28 Feb 2010

No meu moleskine XXX: Xente



Na casa teño mazás e kiwis, porque é o que come a xente.
___
*A imaxe é Muette et aveugle (1940), de Marcel Marien.

26 Feb 2010

Veurem què s’hi pot fer



No… tu mai viuràs com viuen els altres,
ni patiràs com pateix la gent normal,
mai entendràs el fracàs dels altres, mai comprendràs
com els somnis se’ns van quedant
en riure i beure i ‘nar tirant, i si pots, ja saps,
follar de tant en tant.

(click)

24 Feb 2010

Melodía

Cando se fala con valor do trivial, da felicidade, do íntimo ou do doloroso, desaparece o medo, porque nos vémo-la fenda que, como un machadazo, todos temos en algures.
___
*Melodía de días usados (Galaxia, 2005) é unha selección dos Anxos da Garda que Anxos Sumai publicou durante máis de dous anos en culturagalega.org. Tamén é un dos meus libros favoritos dos últimos tempos (click).

23 Feb 2010

Outing VII

Unha vez dixeron de min: "esta tamén está en boceto. Para que non a critiquen, xa advirte que está en proceso de fabricación".
Non creo que haxa unha maneira máis precisa de definirme.

22 Feb 2010

No meu moleskine XXIX: Solteiros



-A estas alturas da película, os tíos ou están emparellados ou están cheos de merda.
-Non sei como tomarme iso, eu non teño parella.
___
*A imaxe é Paulette et Andre, de Brassai.

9 Feb 2010

Branco

Na cama tampouco había vida. Só a sensación de cabalgar sobre un cadáver ata o esgotamento. Nin sequera conseguía que respirase con ansia. Apenas a oía respirar.
___
*Branco é a última novela de de Manuel Darriba (Galaxia, 2009). O autor falou dela con Jaureguizar para El Progreso.

Outing VI

Para algunhas institucións públicas do meu país, son unha persoa con antecedentes políticos.

6 Feb 2010

India - भारत (XXII): Cricket



O cricket é o fútbol da India. É o tema de conversa, a pachanga que se bota en cada esquina, a referencia xeográfica e cultural, o orgullo e a deshonra de toda aldea vila cidade ou nación, o trazo identitario compartido e o único motivo polo que unha moza guapa se disfrazaría de rapaz, poñendo así en perigo a súa saúde e o amor da súa vida. Iso si, as 42 leis que regulan o cricket son infinitamente máis complicadas có orsai. Donde vai dar!

5 Feb 2010

India - भारत (XXI): borracheiras

Polos ghats baixan uns regueiros que non se sabe mui ben se levan auga de lavar a roupa, mexos das vacas ou restos dos desaugues da cidade. Seguramente, unha mestura das tres cousas. Un rapaz mui noviño rebózase sen acougo nesa auga sucísima, mentres outro durme a mona ao seu carón. Se cadra perdeu o sentido, penso. Supoño que a ninguén lle importaría. O amigo dá voltas darredor. Levántao. Quítalle a chaqueta. Ponlla debaixo da cabeza. Quítalla tamén dalí. De repente, dalle outra idea, levántase e arrebola unha botella baleira ao río sagrado, cun berro desafiante. Nin asustado nin enfadado, desafiante. Despois, máis tranquilo, déixase caer outra vez sobre o regueiro, coloca ben colocadiña a chaqueta do amigo nun escalón, pousa a cabeza nela e pecha os ollos. Vése que é hora de durmir.

4 Feb 2010

Aniversario

I
Pedra queixo cortiza mazairas paralelas miradas retortas tren cruce camiño claro estanque carreira empírica inocente inxenuo sonámbulo revirado subvertido formaldehído feo católico formal nudo espada jedi ortopédica implacable b-girl xuíza locutora camioneira semiótica empregarse a fondo coas maos atadas suada alasando... desenfocada

La hipérbole la metáfora la aliteración el símil y demás familia ruegan una oración por nuestro descanso eterno

uso lingüístico

II
In the end, di o Guardian que lle dixo DeLillo a Franzen, writers will write not to be outlaw heroes of some underculture, but mainly to save themselves, to survive as individuals.

(vía)

___
*Hai hoxe un ano andabamos soñando con ovellas eléctricas.

3 Feb 2010

India - भारत (XX): aromas

A casa ten un patio con tres vacas, dous cans e un forte olor a establo. Do outro lado do patio hai unha porta pequena de máis incluso para min. O noso anfitrión dalle tres voltas aos tres pechos que ten a portiña e entramos -watch your head- no cuarto das esencias. O perfumista, bisneto neto fillo pai e tío de perfumista, comeza a abrir botiños. Todo é tan pequeno que parece de xuguete. Embadúrnanos as maos e os brazos con xasmín sándalo e canela. Estornudo. "É o masala chai", dime, "é bo para a sinusite, seguro que estabas atascada". Dáme a risa, "eu sempre estou atascada". Abre outro botiño e ponme unha esencia sobre as cellas e a cada lado do nariz. "Menta, alcanfor e tomillo", explícame, "xa verás como te despexa. Vouche regalar un pouco, para cando volvas á casa."

Levo tres días untándome de menta alcanfor e tomillo.

Creo que estou atascada na India.

2 Feb 2010

India - भारत (XIX): memoria

Non quero que tomes nota do meu nome, nin que copies aí as cousas que che dixen. Non soportaría ser ese tipo do que fala algunha das túas libretas e que ti non podes recordar.

28 Jan 2010

India - भारत (XVIII): Independencia e mercado

Convídanme a unha cea cun dos empresarios máis poderosos da India. Dinlle que son unha xornalista española e a el ilumínaselle a mirada. Supoño que iso é o que son as medias verdades. Sorrío inocente e xogo o meu papel, un pouco por curiosidade e un muito por diversión. Pregúntolle polos seus antepasados, pola súa traxectoria económica, pola súa ideoloxía política, polo seu historial xudicial. El contesta obediente e voluntarioso, tirando de carisma.

Naceu en Cachemira, nunha cidade que agora pertence a Pakistán. Despois de 1947 a súa familia instalouse no Rajastán, onde o pequeno exiliado cultivou a riqueza e o odio polos británicos que herdou dos seus pais. Foi o rei do tabaco, exerceu de parlamentario da dereita, estivo no cárcere, deixou a política, construiu un novo imperio no sector textil e, durante todo este tempo, seguiu alimentando o seu odio polos británicos. Pregúntolle como ve un empresario liberal do século XXI a existencia dunha sociedade tan inmensa e empobrecida como a india:

-Don't you think Indian economy needs midle-class buyers?

-Por suposto, por suposto- dime. -Hai que conseguir que toda esa xente que non ten nada comece a consumir. E, ademais, teñen muito que ofrecer! Nós temos un proxecto con artesáns locais polo que nos propoñemos exportar as súas crecións (que son marabillosas, podes crer o que che digo) e pagarlles mil dólares ao ano.
-Mil dólares ao ano? -abro uns ollos como platos.
-Xa sei que a unha europea lle pode parecer unha miseria -sorrí comprensivo mentres bebe un groliño dun excelente viño chileno de a 30 dólares a botella-, pero para eles é unha pequena fortuna.
-Mmm... Entendo, ampliades o mercado interior ao tempo que conseguides produtos de calidade que podedes vender fóra muito máis caros...
-Hai gastos -protesta.
-Claro, hai gastos -concedo-, pois digamos que conseguides un bo produto para vender a un bo prezo -sorrí- no mercado exterior.
-Brilliant, isn't it? -Si que o é, si. É impresionante. Ao final da noite, xusto antes de subirse ao seu coche, agárrame o brazo, baixa a voz e dime:
-Podo pedirche un favor?
-Claro
-Podes prometerme que, cando volvas a España, vas apoiar publicamente a independencia de Escocia?
-Perdón?
-Os británicos desfixeron o meu país e eu non vou morrer antes de ver desfeito o seu. Apoio economica e politicamente a independencia de Esocia e gustaríame que ti tamén o fixeses. -Miro polo rabo do ollo o sorriso travieso de L., póñome quieta e contéstolle con solemnidade:
-Está ben. Prométoche que, cando volte a España, vou apoiar publicamente a idependencia de todos os pobos que queiran independizarse.

27 Jan 2010



El País falaba onte de como preto de dous mil turistas quedaron atrapados en Aguas Calientes (un sitio inmundo que serve de campamento base ao turisteo internacional para subir a Macchu Picchu), por culpa das fortes chuvias que se están producindo na zona: la visita a la ciudadela inca de Machu Picchu, la joya del turismo peruano, se ha convertido en un drama para cerca de dos millares de turistas que se quedaron atrapados en las alturas sin poder regresar a la cercana ciudad de Cuzco.

24 horas máis tarde, o tono da información tamén en El País radicalízase: "En Aguas Calientes la tensión crece cada día". Sen luz (e polo tanto sen móbiles), as cousas empezan a verse máis negras e "aunque las autoridades han asegurado el envío de alimentos y agua para los varados, los turistas se quejan de que no es suficiente".

E eu alucino. A lu ci no. Parece que nin @s turistas nin @s xornalistas se pararon un segundo a pensar que nese sitio vive xente. Xente que tamén ten medo e frío e fame e sede. Xente que, de regalo, está a piques de quedar sen casa e sen traballo. Xente que non ten un puto consulado nin un puto xornal con lectores por todo o mundo ao que chamar. Xente que ten tantos dereitos coma eles ou máis, porque a chuvia os foi buscar á casa. E líbreme el señor de darlle a razón a ese tipo que me cae tan mal, pero ás veces, joder, danme ganas.

Información sobre as chuvias en El Comercio
Actualización 28.01.10
Actualización 29.01.10

India - भारत (XVII): pombas mensaxeiras



Atei a miña mensaxe ás súas patiñas
e abrín as portas de todas as xaulas

26 Jan 2010

India - भारत (XVI): ilegalidades

En Delhi fomos comprar costo a un poboado no que tamén vendían carne de vaca de contrabando. En Puri, mercamos costo marihuana e opio nun establecemento do goberno.

25 Jan 2010

India - भारत (XV): números

1 ek
2 do
3 teen
4 char
5 panch
6 chhe
7 saap
8 aath
9 mo
10 das
___
*¿Sabiades que os números arábigos son unha invención india?

24 Jan 2010

India - भारत (XIV): pegamento

Pequenos cegos sen pernas cos dentes terriblemente deformes esnifan pegamento na estación de tren. O edificio é enorme e estamos sós. Séntanse no chan, a un par de metros de min, e míranme sen verme mentres inhalan a cola tibia directamente das mans. Ao cabo dun cacho, un deles achégase e pregúntame como me chamo. Dame a man. Pregúntame se teño mozo. Dime que lle gustaría bicarme.

23 Jan 2010

India - भारत (XIII): rainbow

"Love is like rainbow", dime Ashfak Hussain mentres nos espimos na habitación do Lake Shore, "colourful and rainy. You can't have a rainbow without rain and you can't have love without pain".

22 Jan 2010

India - भारत (XII): os corpos non arden ben

"Os corpos humanos non arden ben", dime Ravi Kumar coa frialdade aséptica do cremador profesional, "sobre todo a cabeza e a espiña dorsal. Os osos tardan uns tres días en acabar de arder e, claro, os familiares abúrrense de esperar muito antes."

20 Jan 2010

Cheguín

Ando organizando as ideas as fotos e as notas. Xogando a caer e levantarse co afillado. Estudiando a tabla de multiplicar co pikiniño. Lendo correos post e feeds. Tomando cafés e cañas e viños e copas. Contestando mensaxes vellas con ideas novas e mensaxes novas con ideas vellas. Contando historias. Escuitando contos. Poñéndome ao día co esto, esto e esto. Lavando a roupa. Probando os chourizos. Cagándome nos de haloscan. Preparándome para a volta ao choio...

Recordando o segundo exacto no que me din conta do muito que me gusta a miña vida.

19 Jan 2010

India - भारत (XI): Libros


La fiesta ha terminado


White Tiger


Plataforma


The Golden Notebook


El dios de las pequeñas cosas


Five point someone

___
*Non é un ranking, nin nada parecido. Van na orde de lectura, marcada polo azar... supoño. Entre eles está un dos libros que máis me marcou en anos. Seguramente é muito pedir, pero se alguén se anima faríame gracia saber cal credes que pode ser. Por esta cousa da imaxe proxectada e tal.

19 Dec 2009

India - भारत (X): Babelfish

Imos rua arriba sorteando ciclorickshaws motos vacas xoias sarees limpadores planchadores costureiros postos de chai bostas frescas nen@s descalz@s e agresivos vendedores. Vimos da misa de seis. Todas as misas de todas as relixions do mundo son iguais, sentencio. Aburridas. Entramos nun ciber para consultar o correo. Tenho un monton de correos acumulados, pero non me dou feito co teclado estranxeiro para contestalos. Sintome algo espesa. Creo que se me esta subindo a galleta aquela sagrada, digolle a L. E logo? Porque flipo. Estou entendendo a conversa dos do mostrador. Non me jodas, contesta escarallado, e de que falan? Falan dunha ruta do interior que e mais segura e rapida. Hostia hostia hostia, di L. de repente, excitadisimo, eu tamen os entendo, acaballe de preguntar se a encarga chegou ben, logo... en galego! Rimos cunha risa estupida. O curioso, confesolle con algo de culpa e muita cerimonia, e que eu non os oio en galego. Eu oioos en mexicano.

16 Dec 2009

India - भारत (IX): Come to my religion

Taj Majal

O guía que me encasquetan (disque o goberno) na visita a Agra é un estudiante de Turismo de 21 anos que nada máis entrar no coche intenta marcar os ritmos da visita: First Fort. Then Taj Majal. Then lunch. Then city tour. No time to Fatehpūr Sikrī. Eu só durmin 3 horas e non quería un puto guía, así que teño o buenrollismo algo baixo e entro a matar: No, first Taj Majal. Then Fatehpūr Sikrī. Then, we'll see. And I don't want shops. I won't buy anything, I won't see any demonstrations. I won't go to any shop. Cede na primeira batalla, pero non dá por perdida a guerra. Paso todo o día forcexeando con el e acaba agobiándome. Dígollo: Look, stop pushing me. Not push. Yes push. Stop it, you are stressing me. Entón vai e pregúntame:
-What is your religion?
-I dont have any.
-No?
-No.
-You can come to mine.
-Which is...
-I am a muslim. You like being a muslim.
-You think... why?
-Muslims take care of our women.
-And do women like that?
-Of course.
-Why?
-Because they whant to be care. They are weak.
-Do you think all women in the world are weak?
-Yes. Mui rotundo, mirándome aos ollos. Paso ao ataque directo: You think I am weaker than you?
-Oh, come on, you know women are weak. You know. Everybody knows. Men are strong and women are weak. You want to be strong but you are weak. You want to be care. Aí estamos. Reláxome, déixome caer outra vez sobre o asento do coche, sorrío e digo con toda a superioridade que son capaz de xuntar: Maybe you are right, but believe me: it won't be today.
___
*A foto non ten nada que ver coa historia, claro. Máis alá de que foi feita o mesmo día.

14 Dec 2009

India - भारत (VIII): Full epilation

O barrio de Luis está cheo de centros de beleza. Entro nun con pinta de pijo e pregunto canto costa depilar as pernas. Full, 320 rupees. Estou aínda botando as contas (case 5 euros) e xa teño unha rapaza con rasgos orientais ao meu lado. Chaló? Vamos, logo. Resulta ser unha muller despidada e eficaz, que non tarda nin dez minutos e depilarme as pernas enteiras. Chega á ingle e afirma: Full. No, full no, thanks, digo facendo amago de fuxida. Sorrí: me no painful. Eu tamén sorrío: yes, you painful. Entón rí. Me full self! You what?! Me full self, xesticula. You are a strong woman, dígolle con admiración. All woman strong, contesta. Non che estou eu tan segura, penso mentres empezo a vestirme.

India - भारत (VII): The freckles

Vou a unha parafarmacia comprar algo que me axude a superar os primeiros problemas estomacais da viaxe sen recurrir ás drogas duras e unha rapaza cunha pel fermosa, escura e brillante, aproveita para ofrecerme unha crema decolorante. Miro o bote con curiosidade e ela explícame que é milagreira, infalible, de verdade, trust me. I trust you, respóndolle, but do you really think I need it? porque honestamente me parece unha situación imposible. Nooooooooooo, escarállase, not you, the freckles.

India - भारत (VI): Udaipur

Udaipur 01

Na miña primeira visita ao balbordo abafante de Old Delhi dame unha arroutada, métome na estación de tren e compro un billete para esa mesma noite. Párome uns minutos no medio do avispeiro e busco no taboleiro dos destinos unha cidade do Rajastán que non sexa Jaipur, porque calculo que para verme reflexada no espello deformante do turismo internacional xa me vai chegar coa visita obrigada ao Taj Majal. Vanme ben os horarios de Jodhpur e de Udaipur. Pregúntolle ao home que me atende cal das dúas me recomenda e respóndeme, sen dubidalo: Udaipur is the most romantic city of India. Every young lady should go there once in her life. Udaipur, logo.

Antes de sair, preparo libros libretas música xogos para encher as horas de silencio. Pero o silencio nunca chega. Condutores de rickshaws post-hippies integrados guías turísticos propietarios de hoteis tuneiros moteiros cociñeiros masaxistas filósofos camareiros limpadores sacerdotes e o representante da quinta xeración de cremadores dun panteón hindu enchen as miñas horas de imaxes e historias, afáganme, protéxenme, paséanme, entretéñenme e, finalmente, agóbianme. A súa presenza perpetua monopoliza a miña mirada e chega un punto no que me dou conta de que non fago máis que buscarme en todos os espellos. Bótome de menos. E, sen embargo, estou aí. Coma sempre.

Se cadra, esa é a cuestión.

9 Dec 2009

India - भारत (V): Delhi

02

Convirto a casa de L. en Delhi nunha sala de aclimatación ás vacacións. Wi-fi, televisión por cable, unha cama marabillosa, auga quente, café italiano, xamón serrano, unha boa biblioteca de libros en castelán con varias guías de viaxes, de historia e de cultura da India e un ritmo de adaptación tranquilo que depende só de min. Durmo a pracer, almorzo lentamente e saio pasear. Primeiro polo barrio e, xa o segundo día, por esta cidade inmensa que parece un mundo.

Apetéceme estar soa. Pasear. Pensar. Mirarme a min mesma noutro escenario. Coller perspepctiva. Pero é imposible. A cidade está chea de condutores de richshaw, vendemotos profesionais, embaucadores, ligóns, cazadores de comisións, estudiantes aburridos e salvadores de pobres damiselas en apuros que se empeñan en loubarme a mirada pelo sorriso, en acompañarme, en facer comigo a cola do banco, en evitar que me meta por sitios pouco recomendables, en deseñar o percorrido perfecto para o primeiro paseo por Delhi, en explicarme como é realmente esta sociedade, en aprenderme o vocabulario básico en hindi e en preguntarme todo o que nin sei nin quero saber sobre fútbol europeo.

Un deles, Wasim, convídame a comer algo en Central Park. Explícame que teoricamente non se pode meter comida nin facer fotos do parque, desde que hai uns anos houbera un atentado, pero que realmente é mui fácil colarse. Colámonos por unha zona chea de pombas que, cando nos sinten, fuxen facendo un escándalo enorme. Fíxome a ver se teñen alunha mensaxe nas patas ou nas ás, pero parece que non. Wasim mira para min escojonado. Do you like pigeons? I don't know, contéstolle, I haven't met any of them yet. O chiste é pésimo, pero el ri como se fose a cousa máis graciosa do mundo. Deitámonos na herba, rodeados de pegas e de parellas locais. Fago unha foto e pregúntolle se lle importa deixarme soa, aínda que só sexa un momento. Dame medo que o tome a mal, porque realmente parece un tipo riquiño, pero sorrí cun sorriso enorme. Of course. If you promise to take care. Eu tamén sorrío, I promise. Érguese, téndeme a man cunha certa cerimonia e marcha. I give you a call and we can have a drink sometime, bérrame desde o fondo do parque. Eu levanto a cabeza, sorrío e déixome caer de novo sobre a herba.

Que fácil é aclimatarse ás vacacións.

8 Dec 2009

India - भारत (IV): One night in Paris

One night in paris

Paso a última noite antes da India a dez pasos contados do Musée d'Orsay, rodeada polo luxo decadente dos salóns de recepción enmoquetados ata o teito, dos retretes adornados con gárgolas douradas, dos secadores de pelo para os cans. Paso a última noite antes da India rodeada polas historias de soidade d@s emigrantes galeg@s en París.

5 Dec 2009

India - भारत (III): Desconexión

Xa teño a mochila feita. En tres horiñas apagarei o ordenador por primeira vez en meses e deixareille o móbil a miña irmá en garda e custodia. Un mes e medio sen conexión, non recordo a última vez que fixen algo así. Angústiame. Penso que cando fomos de Interrail un mes por 7 países de Europa non tiñamos nin móbil nin correo electrónico nin cartos nin a maioría de idade cumprida. E foi unha viaxe estupenda. Supoño (espero) que o mono non durará muito. Se non, malo sera que non atope algún ciber perdido por aí adiante para tirar unha pedriña de cando en vez. Xa vos contarei.

1 Dec 2009

O ceo de decembro



Faltan 5 días para India, 13 días para os 30 e 31 días para o 2010... Que ganas lle tiña ao ceo de decembro.

___
*A foto é La galaxia de Andrómeda Messier 31.

26 Nov 2009

India - भारत (II): Xeografía media



Para los hindúes, el río Ganges es más que un poderoso caudal de agua que atraviesa el norte de India. Es una diosa, "la madre Ganga", como se le conoce familiarmente, y a su paso por Varanasi, la más sagrada de las siete ciudades de peregrinación en el subcontinente, se produce una combinación única de agua y tierra.
___
*Gracias, liante.

24 Nov 2009

Pó en suspensión



Teño sono. Fóra fai frío. Non quero sair da cama nunca máis. Necesito café. E unha ducha quente e olorosa. Arrastro os pés polo pasillo ata o salón e alí inúndanme unha luz alaranxada sobre a que flotan miles de millóns de puntiños. Pó en suspensión. Sinto un golpe de felicidade na boca do estómago. Unha felicidade inesperada e brutal. Todo ten sentido, todo, mentras poida vivir momentos como este.

18 Nov 2009

of course I do



Déixome liar polo liante oficial e arrastro o sono ao último pase de Cineuropa. Vemos Let's get lost, un documental de Bruce Weber sobre a vida de Chet Baker que, aparte de ser priciosirmo, me recordou que a vida é para vivila. Con todas as consecuencias.

12 Nov 2009

Movemento pendular

Era visto. Todo o que sube baixa. A néboa non tarda en disiparse e o que queda do outro lado é un concerto cojonudo, unha mudanza a medio facer, as ondas desaparecendo, máis amig@s que se van ao paro, unha noite no inferno, un pinzamento cervical e toda a angustia do mundo na boca do estómago.

9 Nov 2009

Subidón, a εὐφορία

Oes un ruidiño case imperceptible. Crack. O mundo xira unha milésima de segundo máis rápido do habitual e todas esas pezas que non acababan de encaixar atopan o seu lugar. Páganche. Tes un novo recuncho. Unha viaxe na recámara. Unha pedra debuxa novos círculos sobre a auga. Novos proxectos. Novos compañeiros. De repente, o mundo é un lugar marabilloso. Orballa e a néboa difumina a silueta das torres da catedral. Sabes que non é máis ca unha ilusión, pero é tan bonita que calculas que tampouco importa tanto.

The Beatles: Re-volver

Beatles Re-Volver

Xullo 1966. The Beatles descansan en Portugal das tensións das xiras e do remate de gravación dun novo disco. Nas proximidades de Lisboa encontran a un rapaz que lles propón actuar en segredo en Vigo para probar as novas cancións ante un público que non os coñece. O cuarteto acepta ante a posibilidade de tocar diante de xente que non berre. Diante dun incerto auditorio van tocando unha boa parte das pezas que formarán Revolver.
___
*"The Beatles at the Castrelos park" en Palabras Contadas, de Camilo Franco (Xerais, 2006).
**O mércores 11, ás 23h, na sala Capitol de Santiago de Compostela, Magín Blanco & Burgas Beat, The Homens, Niño y Pistola, Narf + Javier Abraldes, U-lo Trío, Magritte e Faltriqueira fan Re-Volver a actuación beatleiana en Castrelos park con renovados aires galegos. Camilo Franco exercerá de mestre de cerimonias.

8 Nov 2009

India - भारत (I): Xeografía básica



India é o sétimo país máis grande do mundo e o segundo máis poboado. Ten 7.517 km de costa, está próxima a Sri Lanka, as Maldivas e Indonesia e comparte fronteiras con Paquistán, China, Nepal, Bhutan, Bangladesh e Myanmar. A República da India é unha democracia parlamentaria estruturada en 28 estados e sete territorios da unión. Un destes territorios é a capital, Delhi (o F no mapa). Outros lugares da India que ata o de agora me teñen recomendado visitar son:

Goa (6) é o estado máis pequeno da India e o cuarto menos poboado. Está situado uns 400 km ao sur de Bombay e ten unha liña costeira de 101 km no mar Arábigo. A súa historia está marcada pola presenza portuguesa, a imposición do catolicismo e os estragos da Inquisición. As igrexas e conventos de Old Goa son Patrimonio da Humanidade desde 1986. E si, tamén é famosa polas colonias hippies.

En Jammu and Kashmir (10), a 3.650 m sobre o nivel do mar, está Leh, a que fora capital do reino de Ladakh nos Himalaias e que durante séculos foi lugar de paso nas rutas comerciais do val Indus entre o Tibet, Cachemira, India e China.

En Karnataka (12) está Hampi, coñecida como Cidade da Vitoria. Foi capital do imperio Vijayanagara e ocupa uns 26 km2 no val do río Tungabhadra. Foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1986.

En Orissa (20) está Puri, o lugar onde Shangaindia construiu hai nove anos un colexio e onde actualmente están equipando unha segunda escola.

En Tamil Nadu (24) está Tiruchirappalli, onde Implicadas no Desenvolvemento levou a cabo o programa UDI Tiruchy, entre 1998 e 2000, e onde agora desenvolven o UDP Tiruchy. No programa SIDHUR, IND tamén traballou na India coa organización local REDS no mandal de Mudigubba, distrito de Anantapur, estado de Andhra Pradesh (1). Atoparedes máis info sobre estes e outros proxectos de IND na súa web.

No estado de Uttar Pradesh (26) están Varanasi, unha das sete cidades sagradas do hinduismo, situada á beira do Ganges, e Agra, que foi capital do imperio mongol e que acolle o Taj Mahal, Patrimonio da Humanidade desde 1983 e nomeada unha das Sete Marabillas do Mundo Moderno. Whatever that means.

En West Bengal (28) está Calcuta, unha cidade con máis de 15 millóns de habitantes que a convirten na 8ªurbe máis poboada do mundo.
___
*Todos os lugares da India que a Unesco considera Patrimonio da Humanidade están aquí. O país é enorme e ten unha cantidade aparentemente infinita de lugares interesantes, agradécense os consellos e as recomendacións.

7 Nov 2009

O lume e a liberación



Catro meses neste armario e todas as miñas cousas están comestas pola polilla. Catro putos meses. Sorpréndeme que non me comera tamén a min. Abro todas as portas e séntome sobre as asperezas punteadas do parqué a pensar unha solución. Estou cansa das mudanzas. Cansa das caixas das maletas das bolsas de plástico dos obxectos a medio envolver. Estou cansa e agobiada. O parqué estala debaixo de min. Comezo a quitar cousas do armario. Mantas sabas toallas pantalóns camisetas xerseis bragas calcetíns zapatillas chaquetas papeis libros todos eses trebellos eléctricos o ordenador os cargadores os móbiles as cousas da cociña as do baño e os poucos adornos que nunca cheguei a colocar. Quito unha a unha todas as miñas cousas, comestas pola polilla en catro putos meses, joder, e vounas amoreando no patio. Engado os xornais cos que as ía envolver. Engado as caixas da mudanza. Engado as maletas. Engado as bolsas de plástico e os caixóns do armario. Engado as preocupacións absurdas, os desexos imposibles e os danos colaterais. Cando acabo, a meda é máis alta ca min. Fago un facho cun papel de periódico e préndolle lume. Vexo arder as miñas cousas, comestas pola polilla en catro putos meses, e non sinto dor, non sinto cansancio nin agobio.
Só sinto liberación
.
___
*H., este armario non é o de Vicent, creo. Aínda que se lle parece.

O cotián



Levo semanas remoendo un post sobre o cotián. Sobre o muito que me gustan as rutinas. Sobre a facilidade que tiven sempre para establecelas e sobre o perdida que me sinto sen elas. Levo semanas intentando explicarvos (explicarme) que os últimos meses foron completamente distintos do resto da miña vida. Foron meses de inmobilidade, nos que non saín dun círculo imaxinario de 100 km de diámetro. E, sen embargo, foron meses de caos e inestabilidade. Meses nos que perdín o control sobre o cotián. Sobre as rutinas.

Unha noite, con dous viños, faleilles desta sensación de perda de control a uns amig@s e dixéronme que tiña que alonxarme para coller perspectiva. Propuxéronme unha viaxe demasiado cara e demasiado longa. Quero, pero non podo. Como sempre. Non podo? Quero? Onte pola tarde, na sétima reunión de traballo do día, mentres analizaba necesidades prazos e orzamentos dun novo proxecto, miraba prezos e datas da miña viaxe imposible.
Santiago. París. Helsinki. Delhi. Delhi. Helsinki. París. Santiago.
ok
ok
ok
ok
ok
ok
e cando me quixen dar conta xa estaba feito.

Saio de Compostela o día 5 de decembro e volvo o 19 de xaneiro. Pasarei fóra o meu 30 cumpreanos, as matanzas, o nadal e fin de ano. E o curioso, o máis curioso deste asunto é que non fun capaz de escribir este post (nin ningún outro) ata hoxe.
___
*Encántanme os camiños. Gústame mirar para eles, retratalos, construir vidas propias e alleas do outro lado do punto de fuga. Sen embargo, non fun capaz de atopar un co que ilustrar este post. Hai meses que non vexo ningún camiño novo, que non fago fotos, que non imaxino outras vidas e a única imaxe do cotián que se me ven á cabeza é esta. Van ter razón e resulta que hai meses que me falla a perspectiva.

Paradoxos



Hai ano e medio, Gervasio Sánchez acusou publicamente ao goberno español de permitir "el silencioso mercadeo de armas que convierte a nuestro país, nos guste o no, en un exportador de la muerte". Obviamente, o goberno ignorou as súas palabras. Normal. Sen embargo, ese mesmo goberno, o goberno que firma acordos de cooperación militar cun país que bombardea colexios da ONU, decidiu concederlle o Premio Nacional de Fotografía a ese mesmo fotoperiodista por "su compromiso continuado con la fotografía como herramienta de denuncia de la violencia en los conflictos armados, por su continuada labor a favor de la justicia y especialmente por su trabajo sobre las minas antipersona".

E si. Gervasio Sánchez gaña o Premio Nacional de Fotografía e eu alégrome. Alégrome de que un tipo que di as cousas tan clariñas teña hoxe 30.000 euros máis ca onte.

A noticia na prensa:
El País
Público
El Periódico
La Vanguardia
ABC

1 Nov 2009

No meu moleskine XXVIII: Resignados



The best way to get over a woman is to turn her into literature...
___
*...din aquí que dixo Henry Miller. E dicir diría, pero eu espero que non se referira a Anaïs Nin.
**Non fun capaz de atopar a autoría da foto.
***Desconvencida e os 500 days of Summer.

17 Oct 2009

Parece ser que fracasé

Da igual, yo, como buen occidental, sé nadar igual que un pez,
un pez en un mar de mediocridad
...



tengo un ambicioso plan, consiste en sobrevivir

(click)

7 Oct 2009

No meu moleskine XXVII: Desprezables



-Canto cobrarías?
-Eu, agora, non teño prezo.

___
*A imaxe é posiblemente a foto máis famosa da fotógrafa máis famosa do mundo. A finais de 1980 a revista Rolling Stone pediulle a Annie Leibovitz que retratase a John Lennon para unha portada. Dixéronlle, expresamente, que o músico non podía sair acompañado pola súa muller, Yoko Ono, a quen os fans culpaban dos problemas entre Lennon e o resto dos Beatles. Sen embargo, Leibovitz comprometeuse coa parella a que esta foto sería a portada da revista.
A sesión fotográfica foi 8 de decembro de 1980, poucas horas antes de Lennon fose asasinado, e
o 22 de xaneiro de 1981 a foto foi, efectivamente, portada de Rolling Stone. Sen titulares.

4 Oct 2009

Estoy en el ángulo muerto
es el sitio perfecto, nadie me ve



haciendo de la duda un arte,
planteándome en serio volver a nacer

(Letra e música)


Adelante corazón, sin miedo a la derrota,
durar, no es estar vivo corazón, vivir es otra cosa

(Click)

2 Oct 2009



Necessit un centre de gravetat,
necessit un atles d'espirals

(click)