30 Jun 2008

Acordámonos



Seguindo a estela de Isaura, Martintín e máis eu estivemos acordándonos hoxe dos sabores que se perderon na infancia. As palmeras resesas e os donuts duros, os bocata de tulipán ou de quesitos el caserío, as panteras rosas, os bollicaos, a nocilla de fresa, os caramelos de cubalibre, os chimos, os chicles bang bang, o quilométrico de boomer, os flash de 5 10 ou 15 pesetas (sobre todo, os de mora, os de cola e os de limalimón) e o colaget, os escalofríos, os petazeta, o leite da casa (que pasaba directamente da ubre da vaca ao cazo tapado cun prato duralex que botaba todo o día sobre a cociña), as tortillas francesas con azúcar, as pipas das festas (que podían saír resesas ou absolutamente deliciosas) e os paos que aparecían no medio, as sopas de burro canso (pan da casa, azúcar e viño), o leite quente con coñac, as mesturas imposibles de refrescos que perpetrábamos nas BodasBautizoseComunións...
Un, dous, tres, responde outra vez.

Catro cousas...

... que, se cadra, non sabes sobre min. Outra de test tontunos.



CATRO EMPREGOS QUE TIVEN NA MIÑA VIDA:
1. Profe particular de... química
2. Tradutora nun documental da BBC sobre... a pesca en Galicia
3. Axudante de realización nunha tele local en Barcelona
4. Monitora nunha asociación de pequenos con problemas psicolóxicos

CATRO PELÍCULAS QUE VOLVERÍA VER UNHA E OUTRA VEZ:
1. Before Sunset
2. Before Sunrise
3. Calquera de Lubitsch
4. Calquera de cine negro clásico, das dos escritores beat falando por boca de Bogart

CATRO LUGARES NOS QUE VIVIN
1. Santiago de Chile
2. Barcelona
3. Pontypridd
4. Burela

CATRO PROGRAMAS OU SERIES QUE VEXO:
1. Northern Exposure
2. Heroes
3. House
4. Gilmore Girls

CATRO LUGARES NOS QUE ESTIVEN:
1. Rapa Nui
2. Patagonia
3. Altiplano
4. Guernesey

CATRO PERSOAS QUE ME MANDAN CORREOS CON REGULARIEDADE:
1. Martín
2. María
3. Lorena
4. Fran

CATRO DAS MIÑAS COMIDAS FAVORITAS:
1. Ensaladas
2. Pastas e/ou arroces
3. Carnes e/ou pescados á plancha
4. Postres da casa

CATRO LUGARES NOS QUE DESEXARIA ESTAR AGORA:
1. Donde estou
2. Guatemala
3. Colombia
4. Brasil

ESPERO QUE ESTE ANO (2008) PODA:
1. Recuperarme fisicamente
2. Establecerme vital e profesionalmente
3. Coñecer xente interesante
4. Viaxar

27 Jun 2008

Achados XIV: Como un buxo

O meu House particular cotilleou esta mañá na miña ficha os resultados da biopsia e aseguroume, sen entrar en muitos pormenores pero cun sorriso tan sincero como impropio da personaxe, que estou como un buxo. Un buxo con algunhas cicatrices e con algunha fenda imprevista que haberá que ir controlando con ITVs periódicas, pero buxo á fin e ao cabo... xa sabedes, dun material compacto, duro, flexible e, sobre todo, duradeiro.

26 Jun 2008



Sabedes como chegou Aznar ao congreso do PP de Valencia? Pois chegou no jet privado de Dionisio Gutiérrez, un mangante guatemalteco que xa o tiña entrevistado nalgunha ocasión para o seu programa televisivo... Se podedes, recoméndovos deixar a entrevista de fondo mentres traballades, ten uns puntos memorables no máis puro estilo Urdazi. Se non, mirade polo menos o perfil do empresario de éxito que pon a súa fortuna ao servizo da liberdade, fírmao a nosa piriodista máis internacional.

Dynamic Thinker

Unha de test tontunos. Segundo este, son unha pensadora dinámica, unha tía segura e independente, que irradia entusiasmo e enerxía. Encántame ter moreas de amigos ao meu redor, preferentemente aqueles cos que podo discutir sobre calquera cousa. Son mui directa, pero nunca de maneira deshonesta. O descoñecido desperta a miña curiosidade e as reglas e a rutina despertan a miña resistencia. Se algo non vai como quero, reacciono de xeito un tanto terco e obstinado. Espero muito de min mesma e dos demais e quen non encaixa nos meus esquemas non o ten fácil comigo. Normalmente, para as pensadoras dinámicas unha parella só ten un lugar secundario, despois do traballo, anque nos gusta ter alguén con que encaixar intelectualmente, con quen perseguir obxectivos comúns e ter interesantes discusións durante toda a noite, preferentemente de carácter práctico, pois o sentimentalismo e o romance non son, segundo parece, o noso.

Aí queda eso.

25 Jun 2008

Ser universitaria en Chile

En Chile coñecín unha rapaza da miña idade que escribía poesía de vangarda. Si, da vangarda do século XX. Unha rapaza curiosa e xenerosa, que me interrogou incansablemente sobre as miñas crenzas, que me educou nos valores chilenos, que me convidou aos platos típicos do seu país e que me amosou as tripas do seu goberno. Unha rapaza hiperresponsable que levaba unha década traballando como secretaria para poder pagar os estudos de dereito nunha universidade da que falaba marabillas. Unha universidade de inspiración masónica, privada, claro, pero laica, pluralista, tolerante... Un oasis, aseguraba ela, no abafante ambiente universitario chileno. Esta mañá recibín un correo seu, contándome que a súa universidade marabillosa quebrou -se robaron todo el dinero los fundadores- e que ela perdeu o seu último ano de carreira, o ano que pedira de excedencia para facer as prácticas e preparar o exame de grado, buscando unha nova universidade e negociando o prezo dun novo billete cara ao ansiado ABC1.

24 Jun 2008

09

Donme os dedos de tanto cruzalos, pero creo que podo dicirvos (anque sexa baixiño) que a miña vida volve coller algo de ritmo. Sigo sen poder pasar muito tempo sentada, polo que o traballo e a cibervida terán que seguir aparcados uns días máis, pero xa vou tendo a cabeza lista para as lecturas, as pernas fortes para os paseos reparadores e a ilusión renovada para o que veña.

O verán está cheo de proxectos e de flores.

16 Jun 2008

Achados XIII, bon número se non crece

Esta mañá quitáronme os puntos. Nunhas semanas saberei de onde viñeron os pequenos mostros que habitaban o diamante do meu Sim. Se hai sorte, esta historia de achados acabará aí, acabará aquí. Se hai algo menos de sorte, nos próximos meses tocarame descubrir algunha outra cousiña sobre min mesma. En calquera caso, agora estou ben. E non o digo por dicir. Estou realmente ben. Acelerei a publicación dos últimos achados pre-hospitalarios, que na miña ausencia tinguiron emerecindo dunha negrura que se cadra non vos correspondía soportar, e xuntei os hospitalarios neste post. A ver se, de agora en diante, abrimos as fiestras e ventilamos esto un pouquiño.

01

Achado hospitalario número 1: o peor dos hospitais son as enfermidades. Con frecuencia, as dos demais. Obvio, pero imprevisto. Antes de que me acabasen de tomar a tensión e a temperatura por primeira vez, xa me dera conta de que eu era a que menos queixa tiña en dous quilómetros á redonda. Os olores, as imaxes e as historias do hospital son sempre dolorosas. "A este mundo vimos para sufrir", dicía continuamente unha das miñas compañeiras nos paseos polo corredor. Eu sorría. Eu, cando non sei mui ben que dicir, sorrío.

Achado hospitalario número 2: case todo o que che fan nun hospital réstache autonomía e manca, pero a dor non vai en progresión xeométrica. O primeiro doe muito. Para o resto, xa estás preparada. Anotación innecesaria, as drogas son boas.

Achado hospitalario número 3: os quirófanos non son nin tan grandes nin tan limpos como (parecen) os da tele. Cando entras estás desperta, subes tu soa á mesa de operacións e entéraste de que te atan, "para que non se che caian os brazos cando te durmas". Tamén descubrín que nese momento tiña un ritmo cardiaco mui baixo, o que, segundo asegurou a anestesista, pode significar que son unha gran deportista (ehem) ou unha tipa anormalmente tranquila (ehem ehem).

Achado hospitalario número 4: se eres unha gran deportista e/ou unha tipa anormalmente tranquila, cando espertas da anestesia tés muitísimo frío. Muito, muito, máis que en ningunha outra ocasión na vida, máis incluso que de noite en Uyuni. Frío, sede e tos.

Achado hospitalario número 5: no hospital, sobre todo despois de espertar da anestesia, o tempo fai unhas cousas mui raras. Esténdese e contráese, vira sobre si mesmo, detense, acelérase. Durmes, espertas, durmes, espertas, durmes, durmes, durmes, espertas.

Achado hospitalario número 6: non hai peor soidade cá que che dá a compañía obrigada, non hai peor esperanza cá mentirosa. E non hai mellor compañía cá dos que te miran con cariño mentres dormes, cá dos que che levan o pao do suero nos paseos polo corredor, cá dos che traen perfumes, debuxos e cancións que enganen os olores, as imaxes e os sons que te rodean. Non hai mellor compañía cá que eu tiven, que cambiou o meu cuarto do taller por campos de fresas aos que non chegaban os ecos de historias tristes, de compañías obrigadas e esperanzas mentirosas.

Gracias.

Achados XI: Analíticas

06/06/08

Esta semana fixo un mes do achado. Un mes. Analizo a tormenta emocional dos primeiros días, a autoconsciencia, o agobio de sentir o monstro palpitar tremer medrar no meu interior, a tranquilidade coa que cedín o control, a sorpresa que levei cando descubrín que ao cedelo non fixera máis que anclalo a min. Analizo a efeméride, pero analízoa pouco, porque a miña vida volveu coller o seu ritmo habitual e os plans non me deixan tempo para nada. Teatro. A mudanza. Amnistía. A planificación empresarial. Timbas de tute de chinchón de wii. O traballo. Lecturas e escrituras. O ioga. Sobriñeo madriñeo mequeo. O diván de hotmail. Viaxes imaxinarias e imaxinadas. A miña axenda está tan chea que o único espazo que lle queda ao achado na miña vida é o da incerteza. Entón chaman do Hospital, "mañá ás dez da mañá tés que facer unha analítica, podes vir almorzada". A incerteza tórnase certeza e o diamante que levita enriba do meu Sim perde, de novo, parte do seu verdor.

Achados X: Anestesia

13/05/08

Espero hora e media na sala de consultas externas do Xeral Calde. Levo as incertezas de Dobao no bolso, pero non teño a cabeza para ler e amáis teoricamente debera falar con miña mai, que para eso sufre esta espera comigo. Como tampouco teño a cabeza para falar da nada e non quero anegar a súa tranquila normalidade coa miña intensidade vital, só miro. Vexo nenos e vellos. Vexo unha muller embarazada lendo o último de Harry Potter. Vexo caras coñecidas e descoñecidas. Vexo como levan un rapaz novo directo para o Hospital. Vexo como se me colan dúas tías listas. Vexo sair o anestesista fumar un pito na entrada. Sempre me sorprende esta querencia dos médicos polo tabaco. Tócame, por fin, entrar a min. En menos de 4 minutos, mídenme (tiña a idea de ser máis alta), pésanme (tiña a idea de ser máis fraca), tómanme a tensión, pregúntanme se teño algunha enfermidade grave de corazón ou pulmón e se son alérxica á clara de ovo e ven, na suma das miñas negativas, que non hai motivo ningún para non durmirme enteira. Un anestesista que non se parece en nada ao meu xinecólogo marabilloso dáme a firmar un papel que nin me explica nin me lé nin me deixar ler. Despois, dáme unha copia para min, para que a lea na casa, comenta algunha gilipollez sobre a rúa na que di na miña ficha que vivo e dime:
-¿Alguna pregunta?
-Como podo averiguar cando me pode tocar operarme?
-¿Alguna pregunta que yo pueda responder?
-Está claro que non.
Saímos á rúa. Chove. Invádeme a mala hostia.

Achados IX: Espera

12/05/08

Despois do ritmo tolo dos tres primeiros días, a semana de espera pola cita da preanestesia devólveme á realidade. Descubro que esto non vai ser tan rápido como antes temía e agora desexaría. As chamadas preocupadas espácianse, igual que as miñas propias miradas ao diamante negro que levita sobre o meu Sim. E chega a normalidade, só matizada pola intensidade que tinxe todo o que penso e sinto e que me leva a dicir e a facer cousas que, seguramente, en condicións normais, non diría nin faría.

Descubro que me gusta ese efecto secundario da enfermidade.

Mañá, preanestesia.

Achados VIII: Laparoscopia

05/05/08

Dous días despois do primeiro achado, un xinecólogo marabilloso empregou unha das súas horas libres (que o son porque non exerce, tamén, na privada) para explicarme que para quitar os meus pequenos monstros do diamante negro que levita sobre o meu Sim teñen que encherme o abdome de dióxido de carbono, facer uns pequenos cortes e meter a través deles uns aparatos (entre eles, unha luz e unha cámara) debaixo da miña pel. Esto é o que é unha laparoscopia e, para facela, téñenme que durmir enteira, parece, porque o tema do dióxido de carbono non é mui agradable. Eu casi o agradezo, porque non sei se o meu cerebro desbordado estará listo para procesar os sons e as sensacións do quirófano. En realidade, mentres asentía mecanicamente a todo o que me ía dicindo o xinecólogo marabilloso, descubrín que o meu cerebro desbordado non está listo para todo esto. Non está listo, en absoluto, para ler comprender asumir e asinar un papel que fala de porcentaxe mínimo de mortalidade, de efectos secundarios da anestesia, de complicacións normais nunha intervención, de complicacións severas que poden ser causa de falecemento, de cambiar sobre a marcha as pequenas incisións e as luces e as cámaras por unha "cirurxía tradicional aberta" ou de completar a intervención con outra máis ampla á vista da análise das mostras extraídas, cos mostros extraídos. O meu cerebro non está listo para todo esto e, sen embargo, a miña boca sorrí e a miña man asina e o meu Sim sae do taller co seu diamante negro a dous metros escasos da súa cabeza.

15 Jun 2008

Achados VII: Corpo

05/05/08

Mentres o xinecólogo marabilloso e a doutora Fleishman comentan diante da pantalla da ecografía (e de min) que o meu monstro de 4 cm son en realidade dous monstros, eu imaxino que o que están mirando non é o ovario, senón o diamante que levita enriba do meu Sim... Dáme medo escuitar esa conversa, dáme medo o xesto reflexivo da doutora Fleishman e dáme muito medo engadir este momento á miña relación co meu propio corpo.

14 Jun 2008

Achados VI: Preocupación

05/05/08

Descubro que se preocupan muito máis os que están ao meu carón ca min mesma. Recordo as ocasións nas que estiven do outro lado desta barreira e penso que, seguramente, cumprín tamén ese patrón. Ideo unha teoría que encaixa a preocupación nunha campá de Gauss. É curioso como a persoa enferma se convirte na única que pode levar a tranquilidade aos demáis, para o que cómpre esconder ben fondas as angoxas propias e repetir mecanicamente "estou ben, en serio, non pasa nada" ata que, misteriosamente, deixe de ser mentira.

13 Jun 2008

Achados V: Feminino singular

04/05/08

Son muller porque non podo non selo. Non é unha adscrición racional, é unha certeza física. Teño criticado muito e mui encabronadamente o uso do adxectivo "feminina" aplicado a min ou a calquera outra muller. No mellor dos casos é unha obviedade, un epíteto constante daqueles que non querían dicir nada de nada, porque definían características intrínsecas aos substantivos aos que cualificaban. E, no peor dos casos, implica unha serie de preconceptos sobre o feminino que me molestan muitísimo. Feminina é a muller muller, que leva o cabelo dun xeito determinado, que viste dun xeito determinado, que anda dun xeito determinado, que move as mans dun xeito determinado, que fala dun xeito determinado (e duns temas determinados), que ten unhas aficións e gustos determinados. Unha muller determinada, vaia. E que pasa se ti non es esa muller? Que eres, se non eres feminina? Masculina? Camiona? Sorprendeume, primeiro, e enfadoume, despois, que todas as mulleres homosexuais que coñecín en Chile empregasen tan alegremente un termo que as prexudica tanto, que no fondo para muita xente as define no seu negativo. Sorpréndeme e enfádame, agora, descubrir os meus propios preconceptos do feminino. Do meu feminino singular. Nunca quixen ter fillos, pero a posibilidade de non poder telos pertúrbame muitísimo... Non de cara ao futuro, senón hoxendía. Sorprendeume descubrir que a posibilidade, por remota que sexa, de ser mai forma parte da miña identidade...

12 Jun 2008

Achados IV: Tabús

03/05/08

Un teratoma é un tumor de orixe embrionaria, un tumor con tecido biolóxico ou compoñentes que proveñen de derivados normais das tres capas xerminativas. Ten unha forma benigna chamada teratoma maduro e unha forma cancerosa chamada teratoma inmaduro. O maduro é, con muito, o tumor ovárico de células xerminais máis frecuente e, polo xeral, afecta a mulleres en idade de procreación. Cúrase mediante a extirpación cirúrxica do quiste. O inmaduro preséntanse en nenas e en mulleres novas, polo xeral menores de 18 anos. Cando non se estenderon máis alá do ovario e a inmadurez non é prominente, os teratomas inmaduros cúranse mediante a extirpación cirúrxica do ovario. Cando se estenderon máis alá do ovario e/ou unha gran parte do tumor ten un aspecto moi inmaduro, recoméndase (ademais) quimioterapia.

11 Jun 2008

Achados III: Eufemismos

03/05/08

Aprendo que os eufemismos non son para nós mesmos, senón para os demáis. Os tabús definen cuestións mui concretas, que só teñen ese nome. Doen cando os oes a primeira vez, doutra boca, quirúrxicos limpos fríos francos metálicos. Despois, repítelos para dentro unhas cantas veces, ata que sintes que estás lista para oílos da túa propia boca. Entón, pronúncialos en voz alta. O malo é que, chegado ese momento, estás tan emocionada co balsámicos que resultan os tabús para as túas angoxas, que non te dás conta de que os demais están a oílos por primeira vez, quirúrxicos limpos fríos metálicos. Dolorosos.

10 Jun 2008

Achados II: Aforismos

03/05/08

Di ese libro imenso que hai que ler aos poucos para pensalo para medilo para comezar a entendelo que A especie está afeita á morte pero os individuos non. Eu reléoo, repénsoo, remídoo e xogo a entendelo nun box de urxencias, co son insoportable de Operación Triunfo de fondo, mentres espero os resultados do TAC. Lendo evito coincidir coa mirada analítica da doutora Fleishman e cos ollos húmidos da Pirula. Releo, repenso e remido esas dez palabras contadas e dígome a min mesma (e a Camilo Franco) que, sinceramente, o malo de morrer é que a vida siga.

9 Jun 2008

Achados I: Tesouros

03/05/08

Hoxe, buscando aquelo que xa buscaran (infructuosamente) os médicos chilenos hai máis dun ano, atoparon outra cousa. Esto es lo que nosotros llamamos un hallazgo, díxome a doutora. Achado sona a tesouro, pero este tiña un nome horrible. Unha desas palabras tabú que se bisbean baixiño cando se refiren a terceiras persoas e que che enchen os ollos de bágoas cando se refiren a alguén que coñeces... Qué raro é ir ao médico por unha dor de estómago e acabar metida nunha desas máquinas que usa House. Sorprendeume o rápidos (e independentes) que poden ser os meus pensamentos, o atenta que podo estar aos detalles, cántas voltas lle podo dar á cabeza (esto xa o intuía), cántas contas podo botar (e que frías) e o tranquila que resultei estar cando sentín que o realmente importante se me escapaba das mans...

8 Jun 2008

Achados

77

Arestora levarei cinco horiñas no taller. Terei un par de libros e varias horas de música ao meu dispor. Ao mellor estou algo nervosa. Ao mellor non. Supoño que pensarei, sobre todo, na anestesia. É a primeira vez que vou abusar tantirmo da droga e imaxino que debe ser como entrar nunha cova, como aquela de Rapa Nui, na que primeiro tirabas un cachiño coa luz da entrada, ata que chegaba a escuridade total e tiñas que seguir guiándote un pouco por intuición e un muito pola voz que te chamaba dende o outro lado. Daba un pouco de medo. Pero, se ignorabas a angoxa e seguías avanzando, chegaba un punto no que comezabas a ver unha nova luz, que ía medrando e medrando e medrando ata que te cegaba completamente, muito máis cá propia escuridade. Cando se che afacían os ollos á luz, atopabas unha vista fermosísima, o máis recóndito do océano pacífico aos teus pés. Non sei se recordarei as sensacións que viva no taller, quizais mas borre o escintileo que atope no cabo da cova, así que decidín que, mentres o averiguo, vou deixar programada a publicación dos achados que fixen estas semanas. Cadía día, entre as once e as doce da noite, subirase un dos post que fun escribindo dende aquel primeiro achado que me troixo ata onde estou. Espero estar de volta antes de que se acabe esta primeira xeira de achados e espero tamén traer comigo a descrición máis ou menos sicodélica da fermosa vista que atope cando se me afagan, de novo, os ollos á luz.

7 Jun 2008

Achados XII: Canas

Teño unha cana. E téñoa dende hai tempo, porque é tan longa como o resto do pelo. Penso que hai un montón de cousas que xa non vou poder facer: ser ximnasta olímica, facer carreira na danza, escribir o meu primeiro concerto para piano aos catro anos, estudar medicina... Entón doume conta de que, se non podo facer esas cousas, non é por falta de tempo, senón por falta aptitudes. Gústanme as canas. Chámanme do taller, mañá entro na chapa e pintura. A mente volve coller velocidade. Unha persoa á que adoro comunícame un supersecreto marabilloso. Medramos. E, claro, sáennos canas. Regálame un trebello chulirmo, perdo muitos dos meus teléfonos (seleccionados pola tecnoloxía de maneira aparentemente aleatoria) e a cambio gaño unha biblioteca enorme de ebooks e de música. Vou comer ao campo cos de Amnistía. Quería facer rosquillas, gústame separar as pelotiñas de masa e estiralas como se fosen de plastilina, pero non me dá tempo. A primavera trompetera peta nas ventanas do salón. Aí vou.

3 Jun 2008

No meu moleskine X: Perfectos



Todo o mundo quere que sexas perfecta. Pero nin o fuches, nin o eres, nin o vas ser.

___
*A foto é de Jo Spence.
15

Pilule ten un recuncho en Taboexa dende o que, se pós atención, podes oirte a ti mesma e aos que están ao teu carón pensar que eso é a boa vida. Recantos así hainos en máis sitios, claro. Teño comprobado que, con frecuencia, ulen a almorzo dominical. Eu compartín un en Compostela co aroma resacoso do café cargado e máis coa doutora Fleishman, outro en Gales cun malote detallista que me espertaba cun té con leite un croissant quente e o meu xornal favorito, outro en Gràcia con quen quixera almorzar freixós galego-bretóns os domingos a media mañá, outro en Mendoza cunha estadounidense hippy e cunha arxentina empoderada que endozaban o café e as noticias con fondos debates filosóficos e outro en Bonito Town coa telepecha, que espantaba o olor do traballo de fin de semana co recendo das comidas cociñadas a deshora. Volvín do recuncho pontevedrés de Pilule coa determinación de comprobar, canto antes e a pesar da (des)espera pola entrada no taller, a que ulen o almrzo e os xornais do domingo no meu cantiño lugués.

2 Jun 2008

12

Despois dos dous invernos cos seus dous outonos, chegou por fin a primavera. Troixo con ela, como prometera, un ventilador pa´que se quiten las nubes grises en los días malos e o soplo do aire fresco deixou ao seu paso un andazo de feliz tranquilidade e un montón de sorpresas. Despois dunha finde espectacular na Terra do Viño, esta mañá recibín o manual* de ioga de Blair, o manual** para ligar malotes da curmá cachonda e un paquete con xabós feitos a man pola curmá que me troixo o flickr...
Como mínimo, esta flor primaveral vai estar estirada, entretida e limpa.

___
*No primeiro intento sentínme algo enferruxada, pero di aí que é unha cuestión de tenacidade, así que haberá que esperar.
**Ten unha pinta terrible. Terrible!

31 May 2008

No meu moleskine IX: Valentes



Prefiro arrepentirme de intentalo a pensar toda a vida que o meu futuro morreu despois daquela copa, aquela noite que nos fomos quedando sós case sen decatarnos.

___
*A foto é Walking on eggshells, de Sandy Skoglund

30 May 2008

To have and have not

I'm hard to get, Steve
all you have to do is ask me



- You know, Steve... you're not very hard to figure. Only at times. Sometimes I know exactly what you're going to say. Most of the time. The other times... The other times you're just a stinker.

[...]

- What did you do that for?
- I've been wondering whether I'd like it.
- What's the decision?
- I don't know yet.

[...]

- It's even better when you help.

[...]

- You know you don't have to act with me. You don't have to say anything and you don't have to do anything. Not a thing... Maybe just whistle. You know how to whistle, don't you, Steve? You just put your lips together and blow.

___
* Volvo tamén ás pelis clásicas que encheron mil noites no sofá azul de Ikea con La-Fran. Quixera ter a cara e a voz de Lauren Bacall, quixera que Hawks, Hemingway e Faulkner me chivasen as frases ao oído, quixera que Bogie decidira, por unha vez, silbar máis alto.

29 May 2008


A imaxe roubeina aquí, espero ser perdoada

Non son eu nada de facer recomendacións. Non o son en xeral na vida e, muito menos, nesto das lecturas blogueiras, tan persoais. Pero estes días chegaron a min, dun ou doutro xeito, catro blogs chulirmos e quería deixalos rexistrados dalgunha maneira. Visto que reneguei das listas de enlaces hai tempo, aí vos van, facei con eles como vexades:

A casa da Ulla é unha fiestriña á vida de Pirucha e Frenchchou. Unha vida que cómpre desherbar, que cambia coa lúa e que medra coa mestura correcta de auga e de sol. Só teñen tres post, pero promete. Suscrita quedo.

Reveladora é o novo proxecto dunha vella amiga de Emerecindo. Ando algo preocupada, porque desde que descubrín o seu recuncho Mica e Malosa non actualizaron nunca, pero conservo a esperanza de ter chegado a tempo para gozalo online antes de que parta cara a outros horizontes. En calquera a caso, paga a pena mergullarse no líquido de revelado.

Os outros dous son blogs noviños e estraños. Haberá que ver como evolucionan, pero teñen o seu aquel. Textos breves, vontade de contar e unha certa intención literaria. Déixovos un exemplo de cada un deles, a ver se vos convencen:
Acórdome das bolsiñas de leite e dos vasiños de fluor que nos mandaban tomar na escola.

Sempre quixen escribir un libro titulado 20 poemas de amor e unha canción triste de Hill Street, pero no corpo a corpo contra o folio en branco só fun capaz de parir notas necrolóxicas.

28 May 2008

No meu moleskine VIII: De boa boca



É ben sabido que o pan de millo é mellor có pan de molde


___
* A afoto é, tamén, de Diane Arbus

Cuestión de xenio

Podes estar planificando unha viaxe, como joder ao teu xefe, que facer hoxe pola noite ou como montar unha bomba atómica cunha táboa de palé de pino, cinta aislante e un despertador, pero que cando estás tan calada algo manillas é evidente (e preocupante). Tés ese perfil desequilibrado de persoa que, nunha arroutada, monta unha secta suicida, escribe a novela chamada a sacar a Galiza do seu secular atraso, ten un fillo ou algo peor... É cuestión de xenio.

27 May 2008

Stay hungry, stay foolish



Evidentemente, Steve Jobs non se refería a este exemplo de creatividade, de bon gusto, de sutil poesía e de deseño rupturista que nos ofreceron os do club de caza de Francelos. Probablemente, referíase a todo o contrario. Pero é que hai que ser ben tonto e estar ben famento para perpetrar semellante enxendro. E conste que o que dá medo non é que haxa un tipo por aí cun cuarto de neurona dedicado full time ás armas, ao sexo e a matinar maneiras de misturar ambos os dous conceptos. O que dá medo é que lles tivera que dar o toque Igualdade. O que dá medo, en realidade, é que en todo Castroverde non houbera unha persoa humana que pensase aquí hai algo que falla, mmm, que será? ao mellor non está ben que o canón apunte directamente ao sexo da rapaza... Como metáfora é pateticamente cutre e como incitación á violencia contra as mulleres é un delicto.

26 May 2008

Feminina nos detalles

Levo unhas semanas remoendo un post sobre as barras libres de Miguel Olarte, desde aquel mítico Chico de la 208. Intelixente e ben escrito, como o perfil de Cacharro que publicou pouco despois, o intento de boutade á luguesa impulsoume a buscar cada domingo a contra do diario de Lugo y su provincia desde 1908. Sen embargo, esta ilusión polo malotismo autóctono foime morrendo, aos poucos, coas últimas entregas. Primeiro foi a imaxe simplista e chabacana da travesti Bárbara, despois, o cúmulo de tópicos masculinos sobre o embarazo e, para rematala, vai onte e titula a súa visión da muller empresaria "nun mundo de homes": Carmen tiene un par de huevos. Eso si, tranquilidá, Carmen "es femenina en los detalles —tiene decenas de bolsos y algo así como 3.000 collares y pendientes". Home, se nos poñemos canallitas, e a min encántame o espírito canalla, o seu é esforzarse un pouquiño e intentar dicir algo inxenioso, non?
Ou, como mínimo, algo que non cheire a naftalina.

25 May 2008

No meu moleskine VII: Artistas



Soñei que era de barro e que, a medida que o faciamos, el me ía dando forma.


___
*Rita Hayworth e Orson Welles en The Lady from Shanghai. O xogo de espellos ficticio reflexaba tamén a complexa relación entre a actriz e o director, unha das miñas historias de paixón creación dependencia amor e odio (propio e alleo) favoritas.

Before everything else



I guess when you're young you just believe there'll be many people with whom you'll connect with.
Later in life you realize it only happens a few times.


___
*Pasan os anos e volvo a elas. Búscome nas frases que me marcaron noutros momentos, noutros lugares, esperando comprobar que tralas mudas de pel queda un algo recoñecible.

23 May 2008

Diversificar



Cóntolle as miñas desventuras vitais profesionais sentimentais a esa curmá bohemia coa que me levan comparando toda a vida e que tuven que ir coñecer a Madriz hai dous anos. Ri, serás ingenua. Tira da vantaxe que lle dá a experiencia para resumir os tres consellos nun: diversifica. Ri de novo, como sorprendida, pero hay que ver lo ingenua que eres! Cóntame as súas propias (divertidas e diversas) aventuras e ofréceme o primeiro chanzo da diversificación: un traballo e un fadista. De edad te va perfecto, ya sabe quien eres y tiene tu móvil, toma tú el suyo y vete a verlo. Eu anoto o número nun recuncho da primeira páxina do xornal e sigo falando con ela. Encántame falar con ela. Ao colgar, miro para o número e escarárllome... Vai resultar que son unha inxenua!

22 May 2008

No meu moleskine VI: Relixiosos



É un problema de relixión, porque se es ateo e cres que esto é todo o que hai, queres disfrutalo.


___
*The Crucifixion pertence á serie "INRI", de Bettina Rheims.

Hi5 e o spam

Di Luis no blog de David de Ugarte que Hi5 o converteu nun spammer. Tamén a min. Non sei que pensarán o meu titor do doutoramento, co que non falo dende hai dous anos, e o director do traballo de fin de carreira de Gales, que non sabe de min dende hai sete, da miña proposta de amizade electrónica.

21 May 2008

Oito claves para un xuño primaveral

Nubes
Un ceo primaveral para renovar os votos invernais

1. Saír do taller.

2. Vivir o presente, con todas as consecuencias.

3. Probar toda a coctelería do Baobab.

4. Diversificar.

5. Organizar unha Cena de Chicas en Galicia.

6. Planificar unha viaxe.

7. Facer unha serie de fotos de ventanas.

8. Mudarme ao meu curruncho e axudarlle a anITA a vestir as paredes do seu.

20 May 2008

Paso a nivel



A vida pásame por diante, na forma daquel tren que comunicou durante anos dúas das miñas realidades. Mentres, eu espero no paso a nivel.

19 May 2008

No meu moleskine V: Deportistas



Sempre a puxera a mil, pero xa cando veu do cárcere... sen barriga...

___
*A afoto é de Diane Arbus

18 May 2008

Melodía dos días usados (por outra persoa)

A melancolía para min é só unha liña branca que separa a alegría e a dor, unha atalaia privilexiada dende a que observar a vida e contala*.



Recibo e leo, dunha sentada, os dous libros que me quedaran fóra do ventre da balea. Engulo os días usados por Anxos Sumai nunha mañá. Emociónanme. Inúndanme. Paralízanme. Sinto esa enerxía que me atravesa con algúns libros, que me leva a queimar a lectura rapidisimamente, aínda contra a miña propia vontade. En realidade, eu non quero acabalos, nin rápido nin despacio, non quero acabalos nunca, porque non quero quedar orfa desa voz en off que por veces parece narrar os meus propios pensamentos. Síntome como se alguén escuitara muitas das cousas que me digo a min mésma, lles dése forma e as publicase nunha especie de manual básico para a comprensión profunda dunha persoa normal que ata este momento se tiña por especial. A empatía chega a un punto surrealista, concéntrico, que me asusta un pouco, cando a voz en off describe -falando das fotografías de Nan Goldin (!!)- as sensacións que está producindo en min, aquí e agora, a súa lectura:
Sábado, 5 de outubro de 2002.- Botamos horas mirando a exposición de fotos de Nan Golding. Fotografías da vida privada, a vida máis íntima: a propia, a dos amigos, a dos amantes. A vida vivida e contada sen medo, sen pudor, como nun diario case segredo, case prohibido. Saio de alí con ganas de abraza-la xente e dicirlle: "o teu medo é o meu medo". Saio alegre pola vida vista en imaxes, abatida pola dor que recoñezo nos demais pero estrañamente feliz por saber da alegría e da tristeza comúns, universais. En fin, en paz. Cando se fala con valor do trivial, da felicidade, do íntimo ou do doloroso, desaparece o medo, porque nos vémo-la fenda que, como un machadazo, todos temos en algures.
Alucino. Pecho o libro, métoo no bolso, collo o coche e vou á aldea. Teño que vivir un pedazo da miña vida, porque me angustia un pouco sentir que nada do que eu sinto, do que eu penso, do que eu vivo, é novo. Está todo dito. Camiño da aldea, sen embargo, escuito a miña propia voz en off máis insistente, máis alta e máis segura ca nunca. Tranquilízome un pouco e penso que o que teño que facer é gozar desta empatía, da paz que me dá ver que os demáis tamén teñen fendas, e, se cadra, aproveitar esta enerxía e tentar darlle forma á miña propia voz en off, tentar escribir máis ou, máis ben, tentar escribir mellor.

Unhas horas máis tarde, cando me volvo poñer coa lectura, atopo esto:
Martes, 28 de xaneiro de 2003.- Cando leo boa literatura sinto ganas de escribir máis e mellor, sentarme diante do ordenata e non parar de contar cousas. Pero outras veces non, outras veces pregúntome para que escribo se xa hai outra xente que di moito mellor ca min as cousas que eu quero dicir.
Ao final vai resultar que teñen razón os posmodernos, está todo dito e ao carallo.
___
* Melodía de días usados, Anxos Sumai.
**A fiestra aberta pertence ao novo proxecto fotográfico iniciado a seis mans con anITA e con Bárbara, roubeilla a unha casa moribunda que só deixa ver as súas feridas aos que camiñan polo adarve da muralla, en Lugo.

17 May 2008

A túa lingua...



...é a túa honra, di este papeliño que leva pendurado dunha parede da miña habitación desde que mo regalaran as primas da aldea, hai ben anos. A Iria acaba de cumprir 19 anos e a Montse, que daquela firmou cun redondo, fai os 17 en outubro. Elas foron as primeiras da nosa xeración que viviron a súa vida en galego. Ao contrario que meus irmáns e máis eu, elas aprenderon a ler e a escribir en galego, aprenderon os días da semana en galego, aprenderon a anomear os parentescos en galego, aprenderon a anomear as partes do corpo en galego, aprenderon a ciencia en galego, aprenderon os nomes dos países do mundo e das súas capitais en galego, aprenderon a facer amig@s en galego, aprenderon a enfadarse (e a reconciliarse) c@s amigo@s en galego, aprenderon a bicar a beber a bailar a viaxar en galego, aprenderon a romper corazóns e a recompor corazóns rotos en galego, aprenderon a esixir os seus dereitos en galego, aprenderon a aceptar as súas derrotas en galego... aprenderon, en galego, que a súa lingua é a súa honra e que non hai mellor maneira de honrala que falala, lela, escribila, vivila.
E, con elas, aos poucos, aprendemos os demais.

Deséxovos, deséxonos, unha feliz vida de letras.

16 May 2008

No meu moleskine IV: Divertidos



Na lingua esquimal, hai unha mesma palabra para facer o amor e para rir.

___
*Este Bathtub (2005) é de Ryan McGinley, un rapaz noviño que segue os pasos de Larry Clark ou da propia Nan Goldin.

Getting into yoga


A miña yankee boa converteuse nunha iogi. Víase vir

Recupero un correo de Blair recomendándome o mellor libro de ioga de todos os tempos e fago, sen pensalo muito, a miña primeira compra na librería de Alexandría. Voume meter no ioga, a ver se aproveitando o equilibrio e a flexibilidade que herdei da infancia rímica atopo o camiño para sair deste vitimismo. Como mui ben lle di Concha Buika ao mellor cronista que tivo e ten o festival de Ortigueira nesta xoia de conversa, o vitimismo é odioso e, amais, "o ser humano é crise constante e depende diso para evolucionar".
Evolucionemos, logo.
Jodida, pero contenta.

15 May 2008

Es el mejor momento




Chéganme máis recomendacións musicais dun pirata nostálxico e aprovéitoas na fotosíntese da miña propia melancolía. Es el mejor momento /reconocer sentir a veces tanto miedo, / y entender que justamente/ése es el gesto más valiente.
Na vida todo e bon, e tal.
Sigue chovendo e eu tuven que cambiar o tanqueraiconesprait por un té martinique e unha partida de tute. Paseino ben. Facemos unha boa timba, a doutora Fleishman, Wu e señora e máis eu. Dúas ás que lles gusta gañar, unha á que non lle importa perder e un kamikaze. Es el mejor momento / comprender, no poder ganar todas las veces / y entender que ésa es la llave / hacia un camino más amable.
Distinguir as dores inevitables das evitables, e tal.
Gústame esta nova vida escollida. O pikiniño e o afillao mantéñenme intacto o espírito lúdico, aparece o fogar perfecto no que compartir timbas ceas cafeses e pinículas cos que tanto me levan esperado na beira desta fonte, véñenme ver outras vidas e seguen chegando interesantes posibilidades coas que encher a xornada laboral... Son consciente de que o único que me impide entretecer rutinas felices é a incerteza do que non depende de min. Y aceptar que no todo es tan fácil, / y que no siempre los huesos / aguantan el peso, / reconstrucción.
E tal.

14 May 2008

Al otro lado de la nube negra

allá donde no quedan mercaderes
que venden soledades de ginebra



Desespero porque a puta nube pase, descargue o que teña que descargar e deixe sitio ao sol da primavera. Chove e eu mataría por un tanqueraiconesprait.

13 May 2008

No meu moleskine III: Físicos



Físicos, moi físicos... a
ti gústanche físicos... pero dos da teoría relatividade.

___
*Physique Pictorial é unha publicación mítica da prehistoria da pornografía homosexual que recuperou Taschen hai pouco.


Despois de escuitar os Piratas ata o aburrimento, no gran irmán galés, quedara algo chea da melancolía de Iván Ferreiro. E as broncas co nadador, que ameazaba con tirar os discos pola ventanilla do coche se o torturaba coas súas cancións, acabaron por erradicalo da torre dos cd's (máis) escuitados. Ultimamente, volveu á miña vida, primeiro da man dunha das miñas (dúas) asturianas favoritas, despois a través de Eva Luna e da súa paixón por Deluxe e, finalmente, con todas as mentiras e verdades do tío listo que de boíño transmutou en pirata.

Ao mellor é que estou melancólica, ansiosa ou intensa (ou as tres cousas a un tempo), pero quedei trabada na letra desa canción. Si cada noche que dormí / cada minuto que pasamos / sin hablar desaparecen. Nunca me gustou durmir, sinto que perdo o tempo, e custoume anos aprender a estar en silenzo con outra persoa. Estes días case non durmo e falo (e posteo) aínda máis do habitual, falo e falo sen parar, compulsivamente, como se contalas en voz alta alixeirase o peso das miñas derrotas. Repetiré como yo quiera / ese minuto que viví / y no me importa si hay rigor. Aínda hoxe ando rumiando as horas de conversa e de silenzos con Gonzito no meu coche. Construímonos e deconstruímonos, a nós mesmos e ao outro, como aquela outra vez. Contámonos cousas que nunca antes contaramos, nin sequera a nós mesmos. E disfrazamos as verdades de mentiras, porque ás veces é a única maneira que a xente coma nós encontra para dicilas. Sólo hay mentiras y con ello / lo que quieres es decir /toda la verdad.

Só estivo dous días e bótoo tanto de menos...

Na vida é todo bon



Dime meu pai, cando protesto porque me fai escuitar a Ruleta de la Suerte mentres traballo e lle propoño que, xa que me distrae, o faga con algo bon, que pague a pena oir.
- Na vida é todo bon.
- Non, todo non.
- Si, todo, porque o malo apréndeche a apreciar o bon.
E eu primeiro río e logo calo.

Afoto de Pepe Ferrín para AGN

Cóntanos esa xornalista que tanto me gusta, con nome de boa e preguntas de lista, que falou estes días con Galeano (afortunada ela e algún outro). Anxa recolleu do mestre un consello que me encantou. Gustáme tanto que o convirto no meu mantra (agora que vou comezar co ioga): distinguir as dores inevitables das evitables e luitar contra as últimas.

Hoxe toca taller de novo.

12 May 2008

Desengánate

Encántame esa expresión, desengánate. A miña abuela úsaa seguido. Desengáate, esa non che volve. Desengánate, ese non che cambia. Desengánate, nesa terra nunca na vida se che dan os tomates... Implica que vives enganada, claro, pero tamén que te enganaches ti soa e que ti soa tés que sair do teu erro. Onte desenganeime, desenganáronme. O bon foi que o engano, mentres durou, foi divertido e emocionante como se fose real. O malo, que en canto me caeu das mans se desintegrou sen deixar rastro.