Agóbianme os gatos que hai pintados na parede do meu cuarto en Cicely. Só de mirar para eles, pónseme un nudo no estómago e teño que enrodelarme sobre min mesma e pechar os ollos para non velos. Odio as súas caras de felicidade, a súa convivencia harmónica cos ratos e os paxaros que, en realidade, acabarán comendo para sobrevivir.
Agóbiame sentirme obrigada a facer algo. Nunca o soportei. Agora mesmo non soporto estar obrigada a chamar por milésima vez a wanadoo para tentar evitar que estafe ó meu abuelo, a enviar por cuarta vez unha fotocopia do meu dni á usc para que o grupo de teatro se poda presentar a un concurso, a limpar por enésima vez eu soa o piso ou a vivir entre a merda, a traducir ó castelán notas de prensa inintelixibles e estúpidas, a inventarme entrevistas (que despois firmarei co nome do meu xefe), a facer unha reportaxe "sobre" un tal Israel dentro dunha hora e doce minutos (e si, o seu nome é todo o que sei del), a ir a lugo a fin de semana só para votar porque me denegaron o voto por correo, a escribir unha tesina para a que me documentei durante anos nunha semana e, sobre todo, non soporto estar obrigada a impedir que esta sensación pozoñenta de cansanzo e de derrota salpique ós que están ó meu redor.
Porque sei que é imposible. Sei que cando me agobio se me nota en cada mirada, en cada xesto, en cada palabra. Sei que os que me queren tentan axudarme e que por iso están especialmente pendentes de min e me chaman e me miman e me preguntan que tal estou. E sei que son inxusta cando me sinto agradida polas súas atencións, cando sinto e lles comunico que se comportan dun xeito imperdoablemente egoísta co meu tempo, pretendendo monopolizalo, sentíndose capaces de sanarme coas súas palabras.
Esta mañá, depois de colgarlle o teléfono a unha das tres persoas que me chamaron para preguntarme que tal ía coa tesina, sentinme tan enfadada como inxusta, egoísta e borde... e, aínda por riba, os gatos da parede devolvéronme a mirada de odio. E sóubeno. Que van comer os ratos e os paxaros en canto teñan ocasión. E que non quero joder a tesina.
E non o vou facer. Aí queda outra vez, no caixón, ata mellor ocasión. E non quero que un traballo que non me gusta me ocupe todo o tempo e toda a enerxía. E non quero que amigos de unha e outra índole me fagan sentir culpable por non investir neles todo o que eu son. E non o van facer.
16 Jun 2005
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment