5 Feb 2009

As androides soñan con post dun millón de liñas


A foto é de Elisa Gianni. Ao fondo, O inventario indócil

Aí me tedes, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, falando de blogs e de literatura con Anxos Sumai. Metablogueando, vaia, que é o puto peor. Bueno, nesta foto en concreto, falaba Anxos. E facíao dende o punto de vista da creadora que ten asumido o seu compromiso coa literatura. Eu falei despois, como a outsider que son. Ou amateur. Ou amante, que mola máis.

Anxos debullou as características que ofrece o espazo dixital e percorreu o camiño que ven dende o que ela chama "a prehistoria galega dos blogs" até hoxe. Falou das primeiras propostas de Camilo Franco (Por conto alleo e Necesariamente X) e de Juareguizar (Familia Feliz), en vierios, do Velaquí de Olalla Cociña e de Anxos de Garda e O inventario indócil, de Elvira Riveiro, en culturagalega...

Os blogs como traballo en proceso, como cadernos de apuntamentos, como forma de promoción. Blogs de editoriais. Portais que aloxan creación literaria, editoriais dixitais, portais divulgativos, portais que inclúen crítica e blogs de críticos completan unha panorámica actual que non acaba de aproveitar as posibilidades do espazo dixital para a creación literaria. Os escritores (e as escritoras) usan o espazo dixital como usarían a máquina de escribir, sostén Anxos.

Eu sosteño que ten razón.

E despois incumplo varias leis e firo o espazo dixital cun post dun millón de liñas perpetrado nunha Olivetti eléctrica, como as ovellas.

Xa posta a metabloggear, recordei como cheguei ao blogomillo, aló polo 2004. Levaba anos en Barcelona, estaba coa morriña polas nubes e atopei Todonada. Lino enteiro case sen respirar, comentei o último post e abrín unha conta no blogspot. Nove días máis tarde, naceu Emerecindo. Dende aquela levo publicados, con este, 738 post. Nunca cheguei a saber mui ben para que os escribía. Preguntáronmo e pregunteino varias veces e aínda non sei se ten sentido. De feito, levo case 5 anos preguntándomo no propio subtítulo do blog.

Creo que cando escribín o primeiro post non era realmente consciente do que facía, para min era como escribir un correo aos amigos e incluir a unha persoa descoñecida no destinatario. Pero só a unha. E en realidade é o coñecido dun coñecido... Pero hai anos que emerecindo deixou de parecerse aos correos que lles escribía aos amigos. Hai anos que empecei a escribir cousas no blog que non son capaz de contarlle a ninguén, nin por escrito nin, muito menos, cara a cara. É unha especie de mecanismo de autodefensa. Cando posteo algo, unha idea unha angoxa ou un pensamento, é como se o metese nunha botella e o lanzase ao mar... Segue sendo meu e está protexido, dentro da súa pequena botella de cristal, pero pouco a pouco vaise alonxando e chega un momento no que o pode coller calquera, no que xa non estou tan segura de que me pertenza... e, nese momento, quedo liberada do seu peso no meu interior.

Esas mensaxes nunha botella ao longo destes anos falaron, sobre todo, do cotián e das miñas idas e volta. Da eterna emigrante retornada. Pero tamén de ética e xornalismo, de crises persoais, de viaxes, de lecturas e de situacións que, por unha cousa ou outra, me tocou vivir. Despois daquel encontro coa Melodía, intentei organizarme un pouco. Empecei a poñer etiquetas e, da mao de anITA, metín un pé na ficción, pero a auga estaba mui fría e non me acabou de conquistar a idea de arrebolarme de cabeza.

Estou máis interesada en experimentar coas formas nas que podo meter as miñas mensaxes en cadansúa botella, en intentar aproveitar as posibilidades do espazo dixital, en ver como o facedes os demais. A busca sonora e visual de Ictios, os golpes na mesa de Ascárida, as imaxes matizadas de Krrakuk, as video-receitas e as anotações efémeras de Roi... Gústame muito esta idea do efímero que defende Rodrigo, sobre todo, porque somos tantos e dicimos tantirmas cousas que empeza a ser complicado oirse unha mesma.

Conta Philip K. Dirk nesa novela tan chula na que se basea Blade Runner que, despois da Guerra Terminal, a Terra está cuberta polo Kipple. O Kipple son os obxectos inútiles, como o correo basura ou as caixas de mixtos baleiras ou os papeis dos chicles, o xornal do día anterior ou os milleiros de blogs e flickrs e fotologs e podcast que existen hoxendía... Os blogs en galego tiveron o seu auxe no 2004, onde pasaron de ter só uns 20 a principios de ano, a ter 300 a finais de ano. Onte, Blogaliza tiña rexistrados 7074. Ninguén pode luitar contra o kipple. Tampouco as androides. Como muito, podemos limpar unha pequena parcela e manter o Kipple a raia temporalmente. Hai ferramentas que nos axudan, como os lectores de sementes.

E volvemos ao comezo. Con que soñamos as androides? Que é o noso non-Kipple, cales son os nosos animais eléctricos? Eu, no meu curral de bloglines, teño un pulpo de tentáculos longos e fortes, un par de vacas que pastan ao seu aire, un can que coida da casa, algún gato que cobiza o cariño de quen lle queira pasar a mao polo lombo e máis dunha pita que pon a ovo por día... aínda que normalmente non son de ouro. Hai algún moucho que vive atento ao que escriben os demais, algún galo de pelexa e algún camaleon que imita aos que o arrodean. En tempos tamén tiven algún avestruz que escondía a cabeza, pero cada día son menos. Agora están máis de moda os pavos reais. E os peixes, claro, cada un no seu acuario…

1 comment: