28 Jan 2010

India - भारत (XVIII): Independencia e mercado

Convídanme a unha cea cun dos empresarios máis poderosos da India. Dinlle que son unha xornalista española e a el ilumínaselle a mirada. Supoño que iso é o que son as medias verdades. Sorrío inocente e xogo o meu papel, un pouco por curiosidade e un muito por diversión. Pregúntolle polos seus antepasados, pola súa traxectoria económica, pola súa ideoloxía política, polo seu historial xudicial. El contesta obediente e voluntarioso, tirando de carisma.

Naceu en Cachemira, nunha cidade que agora pertence a Pakistán. Despois de 1947 a súa familia instalouse no Rajastán, onde o pequeno exiliado cultivou a riqueza e o odio polos británicos que herdou dos seus pais. Foi o rei do tabaco, exerceu de parlamentario da dereita, estivo no cárcere, deixou a política, construiu un novo imperio no sector textil e, durante todo este tempo, seguiu alimentando o seu odio polos británicos. Pregúntolle como ve un empresario liberal do século XXI a existencia dunha sociedade tan inmensa e empobrecida como a india:

-Don't you think Indian economy needs midle-class buyers?

-Por suposto, por suposto- dime. -Hai que conseguir que toda esa xente que non ten nada comece a consumir. E, ademais, teñen muito que ofrecer! Nós temos un proxecto con artesáns locais polo que nos propoñemos exportar as súas crecións (que son marabillosas, podes crer o que che digo) e pagarlles mil dólares ao ano.
-Mil dólares ao ano? -abro uns ollos como platos.
-Xa sei que a unha europea lle pode parecer unha miseria -sorrí comprensivo mentres bebe un groliño dun excelente viño chileno de a 30 dólares a botella-, pero para eles é unha pequena fortuna.
-Mmm... Entendo, ampliades o mercado interior ao tempo que conseguides produtos de calidade que podedes vender fóra muito máis caros...
-Hai gastos -protesta.
-Claro, hai gastos -concedo-, pois digamos que conseguides un bo produto para vender a un bo prezo -sorrí- no mercado exterior.
-Brilliant, isn't it? -Si que o é, si. É impresionante. Ao final da noite, xusto antes de subirse ao seu coche, agárrame o brazo, baixa a voz e dime:
-Podo pedirche un favor?
-Claro
-Podes prometerme que, cando volvas a España, vas apoiar publicamente a independencia de Escocia?
-Perdón?
-Os británicos desfixeron o meu país e eu non vou morrer antes de ver desfeito o seu. Apoio economica e politicamente a independencia de Esocia e gustaríame que ti tamén o fixeses. -Miro polo rabo do ollo o sorriso travieso de L., póñome quieta e contéstolle con solemnidade:
-Está ben. Prométoche que, cando volte a España, vou apoiar publicamente a idependencia de todos os pobos que queiran independizarse.

1 comment:

  1. Mui bó episodio o deste magnate indio.
    E si,hai puntos nos que eu tampouco coincido co artiguista do XLSemanal pero muitas veces ten razón e dío con claridade.

    ReplyDelete