
Se non escribo non é por falta de tempo nin de cousas que contar, é que non son quen de organizar os pensamentos. Debe ser que me atoro... acotoádevos, que di meu avó. Aquí me tedes, perdendo o tempo no número 1901 da avenida 11 de septiembre (ollo ao nome). Se esta vida funcionarial non cambia en todo o ano vou acabar intoxicada.

Posteo dende a casa, un pisazo con dúas habitacións-dous baños (con jakuzzi)-parking-piscina-ximnasio-lavandería-conserxe 24h... Eu que sei, o departamento máis pijo que vos podades imaxinar. Non tiña mobles (ningún tiña) e de momento sobrevivimos cun par de colchóns que nos prestaron os outros expatriados españois, unha nevera, unha tele e o cable... Bendito cable! Evidentemente, caéronme a fouce e o martelo nun pé en canto atravesei a porta da entrada.

Así, a groso modo, Stg parece a versión hispana dunha cidade usamericana media. Non hai tendiñas nin rúas estreitas nin, por suposto, casa de pedra (xa teño morriña da pedra). O que hai é un millón de centros comerciais infernais (abertos a tódalas horas, tódolos días da semana), rúas enormes cheas de edificios como o meu e de coches ao máis puro estilo walker texas ranger, rúas que se dividen en cuadras e se nomean co cruce máis próximo (eu, por exemplo, vivo en Ricardo Lyon -léase laion e non lión- con Darío Urzúa -léase Usúa-)... A diferencia, sen embargo, é que dende calquera recunchiño de Stg ves os Andes. Os Andes...