28 Jul 2005

A inteleztualidá

propiedad_intelectual

O diccionario da Real Academia da Lingua di que intelectual é a persoa que realiza actividades que esixen un grande uso da intelixencia, ou que ten gusto por esas actividades. Tirando do fío, atopamos no mesmo diccionario a definición de intelixencia como a facultade de coñecer, de comprender e de formar ideas... con sinónimos como entendemento, intelecto ou razón.

É difícil encadrar nesta definición aos que hoxendía se autoperciben como intelectuais. Inteleztuais son aqueles que coñecen, critican, clasifican e arquivan a cultura. E non a cultura como a entende a real academia (conxunto de coñecementos xerais —fóra os de especialidades, a menos que se indique o contrario— que posúe unha persoa, adquiridos mediante a instrucción ou a experiencia e/ou conxunto de coñecementos, crenzas e costumes que caracterizan as sociedades humanas organizadas, particularmente as máis avanzadas), senón os coñecementos sectoriais do que en tempos se chamaban humanidades.

Un inteleztual debe coñecer en maior ou menor medida a historia, a literatura, a música e/ou as artes plásticas do pedazo de terra no que lle tocou vivir. Eso non será, nembargantes, suficiente; nos tempos da democratización da cultura, o inteleztual terá que distinguirse de todos aqueles que posúen os mesmos coñecementos ca el. O xeito máis lóxico sería, sen dúbida, creando. Achegar algo novo ao corpus cultural colectivo, sen embargo, non é tan fácil. Tanto menos canto máis consciente é o inteleztual da dureza das críticas que terá que soportar a súa obra. Como poderá entón distinguirse dos demáis? Que lle dará o poder necesario para criticar, clasificar e arquivar as obras alleas? Aquí é onde entra en xogo o gusto. O bo gusto.

Un inteleztual debe renegar de todo aquelo que acepte o común da xente. Calquera obra literaria, musical ou plástica que sexa coñecida e apreciada por un número o suficientemente amplo de xente carece de poder distintivo. A non ser que a repudiemos. Canto máis feroz sexa a nosa crítica, máis chanzos subiremos na escaleira do bo gusto. Para completar a xogada, deberiamos ofrecer algo novo no lugar da peza cultural destrozada. Canto máis descoñecida e difícil sexa a nosa proposta, máis puntos adqueriremos. Porque nós si que a coñeciamos, nós si que sabemos apreciala. Algo teremos logo que nos fai distintos.

Eu-penso-de-que a inteleztualidá tal e como se manifesta hoxendía non só non achega nada á sociedade, senón que frea a súa evolución ao mangonear a cultura e facela pivotar en torno a uns valores rancios que só benefician aos que teñen as ferramentas precisas para construir unha noción propia do bo gusto.

Dixen.

22 Jul 2005

Parece que sigo na Academia.

Singles' night

singles night 2

Un piriodista surfeiro vasco metido a fotógrafo bloqueiro nun piriódico facha e un banqueiro laurentino metido a rockeiro sancibrense pinchan grandes éxito de onte, de hoxe, de sempre coa única condición de empregar soamente singles en vinilo. Nick Hornby sentiríase onte nas Panadeiras como na casa.

singles night 1

Inevitablemente, a conversa dexenerou cara ó que é e o que non é boa música. Peneirar as opinións dos (que se saben) expertos na materia con lecturas recentes, recordoume que (aínda) debo un post sobre o que son e o que non son os inteleztuais. E sobre o que eu creo que deberan ser.
Proximamente nas súas pantallas.

20 Jul 2005

Bloggeando

gracita morales

O servicio está fatal. Se Armental se decidise a postear algo de cando en vez, agora que ten unha super-conexión e un teclado con ñ, poderiamos coñecer de primeira man as peripecias dunha nanny galega nunha casa cockney.

E o xornalismo está peor.. Na delegación comezan a perderme o (pouco) respecto que me tiñan. Coa marcha da rapaza de prácticas para Ribadeo, volvo estar soiña nun mundo de (xornalistas e sen embargo) homes hiper-vitaminados polo sol e extremadamente predispostos ó comentario torrentiano (e non me refiro a ballester). Cada día hai máis "confianza" e menos pudor: vístenas como putas, ten cara de puta, esa vai pedindo guerra e similares. Non sei canto tempo durará o efecto disuasorio das miñas arengas.

19 Jul 2005

O equilibrio de Nash

John Forbes Nash Jr.

Din Heath e/ou Potter en Rebelarse vende que o mantemento da hixiene nun piso compartido supón unha sorte de "conflicto de acción colectiva" cuxa solución responde asimesmo ó coñecido como o dilema do preso.
Para que vamos fregar os pratos agora se alguén pode fartarse de velos suxos e solucionar o asunto? Para que vamos repoñer o leite que bebemos se quizais alguén teña que baixar á tenda? Para que vamos fregar as escaleiras? Evidentemente, se todos seguimos este razonamento, ninguén fregará os pratos, ninguén comprará o leite e ninguén limpará as escaleiras. De feito, cando varias persoas viven xuntas, a súa vida a miudo se convirte nunha especie de competición para ver quen é o primeiro en renderse e facer as cousas. Adoita gañar a persoa máis insensible á merda, que normalmente será quen menos traballe. En calquera caso, o grao de limpeza da casa sempre será menor do que todos quixeran, incluso os máis insensibles á merda.

Hai tres meses e vinte días que cheguei a Cicely e hai tres meses e vinte días que as miñas compañeiras non limpan o piso. Evidentemente, a máis sensible á merda resultei ser eu. Nunca pensei que diría esto, pero recoñezo a miña derrota, non o soporto máis, necesito vivir soa.

O alemán errante

"Sabes por qué se chaman antípodas? Porque significa o contrario. O oposto que aquí. Alí hai curro, aquí non. Alí follas, aquí non". Así definía Santa, a personaxe de Javier Bardem en Los lunes al sol, as antípodas, como ese paraíso descoñecido e místico que hai no outro estremo exacto da Terra, onde a xente, claro, está de mellor humor. O artista alemán Joerg Jozwiak propuxo ó Concello de Foz conectar a cidade coa súa antípoda, en Nova Zelanda, a través de Internet. Jozwiak visitou Foz a semana pasada para ultimar os detalles do proxecto e falar con el devolveume as ganas de ir dar un voltio polo exterior en canto Cicely me libere das súas gazoupas.

jozwiak

—Vive vostede da arte?
—Unha das razóns polas que estou aquí é para vender a idea das antípodas. Encantaríame non ter que cobrar por ela, poder dicir simplemente facédeo, é divertido, pero teño que pagar o aluguer.
—Pódese vivir das ideas?
—En parte. Non podo vivir só desto. Teño outros dous traballos que contribúen ós meus ingresos. En agosto aprenderei arte a nenos.
—Só queda a docencia?
—Estatísticamente, hai uns anos en Alemania, só o 2 por cento da xente que estudiaba Arte acababa vivindo dela, sobre o 18 por cento vivía de algo relacionado, como a docencia, e o resto vivía de algo completamente distinto.
—A solución son os fondos públicos?
—Unha vez, cando estudiaba arte, pasou un avión do exército alemán facendo probas e o profesor dixo mentres un deses voe sobre as nosas cabezas, ninguén pode dicirme que non hai cartos suficientes para a cultura".
—Sería bo para a arte?
—Seguro. Ninguén se queixaría se as institucións públicas mantiveran os artistas. Por suposto, faría as nosas vidas mellores. Pero, por outra banda, vivimos nunha economía dura para todos, non esixo que a xente compre a miña arte, eso é a miña responsabilidade.
—Que poder lle dá asumir esa responsabilidade?
—Podería intentar facer arte vendible, como un tipo determinado e pintura que queda perfecta na sala de estar, pero decidín non facelo. Pensei, ben, o meu nivel de vida non será moi alto, pero eu non quero depender de se os vendo ou non, así que collín outros traballos.
—Non quería vender a súa voz. Non cre que aceptar fondos públicos o obligaría a facelo?
—Si. Se traballas para alguén, xa sea a industria publicitaria, o goberno ou un cliente, expresas as ideas de outros. Eu prefiro vivir un 60 por cento da arte e un 40 por cento de outros traballos, que pagan o aluguer, e dicir o que quero coa arte. Por suposto, encantaríame vivir só da miña arte, pero non culpo a ninguén de que non sexa así. Se non podo vendela, non empezarei a choromicar a xente non sabe, non me entenden, os meus traballos son tan interesados... esto amargaríame.

13 Jul 2005

Chasquidos

Sufaxio feminino

- En un pasaje de su libro se indigna con las obras expuestas en un museo de arte contemporaneo y cambia sus etiquetas para burlarse de ellas. Al retrato de una feminista que está colgado le coloca una que pone ‘A la cocina’. ¿Es lo que piensa sobre las feministas?
- Las feministas son unas resentidas. En realidad no reclaman igualdad, sino saciar la sed de venganza que sienten por sus complejos. Las feministas odian a las mujeres guapas. Eso lo dice todo.
- Generaliza.
- Todas caben en el mismo saco.
- ¿Su mujer que dice al respecto?
- Que no me olvide de cerrarlo para que no salgan afuera (risas). A mi mujer las feministas le parecen ridículas. Nadie ha hecho tanto por los derechos de la mujer como los hombres.

Supoño que será un chiste. E nese caso só podo dicir que lle recomendo seguir os seus propios consellos e non repetir chistes nun idioma no que, evidentemente, non pensa. Perden toda a gracia.

7 Jul 2005

margarita

A nosa flor londinense tamén está ben.

Engádega.- O debate está servido. É, ademáis, o típico debate no que todo o mundo ten algo que dicir. Eu direi tamén a miña. Non teño a máis mínima necesidade de ver pedazos de seres humanos mentres xanto, é desagradable para min e para as súas familias e non me fai comprender mellor o sucedido. Sen embargo, non vexo a relación entre omitir ese tipo de imaxes e minimizar (deliberadamente) as dimensións do suceso. E neso estou dacordo con Paco, se nos deixamos engatusar coa idea de que seguir ó pé da letra as directrices gubernamentais é un signo de responsabilidade, apaga e vamonos, que polo que cobramos non paga a pena traballar todas as horas que traballamos.

6 Jul 2005

Pongamos que hablo de Madrid. Mentres na tele bombardean coa crónica dunha derrota anunciada, o traballo permíteme un descanso para facer un batiburrillo cos post mentais que vos escribín estes últimos días.

madrid

A viaxe á capital das ínfulas olímpicas foi emocionante, porque lle tiña tantas ganas á soidade que gocei as horas de bus e as camiñatas quilométricas pola cidade en obras como se foran tranquilos paseos pola praia ó atardecer. Iso si, o exame do icex foi frustrante por breve e por estúpido. Moitos pijos había, por certo. E non me refiro ós pijos de batalla, ós que estamos afeitos por estes lares, senón ós pijos-pijos, ós pijos de 19 anos e jaguar. En fin, que nas oito horas e media que estiven en Mdd, fixen dous amiguiños, paseei, exercitei a miña antropoloxía de metro, comprei o regalo de Cris-Fleishman que o luns estaba de cumpre e sableei a mesa de ofertas da sección de libros do Corte Inglés.

Por vinte euros, incluín na miña lista estival El Fabulador (que xa lín e non está mal... nin ben) e tres de Philip Roth (Pastoral Americana, El teatro de Sabbath e Operación Shylock).

Xa de volta en Valado City, caín fulminada polo cansancio na cama dos meus pais e o que ía ser unha cabezadiña previa ás copichuelas nocturnas convertiuse en doce horas de sono, vestida e allea ás chamadas e mensaxes recrimintorias.

As festas de San Pedro de Ronfe resucitaron a miña dualidade existencial. Por unha parte morro por escapar daquí, por fuxir o máis lonxe que poda desta normalidade abafante. Pola outra, síntome tan cómoda entre eles... pedindo valses, comendo e bebendo a encher, arreglando o mundo para ben e para mal, deixándome querer... Non sei.

O luns tróixome de volta á rutina. Hai tres meses que cheguei a Cicely e parece que levara toda a vida. Esta finde chamáronme tódolos días e xa sei que debería horripilarme, porque son os meus días libres e non teñen dereito a interrompelos con cuestións laborais, pero... en realidade fixéronme sentir estranamente importante. Supoño que será algún síndrome propio dos primeiros traballos.