22 Feb 2009



Tendo a roupa e penso no marabilloso que sería poder limpar a mirada na lavadora. Programa especial 40º centrifugado e ao tendedeiro. Estou desnortada. Fixen acopio de fotos e historias para compartilas con vós á volta e agora non me recoñezo nelas. Quedaron atrás os (poucos pero intensos) momentos que pasei abrazada a un sol picante, que me arrancou cos dentes as preocupacións propias e alleas. Puido telas tragado, pero está claro que as cuspiu de volta para este lado da realidade. Nestas semanas, un dos buratos da rede de seguridade tragou a meu pai e a meu irmao. Conseguiron subir de novo, pero é imposible mirarlles para os ollos e non ver a crueldade da batalla. Eles quítanlle importancia e bromean co meu moreno, mentres eu tendo a roupa e penso que cambiaría todo o que son por unha lavadora.

No comments:

Post a Comment