24 Feb 2009

Episodios internacionais VI: Miradas



A música invade a praza. Música lixeira, despreocupada, allea. A mesma música que invade todas as prazas todos os restaurantes todos os bares todos os hoteis e todas as cabezas da Habana. El escúitaa concentrado, como quen espera oir algo importante.
Intrígame.
Fágolle unha foto e imaxino historias disparatadas. Nun momento, oe o sinal que estaba esperando. Érguese, camiña suave, lento, ritual cara ao centro da praza e comeza a bailar. Baila abrazado a un caxato, ao lado da terraza dun restaurante pijo. Baila un agarrao pintoresco para o ollo xeneroso do turista. Baila o baile máis elegante máis emocionante e máis fondo que eu teño visto bailar na miña vida, ao son dunha música lixeira despreocupada e allea, rodeado de miradas absurdas que o miran sen velo.

No comments:

Post a Comment