30 May 2011

A corda

Esperto atenazada por unha familiar sensación de caída ao abismo. Afírmome ao colchón cos pés e cos brazos, pero desta volta non funciona. Unha corda tira por min cara abaixo. Atraveso a cama. Atraveso o piso. Atraveso o cuarto dos veciños e o portal. Atraveso os sumidoiros de Compostela e aterro no alto dunha nogueira. É a nogueira de Oleiros, pero debaixo non está a aira. Debaixo hai un barranco infinito. Abrázome á póla sobre a que caín. A corda colga uns catro metros cara abaixo. No outro cabo está a E. Intento subila, pero non podo con ela. Pídolle que me axude, que intente agatuñar pola corda arriba. Contéstame que non sabe que non pode que ela só quere caer. A póla empeza a ceder. Dígolle que non me joda, que non sexa egoísta, que pense en nós, que pense en min. Trónzase a madeira. Bérrolle aos da casa, que esperten, que me axuden, que non podo máis. Voume escurrindo. Ela chora, dime que o sinte, pídeme que a perdoe. Chego ao final da póla. Vou caer. Tiro do nudo con todas as miñas forzas. Sóltome.

Déixoa caer.

26 May 2011

Os atallos e a poesía

Non estou moi certo de que, visto o horizonte, a condición poética sexa capaz de liberarnos de nada, nin de liberarse a si mesma. Igual é que ese non é o seu oficio. As dificultades da poesía, ás veces, están en como a miramos. Como se fose algo excepcional cando, ben mirado, é algo cotián que desprazamos como esquivamos as cousas que requiren esforzo: polo mesmo que utilizamos a economía de recursos, polo mesmo que preferimos descansar. Quizais polo mesmo polo que decidimos coller atallos para chegar antes. E, sen embargo, a poesía tamén é un atallo para chegar antes a outro lado. Pero non vale responsabilizala dese lugar ao que chegamos. Porque lendo a poesía dos últimos trinta anos xa deberiamos ter sabido que chegaríamos xustamente aquí.
___
*"Esas cousas que a poesía anuncia ás veces" publicouse esta mañá na edición de Santiago de La Voz de Galicia, no Vai por aí de Camilo Franco.

25 May 2011

Suite francesa

Todos sabemos que el ser humano es complejo, múltiple, contradictorio, que está lleno de sorpresas, pero hace falta una época de guerra o de grandes transformaciones para verlo. Es el espectáculo más apasionante y el más terrible del mundo. El más terrible porque es el más auténtico.

___
*Irène Némirovsky escribiu Suite française durante a ocupación alemana de Francia. É un dos libros máis emocionantes e intensos que lin na vida, un libro preciso divertido implacable. Un libro que, no seu respecto pola complexidade do ser humano, describe tamén, dalgún xeito, a beleza e a crueldade dos tempos que vivimos. Mágoa que estea inacabado. Némirovsky planeara unha historia composta por cinco novelas, pero só puido escribir as dúas primeiras. En xullo de 1942 foi detida e enviada a Auschwitz, onde morreu. A súa filla maior conservou o manuscrito, sen sabelo, pensando que era un diario persoal ao que non se sentía capaz de enfrontarse, e por iso non se publicou ata o 2004. En España, editouno Salamandra, xunto con notas e correspondencia da autora. Aquí hai un arquivo dixital de dubidosa legalidade, por se queredes botarlle un ollo antes de compralo.
**Unha visión do libro muito menos entusiasta cá miña é a deste rapaz, Tadzio Koelb.

15 May 2011

Ás cereixas



Cústame escribir. Sinto o caos dentro da miña cabeza e véxome incapaz de poñer orde. Non sabería por onde empezar. Ou será que me da todo un pouco igual. O caso é que non dou xuntado o interese necesario para intentar descifrar o que pasa. O que me pasa. A cambio, fago muitas fotos. Retrato os detalles máis insignificantes. Os momentos máis banais... Se algún día saio desta anestesia, agradecerei ter un feixe de imaxes que me recorden o feliz que era mentres durmía.

8 May 2011

Tizarlle ao lume

Chego a Supena co coche. Non hai luz en toda a aldea. Pito varias veces, pero ninguén abre o portalón. Desisto. Abro a porta do camiño coa miña chave. A chimenea está encendida e sobre a mesa de pedra hai dúas furnas de cristal. Nunha está o papá. E na outra, o I. Pero que facedes aí? O papá dime que non pasa nada, que mentres o lume estea prendido non van ter problemas para sobrevivir aí dentro. Como que o lume? Si, o lume move o mecanismo que nos da osíxeno. Veña, vai buscar leña á nave. Póñome a carrexar leña, pero a chimenea chúpaa como se nada. Agóbiome Saíde daí. Empezo a baixar as sillas, as estanterías, a roupa, os libros. Papá, por favor, saíde daí. Non contestan, xa están medio atontados. Arrebolo tamén as miñas cousas. A chaqueta, o ordenador, o bolso. O lume come todo e cando chega á carteira, acaríñaa, lámbea, detense nela tanto tempo como con todo o anterior. Doume conta de que son os cartos. O que necesito para manter o lume prendido son cartos.