27 Feb 2007

Póntelo, pónselo


Un clásico de Keith Haring

As campañas antisida son noticia en Chile. E a discusión ten unha gran altura intelectual, eh, con argumentos tan novidosos e pouco rebatidos como este:
"La clave está en la estrategia ABC: continencia en los jóvenes (Abstain), fidelidad de los adultos (Be faithful) y preservativos (Use Condoms) -si lo anterior no funciona- pero advirtiendo que pueden fallar".
Ao tempo estalle custando atravesar os Andes.

20 Feb 2007

La canción que se canta al oido,
la canción que no supe escribir

Falo con Piter e comprobo que sigue triste, tristísimo. Non se me ocorre nada intelixente que dicir e dígolle que escriba máis. A min axúdame a exorcizar os agobios, a racionalizar, a relativizar. Respóndeme que non escribe porque lle dá medo sentir máis, sentir outra vez, cada palabra. E engade que, de feito, se non fala máis comigo é precisamente porque acaba esgotado.
A culpabilidade é aceda.
Ás veces o cabo que lles botas aos amigos é tamén unha soga.


y un piano con dos copas de más,
y unas manos que lo sepan tocar

As noites no Santiago austral acaban sempre cunha copa de máis. Paella e sangría nun ático pijo ou choripán e viño branco nun patio jipi, tanto dá, ao final sempre acaban cun grupo máis ou menos heteroxéneo de españois buscando un bar no que tomar a última, que evidentemente nunca será a derradeira. A min encántanme as noites tolas, inesperadas, que comezan cun ribeiro e unha tapa de tortilla e acaban, despois da correspondente sesión de baile desenfadado, cunha conversa surrealista cun canalla encantador. Pero, evidentemente, no Santiago Austral non hai ribeiros nin tapas de tortilla e, ata esta fin de semana, tampouco parecía que houbese canallas encantadores.
Hoxe sei que hai, alomenos, dous.
E que un deles son eu.
E que sigo sen ser muito de líos dunha noite.

17 Feb 2007

"Los muros eran los titulares de los diarios"

exiliados dos liceos

O outro día fun con B. ver o último documental de Patricio Guzmán e descubrín, ademáis doutras muitas cousas, que as paredes chilenas non me berran só a min.
"Los medios estaban en manos de la derecha", dice o Mono González, "para nosotros los muros eran los titulares de los diarios".
Gran tema para unha tese, verdade?

16 Feb 2007

Chove en Santiago

meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.


A foto non é miña, fíxoa Héctor Aravena,
para
El Mercurio.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.

Federico García Lorca

Que ganiñas lle tiña á choiva.

12 Feb 2007

Imagine



Imaxina que consegues, por fin, amigos chilenos.
Imaxina que veñen un xoves cear.
Imaxina que comedes ben e bebedes ben viño branco e dades conta dunha botella de limoncelo.
Imaxina que eles están de vacaciós e vos propoñen escaparvos a fin de semana ao deserto, para ver as estrelas.
Imaxina que ti non podes, porque o domingo tés visita, e lles suplicas que non vaian sen ti.
Imaxina que che propoñen sair inmediatamente, al tiro, e chegar a tempo para recibir a M.
Imaxina que, por un segundo, che escorregan polos ollos as ganas de aceptar.
Imaxina que as túas ganas son contaxiosas.
Imaxina que unha hora máis tarde estás na porta da túa casa, coa mochila lista e o bikini posto.
Imaxina que, xa na autopista, con Sabina de fondo (que terá Sabina que se está a converter na banda sonora desta aventura), te decatas de que hai lúa chea.
"Qué pena, así no se ven bien las estrellas", diría un dos rapaces.
"Pero, se non fora por ela, seguramente non fariamos esta viaxe", pensarías ti.
Imaxina que seis horas máis tarde te estás bañando na praia, despois de chamar ao traballo para excusarte por unha gastrointerite inoportuna.
Imaxina que esa mesma noite estás vendo estrelas que nunca viras, porque o ceo contaminado de Santiago chas tiña prohibidas.
Imaxina que, de regalo, aprendes o significado da chapa que compraches ao chegar.
Imaxina que ao día seguinte aprendes a facer pisco.
Imaxina que decidides aproveitar a viaxe ao máximo e chamas a M. e pides perdón mil veces porque a vas deixar colgada e aseguras sentilo e pode que de verdade o sintas e pode que non.
Imaxina que atopades un hostal naturista, á beira dun río que dá vida a un deserto, e que pasas a noite conversando cun tipo incríble, que te define sen coñecerte, ao que pretendes definir sen coñecelo, mentres a lúa sae de tras dun monte e atravesa o ceo sobre as vosas cabezas, de puntillas, para esconderse silandeira tras doutro monte.
Imaxina que te sintes lúa, correndo de puntillas entre os montes para non ser vista.
Imaxina que, de verdade, te atreveses a sair de tras do monte.


Este futbolín atopeino hai uns días no curuto máis alto de Santiago. Fíxome muitísima ilusión e azuzoume un pouco a morriña. Cantas tardes de instituto invertiría perfecionando a técnica? Sen rolos, sen parala, a 25 pesetas a partida.
Onte entereime (Vía Chuza et al) da morte do seu creador.

A próxima partida vai por vostede, mestre.