26 Jun 2009

Outing V



O primeiro que fago cando entro na casa petrucial é poñer as as zapatillas do meu pai. Levalas faime sentir invencible.


Nos quedará, menos mal,
Dry Martini S.A.

25 Jun 2009

Surrender

Your armor, so strong
Is strategically wrong
Victory goes this time to the tender
To win in love you must surrender



O outro día, o pikiniño regaloume este dragón que lle tocara no huevo kinder. Explicoume que bota lume, que é mui poderoso e que me vai protexer sempre, en todos os sitios. Tamén na guerra. Eu díxenlle que había tempo que non daba un paseo pola guerra e el miroume raro, como se non me entendera, e respondeume: Tu vives na guerra!

E morreu o conto.
___
*Os versos descubrinos na de Desconvencida.

24 Jun 2009

Dende o limiar

sé que despertaré alegre y solidario
con mi culpita bien lavada y planchada
y no sólo se me abrirán las puertas
sino también las ventanas y las vidas



Os gregos chamaban Porta dos Homes ao solsticio de vrao porque sabían que no preciso momento no que o sol detén o seu percorrido sobre as nosas cabezas se abren de par en par as portas "do outro lado do espello". Son esas portas invisibles as que nos separan da dimensión máxica da realidade e disque cando están abertas podemos albiscar o futuro dende o limiar...

Eu onte aproveitei para botar un ollo, pero non vos sei explicar o que vin.
___
*Os versos pertencen a "Hombre que mira más allá de sus narices", dos Poemas de otros (1973-1974) de Benedetti. Regalóunolos esta mañá o calendario benedettiano de H.

23 Jun 2009

Gústame o vrao



Aínda que nunca cho diga. Aínda que todo pareza tan innecesariamente difícil. Aínda que non che deixe sorprenderme coas túas arrountadas riquiñas. Gústame que me mires con esa mirada intensa, cargada de misterios. Que non te achiques nas discusións pedantes. Que saltes cando te pico. Gústame que sintas paixón pola cociña. Gústame ler debaixo do teu pexegueiro mentres mentres preparas a cea. Gústame deixarme sorprender por propostas musicais tan impropias dalguén coma ti. Gústame descubrir entre os teus libros as obras completas de don Álvaro. Gústanme as túas arroutadas riquiñas. Gústame que non te espanten as dificultades. Gústasme tu.

22 Jun 2009

ἀφορισμός V: Prazos

O tempo non cura.
O tempo, en todo caso, anestesia.

Summertime (V): Over

i'm tired of telling the story
tired of telling it your way



before you take my heart reconsider
before you take my heart reconsider
i've opened the door
i've opened the door

here comes the summer's son
he burns my skin
i ache again
i'm over you

Outing IV



Emocióname apampar para as partículas de pó en suspensión.

21 Jun 2009



Vou buscar o sono perdido á aldea. Abro as ventanas e frego a habitación (e) a conciencia. Fago a cama cunhas sábanas tan limpas que aínda ulen a horto e a sol. Deixo o ordenador no coche, quítolle o sonido ao móbil e déitome co eco das voces dos meus pais rebotando nas paredes da cociña, do corredor, da habitación, do estómago... Todo está ben. Cumprín todos os rituais. Todo está ben, menos eu. Invádeme unha ira aceda e non sei por qué. Nin contra quen. Se cadra é contra min mésma. Durmo abrazada ao enfado ao cansanzo á culpa. Soño esperto durmo esperto soño durmo esperto. E levántome mallada, coas cervicais trabadas, mareada, derrotada. Levo meses botándolle a culpa do insomnio á cama. Vou ter que empezar a asumir que o problema non se vai arreglar comprando un somier.

16 Jun 2009

Summertime (IV): Haunt



If you've forgotten what I'm naming
You're gonna long to reclaim it one day
Because that summer feeling is gonna haunt you
One day in your life.

15 Jun 2009

We'll try to make this the
best place in the world

Cartaz

Quedaron na estación de tren de Bemfica. Dous amigos que se admiran e tantean a posibilidade de coller xuntos o próximo tren sentan na cafetería da estación. Sobre a mesa, a posibilidade de tocar xuntos no Salón Teatro de Compostela. "Comezamos a falar das cousas posibles", recorda Narf, "e díxenlle que eu tiña unha canción. Comecei a cantar Aló Irmao e el seguiume. Rimos, abrazámonos e entendemos que había que seguir cara adiante, que era por aí”. “No tren de volta", dime Manecas cun sorriso que lle ocupa a cara toda, "eu só pensaba: eu tamén quero”.

Despois de tantos meses de proxectos que non chegan a concretarse e de desexos que pensamos pequenos ata que se revelan tan grandes que non nos caben no peito, sinto un pracer enorme oindo a historia de Fran e de Manecas. Unha historia simple, din eles, de dous tipos con dúas guitarras que se caeron ben, que se entenderon ben. Ás veces, digo eu, as historias simples son as máis fermosas e importantes. As que nos cambian a vida.

Mañá e pasado, no Teatro Principal de Santiago, Narf e Manecas gravarán ao vivo o seu Aló Irmao. Os concertos comezarán ás nove da noite e a entrada é gratuita até completar aforo. Muitas desas horas de traballo das que vos falaba onte estarán tamén alí, no mellor sitio do mundo. Con eles. E, se vos animades, con vós.

14 Jun 2009

Acumúlanseme os post
que nunca escribirei

Finde pijo-rural en Compostela

As semanas de lecturas, o Limiar da Conciencia, as pombas e os morcegos, a media ducia cumprida de historias entretidas, as dúas tardes de intenso (e enriquecedor) debate, a volta á illa, os pinchos, o lercheo, os risos, as oito doas para San Simón, a sorpresa a emoción e a frustración de saberme perseguida por aquelas palabras roubadas a Rodari que apareceron no primeiro libro que metín no bolso despois das lecturas forzosas e que, vintecatro horas máis tarde, estalaron de novo diante de min con toda a forza do discurso de Agustín.

Pasan os días e todo vai quedando sepultado polas caricias, polos praceres novos e os agobios vellos, polo insomnio, pola morriña do que nunca sucedeu, polos mareos a dor de cervicais e as feridas dos dedos, polo turismo pijo-rural con aqueles que xa non escuitan a Ismael Serrano, polo eterno retorno da raíña que nunca quixen ser e polo traballo. Horas días semanas de traballo que arramplan con todo.
Tamén con emerecindo.

Acumúlanseme os post que nunca escribirei e morren de vellos os que escribín e non publiquei. Teño o escritorio cheo de notas desfiañadas, de ideas pespuntadas que non souben rematar e de historias ben cosidas que non me atrevo a publicar. Sinto o peso das vosas miradas e, por primeira vez en máis de cinco anos, dáme medo e pudor e preguiza enfrontarme a elas.
Dáme unha preguiza imensa.

6 Jun 2009

Como un aullido interminable



Perdóname no sé decirte
nada más pero tú comprende
que yo aún estoy en el camino.

Pero tú siempre acuérdate
de lo que un día yo escribí
pensando en ti
como ahora pienso.

3 Jun 2009

Summertime (III): Keep the memories

Silent, 'cause there's just too much to say.



Love to me is like a summer day.
If it ends, the memories will stay,
Still and warm and peaceful.
Now the days are getting long,
I can sing my summer song.

2 Jun 2009

Palabras cortadas



H. alimenta o lume da reconstrución cos restos dos diarios que desfai cunha delicadeza extrema. Un xesto ritual no que non hai nada de arroutada apaixoada. Desfíase a conciencia, con menos medo que cariño, para tecer despois con esas mesmas palabras unha vida nova.
Unha vida mellor.

31 May 2009

Summertime (II): Melt the ice



Sun, sun, sun, here it comes.
Little darling I feel that ice is slowly melting,
Little darling it seems like years since it's been clear,
Here comes the sun, here comes the sun,
It's all right, it's all right.

30 May 2009

Chegou o vrao

Colección vrao

Chegou o vrao a emerecindo nunha fin de semana intensa que comezou cun xantar algo atípico, pero mui divertido. Un xantar X no que falamos de blogs, do facebook, do twitter e do tuenti. Falamos de como lle afecta internet á nosa intimidade e á nosa identidade. Falamos da mocidade. E falamos, efectivamente, de festas, da orquestra Panorama e do Simon Cowell galego, Lito. Creo que nese xantar cheo de risos inesperados falamos de todo menos de libros. De libros, claro, falamos despois.
But that's another story and shall be told another time.

28 May 2009

Summertime (I): Rise up



One of these mornings
I'm gonna rise, rise up singing,
I’m gonna spread my wings,
and I'll take, take to the sky


That's life for you, said McDunn. Someone always waiting for someone who never comes home. Always someone loving some thing more than that thing loves them. And after a while you want to destroy whatever that thing is, so it can hurt you no more.

Retrúcame Besbe cun pedazo do relato de Ray Bradbury La Sirena**. Calculo se McDunn terá razón. Se esa será a vida para nós. Sempre esperando algo, sempre querendo algo que non podemos ter. Queréndoo tanto, tan absurdamente, que acabamos desexando destruilo para que non nos manque máis. E penso que é unha idea tan estúpida que só pode ser certa.

Penso iso e penso, tamén, que non sei se será mellor ser Penélope ou ser serea.

O de ser Ulises hai tempo que o desbotei.
___
* A imaxe é do pintor prerafaelita John William Waterhouse e saqueina daquí. Pola internet adiante tamén din que é dun tal Arnold Böcklin, pero vendo outras obras súas a min muito xeito non me ten.
**En versión orixinal, o relato chamábase The Fog Horn. Podedes lelo aquí. Non hai muito que descubrín que a palabra sirena é correcta en galego. Sirenas son os aparatos sonoros e creo que é diso do que vai The Fog Horn. As sereas, polo visto, son outra cousa.

23 May 2009

A maternidade é unha escolla

Pola soberanía sobre o noso corpo
Nós parimos, nós decidimos
Aborto libre e gratuito




Detrás do dereito ou non ao aborto, ocúltase o dereito ou non de decisión das mulleres sobre o noso corpo, sobre a nosa sexualidade e sobre a nosa vida. Decidir abortar é sen dúbida unha decisión importante, pero é unha decisión que as mulleres debemos tomar libremente e nunca condicionadas polas mentiras de ninguén.

Detrás das campañas provida ocúltase a imposición cínica duns valores que lonxe de defender a vida, a liberdade e os dereitos das persoas, non fai máis que negalos. Obrígannos a un debate ficticio cando o que pretenden é impoñer o seu discurso retrógrado e a súa ideoloxía autoritaria. Pretenden suprimir os mínimos dereitos conseguidos polo movemento feminista, prohibindo o dereito a pensar distinto.

Non podemos permitir que os satélites da Igrexa Católica e da súa mafia, o Opus Dei, ataquen a nosa integridade como mulleres, temos que facernos oir, debemos protestar, organizarnos e luitar polos nosos dereitos.

Avante a luita feminista

___
*Esta mañá, na meta da Volta Ciclista Ascensión, en Compostela, compartín ideas consignas risos e miradas cómplices cun cento de mulleres imponentes nas que dá gusto verse reflexada. Avante logo!
** Raquel Rey fala do tema en ANT.

20 May 2009

Dual



Fun círculo up close and personal. Tentando desfacer un nó, tirei do fío que non era e convertinme en liña recta. Recta xenerosa madura perfecta. Quixen ser hipotenusa -apoiarse sempre axuda- pero sentinme paralela. Proxecteime na busca dun punto impropio e sóubenme menos recta menos xenerosa menos madura menos perfecta. Sóubenme covarde. Botei a correr sobre min mésma, contra min mésma, coa esperanza de ser círculo outra vez. Personal, yes. E corrín e corrín e corrín. De verdade que si. Pero só consiguín sentirme como un disco de vinilo. Xirando. Raiada.

Onte foi un mal día, pero hoxe decidín confiar no principio de dualidade, segundo o cal a partir de calquera construción de xeometría proxectiva se pode obter outra distinta só con intercambiar as palabras punto e recta e modificar a relación entre elas. Así, por obra e gracia do teorema dual, os puntos convírtense en rectas, os círculos circunstritos en círculos inscritos, as rectas paralelas en puntos equidistantes e tu e máis eu convertémonos nas figuras amorfas que fan as burbullas de aire no pé dunha copa cristal. Acabouse a carreira e aparecemos conxelados para sempre a dous milímetros de distancia infranqueable. E eu non quero pasar o tempo apampando para esa distancia, non quero converter a miña vida nun what if. Eu o que quero é arrebolarme cunha bici lila polo camiño da felicidade que se esconde no meu armario empotrado.

E alá vou.

19 May 2009

Desabrochada

Sen coiraza para rabuñar e coas unllas roídas



Perténcenlles (a cada un) as mans cos aloumiños que posúen,
son súa (de quen corresponda)
porque as sereas so querían a Ulises.
(Porque Ulises sempre retorna á casa)
(Porque Ulises sempre retorna a ela)
(Porque sempre retornou)

Desabrochada, así, sen pertencerme máis voz nin corpo.
___
*Besbe sae do armario e convírtese en Inés o mesmo día no que eu abrocho de novo o disfraz de serea ata as orellas, no que se me abren as feridas dos dedos, no que volvo para dentro da coiraza. Non vexo máis reflexo que o destes botóns, pero admírolle profundamente a valentía.
**Nota rabuda: non entendo por qué os libros en .pdf seguen sendo verticais.

No meu moleskine XIX: Emprendedores



Empecemos xuntos esta viaxe, perdendo o último tren.
___
* A imaxe chámase Toward Los Angeles, California e fíxoa Dorothea Lange para a Farm Security Administration, en marzo do 1937. Calcúlase que, durante a Gran Depresión, uns dous millóns e medio de persoas abandonaron os seus fogares para botarse á carretera. Ollo ao cartel. A foto é de dominio público, eu collina aquí.

18 May 2009

Damasco non (só) é unha cidade

Apricot blossoms fly onto the bead curtain,
scattering what is left of spring



O venres comín as últimas (riquísimas e carísimas) mandarinas do ano. Sabedora de que falta media primavera e un vrao enteiro ata a chegada do vindeiro outono, decidín que tiña que aceptar que chegara o momento de deixar ir a intensidade ácida das mandarinas... e comezar a gozar a suave dozura dos albaricoques.
___
*O verso pertence a un poema que creo que se chama A moonlit night, drinking with guest beloww apricot blossoms e é de Su Shi.

14 May 2009



O Consello de Ministros vén de aprobar o anteproxecto de lei de Interrupción Voluntaria del Embarazo y Salud Sexual y Reproductiva que contempla o dereito das mulleres de máis de 16 anos a decidir libremente se desexan abortar antes da 14ª semana de xestación.

Desde que a ministra de Igualdade, Bibiana Aído, anunciara que a chamada lei do aborto libre se aprobaría este ano, o colectivo Hazte Oir.org lanzou unha campaña masiva de "información y concienciación sobre la realidad del aborto" baixo o lema Derecho a Vivir, porque consideran que:
Si esa ley llega a aprobarse, el delito del aborto – todavía vigente – desaparecerá en la práctica de nuestro Código Penal y el número de niños abortados en España (hoy son más de 100.000* abortos anuales) se multiplicarán por dos en pocos años. 250.000* bebés no saldrán con vida del seno de su madre. 250.000 mujeres sufrirán las consecuencias del aborto. Los beneficios económicos* de los empresarios del aborto crecerán significativamente.
Parte desta campaña desenvólvese na rede, onde se ofrece un formulario de adhesión a un manifesto, no que aseguran, entre outras cousas, que "en España no se ofrece información ni ayudas sociales a las mujeres embarazadas en situaciones difíciles* y sin embargo sí existe financiación para que vayan a abortar".

A outra pata da campaña é unha flota de autobuses, chamada Vuelta por la Vida, que percorre a xeografía española transmitindo a súa mensaxe. Chegan a Lugo o 20 de maio, a Ferrol o 21, á Coruña o 22 e a Santiago o 23. E estamos pensando aproveitar para sair á rúa pedirlle a esta xente con muita educación que deixen de protexernos de nós mesmas. Que nos deixen decidir en paz.

Actualización 15/05.- Casandra envíame o manifesto (pdf) feminista ante a nova regulación do aborto. Gracias.
___
*Obviamente, os datos non están referenciados. As estatísticas oficiais ata 2007 están aquí.
**Este asunto recordoume aquelo de que, no mundo, dos 210 millóns de embarazos que se estima se dan ao ano, 80 millóns son non previstos (2 de cada 5). Destes, 46 millóns (58%) acaban interrompéndose. 19 millóns, en países onde a intervención voluntaria do embarazo é ilegal. En América Latina, practícanse 3.700.000 abortos inseguros ao ano... O aborto inseguro é a causa do 17 % das mortes maternas.
***A foto mangueina aquí.

12 May 2009

Gerda Taro



A dixitalización das 4.300 fotografías da Guerra Civil española atopadas nunha maleta mexicana troixo a Gerda Taro de novo aos xornais.

Considerada a primeira muller xornalista morta nun conflito, Gerda Taro chamábase en realidade Gerta Pohorylle. Era filla de xudeos polacos e, coa chegada dos nazis ao poder, fuxiu cunha amiga a París. Alí coñeceu un xudeo húngaro que intentaba sobrevivir como fotógrafo, Andre Friedman, con quen comezou un noivado e, xa que logo, aprendeu algo de fotografía. Como non lles aparecía traballo, decidiron botarlle inxenio e crear a Robert Capa*, un reputado fotógrafo dos USA que -dicían- viñera traballar a Europa e que, como é un tipo tan famoso, vendía as súas fotos a través dos seus representantes, Friedman e Pohorylle, polo triple que un fotógrafo francés.
O truco funcionou, Claro.

Mentres durou a súa relación, os dous firmaron indistintamente as súas fotos como Robert Capa. Cando comezaron a distanciarse, Andre Friedman quedou coa personaxe e ela comezou a firmar como Gerda Taro. O seu traballo en solitario máis importante foi o da vitoria republicana na primeira fase da batalla de Brunete, que foi publicado en Regards o 22 de xullo de 1937. Cando as tropas franquistas contratacaron, Gerda Taro volveu ao fronte. Alí fixo muitas fotografías do comezo da derrota republicana e alí perdeu tamén a vida. Tiña 27 anos. Daquela, cando foi enterrada en París, con todos os honores, nada facía supoñer que ía pasar á historia como a "parella sentimental" da personaxe que axudara a crear.
___
* En galego e en inglés, a historia é diferente.

11 May 2009

Arrojar al suelo la copa vacía



click

Waiting

What if…
we are accidents
waiting, waiting to happen



Abrir as fiestras e esperar ao fresco. Esperar que a primavera lle deixe sitio ao vrao. Esperar que o vrao arrastre a preguiza ata o outono. Esperar que chegue o inverno. Esperar que a vida pase e traia con ela a resignación. A desesperanza.

Leo por enésima vez o post-it desa blogueira que chegou a min por accidente e, por enésima vez, pregúntome que pasa se somos dese tipo de accidentes que esquivamos no último momento, que recordamos toda vida precisamente porque nunca chegaron a suceder.

8 May 2009

Azzurro



Il pomeriggio è troppo azzurro
e lungo per me.

Mi accorgo
di non avere più risorse,
senza di te

E allora
io quasi quasi prendo il treno
e vengo, vengo da te.

Ma il treno dei desideri
nei miei pensieri all'incontrario va.


7 May 2009

Turn your head the other way
So maybe you can see passed yourself
For a change



Estou farta de buscarme nos espellos.
Pensaba que o que me cansaba era non atoparme.
Agora creo que do que estou farta é de mirar para min mesma.
___
*Sigo gastando esta canción.

6 May 2009

Eloxio da lentitude



Hai xente que ves entrar na túa vida con determinación. Para quedarse. A min, ao principio agóbiame un pouco tanta certeza, así que moneo. Fágome a ocupada. Xogo co pelo. Movo os papeis. Tecleo compulsivamente. Non te apures, eu espérote abaixo. E eu intento non apurarme. Moneo. Xogo co pelo. Movo os papeis. Tecleo compulsivamente. Cando por fin chego abaixo, comprobo que non só me esperou, se non que atopou un oco debaixo dunha árbore do xardín e sacou un libro cun título dificilmente mellorable. Nese momento, como non sei que dicir, fágolle unha foto, déitome ao seu lado e disfruto o sol a brisa e o aroma do verán.
___
*Foi un pracer compartir silencios, angoxas e teorías contigo. Espero que esteas cómodo debaixo desa árbore, porque me gustaría que te quedases. Como sei que valoras a lentitude, sei que non che importará que tardase unhas horas en dicilo.

5 May 2009

Chanzos



Estes días ando resumíndome a vida en listas. Unha lista cos defectos propios. Outra lista coas virtudes alleas. Unha de preguntas, unha de respostas. Unha de mentiras, outra de verdades. Unha lista de decisiós covardes e outra de apostas valentes. Unha de éxitos, outra de fracasos, e aínda outra máis cos puntos de inflexión...

Hoxe díxenllo a Rodrigo no xantar e respondeume que, así contada, a miña vida parecía unha escaleira. E eu pesei que si, que a vida parece unha lista infinita de chanzos desiguais.

3 May 2009

Achados XVI: Cabodano

Hoxe hai un ano daquel primeiro achado. Penso en cantas cousas pasan cando pasan cousas. Penso no atrás que quedaron os meus medos, en como a puta vida os sepultou debaixo das súas luces e das súas sombras. Penso que aquelas cicatrices xa forman parte de min. E quérolles. Quérolles, como ás pencas como á mirada revirada como aos pés planos, porque son miñas. Paso suavemente un dedo polas cicatrices que non se ven e penso que non hai mellor maneira de celebrar este cabodano que lendo, trazando círculos paralelas e triángulos, sobriñeando madriñeando e deixándome mecar, comendo falando rindo e bailando ao son da peor orquestra do mundo. Non hai mellor maneira de celebrar este cabodano que vivindo a puta vida que me tocou vivir, coas súas luces e coas súas sombras, porque no fondo, supoño, as unhas e as outras forman tamén parte de min.
E quérolles.

1 May 2009

Armisticio



Cánsame frústrame amárgame dedicarlle todo o meu tempo e toda a miña enerxía a construir e a destruir muros de contención. Réndome. Propoño iniciar canto antes as negociacións para o deseño dun muro conxunto, forte e duradeiro. A tal hora, danme igual os lindeiros. Só pido que teña un par de ventanucos e unha fiestra con macetas.

27 Apr 2009

Teño sono, muito muito sono



tengo sueño, mucho, mucho sueño,

y lo que es mejor todavía:

por esta vez,
y sin que sirva de precedente,
tengo ganas, muchas, muchas ganas

de
soñar

___
*Despois de catro días emocionantes e intensos, a aterraxe fáiseme algo abrupta. Acumúlanse as noites sen durmir as dores cervicais e os mareos, retéñenme a maleta chea de tesouros nalgún lugar escuro e descoñecido, déixome superar polas obrigas que me esperaban deste lado da creatividade e observo entre esperanzada e triste como as ondas chegan á beira a cada minuto con menos forza.
Desoriéntome outra vez.
Búscome (e atópome) nos Sparrings de David González...
Non sei se teño motivos para soñar, pero desde logo teño ganas.

21 Apr 2009

Dúas liñas paralelas



I
Tiras unha pedra á auga e vaise ao fondo, pero os círculos quedan moito tempo na superficie, cada vez máis amplos, máis febles. É difícil calcular o efecto das palabras, pero como o outro día dixeches que a vida é dar e encaixar golpes con elegancia...

II
O caso é que non sei se me queda elegancia. Sei que a vida é eso, pero eu non son un robot, tamén corro contra min mesma e míntome e desenfócome e corro e corro e corro coa esperanza de que desaparezcan as cousas que me quitan, as cousas que preciso e non me dan, a dor, o corazón e, se fai falta, eu mesma.

Cando as ondas comezan a desaparecer, sinto unha morriña terrible e pregúntome se ti tamén a sentirás e danme ganas de tirar outra pedra, pero jódome e non o fago, porque creo que non é xusto para ti. E entón, vas tu e tírala. E por unha parte alégrome cunha alegría intuitiva e estúpida. Pero, pola outra, dóeme, porque sei que en realidade esto só significa que teño que empezar a correr outra vez.
___
*Os blogs impúdicos teñen a desvantaxe de facer que, quen te queira ver, te vexa... e te eleve. O malo de elevarse, sábeo calquera, é mancarse ao baixar.
**Dende aquí parece que as liñas se tocan, pero é mentira. Ando e ando e ando e corro e corro e corro e a distancia entre elas non diminúe nin un centímetro. Tampouco medra.

14 Apr 2009

Tres ángulos


Elevation, de Reka Reisinger

I
non sei por que,
vin esta foto e pensei en min,
e logo en ti,
e logo en nós...
nos proxectos
pessoas

II
Ves os cables que colgan para abaixo? Supoño que son os que a manteñen unida ao chan. Eu non sei se os teño. Ou, se cadra, son os globos os que me faltan. Non sei. Non sei que teño e non sei que quero. Buf. Hoxe teño un día fatal...

III
hoje é o día de eu non sei...
(hoje estiven no teu blog)
hoje volvín conectar coa túa luz
e sentín a forza da nena,
véxome co teu espelho de auga,
síntote coma un encoro que quer ser río,
e rir,
e eu contigo
pero eu...
este luns souben que son vento,
e voar...
voar doi
porque eu tampouco sei
___
*Os blogs impúdicos teñen a vantaxe de facer que, quen te queira ver, te vexa... e te eleve.

13 Apr 2009

No meu moleskine XVIII: Sabedores



Eu sei cousas que non entendo.
___
*Esta é unha das imaxes máis famosas do fotoxornalismo contemporáneo. Un voitre agarda a morte dunha nena sudanesa diante dun experto retratista da peor cara da Humanidade, Kevin Carter, quen afirmou ter esperado un bon cacho a que o paxaro abrira as ás para conseguir a foto perfecta. O animal nunca chegou a facelo, pero a imaxe foi o suficentemente boa como para gañar o Pulitzer. O autor suicidouse poucos días despois de recoller o premio.


Tapo os desexos cun escote e saio a ver se uns llintonics en boa compañía me axudan a alixeirar a intensidade das últimas semanas. Efectivamente, unha noite desordeada axuda a ver o mundo con outros ollos... O malo é a mañá. Unha mañá resacosa sórdida miserable, infinitamente melancólica.

O malo, realmente, é levar toda a vida cometendo os mesmos erros.

8 Apr 2009

Un círculo



Son un círculo. Que está dentro doutro círculo. Que se toca con outro círculo. Ás veces son de cristal. De madeira. De aramio. De herba seca. De fío. Outras, son un trazo carioca nun papel de cadros. Podo ser unha pompa de fairy. Ou o rastro que deixa o gin tonic na barra do bar. A maioría das veces son, simplemente, un círculo de luz.
Inestable voluble inconstante insegura mudable.
Desfágome noutros círculos e, ao facelo, cambio eu e cámbioos a eles.

Anotación tonta e innecesaria: Gústame a sustancia viscosa e intensa que xurdiu das últimas mesturas, pero asústame non ser capaz de distinguir os lindeiros.

6 Apr 2009



Sorpréndeme un cambio de etapa inesperado. Traballos proxectos recunchos persoas. Facendo repaso das cicatrices acumuladas nestes meses, atopo unha fenda. Acórdome dos consellos maternos e tento non tocarlle non pensala ignorala, esperar a esperanza de que desapareza. Pero vése que nestes anos non cambiei tanto por dentro como por fóra, porque acabo rañando nela con todas as miñas forzas ata que quedo cun cacho de cortiza na man. Dáme susto. Non me sinto coa forza necesaria para averiguar se a luz que poida entrar compensará a calor que se perda polo burato... Desordénome.
Traballos proxectos recunchos persoas.
Toca sair e eu non sei cara onde tirar.

28 Mar 2009

Reconstruccións improvisadas



Non se me ocorre mellor cidade para reconstriuirme que Roma. Andámola enteira e o camiño emborráchame de historias e de contrahistorias. Intento non pisar as pegadas das outras vidas que habitaron estas pedras, pero é imposible. Hai tantas liñas. E están tan pegadas. Tan mesturadas. Ao final, déixome atravesar por elas e pola súa mensaxe. Non te compliques e déixate levar, bérranme dende o templo romano reconvertido en ghetto xudío, a vida non é máis que unha ringleira de reconstruccións improvisadas.

23 Mar 2009

No meu moleskine XVII: Prudentes



Ser consciente das túas limitacións só significa que non te permites superalas.
___
* A fotografía pertence ao
Die Olympischen Spiele, 1936, onde aparece definida como "Jesse Owens at start of record breaking 200 meter race". Eu atopeina aquí.

20 Mar 2009

Tudo bem


A imaxe roubeina aquí, onde me levou Magago

No taller foi todo ben e eu retomo a viaxe adiada co campo de batalla a medio limpar, algo máis tranquila e coa determinación de aproveitar a perspectiva que dá a distancia para buscar novos camiños ao meu xardín máxico.
Vémonos alá.

18 Mar 2009



Estamos no taller. Agora é o seu sim o que leva un diamante negro sobre a cabeza, así que recupero a perspectiva deste lado da barreira. Saco o meu humor máis absurdo e colleito un éxito notable. O diamante reverdece por momentos. Interrompe a miña actuación maxistral un ruído insoportable que nos taladra a cabeza. Hai un ruido insoportable que ocupa absolutamente todo o espazo ao noso arredor e esta xente teclea fala camiña como se non o oise.
Calo.
O diamante perde o pouco brilo que gañara e eu sinto unha dor terrible, porque teño un xardín máxico no que só se oe a primavera e non sei como levalos ata alí.

17 Mar 2009

Conversas co Pikiniño I: Dios

Pikiniño, tu sabes quen é dios?
Mírame desconcertado un segundo, só un segundo, antes de deixarse levar pola diversión da pregunta inesperada. En canto entende o xogo, atopa resposta. A victoria chega rápida e instálaselle nos ollos. Déixase gozar un cachiño e, por fin, dime:
O dios que te pariu.

15 Mar 2009

Notas necrolóxicas

Enfróntome ao sentido do deber e á culpa cambiando os reflexos do espello compostelán por unha fin de semana na aldea. Levo comigo a Xesús Fraga, para ver se o seu sentido do humor desganado e retranqueiro me axuda a sorrir mentres recollo os restos da batalla. Sinto que me mira sen mirarme cando reprimo as ganas de abrazalo, de abrazala. Réñeme. Non hai que ser covardicas, dime, non hai que esconder os abrazos. Eu baixo a mirada e disfrazo a culpa cun sorriso parvo.



Prendo a radio e deixo, de fondo, as notas de Monforte. Séntoo ao meu lado, debaixo das mazairas, e pídolle que me fale de Tony e de Álvaro mentres o pikiniño xoga a ser pekeno. Mírame coa miña mirada revirada, convídame a un xelado e cóntame de Untia e de Londres mentres lambemos cobizosos nos dedos as faragullas de chocolate. Fálame de Joseph e de Ian. De Román, de Pablo e de Norberto. Apréndeme a ler graffittis. Ponme deberes musicais. Penso que eu preferiría mil veces ser Vitoria a ser Lucía, pero non llo digo. Tampouco lle digo que non hai polvos da vida, como tampouco non hai amores da vida. Sobre todo desde que os botas. Desde que os tés. Intrígame por qué escapou de Sarah e de Nadine e, en vez de preguntarllo, quéixome porque non entende o conflito lingüístico que tanta dor me causou. Mírame as pencas e as zapatillas de cadros, louba o meu castrapo monolingüe e lévame da man correr darredor do seu estanque.
Se queres
, dime, xogamos a Robín e Marián.
Eu ben sei que o papel xa está dado, pero déixome levar.

12 Mar 2009



Despois duns días de intensa actividade capitalina, cústame un mundo irme. Humidtown é unha trincheira que reborda diversión conversas proxectos. Marcho arrastrando os pés, chamada polo sentido do deber e pola culpa, e fago todo o posible por non mirar atrás, por non ver no espello o reflexo dos días que non vivirei.

No Valado, espéranme os restos da batalla. Recúo, pero xa é tarde para buscar refuxio na felicidade mentirosa do meu xardín compostelano.

11 Mar 2009

A crise



Buf. Esta crise tenme preocupada. Non che se recorda unha igual na vida. Vernos nunha coma esta fainos valorar, máis ca nunca, a importancia de contar cun sistema financero solvente, rentable, sano e sostenible. Éche así. Eu ben vexo que neste momento temos sobre a mesa tres problemas globais: a liquidez, os activos tóxicos e a capitalización de las entidades financieras. Que tres problemas, dios mío. É certo que inciden con distinta intensidade segundo o país. Hai sitios nos que xa requiriron medidas urxentes... E no resto hanas requirir, dígocho eu. Non sei a que esperamos para actuar. Na miña opinión, está claro que a achega das autoridades é clave en cuestións como a liquidez, a transparencia e a supervisión. Nós pouco máis podemos facer que recuperar o foco no cliente, potenciar o negocio recurrente, xestionar con prudencia o risco e reforzar a xestión corporativa... Esta crise éche jodida. Non se recorda unha igual na vida. Pero non vai acabar con nós. Xa o verás.

___
* É marzo outra vez, así que parece que chegou a hora de recuperar o proxecto aquel que tiñamos a medias anITA e máis eu. A foto é súa, fíxoa en Portomarín, e o texto é parte do discurso que deu Emilio Botín na Conferencia de Banca Internacional a mediados de novembro do 2008.