29 Dec 2004

aim bac

Estes últimos días de ciber-ausencia trouxéronme, a cambio, unha hiperactividade vital que apenas recordaba de tempos remotos. Trala dobre celebración do cuarto de século, rematei os primeiros seminarios do CAP (os que quedan serán os venres en Humidtown), retomei teatro, celebrei a noiteboa e a guait crismas, finiquitei o killin-porco familiar e atopei parte do tesouro que esconde Valado City.


They were there

Dous días e medio de "ensaio", unha actuación polas rúas luguesas e a conseguinte celebración nocturna deron para unha enorme raiadura mental. O teatro é para min veleno e bálsamo a partes iguais. Xa me pasara coa tele. Teño moitas cousas en común coa xente do grupo, pero xamais estou completamente cómoda no medio deles. É como se fose unha espectadora constante, alguén que os observa dende fóra e pensa "que xente mais guai, pena non estar aí"... Di a directora que teño que crer máis en min mesma, que non podo ser tan perfeccionista, que non intente racionalizalo todo e que me deixe levar. Levo barrenandoo dende hai ben días. Ó mellor non me coñezo tan ben como creo; son consciente de que a miña (evidente) adicción á racionalización e ó control me limita en moitas cousas (quizais tamén nesto), pero nunca me tiven por insegura e moito menos por perfeccionista... Xa só sei que non sei nada.

A noiteboa paseina na casa de meu irmán. Sigo totalmente namorada do pikiniño, pero os seus afectos viraron criticamente cara miña irmá (popularmente coñecida como manaña, versión sui generis de madriña) nos días que eu adiquei ó teatro e ela a compralo con xogos e con lacasitos.

A neve sorprendeunos facendo os chourizos (os últimos do ano, dios vaia con eles) na casa de meus tíos. Branco nadal no que case toco coas mans a imaxe infantil das conversas de adultos trala cociña da aldea... Só que meu tío xa non fuma, que meu irmán ten un fillo de seu e que os curmáns pequenos que daquela non existían xogan hoxe coa plei cos pelos dereitos a base de cantidades industriais de gomina mentres cuspen unha tras doutra as frases célebres dos tonechos. Sonche unha raza mui falsa.

E xa para rematar o resumo desta ausencia, onte e antonte andivemos Ojpuensuk, Pililule, Vane e mais eu á busca do tesouro por Valado City. A aventura tivo os seus máis e os seus menos: pistas mal redactadas, imprecisas e pouco ou nada lóxicas-culturais-intelectuais; probas máis ou menos divertidas baseadas en xogos clásicos de campamento; carreiras tolas do Museo ó Gran Teatro (DEP), da praza do Campo a Augas Férreas, do Campo Castelo á praza do Ferrol, de Bispo Aguirre a Bispo Odoario e daí á Mosquera, á Casa do Concello, á porta de San Pedro e volta cara á nave nodriza... Houbo momentos xeniais e outros nos que o mandaría todo ó carallo, aínda que só fora por non pelexar coa falta de interese dos monitores ou coa algo máis que sospeitosa rapidez das gañadoras (como dicía outro equipo, eso es inverosímil). Á fin, pasámolo ben e por riba quedamos terceiros, mañá recollemo-lo premio no Concello.

Trala ducha e maila cea de recuperación tralo esforzo físico, noite de parchís e de dominó no Egomundi lugués con miña irmá, con Cris e con Armental. Coma os vellos. Impresionante a miña capacidade para viciarme a calquera xogo. Non teño arreglo.

No comments:

Post a Comment