
As
semanas de lecturas, o Limiar da Conciencia, as pombas e os morcegos, a media ducia cumprida de historias entretidas, as dúas tardes de intenso (e enriquecedor) debate, a volta á
illa, os pinchos, o lercheo, os risos, as
oito doas para San Simón, a sorpresa a emoción e a frustración de saberme perseguida por
aquelas palabras roubadas a
Rodari que apareceron no primeiro
libro que metín no bolso despois das lecturas
forzosas e que, vintecatro horas máis tarde, estalaron de novo diante de min con toda a forza do discurso de Agustín.
Pasan os días e todo vai quedando sepultado polas caricias, pol
os praceres novos e os agobios vellos, polo insomnio, pola morriña do que nunca sucedeu, polos mareos a dor de cervicais e as feridas dos dedos, polo turismo pijo-rural con
aqueles que xa non escuitan a Ismael Serrano, polo eterno retorno da
raíña que nunca quixen ser e polo traballo. Horas días semanas de traballo que arramplan con todo.
Tamén con emerecindo.
Acumúlanseme
os post que nunca escribirei e morren de vellos os que escribín e non publiquei. Teño o escritorio cheo de notas desfiañadas, de ideas pespuntadas que non souben rematar e de historias ben cosidas que non me atrevo a publicar. Sinto o peso das vosas miradas e, por primeira vez en máis de cinco anos, dáme medo e pudor e preguiza enfrontarme a elas.
Dáme unha preguiza imensa.