e tele; falamos dos amigos de toda a vida, dos coñecidos comúns, das vidas alleas, das nosas familias; e falamos de nós mésmas, do que queremos e do que faremos, das viaxes trasatlánticas... dos encontros "en Santiago".
... Mmm... xa hai unha hora que La-Fran despegou cara Chile e eu non son quen de lembra-la primeira vez que nos atopamos.

31 May 2004

Aí vai o Maio...

... e ven Xuño. Chegan as calores e eu escapo a climas máis benévolos. En principio, ó lugués, pero se son sincera preferiría facer unha visita guirilandia. Pena non ter un can. En calquera caso, quédanme 17 días en Barcelona... comeza a conta atrás. Xa empecei a facer listas quilométricas de tarefas pendentes: comprar roupa para a voda, buscar empresa de transportes barata, arreglar situación académico-económica, acabar bibliografía e plan de traballo tesina... só me quedan dúas semanas e pico para inclumplilas unha a unha.

26 May 2004

Posteando dende "el cogollo de la cuestión", o Forum. Despois dun finde de karaoke, pabellón criollo e PVR, o fin de semana rematou nesta controvertida paraxe, coa inaguración (e correspondente enchenta) do INPUT 2004.
O INPUT é coma un festival de cine (eles negan o parecido) pero en televisión pública: reúnense uns cantos traballadores das teles do mundo mundial, ven e comentan (sempre está presente o autor) os que a organización considerou os "mellores" programas do ano e despois reúnense polos corredores para mercadear entre eles. A entrada custa 50 euros, pero a nós páganola a universidade a cambio dun curso de doutoramento que non tivemos porque o profesor está de baixa. Iso que gañamos.
Exemplos rápidos das marabillas que estamos vendo:
-Entre os booms mediáticos: Balseros, The Corporation e Citizen Berlusconi.
-Entre os menos coñecidos, Between Joyce and Remembrance: un documental sud-africano que ten unha das secuencias máis impresionantes que vin na miña vida na que un torturador vai "pedir perdón" á familia dun torturado-desaparecido. El nega telo matado, di que non sabe que foi del, pero recoñece a súa parte de culpa, recoñece que o torturou, porque agora que é cristián entende que coa verdade e a sinceridade gaña o dereito a ser perdoado... a mera existencia desa conversa, a naturalidade do torturador, a resposta da familia do desaparecido... é brutal. Moi boa é tamén The Stockholm Syndrome, metade documental e metade ficción. Unha canle pública sueca contratou dous directores distintos para que tratasen un mesmo acontecemento trinta anos despois de que sucedese. Durante a producción, impídenlles comunicarse entre eles para que cada un chegue libremente ás súas propias conclusións. A idea é interesante, o resultado (alomenos un, o documental, que é o que eu vin) é xenial: un programa intelixente e divertido que tras unha hora de declaracións contradictorias dos protagonistas conclúe que "ou ben a memoria é fráxil o ben a verdade é individual". Innegable.

19 May 2004

Perdón pola ausencia. Prometín da-la vara diariamente e aquí me tedes, completamente absorbida pola urbe. En fin, a modo de breve resumo destes días:
-Venres noite: concerto de gipsy-jazz nun sitio super-pijo. Atopei de novo ó auténtico, ó único, ó irrepetible home da miña vida (buscade Emilio Tolga). Boa compañía, boa música, bos (pero carísimos) mojitos... só que me rallei co tema do gusto (de se pode ser bo e/ou malo) e non puiden evitar reflexionar no útil que resulta ter alguén que controle, que seleccione por ti e que finalmente che sirva en bandexa todo aquelo digno de ser experimentado... mmm, éntranme as dúbidas ó respecto. Só sei que non sei nada.
-Sábado noite: xornada gastronómica "especial Navarra" (próximamente, Venezuela) amenizada por unha das conversas máis interesantes dos últimos tempos.
-Domingo serán: paseo ó fresco, máis charla e o mellor xelado de limón a este lado do mediterráneo... fóra de serie, de verdade.
-Luns noite: quero ir ó cine ve-la última de Von Trier, pero ninguén secunda a moción, así que decido ir ve-la última de Colin Farrel. Moraleja, non me importa ir soa ó cine se o prota está cachondo. Por certo, Intermission é moito máis que Colin Farrel (que, por outra parte, non é tan prota)... y hasta aquí puedo leer.
-Martes serán: ven unha xente xenial ve-lo piso, líbrome da alumna infernal (vaia con dios) e celébroo regalándome unhas horas para ler Ébano (sí, que pasa, compreino co ABC).

Et voilà, chegamos ó mercores. Había moito tempo que non departía amistosamente coa ONU do curso de doutoramento, así que gocei coma nunca o xantar, o café, a copa e a leria. Ademáis, hoxe sí que caerá 5-Condiciones.

En fin, xa non chove, aínda non me estorba o sol e barcelona tamén ten o seu aquel.

13 May 2004

Jiménez Losantos ten un blog

Recollo do blog de Contra (ollo cos comments, son sempre xeniais), un cruce de amables palabras entre Savater e Jiménez Losantos alá polo 1979. Brillante. Non soporto a Savater, abúrreme, pero don Federico resúltame inapropiadamente divertido, odiable no fondo e admirable na forma; sempre estimulante. Decido darme unha volta polos arquivos de El País e mesmo cometo o exceso de deixarme caer por Libertad Digital. Erro de principiante, porque me poño de mala hostia co primeiro artigo co que tropezo. E nin sequera era de J.L., senón de Amando de Miguel, ese hombre español, cuxa obsesión polos cataláns é digna de estudio. A expedición ó terreo enemigo deixame sen tempo e sen folgos, así que decido garda-la dirección do blog de don Federico e deixa-la análise para outro día.

12 May 2004

Ando folgazana. Teño fame. E sono. Aínda tardarei media hora en chegar á casa. Como non vos manifestades, danme ganas de meta-bloggar, pero non podo porque me prometin non facelo cando comecei e aínda non hai dúas semanas (¿esto será considerado meta-bloggeo?). Capitulo. Mañá máis.

11 May 2004

¿Qué pasa co Forum?

Din por aquí que a idea xurdiu dunha cagada radiofónica de Maragall, que -tralo éxitazo do proxecto Barcelona-92- tivo a ben ir á radio e dicir en directo que o seu goberno municipal non só non se durmía nos laureis, senón que xa viña de presenta-la candidatura da cidade para a exposición universal do 2004. Parece ser que o entrevistador estaba atento (cousa insólita) e decidiu comunicarlle amablemente ó entrevistado que tal acontecemento caía máis ben cara ó 2005. Ó agora president gústalle recuar tanto coma á min, así que tivo que inventar unha "exposición universal das culturas" naquel mesmo momento. Dígali Fórum. Non sei canto hai de lenda na cagada margalliana. Pouco importa. O caso é que xa estamos no 2004 (quén o diría) e xa comezou a leria.
Eu ando a voltas co tema dende hai uns meses, cando saíron as primeiras entradas. "Cómprate el pase de temporada, tío, que sale más a cuenta". Sí, tío, total só son 168 eurazos. A hostia. Con esos louros compro unha de libros que me fago co saber universal nun tris e non teño que debater con ninguén nunca máis. Mai més. Pero, claro, unha é débil, éntralle as dúbidas e investiga. E resulta que aínda é peor, que coas vintecinco mil largas só entras no recinto. Despois, se queres ir tirarlle as bragas a Lenny kravitz, vas ó Palau Sant Jordi e compras a entrada (entre 35 e 48 louros máis). Como cada unha lle tira as bragas a quen lle da a gana, tamén podes ir dialogar con Ramonet por uns 60 euros extra (25 para estudiantes). Pero qué lle vou preguntar eu a... digamos... Lula, a ver, ¿que? "¿como che vai no curro?"
Véndeno como se fora a ágora grega: ti (primeiro pagas e despois) chegas alí e "dialogas", pero poñen de reclamo ó star-system intelectual do mundo mundial. ¿A ninguén máis lle resulta incoherente? Só de pensalo dáme a risa: "Saramago, ¿ti cres que Crónicas é telebasura?, é que a min entreténme, sabes". Unha de dúas, ou acaba sendo un (carísimo) seguido de conferencias das de toda a vida ou acabas pagando 193 euros para oir a un pailán calquera (coma ti) ó que lle gusta o seu propio timbre de voz.
E todo esto xa obviando de onde veñen os millóns (e sobre todo a cambio de que), a quen beneficia económicamente, a quen prexudica, de onde vén a campaña mediática ó respecto (escola Urdaciana, a min que me perdoen), etc, etc.

Pd/ Boísimo o artigo de María en Vieiros.

10 May 2004

A nova do día

Chívanme dende "allende la meseta" a noticia do día (tan noticia e tan do día que é de hai dez días)... Viaxo pola rede en busca das primeiras declaracións. Non atopo esas tan boas que me mandaron via mail ("Non envexamos nada a outros pero non podemos durmirnos"), así que vos teredes que conformar con estoutras. Ollo ó dato coa última resposta... Non controlo de termos futbolísticos, pero estou segura de que hai algún para describila.
En tan sentido intre, o Xornal despide a Morgan sen deixar de facerlle as costas a MT, mentres que o colexio e Vieiros apostan pola sobriedade...
En fin... polo que a min respecta e a falta de confirma-lo lugar de nacemento de Emili Prado, van (alomenos) tres de catro. Lugo, ¡terra de... decanos!

9 May 2004

LONGA NOITE DE PEDRA

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra
.

Celso Emilio Ferreiro

7 May 2004

Cultura Basura

A teoría estética considera que a obra artística posúe un valor intrínseco e inalienable, relacionado coa tradición, coa técnica, cos coñecementos do autor, coas “pretensións” da producción, etc… criterios obxectivos que se poden reunir nun canon máis ou menos complexo e de aplicación máis o menos universal. Pola súa banda, a teoría extática inclínase máis cara á recepción: a artisticidade da obra depende da súa capacidade para toca-los sentidos do receptor, para emocionalo, para divertilo, para axudarlle a entender e a aprehende-lo mundo que o rodea, etc…
Ambas teorías están intimamente relacionadas co exercicio do poder simbólico. Os criterios estéticos son elitistas e, dende o meu punto de vista, inevitablemente conservadores. Implican a superioridade dos que “saben do que falan”. Adorno criticaba o jazz coa vehemencia que lle daba o seu profundísimo coñecemento da música “clásica”... como vós criticades Camela dende o dominio (máis ou menos profundo) da música actual. O concepto de éxtase, sen embargo, ponnos a todos ó mesmo nivel. Eu podo ser unha ignorante musical (e de feito sono) pero ninguén (por moitos CDs que teña na súa casa, por moitos concertos ós que teña ido, por moitos instrumentos –musicais- que domine) me pode dici-lo que sinto (ou deixo de sentir) cando escoito un violín nos corredores do metro. Parece democrático, ¿non? O malo é que tampouco o é totalmente. Ninguén me pode dici-lo que sinto, claro, pero si que pode utiliza-lo poder que lle dan os seus coñecementos estéticos para facer que me avergoñe dos meus gustos. Esta é a perversión definitiva, a confusión de estética e extática. A obxectivación das emocións.

6 May 2004

Estampas urbanas

Cando viña cara aquí case me tira un tipo que pasaba correndo. Era un poli. Xireime tras el, xusto a tempo para ve-lo saltar coas súas super-botas sobre a "manta" dun pobre tipo ó que non lle dera tempo a sair por patas. Nesa rúa hai un mercado e xusto dediante están sempre un home traxeado vendendo limóns (¿alguén mo pode explicar? ¿será un camello? ¿pode ser que simplemente venda limóns? non me digades que non é raro, raro, raro), unha muller vendendo calcetíns e bragas, unha velliña vendendo allos, un chino vendendo calquera cousa susceptible de formar parte do attrezzo de Torrente 3 e dous ou tres "árabes" cos seus top-manta. Xa supoño que os limóns e os allos non teñen copyright e podo asegurarvos que nin as bragas nin os calcetíns desa señora supoñen unha ameaza para as marcas de lencería, pero é que me pareceu tan inxusto... ¿Cal é a diferencia? ¿Por que o ghicho dos limóns (que manía lle teño) se quedou tan tranquilo, coa mercadoría na man, mirando para o top-manteiro con todo o desprezo do mundo mentres os polis (nun momento chegaron dous máis nun coche) o abucharaban como se fose o puto amo da piratería internacional?

5 May 2004

Cuspir para arriba

¿Como era iso de que a min a sanidade catalana me tiraba do aire? ¡Que pouco tarda a vida en traernos ó rego! Onte fun ó médico. Nada serio, donguorri, pedira vez hai tres semanas para consultar un par de efectos que ten a vida urbana en min. Pedira cita ás nove da mañá, a primeira da lista, para non ter que esperar. Bendita inxenuidade... obviamente, o ghicho non apareceu ata as 9.40. Iso sí, fun a primeira en entrar. Xa cando me chamou reparou no segundo apelido... repetiuno como para si... reflexionou:
-¿Eres desplazada?- Que capacidade de síntese, a miña vida nunha palabra.
-Pozzi.
-¡Una ghalleguiña!
Silencio sepulcral. Tema delicado. Os cataláns que se cren que -iñando falan galego espertan "ese tigre que hay en mi". Boto man do tantra aprendido dese gran filósofo da postmodernidade, Carl Winslow: "uno dos y tres yo me calmaré, cuatro cinco y seis todos lo vereis".
-Yo también soy medio ghalleguiño, ¿sabes? Falo algo de galego. Mi madre era de la terriña, de la coruña.
"Uno dos y tres... "
-Tú eres de Lugo ¿no? Me encanta Lugo, Castro de Rei... tengo un amigo en Castro de Rei. Es médico también. Se llama Ignacio. A lo mejor lo conoces...
"... todos los vereis."
-Yo es que no conozco a "mucha" gente en Castro de Rei.
-Ay, Galicia, qué bien se come en Galicia, eh.
-Ya... bueno, yo es que estaba un poco preocupada...
-... y se vive, eh, se vive muy bien en Galicia.
-Sí, bueno, ya, pero yo quería saber si... (afórrovos a consulta)
Cala a boca (por fin). Calamos os dous.
-Es mejor que te de vez para el especialista. Así no te molesto hablando de tus... partes.
Aquí, amigos e amigas "se acabó lo que se daba". As nosas "partes" (como concepto) colonizaron novos terreos, porque a dúbida non ía por aí. Xuro polo máis sagrado que tentei convencelo de que a min non me molestaba falar das miñas "partes". De calquera delas. E que, ademáis, esta parte en concreto non tiña relación algunha co aparato reproductor (alomenos co meu). Pero foi inutil, chantoume o volante "preferente" para o xinecólogo e chimpoume (literalmente) fóra da consulta.
Levitei cara ó mostrador de atención ó cliente (ou é ó paciente), fixen unha cola/cua/fila (¡axuda!) de vinte minutos, tentei razoar coa enfermera (obviamente foi inútil) e acabei por acepta-la cita para o xinecólgo... ¿non din que hai que ir unha vez ó ano? Non hai mal que por ben non veña (esto debe se-lo que os entendidos chaman transposición)

3 May 2004

Chove en Barcelona

Esperto antes de que soe a Marcha Turca porque oio chover. Poño a radio. Prefiro a Gabilondo na oposición. Síntome peixe (branqueas incluidas), así que non entendo porque me amola tanto sair da cama cando chove. Quedo sen escusa cando desconectan a Ona-Barcelona e empezan a falar da débeda da sanidade catalana (como son unha inmigrante mal adaptada, non me importan esas cousas). Obrígome a ducharme (se fose polas ganas...) e, como xa vou tarde, marcho para a facultade sen café (e sen donut, preludio inexorable dun día redondo).
¡Que mal lle acae a choiva a Barcelona! Non ule a terra mollada, nin se lle convirte o chan nun espello... non hai coreografía de paraugas de cores, nin oasis urbanos con forma de soportais... só hai máis coches que levan xente máis triste e máis enfadada; hai paraugas feos, vellos... paraugas de resistencia conducidos por xente pouco afeita a eses apéndices corporais.
Coa choiva quedo sen paseo matutino da casa á facultade. Non importa, gústame o metro, pero esa é outra historia...