31 Jan 2008
Supoño que cando boto tanto tempo sen escribir tremedes de medo, que non de anticipación, ante o que está por chegar. Liñas e liñas de paranoias, pensaredes. E faredes ben. Canto menos tempo teño para escribir máis pensamentos posteables me invaden.
Nestos días quíxenvos falar de como busquei as nosas pegadas por Compostela. De como non as atopei. E de como supuxen que estarían debaixo das dos compostelanos, esa categoría poboacional tan propia desta cidade, composta polos estudantes que ao acabar a carreira atopan traballo ou parella ou as ganas de quedar e quedan. Co paso dos anos, os compostelanos sábeno todo sobre Compostela, a súa cultura e os seus protagonistas. É curioso como os membros deste grupo comezan envexando o nomadismo alleo, que eles chaman cosmopolitismo, e acaban desprezando a ausencia de localismo que leva implícito. E é curioso como o nómada comeza envexando o localismo compostelano e acaba matinando que todo na vida ten os seus máis e os seus menos.
Todo non se pode ter, que di meu pai.
Nestos días tamén vos quixen contar o efecto tranquilizador que ten en min a familia, esa rede de seguridade que tanto botei en falta naquelas carreteiras esteparias. Todo xunco debera ter unha familia como a miña, que o axudara a adquirir flexibilidade á hora de dobrar e forza á hora de volver poñerse en pé.
Unha noite bisbeivos ao oído cantísima ilusión me fixo que me escribira EL. E non debera, porque eu ben sei que non signfica nada. Pero évos así.
Muitas veces afoguei na gorxa as ganas de berrarvos. Unhas, pedindo axuda. Outras, agradecéndovos que ma derades sen pedila.
Finalmente, mándovos esa imaxe, un serán de mazá asada e arroz con leite en Oleiros, que seguiu a un día de meco materno e precedeu unha noite de reencontros en Valado City. En pouco máis de 48 horas marcho para A Habana, levo esta imaxe na retina para volver a ela cando o xunco ande falto de flexibilidade.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment